Da memoria e dos seus misteriosDisque está comprobado que a partires dos 60 anos lémbranse máis cousas da nenez que cando un ten 40: xa lles contarei, se aló chego. Din tamén que na vellez se recuperan moitos recordos dos nosos primeiros anos que quedaron gravados con detalle: a causa disto estaría en que nesa época facemos moitas cousas por primeira vez, como ir ao colexio, recibir un castigo ou ver o mar, e por iso manteñen unha maior permanencia. Sen dúbida, como di o psicólogo holandés Douwe Draaisma nun recente traballo, a nosa forma de percibir o paso do tempo ten moito que ver coa cantidade de experiencias novas que nós mesmos vivimos. Por iso, se facemos cousas novidosas (viaxar e coñecer lugares novos, por exemplo), sentimos que o tempo se estira; en cambio, cando facemos as mesmas cousas cada día, as horas vanse voando sen decatarnos. Sempre foi así, tamén antes de que o estudaran os psicólogos. (Imaxe de W.Bouguereau)