4 oct 2009

(Foto: R.X. García Romero)

Asemblea de presentación da plataforma
Botadura oficial de ProLingua: dorna plural "para que non afunda a ilusión"
Unha iniciativa para que a lingua e cultura galegas non sexan condenadas a ser "un bonsai ao que lle cortan as pólas cando se atreve a medrar demasiado".

Vieiros, R. Noguerol, 03/10/2009

Ilusión, rebeldía, esperanza, gañas de traballar, vontade de colaboración e optimismo inxectouse este sábado na asemblea fundacional da plataforma ProLingua. Unha iniciativa que botou a andar con masiva afluencia este primeiro sábado de outubro ao salón de actos da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Interveu en primeiro lugar Francisco Fernández Rei, quen subliñou o escenario de preocupación e desalento do que hai uns meses xurdiu a idea de unir voces en favor de "crear algo apartidario e plural capaz de traballar a prol da visibilización da lingua" e para "devolver o idioma ao lugar que merece". Fernández Rei definiu a xornada como "un día feliz para acudir á botadura de Prolingua" á que comparou cunha dorna "de fasquía plural" e "símbolo do país". Botando man do vocabulario mariñeiro, continuou o profesor Fernández Rei apuntando que "mesmo no mal tempo a dorna é barco seguro se leva bo patrón ou patroa". Ao fío, advertiu que, logo dun tempo con vento lixeiro "de popa", para a lingua o vento chega agora de proa, ameazando freala. Por ese motivo, remitiuse ás verbas dos vellos mariñeiros, que tiran da expresión "voltaghear" para definir a estratexia de aproveitar os refachos para navegar nesa condición adversa. "O que Galiza necesita" "Estou en Prolingua porque quero estar cos bos, coa xente miña, e estou totalmente seguro de que temos razón e ademais non mentimos", expresou de seguido Xabier P. Docampo, de cuxa cabeciña saíu inicialmente a idea de crear algo semellante ao que agora abrolla como a plataforma Prolingua, e encargado de explicar máis polo miúdo os detalles do funcionamento do colectivo. "Sempre puxemos fe e traballo, pero agora hai que poñer algo máis", salientou en referencia á vontade de Prolingua de autofinanciarse coas achegas dos seus asinantes e renunciar a calquera subvención de institucións públicas ou privadas. "Dise que cada país ten o que merece, pero Galiza neste momento debe ter o que necesita", desafiou Xabier Docampo, instando os presentes ao compromiso activo para garantir que a plataforma poida desenvolver "unha chea de cousas visíbeis e necesarias" en favor da lingua galega. Como primeira acción, Prolingua distribúe un pequeno pin co símbolo da plataforma. O abrocho, destacou Docampo, quere "visibilizar o orgullo da nosa lingua e a necesidade de defendela, promovela e falala". A curto e medio prazo, o escritor avanzou unha ducia doutras ideas que Prolingua pretende desenvolver, entre outras: a elaboración dun amplo argumentario "que contrarrestre as mentiras que se están a difundir", a distribución de colantes con lemas a prol da lingua, a promoción do galego en ámbitos como o da Igrexa ou o ensino e a organización dunha "gran marcha pola lingua" en maio de 2010. "Motivos" plurais para o apoio a unha iniciativa plural "Actuar en positivo" e despregar "accións sociais que ninguén fará se non as facemos nós", foron obxectivos destacados polo escritor Agustín Fernández Paz na defensa do nacemento de Prolingua, ao que definiu tamén como acción de "rebeldía ante o intento de deslexitimar dereitos dos galegofalantes". Evocou Fernández Paz á histórica Rosa Parks, figura clave do movemento polos dereitos civís nos Estados Unidos e protagonista dunha faísca decisiva o día que se negou a cederlle o asento no bus a unha persoa branca. Recordou o escritor vilalbés as palabras de Parks: "Estaba farta de ceder e ceder", e considerounas inspiradoras á hora de reclamar para os galegofalantes igualdade de dereitos no país para que a nosa cultura "non sexa un bonsai ao que lle cortan as pólas cando se atreve a medrar demasiado". Falou tamén Mercedes Queixas quen repasou o contexto de represións e prexuízos que lle fora imposto a seus avós e pais e dixo estar segura de que a xeración de súas fillas "habita unha páxina en branco que entre todos podemos axudar a escribir" contribuíndo a que "estean orgullosas de quen son e de onde veñen". "A cidadanía debe marcar os tempos e ser o motor dos cambios", engadiu Queixas. "Eu estou en Prolingua por meus fillos", sentenciou tamén Henrique Costas. Pola súa parte, Pilar Ponte destacou unha vez máis a heteroxeneidade das persoas que apoian Prolingua arredor "dunha causa común que nos une: o galego". Da súa banda, e para ilustrar a tal pluralidade, Martin Pawley quixo cinxirse á breve lectura dalgunhas das ducias de profesións dos primeiros mil asinantes do manifesto: mestres, avogados, camareiros, historiadores, economistas, labregos, mariñeiros, un fareiro, farmacéuticos, editores, carteiros, libreiros, pasteleiros, veterinarios... Xosé Luís Rodríguez Pardo chamou a defender a lingua "como se fose a nosa vida". "Será, se todos queremos, Prolingua para sempre", arreboloulle ao auditorio. Finalmente, Rafael Cuíña, pechou a rolda de motivacións da decena de promotores que falaron inicialmente, recordando o paradoxo de súa infancia cando na escola lle impartiron "aulas de galego en castelán" e subliñou o seu "compromiso absoluto coa lingua" e a vontade de loitar contra "complexos de inferioridade" que lastran o idioma na sociedade. O núcleo de traballo de Prolingua artellarano neste inicio un grupo de arredor de corenta persoas, entre os que están os antes mencionados, mais na asemblea quedou lanzada a chamada á colaboración e o traballo de todo aquel que queira realizar achegas de calquera tipo. Na web Prolinguagalega.org está toda a información ao respecto, incluídos enderezo electrónico e ligazóns a redes sociais. Prolingua constituirase a efectos formais como asociación, pero sublíñase que internamente seguirá un funcionamento "non xerárquico". En breve, comezará a constitución dunha rede de núcleos comarcais de apoio, información e traballo. "Necesitamos máis ollos, máis mans, máis cerebros e máis corazóns, porque os inimigos da lingua son poderosos", advertiu Xabier Docampo. "Dependemos das nosas forzas... e xogamos na casa", animou.
(Foto: Paco Vilabarros)


