21 ene 2009


Bye, bye, Bush
POR ANXO TARRÍO VARELA

O artigo completo
O único que a este cronista lle desgusta e que se repite con excesiva frecuencia en todos os discursos políticos americanos é a invocación á instancia divina, a ese Deus improbábel que permite tantas traxedias e non cercena as mans dos que someten o mundo en beneficio propio. Mesmo como ocorreu con Íngrid Betancourt, que nada máis ser liberada do secuestro ao que a someteron cruelmente as FARC comezou cunha serie de invocacións á Virxe de Fátima e cousas así que fan desconfiar. Ese Deus que tanto lles serve aos políticos para un rachado como para un descosido, xustificando, neste caso, tanto a pésima xestión do presidente saínte, G.W. Bush, como os máis que previsíbeis fallos do entrante, Obama, pois todo será vontade de Deus. Polo de pronto, Obama invitou á cerimonia da súa toma de posesión como presidente ao seu amigo o pastor Rick Warren, coñecido inimigo das unións de parella homosexual e, xa que logo, defensor dunha discriminación equivalente á que sufriron os negros en América até agora.
A ver cando desaparece Deus do consello asesor dos políticos e se limita a consolar aos seus pobres seguidores.
A hora decisiva
aNDOLIÑA 21-1-09

Onte foi un gran día para o mundo: foise do poder dun dos Estados máis poderosos o señor Bush, un dos políticos que xerou máis odios ó longo de todo o planeta. A maioría das persoas que asistían en Wáshington á toma de posesión de Obama de seguro respiraron aliviadas desexando o final da política das mentiras que quixeron xustificar guerras. Os Estados Unidos poden empezar xa a loitar por recuperar unha outra imaxe no concerto das nacións.Barak Obama apelou onte a conquistar a esperanza contra o medo. Disque un mozo de 27 anos lle prepara os discursos: dende logo respiran o entusiasmo e a coraxe da mocidade.
Pero Obama falou xa como home de Estado, chamando ó esforzo de todos os cidadáns do seu país contra a crise. Alguén dixo que daba a imaxe dun home tranquilo en medio dunha treboada. Agardemos que agora non defraude a xigantesca enerxía colectiva que recolleron as cámaras de televisión. Ante o frío perfil de Bush, Obama afirmou que a seguridade non pode sacrificar a liberdade. Que peche xa a base de Guantánamo e borre o seu país da ignominiosa lista de Estados que practican a tortura. Sequera sexa pola memoria de Rosa Parks e Martin Luther King.