2 dic 2006

Burreña
(Unha desas xoias coas que nos agasalla Bieito Iglesias cada semana. En El Correo Gallego, xoves 30 novembro: a infancia, patria do escritor, que tanto repetía don Eduardo, neste caso en versión antitética a Platero y yo)

Unha noite destas sentín ornear contra a Alameda. Tal música, por insólita nun recanto urbano d'As Hortas, provocoume certa estrañeza, a mesma que experimentei noutras épocas ao escoitar o beo dunha ave rara -a noitebra ou cabra do aire-, que voa como os paxaros pero berra como os exemplares de gando ovino ou caprino. Veu resultando que algún desalmado abandonou un burrico de caste zamorano-leonesa, atándoo a unha árbore dos xardíns composteláns.
O sucedido tróuxome ao acordo un outro asno que cabalguei de neno, desde a casa dos avós á escola (este menda asistía ás leccións e o animal rillaba no toxo arnal dunha leira inmediata). Imitaba aos heroes dos telefilmes (de Bonanza) que, en lugar de acudir ao colexio, galopaban ata o saloon. Tratábase dun burro centelludo, que paraba ás veces cheirando excrementos dos conxéneres e que me conducía tarde ás aulas. Se eu caía da albarda, divertíase pisándome cos cascos e facía por morderme. Como era baixiño, o garapaldo da caída non revestía gravidade, e das mordedelas defendíame facilmente cunha vara. O convivio co xumento desenganoume das cursilerías de Platero y yo, que a mestra me daba a ler. Había un remedio santo para que andase dereitiño e obediente: sacarlle ao penso. Esfameado e sedento, parecía manso como unha malva; despois de roer unhas espigas de millo, volvíase ruín e malicioso. As ensinanzas derivadas deste método condutista convencéronme de que a relación coas bestas equídeas debe gardar unha distancia prudencial, sen caer no sentimentalismo. Do contrario córrese o risco de ilustrar unha locución latina: Asinus asinum fricat (o asno raña ao asno). Así e todo estou en débeda cos burros, zamoranos ou non, por aquel servizo de portarme endeica a escola, pois, antes de contar coa cabalgadura, quen me levaba ao lombo era a avoa Josefa.
Preguntaranse vostedes a qué viña tanta ansia de escolarización, cando entón non existía a brincadeira de baterlle ao profesorado nin tiñamos móbil para gravar a fazaña. Tantos traballiños para chapar a Enciclopedia Álvarez, intuitiva, sintética y práctica? Foi a maneira de acceder máis adiante a Castelao, Marx ou Nabokov.

Chove...
PAN POR PAN sábado 2 decembro

Hai máis de cen anos Rosalía escribía nos xornais contra as chuvias que asolagaban as terras de Padrón. O noso refraneiro é rico en matices sobre chuvias torrenciais, aínda que “nunca choveu que non escampara”. A natureza é caprichosa e logo os seres humanos empeñámonos en complicar as cousas: cantos dos lugares asolagados nestes días están edificados en zonas inundables? Cantos levan nomes relacionados con xuncos e xunqueiras, que delatan a súa orixe fluvial? Os expertos son contundentes: estamos en pleno cambio climático; virán, cada vez máis, chuvias extremas, ademais concentradas en poucos días. Iso vai esixir gastar moitos cartos en tomar medidas para protexer bens individuais e colectivos (outro saco sen fondo como os bosques acosados polos incendios). E cambiar os proxectos, demasiado frecuentes, de urbanismo especulativo e salvaxe. Non será doado...

1 dic 2006


ALGUNHAS CIDADES LITERARIAS (3)
(Andoliña venres 1 decembro)
Cando escribían López Ferreiro e Otero Pedrayo as súas novelas sobre Compostela, non se inventara aínda o concepto de novela negra, que sería un dos recursos máis adoptados nos 80, sobre todo dende o éxito de “Crime en Compostela” (1984), premio Xerais, onde Carlos Reigosa logra facer da cidade a coprotagonista da obra. Tamén recolleu éxitos “O crime da rúa da moeda vella”, de Román Raña, premio Blanco Amor, e o mesmo vale para moitos relatos de Suso de Toro, Marilar Aleixandre ou de Bieito Iglesias, quen optou polo rexistro satírico das xentes da capital en “A vida apoteósica”.
E só unhas liñas para os poetas: á cabeza Salvador García Bodaño e “Tempo de Compostela” (1978). “El Correo Gallego” editou a magnífica colección “Poeta en Compostela” con títulos como “Crear o mar en Compostela” de Marta Dacosta ou “Love me tender” de Ana Romaní. Nesa mesma xeira poética navegaron Manuel María, Rábade Paredes e Helena Villar, Rafa Villar, María Lado, Antón Lopo, María do Cebreiro, Bernardino Graña, Lupe Gómez, Césareo Sánchez, Estevo Creus, Eduardo Estévez, Yolanda Castaño, Carlos Negro, Olalla Cociña, Xavier Queipo, Helena de Carlos e Marilar Aleixandre.

