Cen anos de historia cultural
1996: Casares, Rivas, D.X. Cabana
A narrativa foi o xénero con maior esplendor ó longo do ano 1996. Sobre todo coa edición dunha das grandes novelas de Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul, e dun dos mellores libros de relatos das últimas décadas, Que me queres, amor?, de Manuel Rivas (que logo chegaría tamén ó cine). Outra das grandes obras do ano foi Morte de rei, novela histórica sobre o último rei de Galicia, de Darío Xoán Cabana. Da mesma andaina son a recuperación de clásicos como O señorito da Reboraina, de Otero Pedrayo; os Contos de Labarta Pose ou unha reedición do Retorno a Tagen Ata, de Méndez Ferrín. Tamén aparecían novos contos inéditos de Camilo Gonsar co título Arredor do non. Alfredo Conde publicaba a novela A casa de Adara; Carlos Reigosa, A guerra do tabaco, e Alfonso Álvarez Cáccamo, O espírito de Broustenac.
Da mesma quinta son a novela Confusión e morte de María Balteira, de Marica Campo; Arqueofaxia, premio García Barros, de Manuel Lourenzo González; Tempos serodios, de Emilio Araúxo; A sinfonía inacabada, de Xavier Manteiga; A armada invencible, entre a ironía e o xénero de aventuras, de Manuel Forcadela; Calidoscopio, na liña da novela sociolóxica, de Paulino Pereiro; O abrente é un desatino, de Xerardo Mëndez, e Os moradores da nada, de Xavier Lama, un dos libros máis vendidos naquela hora. Outras novelas do ano foron Código morse, de Xavier Alcalá; Telúrico, de Tucho Calvo; O lobo guerrilleiro, do portugués Bento da Cruz; ou as primeiras entregas narrativas de Ricardo Beiras (O rectángulo de sol) e Xesús Manuel Marcos (En terra perigosa).
O Premio Xerais, resolto en Vigo, era para A velocidade do frío, de Manuel Seixas e falábase moito xa da
Literatura Bravú. O mesmo autor daba a coñecer Viñeron do espacio interior, no rexistro da ciencia-ficción, e S. Jaureguizar publicaba Fridom Speak. No campo da narrativa breve, citemos libros de relatos como
O demo á orella, de Xosé Miranda, dezaoito biografías de ficción sobre unha base histórica galega; o excepcional
Erros e Tánatos, cun moi singular sentido do humor, de Gonzalo Navaza; ou o colectivo Berra Liberdade, coordenado por Suso de Toro e dedicado á ONG Amnistía Internacional. Marilar Aleixandre publicaba
Lobos nas illas; Manuel Lourenzo González, As paisaxes compartidas; Antón Riveiro Coello, Parque Central, e Xosé María Pérez “Chesi”, a súa única entrega en galego, En perigo de extinción (Positivas). Varias escolmas enriquecían aínda o panorama da narrativa breve. Por exemplo, a
Antoloxía do conto galego de medo (Galaxia), preparada por Silvia Gaspar; Narradores de cine, da man de Edicións Xerais e, sobre todo, o voluminoso Unha liña no ceo. 58 narrad
ores galegos (1979-1996), co que Edicións Xerais conmemoraba o título número 1000 do seu catálogo. O público mozo podía achegarse a
Bala perdida, de Manuel Rivas; Perigo vexetal, premio merlín en clave de ciencia-ficción tamén, de Ramón Caride;
Leonel, de Antón Cortizas, libro con grande éxito nos institutos; Big-Bang, de X. Bernárdez Vilar;
O trasno de Alqueidón, de Marilar Aleixandre; e Días de desterro, de Xavier López Rodríguez.
Cabe subliñar tamén a longa lista de traducións ó galego do ano, con edición de clásicos (na colección da Xunta de Galicia) e autores contemporáneos como Cicerón, Mercé Rodoreda (A praza do diamante); Richard Ford (Vida brava); Henry James (Os papeis de Aspern); Stendhal (A Cartuxa de Parma; Vermello e negro); Joseph Roth (A lenda do santo bebedor); Anatole France (A illa dos pingüíns); Luigi Pirandello (Henrique IV); Mark Twain; Arthur Conan Doyle; Manzoni (Os noivos) ou A. Tabucchi (Nocturno hindú), entre outros.
Ensaio e investigación.
Vexamos agora algúns títulos de ensaio e investigación. No campo da historia, traballos como ¡Viva El-rei! Ensaios medievais, de Carlos Baliñas; a historia das CCOO de Galicia (J. Gómez Alén), a recuperación dos artigos republicanos do xornalista coruñés César Alvajar, a memoria dos presos do 36 na illa de San Simón (A. Caeiro) ou a achega etnográfica Os vellos oficios, de Vázquez Pintor. Dese ano son tamén unha reedición de O atraso… de Xosé M. Beiras; O Estado da nación, do mesmo autor, e a Xeografía Histórica de Galicia, de Patrick O´Flanagan. Ramón Muñiz achegábase a realidade da pobreza en Galicia (O pobo oculto). A lingua e a literatura estaban presentes na edición das Actas do Simposio de Lexicografía Actual: elaboración de diccionarios, pola RAG e, na mesma casa, o terceiro volume do mapa sociolingüístico de Galicia. Manuel Ferreiro publicaba a súa Gramática Histórica Galega (Laiovento); X. R. Freixeiro Mato un estudo sobre os diminutivos en galego; Constantino García, Cousas da lingua, e Xesús Ferro Ruibal o seu fermoso e valioso discurso de ingreso na RAG: Cadaquén fala coma quen é: reflexións verbo da fraseoloxía enxebre. Tamén saía o discurso de ingreso da poeta Luz Pozo Garza (Diálogos con Rosalía); unha achega de Fernández del Riego á Xeración Galaxia e o valioso traballo de Xosé R. Mariño Ferro sobre O sexo na poesía popular (do mesmo autor, nesas datas, Contos marabillosos). No contexto das letras en castelán, o ourensán José Ángel Valente editaba El fin de la Edad de Plata (Tusquets). Da mesma andaina son Manuel Antonio e a vangarda, de X. R. Pena; A noite nas palabras, de Román Raña; Literatura dramática galega, de M. Vieites; achegas á historia do cine en Lugo e Pontevedra (F. Arribas e X.E.Acuña); unha breve biografía de “Ben-Cho-Shey”, por Alonso Montero; Contra a casa da Troia, de Antón Capelán; Millo e hórreo, de Elixio Rivas; Luís Seoane e o teatro, de Xavier Seoane; Estación marítima, de Luís González Tosar.
(...) O historiador e arquiveiro Xesús Ferro Couselo era o centro do Día das Letras Galegas, con traballos ó respecto de Olga Gallego, Felipe Senén, F. Fariña, Gonzalo Navaza, Xosé R. Pena e David Otero (tamén deste cronista de efemérides). O ensaísta Domingo García Sabell publicaba Os grolos do pensamento, e saía o IX Adral, o derradeiro, de Xosé Filgueira Valverde, que morría neste ano.