3 jun 2006



V Premio Microrrelato Carlos Casares, do Liceo de Ourense
Na tardiña do pasado venres, entregamos o V Premio de Micrrorrelato Carlos Casares que organiza o Liceo de Ourense. Os premiados foron:
Categoría A (maiores 25 anos): 1º Premio. Xesús Manuel Marcos, polo texto "Esqueceu esquecer". Accésit: Francisco Castiñeira Romar, polo texto "Pombas".
Categoría B (menores 25 anos): 1º Premio: quedou deserto. Accésit: Matías Candeira de Andrés, polo relato"Voces al otro lado".
O xurado estivo presidido por José C. Martínez Pedrayo, presidente do Liceo, e composto por Delfín Caseiro Nogueiras, Teresa Devesa, Marcos Valcárcel, con Sexismundo Bobillo como secretario.
Os autores leron os seus textos no Salón Nobre do Liceo nun acto no que tamén interveu a Coral desta entidade e as recitadoras Teresa Devesa e Loli Conde, que leron poemas de Otero Pedrayo, Vicente Risco, Eladio Rodríguez e Curros Enríquez (pechándose así o ciclo que no mes de maio adicou o Liceo aos "Ourensáns na Real Academia Galega", no seu centenario).
Dúas curiosidades: os tres gañadores residen fóra de Galiza (Xesús Manuel e Matías en Madrid, Castiñeira en Oviedo) e dous deles, como xa sabedes os lectores deste blog, son tamén blogueiros: Xesús Manuel Marcos e Francisco Castiñeira.
Na foto que me envia o amigo Xulio de Rabal, de dereita a esquerda: Matías Candeira, Francisco Castiñeira, Xesús M. Marcos e o asinante destas liñas.


Quen podería escribir un bestseller galego? (Enquisa aos lectores)
Díxose nestes días (pido excusas pero non lembro quén foi) que ás letras galegas non lles viría mal un bestseller que despois fose traducido a outras linguas do mundo. Enténdase un bestseller na liña Dan Brown ou Ken Follet. Quizais algún dos que o puidese escribir non queira, pero... fagamos un exercicio de imaxinación. Deixo na mesa estas preguntas:
(1) Que escritor/a galego/a podería escribir un bestseller con posibilidades de éxito?
(2) Cal sería o tema central ideal para enganchar aos lectores/as?
(3) Poderíanse utilizar temas do corpus "tradicional" das letras galegas (tipo Materia de Bretaña, Irmandiños, etc.). Funcionaría?
(4) Que ingredientes necesitaría o cóctel para ter éxito?
(5) Que director de cine (galego ou non) podería levalo ás pantallas?
Agardo polas vosas opinións...
Montaxe: Jaume Plensa

DA NONÓ E AS MULLERES BARBUDAS
(Andoliña sábado 3 xuño)
Se as cabeleiras femininas foron usadas, ao longo da historia, como símbolo de rebeldía e sensualidade, outras protuberancias pilosas, menos atractivas, tamén chegaron ás artes e á poesía. Pensen no cadro “A muller barbuda” de José de Ribera, tan fascinante, que nos amosa o retrato de Magdalena Ventura de los Abruzos encargado polo duque de Alcalá, virrei de Nápoles. Foi un caso extremo de virilización e hirsutismo: dende os 37 anos empezou a medrarlle a barba e así consta nunha inscrición no ángulo inferior esquerdo do propio cadro.
Destas mulleres pilosas, en maior ou menor grao, hai tamén exemplos nas nosas letras xa dende os trobadores medievais. Esther Corral Díaz, no seu estudo sobre as mulleres nas cantigas, lembra aquela de Pero Viviaez na que o poeta se burlaba dunha moza de “rostro agudo come foron,/ barba no queixo e no granhon,/ e o ventre grande e inchado”. Retrato que ata podería inspirar, se o ourensán o coñecese, cousa dubidosa, a imaxe que Blanco Amor nos deixou da Nonó en “A esmorga”, cando a pinta cos seus “dous ou tres papos, por embaixo do queixo, macios e peludos”. Ou cando, en “Os biosbardos”, nos fala daquela Sor Flora, monxa “que tiña unha migalla de bigote”.

Cen Poemas Galegos (7): o U... ju ju... de Risco

Tiña un pouco esquecida a sección dos Cen Poemas Galegos. E acordeime do xogo-experimento de Vicente Risco en xaneiro de 1920, en A Nosa Terra, co seu poema futurista (parcela esta do ourensán estudada por Carlos Bernárdez). Risco coñecía ben o mundo das vangardas e fixo de introductor das mesmas na prensa galega e galeguista entre 1911 e 1931 (El Miño, A Nosa Terra, etc.). Tamén actuaba de informante ao respecto con Manuel Antonio e outros poetas galegos (tiña ademais moi perto a Eugenio Montes, daquela un nome con certo relevo na poesía ultraísta). Daquelas experiencias quedou este U... ju... ju onde está o Risco máis cosmopolita e moderno. Como contraste reproduzo tamén outro poema moito máis convencional (esa panxoliña de 1919).

U… ju ju…
(Poema futurista)

Terra
Duas áas diagonaladas d’ azur baten no mar
Sóbor do Atlántico a diástole imensa da raza
Vapor en todol-os motores do mundo
Añudadol-os nosos nervos á todol-os fíos eléctricos
Terra
A Cruña fita as brétemas d’ Irlanda
Vigo os raña-ceos de Nova York
GALICIA FOR EVER
CRUÑA
Puntos de tensión maxima da vida
VIGO
Terra.
Nudo de todol-os fíos
Enfiando todal-as vilas do mundo
Todal-as sirenas a un tempo a sonar
Trés pintados de sol furando a terra
No cabo de todol-os paralelos
Terra
As flechas das arelas solagadas da Atlántida
Nas nosas espadañas
Onde repican ó bautizo dos séculos novos
Antenas pra radiografial-os nosos himnos ás estrelas
Terra
Folgos de millós de peitos
Mañan
Brinco de todal-as vontades
Estralar de todol-os miolos
Terra
N. S. E. W.
Terra
Chuvia d’ estrelas
Alborada
Lóstrego
Rayos X
Profecía
Terra
O ceo rachou d’ arriba abaixo
Terra
HIP HIP HIP
HURRA
Vicente Risco, Xaneiro 1920


¡Cantas luces acesas sobor da neve

Na noite de Natal!

A brétema non bota seu alento

En tan craro cristal.

A terra

Branca de neve ou de luar

Com’ unha donceliña de castidá vestida,

Hoxe viñérona buscar.

No ceo n’ hai estrelas.

Viñeron os anxos a por elas

Par’ as levar alén.

Hoxe choven estrelas

No portal de Belén.

(V.Risco, Poemas novos, ANT 6-I-1919)

Na imaxe: Curiosa foto de Vicente Risco con coroza