10 ene 2008

Xa que abrimos o caixón das fotos...
Mediados dos 90, creo. Entrega duns Premios Losada Diéguez en Boborás. Creo que os premiados eran Fran Alonso e Xosé M. Núñez Seixas. Na foto, pódense recoñecer, de esquerda á dereita: Xoán Fonseca (máis delgadoque nunca), ó seu carón o delegado do F. Polisario en Galicia (creo), Benito Losada (agachado), Concha Costas, a concelleira de cultura, Fran Alonso, M.V., Xosé M. Núñez Seixas (coa garabata vermella), César Ansias (detrás) e Afonso Monxardín.


Fototeca: os premios da Mesa en Ourense (anos 90)

Falamos nesta Solaina de Xosé M. Sarille estes días e recupero estas fotos do arquivo. Principios dos 90. O grupo local da Mesa de Normalización Lingüística (MNL), cando Sarille era o presidente da mesma, organizou uns premios chamados PASPALLÁS e PASPALLÁN, para subliñar accións en positivo en Ourense a favor do galego e accións contra o idioma. Os primeiros e únicos premiados (a cousa non continuou) foron, en positivo, o xuíz Daniel García Ramos, falecido pouco despois, e a Cámara de Comercio de Ourense que iniciara un proceso de galeguización das súas actividades (recolleu este segundo premio Celso Delgado, vinculado á Cámara e hoxe deputado do PP: daquela militaba no PNG de Peña, que non entrara aínda no BNG). O premio negativo foi para un delegado de cultura da Xunta en Ourense que fixera unhas declaracións despectivas contra o noso idioma: unha caricatura deste personaxe, feita polo Carrabouxo (a petición nosa), percorreu todos os despachos do país. Imos esquecernos agora do seu nome, porque o pobre tamén morreu anos despois.
Nas dúas fotos están, na superior, de esquerda a dereita: a dona de Celso Delgado (falecida recentemente); Celso Delgado; Daniel García Ramos; Xosé M. Sarille; M.V. Detrás, Mercedes Carnero, Celsa Perdiz, Adrián Dacunha e Asun Arias. Na inferior, Sarille, eu mesmo e a miña dona (María Xosé Picouto).
Naquel acto estiveron tamén (conservo unha ampla reportaxe fotográfica) amigos como Carlos Guitián, Xosé A. Calviño, Maruxa Guitián e Arturo, Felipe Ferreiro, Xosé A. Quiroga, Afonso Monxardín, Pepe Carballido e Pilar Gato, entre outros.

en poleiro alleo
(Imaxe: peza de Urbano Lugrís, da Fundación María José Jove)
Unha fermosura.
(Enviado por Vázquez Pintor).


O LICEO DE OURENSE e EDICIÓNS XERAIS DE GALICIA
comprácense en convidalo/a ao acto literario-musical de presentación do libro:
FÓRA DO SAGRADO, de Anxo Angueira

O acto, que contará coa intervención de Marcos Valcárcel,
co recitado de Anxo Angueira acompañado musicalmente
de O Leo i Arremecághona e Aser Álvarez e coa intervención plástica de Xoán Carlos de Dios e Xosé Luís de Dios, terá lugar o venres, 11 de xaneiro, ás 20,00 horas no Liceo de Ourense, Lamas Carvajal, 9 de Ourense. (Imaxe de Xosé Luís de Dios)
Provocando (Bieito Iglesias en ECG 10 xaneiro)

O novelista francés Restif de la Bretonne labrou a súa sona escribindo catálogos de costumes do século XVIII; pero nos seus cadros galantes introduce un pormenor que os aparta por completo do realismo: "Os homes non se namoran das damas pola pureza das súas faccións, a galanura do seu corpo, as súas prendas espirituais, etc, senón, exclusivamente, pola beleza dos seus pés". (A verdade das mentiras. Vargas Llosa). Inadvertidamente, o escritor libertino confesa unha paixón secreta e feiticista que hoxe coñecemos como bretonismo. Os seus contemporáneos amarían outras moitas meiguices nas mulleres, no entanto a súa obsesión polos pés delicados de ponte perfecta e dedos fiordos, lévao a medir a fermosura co metro subxectivo do seu desexo.
Algo semellante pasoulle ao bispo de Tenerife, tamén el vítima dos segredos inconfesables do seu subconsciente. Este monseñor seica se sente provocado polos rillotes de doce anos, insolentes e guapos. Onde o resto dos mortais só ve raparigos máis ou menos trastes, Ilustrísima apreza tentadores, demoníacos acenos de sátiros en calzas curtas que someten a castidade a duras probas. As declaracións deste xerarca da Igrexa (abominables, por canto converten os mozotes en crueis sedutores dos pobres pederastas, tan sensibles eles que se ven arrastrados ao pecado pola descarada louzanía da carne noviña) unicamente conteñen unha verdade: "A sexualidade é complexa". A duns máis complexa que a doutros, de todos modos.
Mentres tanto a católica España maniféstase contra o terrible goberno laico que padecemos, culpable de chamarlle matrimonio á unión gaia e de aplicar as leis de divorcio e interrupción do embarazo promovidas por gabinetes anteriores. A Conferencia Episcopal debería presentarse ás eleccións de marzo cun programa abolicionista do aborto, do divorcio, do condón e do casal homosexual. En lugar diso fai campaña a favor do PP, que aínda que gañase nunca asumiría medidas tan impopulares. Deus nos libre de falsos profetas.

Algunhas efemérides do 2008.
Andoliña venres 11 xaneiro (na imaxe, F. Cuevillas; texto n. 1450)
Como outros anos, reviso as efemérides deste novo 2008. Será en primeiro lugar o ano dedicado ó poeta e editor Xosé María Álvarez Blázquez no Día das Letras Galegas. Tamén será o centenario do nacemento do dramaturgo coruñés Xenaro Mariñas del Valle, membro das Irmandades da Fala, e dos pintores Laxeiro e Urbano Lugrís; estamos tamén a cen anos do Romance de lobos de Valle Inclán. O centenario do pasamento do poeta Curros Enríquez (7 de febreiro) é outra cita digna de recordo, mesmo dos sucesos que rodearon o seu enterro multitudinario na cidade coruñesa.
Tamén sería bo lembrar os 50 anos da morte do gran Luís Pimentel (13 febreiro) e a fundación en Madrid do grupo Brais Pinto, con Ferrín, Reimundo Patiño e Fernández Ferreiro. Onte neste mesmo diario Xabier Cordal evocaba os 50 anos do Percival de Ferrín e das mesmas datas son o Don Hamlet de Cunqueiro, Samos de Ramón Cabanillas e o Diccionario Enciclopédico de don Eladio Rodríguez. En 1958 falecían o pintor Carlos Maside e o prehistoriador Florentino Cuevillas (30 xullo) e nacía, da man de Alfonso Gayoso Frías, Eufonía, unha fermosa revista dos exiliados en Buenos Aires.l

Cúmprense 50 anos do ‘Percival e outras historias’ de Ferrín (Xabier Cordal en Galicia Hoxe 10 xaneiro. Por certo, graciñas a Xabier Cordal pola mención que fai no seu artigo deste blog).