Dolores Vilavedra: “Non nos interesa situar o conflito da lingua en termos bipolares”
“A actual situación de persecución do idioma pode provocar unha nova tensión social a prol da lingua”
Galicia Hoxe, 12.04.2010
por Manuel Vidal Villaverde
Dolores Vilavedra (Vigo, 1963) é profesora titular de Literatura Galega na Universidade de Santiago. Licenciada en Filoloxía Hispánica, ten o Diplome d’études approfondies pola Ecole des Hautes Études en Sciences Sociales do Centre National de la Recherche Scientifique (CNRS) de París.
Doutora en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago, entre as súas principais publicacións atópanse A recepción inmanente na obra de Neira Vilas (Sada, O Castro, 1990), Álvaro Cunqueiro, en colaboración con Xosé M. Salgado (Santiago, Xunta de Galicia, 1991), Dicionario da literatura galega. I. Autores, coordinadora e coautora (Vigo, Galaxia, 1995), Dicionario da literatura galega. II. Publicacións periódicas, coordinadora e coautora, (Vigo, Galaxia, 1997); Dicionario da literatura galega. III. Obras, coordinadora e coautora, (Vigo, Galaxia, 2000); Historia da literatura galega (Vigo, Galaxia, 1999), Sobre narrativa galega contemporánea (Vigo, Galaxia, 2000) e Un abrente teatral. As Mostras e o Concurso de Teatro de Ribadavia. Vigo, Galaxia, 2002).
Tamén se encargou da edición, notas e estudo introdutorio de Follas novas de Rosalía de Castro, en colaboración con Henrique Monteagudo (Vigo, Galaxia, 1993); da edición, notas e estudo introdutorio de Retrincos de Alfonso R. Castelao, en colaboración con Ernesto González Seoane (Vigo, Galaxia, 1994); da edición e notas de A festa da malla de A. Villar Ponte, en colaboración con Noemí Pazó (Vigo, Xerais, 1997) e é coeditora, coa profesora Rosario Álvarez Blanco de Cinguidos por unha arela común. Homenaxe ó profesor Xesús Alonso Montero, dous vols. (I: 1375 pp. e II: 1649 pp.), Santiago, Servizo de Publicacións da Universidade, 1999.
Realizou, por outra banda, a edición e notas de Cartas ao meu amigo. Epistolario mindoniense de Álvaro Cunqueiro a Francisco Fernández del Riego. Vigo, Galaxia, 2003 e a edición e notas do Epistolario de Ricardo Carballo Calero a Fernández del Riego. Vigo, Galaxia, 2006; ademais de publicar numerosos artigos e capítulos de libros en publicacións especializadas e facer traducións literarias do galego ao castelán, fundamentalmente de obras de Manuel Rivas, e é a responsable da versión definitiva das edicións en castelán das novelas de António Lobo Antunes. É directora adxunta do Anuario de estudos literarios galegos e membro do consello de redacción da revista Grial. Tamén exerce asiduamente a crítica literaria en prensa e en revistas especializadas galegas como Faro de Vigo, El Correo Gallego, Tempos novos, El País, ou Guía dos libros novos, e de ámbito estatal como Lateral. Ata 2006, e durante un período de dez anos, ocupouse dun microespazo semanal dedicado ao comentario crítico de libros no programa Diario cultural da Radio Galega. Entre 1998 e 2001, foi membro da comisión técnica encargada de elaborar informes e de deseñar proxectos para a Ponencia de Artes Escénicas e Musicais do Consello da Cultura Galega. Na actualidade é membro da Comisión Técnica de Xénero e da Sección de Literatura e Industrias da Edición de desta institución, e forma parte do grupo promotor da Sección de Crítica da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG).
Lola, doutora Vilavedra, a túa dedicación fundamental é a crítica literaria en xeral, a tradución, o cal non impide unha prima reflexión sobre os problemas da nosa lingua, do noso idioma, contra o que eu creo que hai mala intención, autoodio, desestima, desinformación, e falla de agarimo, por non dicir algo máis forte. Ao meu ver a pretensión actual da Xunta que nos goberna é reducilo aos mínimos, con animadversión e perversidade ata facelo desaparecer. Podes facer unha reflexión sobre estas miñas palabras a xeito de pregunta?
