10 may 2008


XORNALISMO GALEGO
A Nosa Terra 1 maio 2008. Imaxe: Valentín Paz Andrade.

Hai catro meses saían á rúa dous volumes publicados pola Editorial Galaxia e o Consello da Cultura Galega titulados “Xornalismo con Opinión”: un tomo enteiro dedicado a estudos sobre 20 autores e outro cunha escolma de textos dos mesmos xornalistas e escritores. Víctor Freixanes e Xosé López asinan unha introdución na que reflexionan, dende o presente, no significado do xornalismo de opinión (xénero hexemónico na prensa decimonónica tan ideoloxizada) e na escasa atención que lle teñen dedicado ata agora os estudosos da comunicación. Con eles colaborou Rosa Aneiros coordinando o traballo dos vinte autores estudados. Entre eles hai nomes moi pouco coñecidos fóra do ámbito dos especialistas, como Sofía Casanova, Lustres Rivas, María Luz Morales ou o mesmo “Ben-Cho-Shey” na súa faceta de xornalista e pioneiro como correspondente de guerra. Outros nomes quizais sexan máis recoñecidos como políticos ou líderes que como xornalistas (velaí o agrarista e republicano Basilio Álvarez). Só algúns deles practicaron con frecuencia o periodismo en galego, sobre todo da banda galeguista: Antón Vilar Ponte, Víctor Casas, Luís Seoane, Ánxel Fole, etc. Pero en conxunto os dous volumes son un tesouro para calquera persoa que se queira achegar á historia do xornalismo galego e, tamén, á historia do xornalismo en galego.
Porque o realmente sorprendente é que, a 30 anos da inauguración desta nova etapa democrática, a memoria do noso xornalismo siga a ser tan precaria. Hai bos traballos de investigación, mesmo sobre algúns xornais (como o “Galicia” de Vigo, de Paz Andrade), pero estes non chegan sempre ó gran público. E a maioría dos galegos e galegas descoñecen case todo sobre o noso pasado nos xornais: cantos ourensáns saberán que foi na cidade auriense onde o vello Lamas Carvajal puxo a peza fundacional do xornalismo en galego con “O Tío Marcos d´a Portela”? Se non estou errado, nin sequera nos estudos da nosa propia Facultade de Xornalismo, en Compostela, existe unha materia específica sobre esta historia interna dos nosos xornais e dos nosos xornalistas, tan mal coñecida. Quizais se poida argumentar que o xornalismo de hoxe pode avanzar sen coñecer a súa propia tradición, porque o futuro só depende das novas tecnoloxías. Pero eu non son desa opinión.
FÍO MUSICAL (8), por Xoán da Coba.

Un exercicio que fago ás veces é lembrar canciós que falan dun tema determinado calquera (o amor, non ,eh!). Por exemplo, a chuva, que estáchovendo "de carallo" en Ourense. Ou a noite, que xa é de noite. Colguen canciós que falen da noite. Así, de memoria:
-La última noche que pasé contigo (velaí a versión de Los Panchos).
-Beautiful night for love.
-Negra noche (Sabina): vai unha de Pedro Infante, non encontrei a de Sabina (M.V.).
-La noche de mi mal.
Engadan as que poidan, e cólguennas. E as da chuva, tamén.



FÍO MUSICAL (7)
Era difícil gorentar a arte de vangarda... (Xosé M. González)
...aos vinte e tres anos. Pintura abstracta, diciamos, e talvez se esperaba algún cromatismo amable para recompensar o intento de comprender. Non se comprendía, quizá o artista nunca tal quixera, pero a obra era para a consciencia ou iso quizá tentaran inculcarnos. Quizá non todos.

Que a arte fose puro xogo, por ende, si que era concibible, mais hábito afastado por urxencias militantes. E veu quen nos dixo que pólvora non quita magnolia, pero aquela palabra difícil non foi moi percibida. Tivo que ser a música, semántica inmediata ou adobío do pinchacarneiro verbal. E foi el,
que tamén militaba, naquel disco do cão Gastão, Nefretite, paz, poeta e pombas. Pillou volume a palabra, asubiou roda da vida.

Seguramente é proba cordial que uns pais de alumnos, logo de morrer,
canten o que ti cantaches. Ou que outros sigan chamando polo amigo.

‘Canle segredo’
Andoliña 9 maio

Poeta de múltiples rexistros
e de voces ben plurais, Xosé María Álvarez Blázquez ten en Canle segredo unha das súas obras de maior calidade e pulsión poética. O volume gañou un premio do Centro Galego de Buenos Aires en 1954, pero non viu forma de libro ata 1976: a súa posible pegada en autores dos 50 e 60 quedou así diluída e adiada.O amor é un dos centros da poesía de XMAB, o recollemento interior, o intimismo e o ton confesional. Pero tamén é certo que hai en Canle segredo versos máis obxectivos ou de denuncia social. Son versos que dialogan cos acenos líricos do Celso Emilio de O soño sulagado e Longa noite de pedra, como sostén Darío Xohán Cabana.
Ise neno da rúa’ volve ó mundo dos nenos e á denuncia das inxustizas dun mundo indiferente coa pobreza: podería ser o mesmo neno que trema de fame e frío no pórtico húmido dunha igrexa en versos inmortais de Rosalía. Elexía a unha muller do campo semella unha anticipación do verso épico da Seraogna de Pexegueiro. Os importantes comparte con Celso Emilio o alento de sátira contra os poderosos. E Soedá sorprende como poema escrito nos anos 50: de certo, retrata con detalle o abandono do mundo rural do noso presente.