29 may 2010

Ante as innumerábeis mostras de afecto e solidariedade con Marcos, dentro e fóra do blog, de seguido van ir unha serie de tres textos a modo de lembranzas que este preparou ao longo dos pasados meses.

ROSEBUD
I Parte

por MARCOS VALCÁRCEL

Os nenos xogaban coas canicas de cores no parque de San Lázaro. As veces collian as bicicletas e ían ata Alongos (os pais non o sabían), dando conta dalgunha cerdeira que asomaba o camiño.
No colexio o neno estudaba con facilidade e ampliaba os seus libros con datos sacados das enciclopedias. Anos de descubertas. O primeiro bico adolescente nun portal. Fortes conviccións relixiosas, con don Digno e o movemento xuvenil Junior. Pouco despois, o meu primeiro traballo "político” foi buzonear un manifesto contra monseñor Temiño de Cristiáns polo Socialismo.
Gustábanme os tebeos: Zarpa de Acero, Hazañas Bélicas, Capitán Trueno e O Jabato. Ós catorce anos lin A Odisea, A Ilíada, A Divina Comedia, o teatro de Shakespeare.
En música pasamos de Adamo e Roberto Carlos a Bob Dylan e Paco Ibáñez. Nos guateques arrasaba Simon e Garfunkel e fomos ver a unha discoteca a Patxi Andion.
Vivín o meu persoal “arredor de si” nos quince anos: as misas en galego no Santo Cristo, a Coral de Ruada, a imaxe de don Ramón Otero Pedrayo cruzando a Praza do Ferro, os cursos da Auriense, a chegada ó instituto e a personalidade fascinante de Bieito Iglesias. Ás sete da mañá entrenaba a natación no Pavillón e abríase unha xornada chea de posibilidades.

24 may 2010

Un lóstrego

por Marcos Valcárcel

Ourense, 24 de maio de 2010

Aproveito a amabilidade do amigo Juan, un dos meus coidadores, para enviar estas liñas a todos os amigos e amigas.
Son de agradecemento a todas as entidades que nos últimos tempos me dedicaron o seu apoio ou recoñecemento, como o Pen Clube de Galicia, a Asociación de Escritores en Lingua Galega, a Asociación de Editores Galegos e o Liceo de Ourense.
Grazas a Xosé Luís Baltar por defender con éxito a miña candidatura ao premio Otero Pedrayo 2008, e á Presidencia da Xunta de Galicia por concederme a medalla Castelao.
Grazas tamén á Fundación Curros Enríquez, ao Congreso Manuel Luís Acuña, á Fundación Carlos Casares, ao grupo Sarabela e aos medios de comunicación.
Grazas aos meus compañeiros do Instituto da Carballeira, os mellores do mundo. Grazas aos amigos que organizaron a homenaxe do 2008 e o libro Marcos Valcárcel, o valor da xenerosidade, con máis de duascentas colaboracións de escritores e artistas. Os amigos foron un diamante en bruto e un apoio constante: Benito Losada, Afonso Monxardín, Eduardo Núñez, César Ansias, Moncho Quintana, Xosé Luís Troitiña, Xoán Fonseca, Pepe Trebolle, Xulio Outomuro, Millán Picouto, e as súas donas.
Grazas ao meu irmán Fiz e a Ánxela polas xornadas fresqueiras ao pé dos carballos da súa casa no Pereiro.
E, por suposto, a María e a Eire: por todo.
Aproveito para despedir voces amigas, destacadas na nosa historia cultural: Anselmo López Morais, Manuel de Dios, Begoña Muñoz, Javier Randulfe e Perfecto Estévez.
“A vida, un lóstrego entre dúas escuridades”, escribiu o poeta Vicente Aleixandre. Até o labrego que vive nunha aldea na montaña deixa ese lóstegro entre os seus seres amados.
Escoito a cantante brasileira María Bethânia e encontro este verso:”Navigar é preciso; viver nao é preciso”.
Navigar, descubrir a vida en cada minuto, deixar as fiestras abertas e reconciliarse coa TERRA.

Nota dos Amigos de Marcos:
O coidador foi apañando palabra a palabra, letra a letra nos casos de dúbida, para escribir este texto nas longas noites desta primavera. Con el péchase definitivamente o vizoso ciclo d´As Uvas na Solaina. Moitas grazas a todos e todas.

18 may 2010


AFONSO VÁZQUEZ MONXARDÍN

CAMIÑO DO VAO(Galicia Hoxe:18-05-20010)

¿Galego no Senado?