Dende logo, eu chego ao estudo da literatura galega como resultado dun compromiso íntimo coa miña lingua e coa miña cultura e, nesa medida, entendo o meu labor profesional como unha achega que poida contribuír ao coñecemento, normalización e expansión diso que xa se coñece como o noso sistema literario. Coido que a actual situación de persecución do idioma pode provocar, en contra do que agarda a dereita, unha nova tensión social a prol da lingua, tanto nos colectivos como nos individuos, que penso debería ir acompañada dunha reformulación e dunha actualización de como se pode vivir o compromiso co noso idioma na sociedade do século XXI. Paréceme que, se conseguimos iso, sobreviviremos.
Aínda hai máis Dolores, a cerna do galego está nos primeiros anos do ensino, se estes se conculcan ou anulan por escuros intereses polícitos egocéntricos do totalitarismo castelán, cal é o povir que lle queda ao noso idioma?
Seguindo na liña do que che contestaba antes, penso que cada quen ten a obriga moral de intervir activamente nos ámbitos nos que se move: na familia, no traballo, na socialización… Son tempos estes que demandan intelixencia e imaxinación, e que esixen que a sociedade civil, ante o descrédito das institucións políticas, tome a iniciativa e asuma, máis que nunca, as súas responsabilidades.
Mantense a diglosia no só no estrita galegofonía, senón nos casteláns-falantes. É unha pena. Creo, por non dicir que estou convencido que a súa ignorancia despreza o valor indelébel e polo tanto inmanente da nosa cultura no sentido máis amplo. Cal é a respecto disto a túa opinión?
Pois eu penso xusto que é nos castelán-falantes onde o galego ten que buscar posibilidades de medrío, de expansión, e só poderemos facelo coa forza dos nosos argumentos e da nosa paixón, que ten que chegar a ser contaxiosa. Iso si, coa boa vontade non abonda e é imprescindible o deseño dunhas regras do xogo que poñan o galego en pé de igualdade co castelán. Nun escenario así, o desafío é ir conseguindo que certos sectores da cidadanía, que en principio poderían definirse como castelán-falantes, vaian abrindo espazos da súa vida para o galego, que vaian abandonando o monolingüismo e descubrindo o valor das identidades permeables e dinámicas. Non nos interesa situar o conflito da lingua en termos bipolares, como un enfrontamento galego/castelán, senón velo como un desafío que esixe múltiples e diversas respostas.
O Estado español, mutatis mutantis, non respecta as culturas nin as linguas chamadas –mal-minorizadas. Pretenden unha nación e idioma único, unha mal chamada España "una, grande y libre", en definitiva unha perversidade… Concordas con esta miña reflexión?
Concordo. Aínda que a xeneralización de atribuírlle ao "Estado español" esa falta de respecto paréceme pouco afortunada, pois penso que non se reparte por igual: hai sectores sociais, ou territoriais, ou ideolóxicos, que si amosan esa sensibilidade. O problema xorde cando ese discurso totalitario se presenta, nos medios de comunicación, como o dominante, escurecendo outros puntos de vista.
Como coñecedora e estudosa da literatura galega, atravesamos, pese os atrancos dos galegófobos, lingüicidas e demais, un momento de sumo esplendor, ou polo contrario variamos entre as luces e as sombras?
Coido que estamos nun momento extraordinario, o que non impide que –como en todas as literaturas, en todos os momentos históricos– haxa luces e sombras. E non vou dicir o tópico de que esta é a mellor etapa da nosa historia literaria porque me parece que o mellor na literatura, como na vida, sempre está por vir.
Merecemos un Nobel xa?
Penso que a do Nobel non é a batalla máis urxente que temos que dar. Non debería figurar entre as nosas prioridades, entre outras razóns porque como todo o mundo sabe, é un premio que non obedece a estritos criterios de calidade literaria, e á nosa literatura non é o xogo dos valores do politicamente correcto –que é o xogo do Nobel–, por moi respectables que eses valores sexan en termos éticos, o que agora lle convén xogar.
Monarquía parlamentar e democracia daquela maneira non che parece un disparate, un antagonismo sen solución posíbel?
O da monarquía paréceme un despropósito, un anacronismo, que ten os días contados.
É o Estado español laico, aconfesional?
¡Quen nos dera!
