25 mar 2007


Sobre Celso Emilio Ferreiro (unha opinión)
En datas próximas a Fundación Curros Enríquez-Casa dos Poetas vai publicar un libro sobre os escritores de Celanova, preparado polo xornalista Xosé M. del Caño, quen xa adiantou en catro páxinas, o domingo pasado e hoxe, no Faro, un avance do mesmo. Son unha das persoas que opina no libro, no meu caso en concreto sobre Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro e Xosé Luís Méndez Ferrín. Recollo agora a presentación do libro (nestas reportaxes) e as miñas opinións sobre Celso Emilio (téñase en conta que foron recollidos por teléfono e quizais a miña expresión non sexa sempre a máis axeitada).
Celanova constitúe un vizoso universo literario, no que brillan con luz propia autores tan relevantes como Manuel Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro e Xosé Luís Méndez Ferrín, ó lado dos que aparecen outros nomes tan entrañables como o do romántico Castor Elices, catro anos máis vello co autor de Aires da miña terra, e, en claro contraste, o relevo xeneracional poético, representado por Paulino Vázquez e Xosé María Paz Gago. Xesús Alonso Montero, Basilio Losada Castro, Claudio Rodríguez Fer, Vicente Araguas, Marcos Valcárcel, Darío Xohán Cabana e Luís Ferreiro, dende perspectivas e sensibilidades distintas, ofrecen as súas visións sobre este abrainte fenómeno que marcou a historia de Galicia, só comparable con outros espacios máxicos, cargados de simboloxía, como as cidades de Santiago e Ourense, o Rianxo de Castelao e o Padrón de Rosalía de Castro.
(...) Valcárcel resalta que Celso Emilio "ten moitas voces, como tódolos grandes poetas. Foi un radical poeta antibelicista, antifascista, abriu a poesía galega á crítica contra a guerra, contra o imperialismo nortamericano, nos famosos poemas de Vietnam, como ten destacado Méndez Ferrín, é tamén o poeta que introduce o marxismo nas nosas letras, co seu famoso 'Monólogo do vello traballador', xoga con pseudónimos, dende a clandestinidade, como Arístides Silveira e Alexis Vainicova. Recolle moi ben a dureza do escarnio medieval. Utiliza dun xeito maxistral o modelo do panfleto, do alegato, mesmo do insulto político, en moitos dos seus poemas. Cantigas de escarnio e maldecir ou Cimiterio privado son libros durísmos, aínda hoxe. Conseguiu recoñecemento entre un colectivo social moi amplio, formado polos estudantes e o mundo politizado dos anos sesenta. Moitos dos versos de Celso Emilio convertíronse nunha especie de nova poesía popular. Eu lembro as asambleas e as manifestacións que se celebraban en Santiago nos anos 77 e 78, nas que actuaban Voces Ceibes, onde se cantaban, colectivamente, poemas de Celso Emilio. Falaban de Franco, metaforicamente, sen citalo. Con motivo da morte do poeta, en agosto de 1979, celebrouse en outubro un acto masivo, no pabellón de deportes de Santiago, no que participaron escritores e artistas de distintas tendencias ideolóxicas de Galicia e doutros lugares do Estado, ante a presencia de milleiros de estudiantes, outra vez nun acto de gran recoñecemento ó escritor".
Marcos Valcárcel non considera esencial a evolución ideolóxica de Ferreiro. "Celso Emilio militou en case todos os partidos da esquerda de Galicia: UPG, PCG, PSG, estivo na Candidatura Democrática Galega e no PSdeG-PSOE. Pero esto non é sustancial, o relevante é que Celso Emilio foi un poeta satírico, un poeta de esquerdas e galeguista, que buscou esa esquerda e ese galeguismo, en cada momento concreto, nunhas siglas ou noutras, por distintos motivos".
Marcos Valcárcel admite que Viaxe ao país dos ananos foi un libro incomprendido no seu momento. "Houbo xente moi progresista que non entendeu o significado desa obra. Estou falando de personaxes como Luís Seoane, no exilio, ou de Xosé Fernández Ferreiro, en Galicia, que tamén criticou esa actitude. Non entenderon un xesto moi concreto, que ía dirixido contra un sector da colectividade, pola falta de compromiso que amosaba. Atopou nesa xente unha especie de continuidade do franquismo, en Venezuela". E engade: "En defensa de Celso Emilio, pódese dicir que as actitudes que critica na Hermandad Gallega de Caracas son as mesmas que denuncia en Galicia. Ferreiro non é menos duro cos galegos que viven aquí. Arremete contra os burgueses, contra os señores, contra os locutores de radio, contra os explotadores, contra os franquistas, contra os falanxistas con tanta ou máis dureza da que emprega en Viaxe ao país dos ananos. Satiriza ós que considera cumplables do franquismo e da explotación do pobo, sexa en Venezuela ou en Galicia. Celso Emilio marchou coa idea de que atoparía en Caracas unha plataforma de resistencia contra o franquismo, e atopouse coa continuación do Réxime. E púidolle pasar o mesmo en Buenos Aires.
Valcárcel admite que é posible que Celso Emilio Ferreiro atopase o seu lugar ideal en México, se mudara o seu punto de destino, "onde supoño que sería moi ben acollido polos impulsores da revista Vieiros. Alí había un grupo de esquerdas, republicano, e ourensanos, como Delgado Gurriarán e Carlos Velo. Uruguai sería outro lugar fecundo para a súa tarefa".
O banquete de despedida que lle fixo a intelectualidade galega a Celso Emilio Ferreiro no Hotel Roma de Ourense cando marchou para Venezuela, coa participación de 250 personas, "foi un dos grandes actos da posgurra". E resalta: "Hoxe sábese que o organizaron dunha forma conxunta a UPG e o PC, concretamente Méndez Ferrín e Alonso Montero. Celso Emilio foi despedido xa como o gran poeta da esquerda, que leva a representación de Galicia a un país que el idealizara".