(Nota: a serie seguirá, en Galicia Hoxe e aquí, dende o martes próximo: teño a vontade de reseñar todas as grandes cidades literarias galegas, e algunhas das pequenas).

30 nov 2006


ALGUNHAS CIDADES LITERARIAS (2)
(Andoliña 3o novembro)
E de Ourense imos cara Santiago. O imaxinario literario de Compostela é moi complexo. Complexo por antigo porque parte a súa andaina dende o mundo medieval cos peregrinos cantados polos trobadores e a pastorela do Sar. E complexo por heteroxéneo, pois collen neste continente referencias tan dispares como “La Casa de la Troya”, os poemas de Rosalía, Paulo Coelho ou autores como Torrente Ballester (“Compostela y su ángel”, 1948) ou Gerardo Diego (“Ángeles de Compostela”, 1940). Coñecemos tamén a Compostela do século XVI con “A tecedeira de Bonaval” de López Ferreiro e a dos anos 30 con obras como “A modelo de Paco Asorey” de Xoán Xesús González.
Otero Pedrayo deixounos a súa visión de Santiago en “Arredor de si”, “Devalar”, “O espello na serán” ou “A romeiría de Xelmírez”, pois, como dicía Carballo Calero, a novela de Santiago é tamén a novela do seu primeiro arcebispo. Podemos seguir a cidade dos anos 50 ós 70 a través de tres grandes novelas, de acenos universitarios: “No ventre do silencio” (1993), de Méndez Ferrín; “Xoguetes pra un tempo prohibido” (1975), de Carlos Casares, e “Dos anxos e dos mortos” (1977), de Rey Ballesteros. E mañá, máis novelas de Santiago.

III XORNADA DE HOMENAXE A EDUARDO BLANCO-AMOR NO 27º CABODANO DO SEU PASAMENTO.
OURENSE, VENRES 1 DE DECEMBRO 2006

13:30.- CEMITERIO DE SAN FRANCISCO
Presentación: Luís González Tosar (Presidente do PEN Clube de Galicia)
Intervención de: Víctor F. Freixanes (Académico e Director Editorial Galaxia) e Acisclo Manzano (Escultor). Lectura de textos dos alumnos dos I.E.S. “Blanco-Amor”, “Otero Pedrayo”, “As Lagoas” e “A Carballeira”. Pecha: D. Xosé Luís Baltar, Presidente da Deputación de Ourense.

19:30.- “EDUARDO BLANCO-AMOR, POETA”
Lugar: Centro de Desenvolvemento CAIXANOVA.
Presentación: Luís González Tosar. Intervención de Xosé Carlos Sierra (Delegado Consellería Cultura) e Luís Pérez (autor de diversos traballos sobre o escritor).


RECITAL POÉTICO: Marilar Aleixandre, Víctor Campio, Segundo Alvarado, Modesto Fraga, Luís G. Tosar e Xosé C. Caneiro. Recitarán, ademais, inéditos de Blanco Amor: Marisa Calvo, Fernando Gabelo e Xabier Castro.

29 nov 2006

























Que marabilla!!
Acabo de consultar, para facer un pequeno artigo (mañá o colgarei), a colección dixitalizada de Triunfo (1962-1982), recentemente escaneada para meter na rede polo seu antigo director, J. A. Ezcurra: www.triunfodigital.com
Tamén está disponible a colección de Tiempo de Historia (1974-1982).
Eu gardaba unha pequena colección, incompleta, de varios anos de Triunfo, e outra máis completa de Tiempo de Historia.
Pero isto é un auténtico tesouro para todo tipo de historiadores, sociólogos, analistas da cultura, investigadores, etc... Moitas grazas a quen o fixo posible.