Es tradutora ao castelán das obras de Manuel Rivas… Con cal dos seus libros estás máis gustosa?¿Que me queres amor? segue a entusiasmar o público, e iso sempre gratifica. Traducir a antoloxía poética O pobo da noite foi un reto, pois eu nunca antes traducira poesía. Pero Os libros arden mal é a grande obra de Rivas, un universo literario poderosísimo que te absorbe plenamente, e que deixou en min un pouso que non esmorece.
O ensaio político que tal se che dá?
Non son politóloga, nin aspiro a selo. Penso que hai moitos neste noso país, e ben competentes, como para que eu sume a miña ousadía á lista de diletantes que, por desgraza, tanto abondan.
Se tiveses que escoller un dos poetas máis representativos de nós, cal chegaría á túa memoria?
Posiblemente o primeiro que coñecín, Martin Codax. E Rosalía, que me acompaña sempre.
A historia de Galicia está deturpada e polo tanto mal contada?
A estas alturas temos xa unha boa escola autóctona de historiadores, e nas súas obras podemos atopar moi ben contada, e interpretada, a nosa propia historia. Falta, en todo caso, que se ensine máis nas escolas. Por desgraza, cada vez se ensina menos historia, galega e mundial.
Que ambiente político respiras e a un tempo asumes?
Tento rodearme de aire puro, ou sexa, de xente de talante aberto e progresista, curiosa e dialogante, o que implica de seu sempre unha certa sensibilidade galeguista. Arrepíanme os fanatismos e as capelas, e gosto das persoas cos pés na terra, que se impliquen no seu contorno, que manteñan a ilusión e vivan decote intensamente.
O federalismo, nun principio, co recoñecemento das nacións que na actualidade integran (á forza) o Estado español, non sería moito mellor para nós?
Semella algo tan obvio que non merece maior glosa.
O galego na USC pásase por alto, ollan para outro lado a maioría das profesoras e dos profesores?
Dende esa perspectiva, eu traballo nunha facultade –a de filoloxía-–privilexiada, onde impera o plurilingüismo, e o amor e sensibilidade pola palabra. No resto, coido que hai de todo, e paréceme que non se valorou abondo a xestión que no seu día fixo o equipo de Ramón Villares, cando este era reitor: déuselle daquela un pulo institucional ao idioma na USC do que aínda hoxe nos estamos a beneficiar. Dende aquela, o que se fixo foi manter os logros, pero non se avanzou máis e semella algo urxente. O galego ten que atopar un espazo propio no escenario que a converxencia europea e o Plan Boloña debuxan, non nos podemos permitir o luxo de non reformular a nosa posición e ficar atrás.
Que libro aínda non escribiches e che gustaría escribir?
Tiña moitas ganas de rematar un que agora mesmo está no prelo, e que se foi atrasando por razóns diversas de tipo persoal: era unha débeda pendente cun mestre e amigo morto, Xoán González-Millán, e sinto que publicalo me vai permitir pasar páxina tras o seu pasamento. Polo demais, aspiro a poder escribir de novo, nunha década, outra monografía sobre a nosa narrativa do século XXI. E quizais unha monografía sobre os catro grandes narradores de finais do XX: Casares, Ferrín, Rivas e Suso de Toro.
Cal é o prezo que temos que pagar pola liberdade?
¿Quizais a coherencia? Aínda que esta a vexo máis ben como unha peaxe derivada do exercicio de aquela.
Con respecto aos credos cal é a túa opinión, a túa situación?
¡Medo me dan! Ousaría só falar de principios e de valores.
Unha República Socialista Galega independente, libre e solidaria sería o noso mellor acontecemento historico?
Eu apúntome a un mundo sen guerras, sen fame e sen violencia, onde impere a xustiza e os seres humanos teñan garantidos os seus dereitos básicos: sanidade, educación, igualdade… As fórmulas de articulación política de Galicia, ou de calquera outra terra, seméllanme só ferramentas continxentes para acadar esa fin, e polo tanto valiosas en tanto se revelen –ou non– como eficaces.
Nacionalismo sen máis, ou arredismo, independentismo. Non nos esquezamos que Franco, Musolini e Hitler eran nacionalistas. Cal é a túa análise?
Xa che dixen que non son politóloga. Polo demais, Franco, Hitler e Mussolini eran monstros. Preocúpame máis o feito de que fose posible que obtivesen o apoio de amplos sectores sociais. Ese é o gran desafío: educar a cidadanía para que non tolere a intolerancia, e para que esixa sempre que se respecte a dignidade dos individuos e dos pobos. O resto virá de seu.