25 ago 2009




A gripe A: graciñas Portugal

AFONSO VÁZQUEZ MONXARDÍN (Galicia Hoxe:25-08-2009)

Se lembran, que seguro que si, cando foi aquela cousa do Prestige, os mariñeiros dicían que escoitaban o servizo meteorolóxico e mariño de Portugal pois daba datos máis precisos e certeiros que o servizo español e que se fiaban máis dos portugueses. Así é.

Pois o sábado 22 pasado estaba eu exercitando un dos pasatempos de verán que máis me seducen, ir á libraría Nós de Sanxenxo e comprar prensa portuguesa pois alucinantemente ao longo do ano en Ourense non hai ningún sitio onde se poida encontrar, cando vin unha entrevista que me deu cobiza.

Na contraportada do Jornal de notícias falaba o sr. Jaime Nina, á sazón director do departamento de doenzas infecciosas do Instituto Nacional de Saúde, que é o organismo que entende do tema da Gripe A, por outro nome, AH1N1, na nación do sur. Os ollos claros, suévicos se cadra, a mirada tranquila e directa e o sorriso escéptico que aparecen na foto e as declaracións tranquilizadoras xeraron en min confianza. Bo vento do sur.

El viña, loxicamente, a sacarlle ferro ao tema. Dicía que se deben limitar os diagnósticos só aos cadros clínicos graves e deixar de dar antivirais aos contactos próximos -excepto, claro, grupos de risco- e non obsesionarse coa contención do virus.

Pregúntalle o xornalista que pode acontecer coa fin da prevención. E contesta que a epidemia está a decorrer da forma que se prevía. E aclara textualmente "Esta é uma gripe normal. E de aquí a dois anos, tudo indica que vai ser a gripe sazonal, vai substituír á actual. Aconteceu com a gripe asiática (A H2N2), que fez desaparecer á anterior, que era uma estirpe AH1N1. E, quando veio a gripe de Hong Kong (H3N2), desapareceu a asiática. E a de Hong Kong está activa desde 1968 até agora".

E o xornalista insiste se a suspensión da prevención non vai favorecer unha maior propagación e aclara: "Na fase inicial, fazia todo o sentido tentar evitar a propagação do virus numa perspectiva de contenção. Agora que o virus ja ultrapassou a contenção, sería mosoquismo político e deitar dinheiro fóra, continuar a conte-lo."

Nós, superviventes do Ébola, das vacas tolas, da gripe aviaria, do cambio das tarifas eléctricas, das facturas da telefonía móbil, das ocorrencias políticas de verán, debemos ter fundadas esperanzas en sobrevivir á gripe deste ano que seica vén un pouco adiantada. Así que moita calma, un pouco de cama, algo para baixar a febre, uns agarimos e un libro para cando xa poidamos abrir os ollos. Menos mal que nos queda Portugal. Para tranquilizarnos. Muito obrigado, don Jaime.

É un vídeo en Youtube e non podemos acreditar -supoño que ninguén pode- a súa veracidade. Pero posúe a innegable certeza e a lóxica interna, da coherencia da súa mensaxe