2 mar 2009

O DÍA DESPOIS



pOIS acertaron (acertamos) os que dicían que viña o lobo. Que podía volver a caverna, escribiu alguén…
Máis abaixo xa deron vostedes algunhas opinións sobre a derrota do bipartito. Tamén me parecen atinadas as de A. Baamonde e as de Suso de Toro.



Por desgraza, tamén pode ter razón Brétemas cando certifica a derrota da esquerda para toda unha xeración …

Fírgoas da cultura auriense
Marcos Valcárcel, lA región 2-3-09
Sociabilidade. O percorrido das pasadas semanas pola miña formación escolar quedaría incompleto sen facer referencia ó que se chama educación informal, aquela recibida, no meu caso entre 1968 e 1975, noutros espazos de sociabilidade cultural. Velaí o caso da Alianza Francesa, con sede no Progreso, enriba do quiosco do Clemente, nas épocas do Dr. Bravo Mateos. Alí ía a clases sendo eu neno e alí lembro ver eu documentais sobre a pintura francesas e cine galo en versión orixinal; a Alianza tamén organizaba moitas exposicións e concursos de debuxo e pintura, tamén para nenos e nos que participei. Eran os tempos ademais dos grandes torneos de xadrez no Liceo, con mestres internacionais dos países do Este: arredor dos dez anos houbo concursos de xadrez nos Maristas que eu seguía con paixón. Polas noites soñaba na cama coas xogadas das partidas, tal era entón a miña obsesión.
Misa en galego. Ás nove da mañá, na capela do Santo Cristo. Eu ía co meu pai e o meu irmán maior. A primeira misa en galego permitida era máis que unha misa. A fermosa capeliña barroca da Catedral convertíase nun templo da galeguidade. Nunca esquecerei a inmensa figura de Otero Pedrayo seguindo os oficios e de moitos outros galeguistas históricos. Rezabamos en galego e cantaba a Coral de Ruada. Máis dunha vez, eu moi novo, deixábanme subir ó carón do órgano que tocaba o fillo do mestre Vide. A capela refulxía a esas alturas e eu pasmaba mirando as Sibilas. Rematada a misa facíase, nas portas da Catedral, un breve faladoiro, cos Puga, Guitián, Monxardín, Anxo Martínez, Leuter, etc.
O meu tío Exmelin cantaba na Coral de Ruada, nos tempos do mestre e poeta Manolo de Dios, e iso permitíame ir a moitos dos seus concertos ou á fermosa Festa dos Amigos no inicio do verán.
Artistas. Tamén os domingos era bo día para acudir ás exposicións de arte. Era un costume tradicional en casa porque o meu irmán maior Félix tamén era pintor. Daquela era o Museo Arqueolóxico o centro das principais mostras e alí expuñan dende clásicos vivos como Prego de Oliver ata os artistiñas, xa ben recoñecidos, e tamén moitos novos artistas que empezaban: se a memoria non me engana, nomes como Iñaqui Basallo, Xosé Cid, Antón Pulido, Baldomero Moreiras, etc. A través do meu irmán puiden coñecer o estudo dalgúns destes artistas e familiarizarme cos seus xeitos de entender a arte.
A Agupación Cultural Auriense tivo un papel decisivo nesa educación informal e diso escribirei máis de vagar. Agora só quero lembrar que un dos meus primeiros contactos coa Auriense foi unha Festa da Árbore, no inicio da primavera, celebrada na parroquia de Velle. Escribo só de memoria. Tería que consultar o meu arquivo (agora non podo), pero de seguro andaban por alí Otero Pedrayo, Ferro Couselo, Xoaquín Lorenzo e quizais Manuel Blanco Guerra.