A MIRADA RETIDA (La Región 20-7-08)
UN HAIKU EN SAN FRANCISCO
UN HAIKU EN SAN FRANCISCO
Conta unha das Cantigas de Santa María, o Cancioneiro relixioso dirixido polo rei Afonso X, que un monxe estivo trescentos anos nun xardín escoitando o canto dunha paxariña: así obtivo da Virxe, no que el coidaba só uns segundos, unha visión única do esplendor do Paraíso, vitoria sobre o tempo dos reloxos. Sospeito eu que ese poema puido ser composto nun espazo coma este, o claustro de San Francisco de Ourense, capaz de amosarnos unha imaxe do mundo nas formas e símbolos do século XIV, pero tamén de esvaecer o paso do tempo. O claustro era un dos centros do universo monástico medieval, como di Georges Duby: lugar de comunicación dos monxes cos milagres máis perfectos da natureza, o aire e o sol, as augas, as árbores e os paxaros... Lugar sagrado de meditación sobre os misterios de Deus. Toda esa beleza permanece neste claustro, que por desgraza hoxe non se pode visitar. E toda a delicadeza daquel haiku de Issa Kobayashi:
“Lusco-fusco das cerdeiras.
Tamén hoxe converteuse
en pasado”.