Os revisionistas, engadido á nota anterior (dalgúns "peixes" locais)E digo eu que personaxes como Pío Moa, que se debe estar facendo de ouro cos seus libriños, antes de amosarnos a súa santa intransixencia neoliberal non estaría de máis que pedisen desculpas (perdón xa sería moito pedir) polo seu pasado e militancia terrorista no GRAPO, por exemplo. E asómbrame, a min, quizais tamén a vostedes, a capacidade de reviravoltas dalgúns personaxes da escena pública e do mundo intelectual. Falaba esoutro día con Ramón Luís Acuña de
César Alonso de los Ríos, xornalista que no seu momento dirixira
La Calle, semanario máis que próximo ós eurocomunistas e que actualmente escribe en
ABC e mantén posturas políticas de extrema dereita.
E o mesmo vale para algúns "peixes" locais. Algúns colaboradores de Libertad Digital, por exemplo, teñen pasados tamén sorprendentes: velaí o profesor
Xosé Vilas Nogueira, un dos redactores das Bases Constitucionais no seu día (dun nacionalismo máis que radical e intransixente daquela), que andaba Galicia adiante presentando o seu libro sobre o Estatuto de 1936 (tamén no Liceo ourensán), libro que ademais se usaba como base para a crítica política dos nacionalistas ó Estatuto do 36 ("Estatuto nunca máis, Bases Constitucionais", lembran?). E por eses pagos, aínda que no seu caso dende as lindes do eurocomunismo (PCG), andaban tamén un
Pedro Arias, ben coñecido polos seus artigos e participación nos faladoiros televisivos (TVG) ou o mesmo
Miguel Cancio, sempre moi antinacionalista, pero non sabía eu das súas últimas viraxes: esoutro día nunha entrevista en
El Correo Gallego defendía a Jiménez Losantos.
A lista é moi ampliable, por suposto, vostedes terán moitos máis nomes. Supoño que todo isto é normal nos sistemas democráticos, aínda que a min, pobre inxenuo, cústame un pouco entender cambios tan radicais, ás veces dende a extrema esquerda ata a extrema dereita.