Hitler lector
Montaxe de J.Heartfield, 1932.
andoliña 18-2-09
Segundo leo nunha reportaxe, seica Hitler foi lector habitual, mesmo compulsivo ás veces, e axuntou na súa biblioteca uns dezaseis mil exemplares. Pero din tamén que foi mal lector, asistemático; que, en realidade non lía por pracer nin lle gustaban as novelas, só lía para confirmar os seus propios prexuízos. E sábese polos subliñados que facía nos seus libros, sempre de carácter instrumental.
E que lía? Pois basicamente libros racistas e antisemitas, obras militares, enciclopedias e almanaques e libros de ocultismo. Tamén lle gustaban as novelas do Oeste de Karl May e ás veces usaba os seus heroes apaches como exemplos de estratexia militar diante dos seus xenerais. Leu pouco os clásicos do pensamento como Nietzsche, que se teñen relacionado coa súa propia cosmovisión; supoño que chegaría a eles por versións divulgativas de segunda fila.
En fin, en tempos, hai uns cantos anos e na televisión, había un anuncio un pouco cursi que afirmaba contundente que un libro axuda a triunfar. Daquela El Perich, un dos grandes humoristas gráficos do seu momento, fixera un chiste moi acaído coa caricatura do líder nazi co seu panfleto Mein Kampf. E non deixaba de ter certa razón.