PAN POR PAN xoves 30 novembro
Triunfo. Gardo no meu arquivo unha pequena colección, incompleta, de “Triunfo”, a revista que dirixiu como semanario de información xeral José Ángel Ezcurra, co apoio decisivo de Haro Tecglen e as mellores firmas da literatura e o xornalismo da súa época. Foi unha voz decisiva na miña xeración e noutras anteriores á miña. Dende os seus números pódese seguir a recuperación da nosa historia: a memoria da República, as guerras de Corea e Vietnam, a revolución dos caraveis en Portugal, o pinochetazo en Chile, etc. A democracia é pouco agradecida: ignorou durante moitos anos ós que máis loitaron por ela. Por iso “Triunfo” morreu en 1982, ó chegar ó poder un partido de esquerdas, mira ti. Agora, di un xornal, “resucita en Internet”: xa está dixitalizada e calquera pode consultala na rede. Cando menos ninguén lles pode negar o seu testemuño na historia.
La nada aquí.
Do blog irmán de Fran Alonso (cabrafanada, un dos pioneiros do medio no noso país) copio esta foto das pasadas xornadas en Mariñán, sacada nos xardíns daquel fermoso lugar. Estamos na foto Xabier P. Docampo, este cronista, Rosa Aneiros e Fran Alonso. O mellor da foto, non sei se se distingue, é a placa de mármore que está tras nosa e que recitaba así: "La nada aquí". Ningún dos presentes acertou a descifrar o significado de tan fonda sentenza, que quixemos inmortalizar con certa ironía.


Algunhas cidades literarias (I-Ourense)
(Andoliña mércores 29 novembro)

Ó fío do Encontro de Mariñán sobre Cidades e Literatura, imos facer algunhas calas nas nosas cidades literarias. Como é ben coñecido, Ourense e Compostela son, ata hoxe, as máis literaturizadas, sobre todo na narrativa. Ourense está inmortalizada con toda a inmensa obra de Eduardo Blanco Amor, en galego e en castelán, e con varias pezas mestras sobre a súa amada/odiada Auria (A esmorga, Xente ao lonxe, La Catedral y el niño). Pero antes de Blanco Amor xa se fixera literatura auriense coa Xeración Nós: Otero Pedrayo e Cuevillas deixaron relatos e novelas maxistrais, tamén do mundo urbano, e velaí O porco de pé como a peza máis representativa da modernidade e gran novela satírica das nosas letras. E antes deles os nomes de Lamas Carvajal e Francisco Álvarez de Nóvoa son referencia imprescindible.
Sobre esa vizosa tradición literaria traballaron as novas xeracións da posguerra, que fixeron contribucións de primeira liña: á cabeza Casares (Ilustrísima) e Ferrín (O Suso, Xeque Mate). Logo viñeron Antón Risco (As metamorfoses de Proteo), Julio López Cid, Bieito Iglesias, Manuel Guede ou Fernández Naval, entre outros. E, en castelán, José María Pérez Álvarez e os poemas de José Ángel Valente.

Cunqueiro en Siria.
(Pan por Pan mércores 29 novembro)

Pois si que había de estar ben contento don Álvaro Cunqueiro de poder coñecer que na remota cidade de Damasco, en Siria, se inauguraba unha Biblioteca que leva o nome do señor de Mondoñedo, na sede do Instituto Cervantes nese país. Sempre foi Cunqueiro un namorado do mundo oriental –velaí “Se o vello Sinbad volvese ás illas” e moitos dos seus textos e relatos xornalísticos- e a súa obra está a ser traducida ó árabe polo escritor marroquí Elarbi El-Harti. Supoño que entre os moitos poetas que el mesmo inventou, a xeito de heterónimos, tal como se descubriu nestes días, haberá tamén creadores de poemas arábigos. O autor de “Merlín e familia” foi tamén un gran viaxeiro e non tanto viaxeiro físico, como viaxeiro espiritual: coas súas obras coñeceu as xentes e lugares máis diversos. É xusto que agora xentes moi arredadas de nós poidan tamén descubrir a súa obra.

