caderno aberto, GALICIA HOXE 9-1-09
MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO
Exotismo histórico
José María Aznar, sempre tan expresivo e membro de honor da confraría O Falar non ten Cancelas, cualificou a vitoria electoral de Obama, en declaracións á revista Vanity Fair, como un "exotismo histórico". Como vostedes saben, o termo "exotismo" provén do grego "exotikós", que significa estranxeiro, "o que vén de fóra", e seguramente o ex presidente español, tan informado e diplomático el, ve a Obama como chegado do corazón profundo da África negra. ¿Racismo? ¡Quiá! "Exotismo histórico", simplemente. Mais é certo que o ex presidente español ten certa querencia pola, chamémoslle, crítica racial. En máis dunha ocasión, fagamos memoria, tense mostrado contrario ao que el chama "indigenismo radical" en Latinoamérica, en clara alusión, neste caso, ao presidente de Bolivia, Evo Morales, fillo dunha familia de etnia aimara. Para Aznar, está claro, os movementos indíxenas son "inimigos de Occidente" e non dubida en meter todo o indixenismo con expresión política no mesmo saco: populismo e militarismo. Mais volvamos ao caso Obama e á aznariana definición de "exotismo histórico" aplicada ao futuro presidente dos Estados Unidos. Nun ensaio titulado Historia antropológica del racismo en España, o seu autor, José María del Olmo, define a "racioloxía" (antropoloxía física) como o intento de clasificación dos homes segundo as diferenzas somáticas colectivas que neles se observan. E velaquí a Aznar convertido nun experto raciólogo, vendo a Barack Obama como un ser exótico, o que "vén de fóra", e apóndolle a calidade de "histórico", talvez porque os descubrimentos máis importantes sobre xenética poboacional datan de setenta anos atrás. E, chegados a este punto, mágoa é que o ex presidente -"Yo soy el milagro", que dixo no seu día- non sexa coherente tamén co expresado por el mesmo na súa prodixiosa carreira verbal: "Me encanta inspirarme en el silencio, como Leonardo da Vinci. Leonardo amaba el silencio, y los resultados de su silencio fueron marabillosos". Os seus, señor Aznar, son patéticos.
LA BELLEZA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
La belleza
Segundos fuera (1989)
*Luis Eduardo Aute*
Hace 5 días