Ramón López Facal, catedrático de Historia
‘A historia debe desmontar mitos nacionais’
“A historia académica é do XIX, os profesores do XX e os alumnos do XXI. É moi difícil reunir nunha aula tres séculos tan distintos”.

Ramón López Facal, catedrático de Historia en Santiago, resume así un dos dilemas da educación actual. Desde a súa tese de doutoramento (O concepto de nación no ensino da Historia, 1999) e a través de varios libros, mostrou interese pola problemática do adoutrinamento dos escolares e a función do coñecemento histórico na sociedade actual.
A Nosa Terra, 03.10.2009. Entrevista por Xurxo González.

Cal é o grao de coñecemento da Historia de Galicia entre a poboación en xeral?
Non é moi alto. Os contidos sobre este tema dependen dos libros de texto que se empreguen, e a inmensa maioría dependen das grandes editoriais estatais, Anaya, Santillana, Vicens Vives e SM. Fan un texto único para toda España e engádenlle un pequeno anexo referido á comunidade concreta.

Cales son os principais problemas do ensino da historia?
O problema non é específico de Galiza. Os plans académicos seguen presos de tradicións creadas no século XIX, que son pouco funcionais para o desenvolvemento intelectual e crítico da xente. Existe xa unha historiografía moi rigorosa, pero desconectada do ensino e a divulgación. Así, prímase coñecer persoeiros e etiquetar épocas, non a relación que existe con procesos que repercuten no presente.

A situación é diferente nos estudos universitarios?
A historia de Galiza non ten unha presenza destacada nas carreiras. Estanse comezando a facer teses interesantes sobre a creación da sociedade civil moderna en Galiza, pero teñen pouco que ver co que se ensina e co que a xente identifica como historia do país. Moita xente ve esta materia como a historia do galeguismo ou, máis ben, como a historia dos galeguistas. Murguía, Castelao e outros sóanlle á poboación pero non se entenden as relacións coa cultura da época. Por exemplo, a conexión, máis ben desconexión, destes persoeiros coas vangardas en Europa só é coñecida polos expertos.

A historiografía galega ten, coma outras, mitos?
A historia académica creouse no século XIX para nacionalizar á poboación, para crear patriotas dos distintos estados. Os nacionalismos subestatais déronlle a mesma función, a de armar ideolóxicamente á poboación e crear conciencia nacional. Pola contra, a historia debería explicar determinados problemas para intentar que non se repitan.

A historia segue funcionando como adoutrinamento?
Continúan aparecendo elementos que provocan falta de perspectiva histórica, aínda que máis subliminalmente que en épocas anteriores. Os mapas que aparecen nos libros de texto fan unha proxección do mapa actual cara o pasado. Por exemplo, a ilustración dos pobos prerrománicos faise nun mapa que ten marcada a fronteira pirenaica e as Illas Canarias, que foron ocupadas logo do descubrimento de América. Non se trata dunha idea directa, pero crean a imaxe de que o Estado é inmutábel desde a antigüidade. Con Galiza pasa o mesmo, aparecen mapas coas fronteiras actuais onde se marcan as minas romanas. Proxectar unha imaxe do presente cara o pasado é o menos histórico que existe. Así perpetúase a idea do mito nacional.

Dificulta esta concepción mítica da historia a creación dunha conciencia nacional galega?
Non se pode construír unha nación no século XXI con argumentos do XIX, porque se leva as de perder. A articulación política da sociedade debe basearse nos dereitos e na vontade da xente. Non se poden combater os nacionalismos subestatais emerxentes con máis nacionalismo español baseado en mitos, nin viceversa. A historia ten importancia na política, pero non para fundamentar a lexitimidade. Non é sensato que a xente que desexa a articulación política de Galiza como unha comunidade nacional diga que isto ten que ser así porque existiu no século XII un rei que dicía que era de Galiza. A historia ensina que a articulación política ten moito de aleatoria, pero sempre responde á vontade social. A historia debe desmontar mitos, non substituír uns por outros.

Hai dez anos houbo unha polémica coa Academia da Historia de España, que defendía que se estudase unha historia común en todo o Estado. En que punto está ese debate?
Hai pouca discusión, pero pódese dicir que conseguiron o seu obxectivo. Os alumnos de segundo de bacharelato estudan unha visión canónica da historia de España desde Atapuerca até a Transición que responde en grande medida a unha visión mítica. Nos estudos preuniversitarios, España é o único país de Europa que inclúe unha historia xeral deste tipo. En Francia, Portugal, Italia ou Reino Unido os alumnos estudan historia do mundo actual, desde 1945, que inclúe os grandes procesos que afectan á actualidade. Con todo, está bastante sobrevalorada a influencia da escola. Os rapaces aprenden máis sobre os mitos nacionais vendo a televisión, lendo xornais ou con videoxogos.