Pois si señores. É importante que se oia galego no Senado. E nas Cortes Xerais. Pois como lugares de concentración do poder ritual, é interesante, xusto e equilibrador que se escoiten neses dignos foros as linguas todas de España. ¿De acordo? Pois logo imos co desacordo, porque debemos responder á cuestión clave de quen o debe falar, cando, como e por que. Se vostede parte dunha posición maximalista dirá, case enfadado, que calquera senador debe ter dereito de falar sempre que queira na lingua que considere oportuna. Ben, pois eu non lle comparto esa idea, como non comparto a da oficialidade de todas as linguas de Europa nas institucións europeas. E a razón é semellante.

As linguas teñen un dobre valor, de identidade e como vehículo de comunicación. Un ten unha lingua de identidade, natural ou escollida, mamada ou adoptada, e despois, seguramente, outras que lle serven como vehículos de comunicación en distintos foros. Os que lean estas letras terán como linguas de identidades persoais ou galego ou castelán e como lingua de comunicación principal alternativa, a outra. E como o mundo xira, outras máis nas que le, navega, ou viaxa. Así pois, debemos esforzarnos en facer respectar os valores simbólicos das nosas "outras" linguas de España e influír para que nos actos protocolarios, nos que fale a comunidade galega por voz do seu mandatario máximo, este use a lingua galega. Como sinal de identidade colectiva. E algo parecido para o Parlamento europeo. Os tratados da Unión, determinados documentos, todos os recoñecementos simbólicos que queiran a todas as linguas, claro. Pero non, claro, un galimatías de 30 ou 40 linguas oficiais simétricas. Un pouco de sentido común.

No Senado, a lingua de traballo deberá ser, creo, miren que cousas, a koiné común, o castelán. Porque creo que o noso deber, o deber desde as "outras linguas" é traballar para cambiar todas as connotacións negativas da diversidade. Nin o galego é lingua de pailáns e nacionalistas galegos, nin debemos deixar que o castelán sexa lingua de pailáns nacionalistas españois. Nin ofensas á nosa, nin desprezar as vantaxes de contar co castelán no noso repertorio.

Eu non quero tradutores para os meus deputados e senadores en Madrid nin en Bruxelas. Pídolles, como votante, que saiban falar, ler e escribir, castelán, e, cando menos no caso europeo, tamén inglés e francés. Se na praza de Santa Ana piden as cervexas sen recorrer ao tradutor, non vexo por que dentro da cámara teñen que escenificar unha artificiosidade irreal. O importante é que os símbolos sexan respectados e valorados. Ou sexa o uso ritual do galego en Madrid, por exemplo, ou o que representa a Estatua da Liberdade ou o Panteón de galegos ilustres. Pero non debemos tratar de converter os leóns das Cortes en animais de circo.

¿¿¿¿¿ ????????

El Pleno del Senado aprobó la toma en consideración de la propuesta de reforma del Reglamento del Senado para que, además del castellano, se puedan usar en la Cámara Alta el gallego, el catalán y el euskera. La senadora socialista Leire Pajín defendió el debate sobre el uso de las lenguas oficiales en el Senado porque “forma parte de manera natural” de la realidad social española. En su intervención, invitó al Partido Popular, que votó en contra junto a UPN, a sumarse a este debate “para abordar con consenso el uso de nuestras diferentes lenguas”.Pajín se dirigió al Pleno del Senado en cuatro lenguas oficiales: castellano, euskera, valenciano y gallego. Cuando habló en gallego, señaló: “Unha lingua con identidade propia, exportada en outros tempos a outras terras, protexida na distancia”.Además, se vivió un tenso debate entre el senador gallego Manuel Fraga y el senador del Bloque Nacionalista Galego Xosé Manuel Pérez Bouza, en el que el primero defendió su galleguismo pese al voto en contra de su partido


