5 abr 2008


Ciprianillo
(Na foto, achegada por Félix Castro Vicente, un Libro de San Cipriano, Ed. Maucci, Barcelona, 191o)

Nestes días, nos escaparates da entrada da Libraría Torga, pódese contemplar unha escolma de Ciprianillos, da colección de Félix Castro Vicente. Paga a pena botarlles unha ollada, sen dúbida.

Galicia Encantada: conversa con Félix Castro Vicente sobre o Ciprianillo.

O Ciprianillo nas crenzas galegas

O poema de Curros sobre o Ciprianillo

Luther King.
Pan por Pan sábado 5 abril
Onte cumpríronse 40 anos da morte de Martin Luther King, un dos grandes nomes do século XX. Símbolo da loita polos dereitos civís e dos métodos de non violencia activa e de desobediencia civil, na liña de Gandhi e Thoreau, foi quen de axuntar un cuarto de millón de persoas en Washington e ser recibido polo presidente Kennedy. En 1964, con 35 anos, logrou converterse no Premio Nobel da Paz máis novo da historia. Catro anos despois sería asasinado. Non sabemos se Luther King estaría contento cos Estados Unidos de hoxe: abolidas as leis racistas, cada vez hai máis políticos e executivos negros, pero o 23 por cento das persoas de color viven na pobreza. Podería mesmo chegar a haber un presidente negro, Barak Obama: supoño que iso sería unha gran vitoria para a memoria do líder de Montgomery, Alabama. E para a loita antiracista en todo o mundo.

Irmaus

Camiñan ao meu rente moitos homes.
Non os coñezo. Sonme estranos.
Pero ti, que te alcontras alá lonxe,
máis alá dos desertos e dos lagos,
máis alá das sabanas e das illas,
coma un irmau che falo.
Se é túa a miña noite,
se choran os meus ollos o teu pranto,
se os nosos berros son igoales,
coma un irmau che falo.
Anque as nosas palabras sean distintas,
e ti negro e eu branco,
se temos semellantes as feridas,
coma un irmau che falo.
Por enriba de tódalas fronteiras,
por enriba de muros e valados,
se os nosos soños son igoales,
coma un irmau che falo.
Común temos a patria,
común a loita, ambos.
A miña mau che dou,
coma un irmau che falo.
(Celso Emilio Ferreiro, Longa noite de Pedra)