![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEgapm15DYO8fVG_THT3KzAR0-cXIG6UC1lSFF1Y3fe1573Sp_OGFWjV3Ta5oLmzkNQer2IcJgYCPQHz7ayQi5z4pIzmQrHZGetGA-yOORUzONA1E2aR1sI6V3cclFaFPePHgdLtBA/s200/1976.+O+desengano+do+prioiro,+de+Otero+Pedrayo.jpg)
![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEial6hMraSZ5FgB-FVjTcPGwx7nttpVE3Sbv550tf08g4Fkv_CRPg-xJokgnDLHbfpQO06hdFsnzkJL9qKMxE4CEGlvlQw0x215Ku0383S63KcFYiaFo_IY6i3XTm3deJuc1YbTug/s200/1976.+Con+p%C3%B3lvora+e+magnolias,+de+M%C3%A9ndez+Ferr%C3%ADn,+na+edici%C3%B3n+castel%C3%A1+de+Hiperi%C3%B3n+(1994)+preparada+por+Elo%C3%ADsa+Otero+e+Manuel+Outeiri%C3%B1o.jpg)
![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEgEoPKb2Rv752nhnHa8CfHuHOCXsi4V4BuBJQSvBN7MWf9DIrsXjjYtjerIzv9gpmcE6zggknNv3zbCLm6XALGL8ewLHuZExUzy5HgNAGgHJIyy5JJdzGM2R9c5-VlSdxSavIPP1Q/s320/1976.+Bibiano.jpg)
cen anos de historia cultural
1976: CON PÓLVORA E MAGNOLIAS
Se o ano 1975 foi importante para as nosas letras, sobre todo na narrativa, o 1976, xa morto o ditador, foino para a poesía. De feito en todos os estudos sinálase esta data como fulcral na renovación lírica pola aparición de Con pólvora e magnolias, de Xosé Luís Méndez Ferrín, e tamén de Mesteres, de Arcadio López-Casanova, versos de cadencia salmódica e litúrxica, e aínda de Seraogna, magnífico libro do quizais algo esquecido Afonso Pexegueiro. O poemario de Ferrín aborda os grandes temas da literatura universal vistos desde Galicia: o paso do tempo e a nostalxia ("Triste Stephen"), o amor e o erotismo ("Posturas para copular en homenaxe"), as raíces da patria (o celtismo), a revolución ("Reclamo a liberdade pró meu pobo") e mesmo a derrota e o asasinato fascista dos militantes republicanos e galeguistas ("En Compostela pode un home..."). Versos de amor e loita cunha forma preciosista e experimental, inzada de referencias culturais, xestos vangardistas e inquedanza universalista.
(...) No campo musical Bibiano publicaba o seu primeiro disco, Estamos chegando ó mar, con textos propios, de Novoneyra e de Vázquez Pintor e a famosa canción "O can (de palleiro)", que nas asembleas universitarias se cantaba cambiando un pouquiño o seu refrán: "Abaixo a dentadura", xa poden imaxinar o cambio. Amancio Prada publicaba Caravel de Caraveles, baseada na música popular galega, acompañado de Alejandro Massó e Eduardo Gasttinoni, e nacía o grupo Roi Xordo, integrado polo Movemento Popular da Canción Galega e por "Bem-Virá": Romaní, A. Seoane, Pi da Bahía, Ze Luís e Quico de Cariño, música folc-rock con acentos reivindicativos.
Foi 1976 un ano fundamental en moitos aspectos. O gran dinamismo da sociedade, que conquistaba de vagariño a democracia, manifestouse nunha morea de iniciativas políticas, sociais e culturais. O 5 de xaneiro fundábase o Consello de Forzas Políticas Galegas, composto pola UPG, o PSG e o PGSD. Noámbito estatal creábase a Federación de Partidos Socialistas, na que se integraba o Partido Socialista Galego (PSG). En xullo nacía a Táboa Democrática de Galicia, que agrupaba varios partidos estatais de esquerda, e en outubro, na Coruña, a Asamblea Popular Galega, escisión da AN-PG nacionalista que viña funcionando había uns meses. Tamén nese ano nacía a Intersindical Nacional Galega (ING), encallaba o petroleiro Urquiola na ría da Coruña, empezaban as loitas contra a expropiación das terras dos labregos nas Encrobas e tamén as obras da Autoestrada do Atlántico. Nun consello de ministros celebrado na Coruña e presidido polo rei Juan Carlos, o Goberno aprobaba a demandada Amnistía para os delitos políticos e de opinión. Nese mesmo ano nacía a asociación ecoloxista Adega, con nomes como González Laxe e Xosé M. Beiras entre os seus promotores; a Asociación Sociopedagóxica Galega (ASPG) e a feminista Asociación Galega da Muller. Rexurdía o Ateneo de Ferrol; e nacían a Sociedade Galega de Historia Natural e a cultural Afonso Eans en Negreira. A Facultade de Económicas de Compostela pasaba dende o edificio de Fonseca a súa actual localización, despois de ser ocupada en varias ocasións por peches de universitarios.
(...)
Víctor Freixanes publicaba o seu primeiro libro, Unha ducia de galegos (Galaxia), toda unha redescuberta de Galicia dende o xornalismo literario: a memoria do país dende Otero Pedrayo e Luís Seoane ata Beiras, Ferrín, Alonso Montero e Carlos Casares. En xullo fundábase en Compostela o Museo do Pobo Galego, que abriría as súas portas poucos meses despois, tamén co pulo detrás de moitos intelectuais galeguistas e o apoio de figuras históricas como Xaquín Lorenzo e Antón Fraguas.