15 may 2010

Límites ó enriquecemento
MIGUEL SUÁREZ ABEL
El Correo Gallego, 15.05.2010

OS MERCADOS, O FMI, os analistas, os bancarios e os altos poderes das finanzas, sabedores de que as masas han soportar duros axustes para buscar solucións á crise, encárganse con eficacia probada de convencernos de que non queda outra. Así, utilizando os medios de persuasión de masas, van adestrando a poboación para que acepte con resignada paciencia as medidas.
Que non se debe vivir por enriba das posibilidades, farfallar e presumir é discurso que sempre desprezaron os ambiciosos e feras das finanzas, por considerar que a riqueza, o benestar e o progreso están de lado da iniciativa, do endebedamento e dos arriscados, nunca dos apoucados e pusilánimes que viven ó día, gardando os talentos baixo unha maceta. Foron sempre eles os que presumiron de que os avances tecnolóxicos, o progreso e a mellora das condicións de vida eran debidos ós entregados á creación de riqueza, con independencia de que se queimase o planeta, se explotase ós traballadores ou caesen no intento determinados principios éticos. Unha razón instrumental poderosa apuxaba deles contra os que antepoñían igualdade, repartición e vida máis sobria. Defenden contra vento e marea os beneficios das diferenzas e o premio para os máis espelidos. A clave do desprezo ó control político e do Estado estivo sempre espetada nun axioma incontestable: o benestar xira derredor dos emprendedores, dos excelentes ó servizo dun mercado libre e autónomo, capaz de dirixir a actividade económica . Por iso, como estímulo e recompensa, ha de haber diferenzas e clases nas que os privilexiados poidan exhibir con orgullo a colleita do seu esforzo. Enriquecerse, polo tanto, é imprescindible para que unha sociedade avance. Naquela na que se tronza esta liberdade e ambición tras da riqueza, imponse a desleixo, a mediocridade e a derruba de todo dinamismo económico e mesmo ético.
Con non ser de todo errado o discurso, hai un elemento vicioso de raíz: ignorar que o enriquecemento debería ter límites. Cando non os ten, imponse un desprezo cheo de cego orgullo entre a clase dirixente que remata por alimentar a xustificación de que só premendo nos débiles se pode seguir avanzando. E se o abismo aparece como consecuencia da dinámica por eles avivada, a solución só a ve o privilexiado mantendo os seus privilexios, xamais diminuíndo as súas ganancias. De aí que o acordo sexa unánime: o Estado ha de axudalos se están en apuros e os débiles deben aforrar para que eles, sen perder do seu, poidan seguir tirando deste sistema. A quen se lle ocorra que o axuste debería recaer sobre os que se enriqueceron, de inmediato é tachado de ignorante.

5 may 2010

O custe do centralismo
Xesús Veiga Buxán
Xornal de Galicia, 04/05/2010

Grazas á información publicada por Xornal de Galicia o pasado día 21 de abril sabemos que o Tribunal de Cuentas do Estado ten aberto un procedemento por presunta responsabilidade contábel derivada do contido do Informe de Fiscalización do INEGA correspondente ao ano 2004 e que foi realizado polo Consello de Contas de Galicia no ano 2006.
A enumeración das datas referenciadas na devandita información suscita unha necesaria reflexión sobre o funcionamento dos órganos de control externo das administracións públicas. A primeira condición para garantir a legalidade e a racionalidade no uso dos orzamentos públicos é a dilixente actuación dos mecanismos de control previstos na normativa vixente. Se xa resulta problemática a demora constatada entre o exercicio fiscalizado e o momento no que o Informe foi coñecido oficialmente polo Parlamento galego, maior preocupación debe provocar o feito de que sexa agora –seis anos despois de ter acontecido os feitos analizados– cando se procede a delimitar a eventual comisión dun delito contábel na xestión do devandito organismo.
Un dos motivos que explica este desaxuste temporal radica na circunstancia de que o Consello de Contas non posúe a competencia de axuizamento e debe remitir, de ser o caso, os seus informes ao Tribunal de Cuentas para que este ditamine sobre a eventual concorrencia de actividades delitivas na xestión dos administradores públicos. Este déficit na propia natureza constitutiva do órgano galego forma parte desa paisaxe centralizadora que ten caracterizado unha boa parte do nacemento e posterior desenvolvemento da arquitectura institucional do actual Estado español. E non estamos só nin principalmente ante unha discusión académica de carácter xurídico-constitucional. Temos diante, precisamente, unha consecuencia práctica do surrealismo centralista que habita nos espazos da burocracia oficial: para saber se no ano 2004 se cometeron delitos contábeis na xestión do INEGA temos que agardar ate hoxe porque o Consello de Contas carece de potestade para resolver semellante incógnita a pesar de ter elaborado –hai seis anos– a auditoría que agora serve de fundamento ao Tribunal de Cuentas para abrir un procedemento específico.
Esperanza Aguirre ven de afirmar, con total tranquilidade, que “a corrupción é algo consubstancial a todas as institucións”. O seu superior xerárquico, Mariano Rajoy, só depura responsabilidades no PP cando se confirma o procesamento en sede xudicial do cargo político afectado. Se sumamos as dúas doutrinas, a conclusión está servida: para qué queremos órganos como o Consello de Contas e o Tribunal de Cuentas? Aforremos cartos dos contribuíntes e agardemos polas lentas resolucións xudiciais para que nos midan o volume de corrupción por metro cadrado. Ademais, o presidente da Xunta aplaudiría esa demostración de austeridade coa mesma enerxía coa que criticou o gasto na tradución simultánea que levará aparellado o uso normal do galego, do euskera e do catalán no Senado. Ben mirado, Núñez Feijoo é un moderado porque podía pedir, directamente, a supresión do Senado. Aforraríanse moitos máis euros e case ninguén o botaría de menos.