11 mar 2006


Leo Bassi.
"Revelación” é a miña maneira de dicir alto e claro que amo o laicismo e que son fillo da Ilustración, así se manifestaba o artista Leo Bassi despois de estourar un artefacto no Teatro Alfil, onde se exhibía o seu espectáculo “Revelación”. Imos ter que refundar unha Liga de Librepensadores que reivindique os valores da Ilustración e da Revolución Francesa. Fanáticos hainos en todas partes e de todos os colores, aquí e nas madrasas de Paquistán.
(Delacroix, "A liberdade guiando o pobo", 1830. O propio artista incluiuse neste retrato épico da Revolución de 1830, nas barricadas que querían botar fóra o último Borbón: en Francia, claro).

De botellóns e macrobotellóns
Os mozos teñen dereito a divertirse. Se antes cumpren coas súas obrigas: estudar ou traballar, segundo os casos. Cando xorde un fenómeno sociolóxico como o botellón, isto non é gratuíto. É froito dalgunhas pulsións propias do ser humano como o gregarismo ou un certo aceno de transgresión. Tamén un xeito de defensa contra os abusos dalgúns hostaleiros: prezos siderais, bebidas de garrafa, etc. Mesmo hai locais onde cortan a auga dos servizos para logo cobrarlles aos rapaces tres euros por unha botelliña de auga. Así nace o botellón. E nunha sociedade de masas, o paso seguinte é o macrobotellón. Pode haber riscos moi negros nestas formas de lecer: consumo de drogas, alcoholismo, o imparábel goteo de mozos mortos en accidentes de tráfico. Ademais das molestias aos veciños e o vandalismo dalgúns pailáns. Eu preferiría que se xuntasen seis mil mozos en Vigo para outras cousas, pero ...
(Imaxe: un cadro do artista arxentino Diego Manuel Rodríguez)

A BIOGRAFÍA DO POETA XOSÉ L. PARENTE
Esoutro día foi presentado en Maceda un estudo de Santiago Prol arredor do poeta galeguista Xosé Lois Parente, natural desta vila ourensá e que foi tamén funcionario de telégrafos, farmacéutico e avogado. Por compromisos previos, non puiden asistir a ese acto pero si ler o traballo que o propio autor me fixo chegar: unha visión detallada da vida dun galeguista que foi poeta en galego e en castelán (“Con prisma azul”, de 1933 con prólogo de Otero), e tamén relevante defensor dos ideais católicos dentro do Partido Galeguista.
A biografía realizada por Santiago Prol insiste no papel do núcleo ourensán daquela hora como praza forte do sector conservador do nacionalismo. De feito, naquel momento histórico, como sucedera antes co socialcatolicismo, algúns católicos viron no galeguismo unha fórmula viábel para frear o avance da esquerda obreira. Desde o “Heraldo de Galicia” chamaba Parente aos cristiáns a organizarse con estas palabras: “O cristián que hai en min dime: chama polos irmáns cristiáns para coller a tutela da Patria cando sexa libre. Olla que se adianta o inimigo (…) Non deixemos que pasen diante, como fixemos coa liorta social, os desprovistos da idea de Deus”.
(Imaxe: cartel de Camilo Díaz Baliño para o Congreso Teosófico Galego que V.Risco quería facer en 1926: velaí toda a simboloxía católico-nacionalista).