(Nota: como este post era excesivamente longo, reducín os seus contidos para facilitar a lectura. O resto do texto figura agora como comentario, poden consultalo, se queren, alí).

Comisión para un Uso Cultural do edificio do Banco de España

Seguimos no tema. Onte presentamos ós medios o manifesto elaborado para reclamar un uso cultural e vinculado á cidade para o edificio do Banco de España (así o contou o Faro).
Cremos que alí non debe ir o Catastro e que hai que solucionar ese problema, buscando unha ubicación alternativa (así o contou La Región).
E queremos o consenso de todos os partidos e institucións implicadas (Concello, Estado, Xunta, Deputación, etc.).
Queremos que as institucións públicas, todas, asuman un compromiso urxente para colaborar e promover a creación do centro que desexamos. De arte e historia. Da lembranza e evocación do cotián e do extraordinario. Das memorias da cidade», reza o manifiesto.
Cremos que o proxecto é posible e viable. (Así o contou La Voz de Galicia).
Agora procuraremos que os tres grupos municipais, en principio de acordo nisto, asinen unha moción conxunta antes das eleccións que solicite o uso cultural para este nobre edificio. (Na foto de Iñaqui Osorio, a roda de prensa da comisión no Liceo, con Afonso Monxardín, Xulio Rodríguez e este cronista).
Intelectuais da esquerda cara a dereita

O pasado 10 de marzo José Vidal-Beneyto remataba en El País unha interesante serie de artigos titulada "El capitalismo contra el planeta". Onte mesmo, 24 de marzo, iniciaba outra titulada "La derechización del mundo": na primeira entrega subliñaba o paso de antigos intelectuais de esquerda europeos ás filas da dereita conservadora (os en tempos chamados Novos Filósofos franceses ou Francesco Alberoni, entregado agora a Berlusconi). Tema que tamén debatemos nesta bitácora e que, ben se ve, preocupa a moita xente.

Bryce Echenique versus José María Pérez Álvarez, "Chesi"
Dende logo é todo un nivel que un escritor como Bryce Echenique che copie un artigo, literal, case sen cambiar máis que un par de palabras: así o contou Cristina Huete en El País. Parabéns para Chesi, autor do texto de referencia, "Las esquinas habitadas" (publicado na revista Jano e en Alternativa de contenidos, de Galipress.com). E queda demostrado unha vez máis que no mundo dos escritores hai de todo: ata xenios que se deixan caír nestas "canalladas" (a espresión é de Chesi, recollida en La Región). De paso, recomendamos os excelentes artigos de Chesi en Alternativa de Contenidos, a serie "Puede ser así".