28 nov 2006


Contadores.
(Pan por Pan martes 28 novembro)

Hai grandes contadores neste país e iso vén de vello. Tiven a sorte de coñecer e tratar a algúns deles, como Carlos Casares ou o seu irmán Javier, que tamén ten o seu aquel á hora de narrar sucedidos. Ou Basilio Losada. Ou, entre os novos, o amigo Quico Cadaval.
Engadirei agora a esa lista a Xabier Puente Docampo, un dos mestres da nosa literatura xuvenil, que nos agasallou con varias horas de acolledora conversa no Encontro de Escritores de Mariñán. Leva toda a súa vida facendo iso, contar historias, en Galicia, España e América. Moitas delas sacadas da súa propia vida e reconvertidas en literatura oral: de cómo o fillo do señor Raimundo, pois do seu pai procede ese don milagreiro, padeceu o Seminario de Lugo, o peor do país, cando neno de 10 anos. Algunhas desas xoias están no seu blog:
www.xabier-docampo.net/blog/29_blog.php. Pagan a pena, xa verán.

27 nov 2006


Solidariedade 2

Xa nos referimos, máis embaixo, ó conflicto "dalgúns veciños" do barrio de San Francisco en Ourense, que se negan a acoller nese barrio o novo local do Comité Antisida de Ourense.
Mañán axúntanse todos no Concello e o Comité demanda adhesións e apoios da sociedade. Non deixedes de mandarllos ó seu correo (creo que activo):
antisidaou@hotmail.com

(Imaxe de G.de Chirico)

O SEG hobbit

Esta é a edición do Sempre en Galiza que leu a miña xeración, en formato diminuto, e que estudou, releu e subliñou (cando menos no meu caso). En Ourense mercabámola na librería Tanco, entre os fondos "prohibidos" que manexaba o Antón Tovar dende o seu despacho do fondo. Eu non lembro mercala persoalmente, quizais andaba xa por casa e a mercara o meu irmán maior, pero tampouco estou moi seguro. Por algún lugar esquecido da biblioteca andará. Logo usamos outras edicións para salvagardar un pouquiño a vista, que xa non está para excesos. E mesmo estudamos e manexamos a cotío a excelente e moi recomendable edición crítica que hai uns anos publicou, en gran formato, o Parlamento de Galicia e a Universidade de Compostela, coordenada por Ramón Maiz (1992) e con traballos de Beramendi, Monteagudo, Núñez Seixas, etc. (escribo de memoria, fóra de casa, espero non errar nos nomes...)

26 nov 2006

1944: Sempre en Galiza
Na miña serie dominical en Galicia Hoxe, Cen Anos de Historia Cultural, tócalle hoxe ó ano do Sempre en Galiza e do Consello de Galiza. Tamén foi o ano de grandes libros de Seoane, Lorenzo Varela, Emilio Pita, Otero Pedrayo, etc. E o da creación na Galicia interior do Instituto Padre Sarmiento. O artigo completo aquí.
Tamén recomendo a reportaxe que trae o "Lecer" sobre a pervivencia dos símbolos franquistas no país, de R. Candal, co listado de nomes franquistas imposto na Coruña: agora deberían publicarse tamén os das outras cidades galegas.

Foi un ano importante para Galicia, o 1944, sobre todo dende a perspectiva da Galicia exiliada. Foi o ano do Sempre en Galiza, de Castelao, e da creación do Consello de Galiza. O ensaio de Castelao, que tanta pegada había deixar na historia do país, apareceu na Editorial As Burgas, do Centro Ourensán de Buenos Aires. Redactado durante varios anos (iniciado xa no seu desterro en Badaxoz), Castelao fala neste volume como voceiro do galeguismo político e diríxese como tal ós "irmáns galegos" e ós "galegos todos", mesturando o acento persoal dalgunhas páxinas cun enfoque máis obxectivo noutros capítulos. O ensaio, que percorre boa parte da historia de Galicia, deixa o seu testemuño, para vindeiras xeracións, do que foi a experiencia do galeguismo republicano e a loita polo Estatuto de Autonomía, denunciando a cotío as limitacións dalgúns republicanos españois á hora de atender as demandas galegas. Marca tamén o que foi o Castelao dos últimos anos, que morrería sendo republicano e nacionalista, e a súa convicción da necesidade dun Estado plurinacional e confederal no que Galicia puidese acceder a un autogoberno pleno. É tamén, como teñen sinalado algúns autores, un libro xeracional en canto moitas das súas teses parten do legado conxunto do galeguismo republicano (Bóveda, Villar Ponte, Risco, Otero Pedrayo, etc.) ou doutros pensadores galeguistas anteriores ou federalistas (Murguía, Brañas, Pi i Margall). En América a obra foi recibida con entusiasmo e esgotada en pouco tempo a primeira edición, segundo H. Monteagudo; na Galicia interior, entrou de vagariño e clandestinamente, converténdose nun elemento fundamental na formación das novas elites nacionalistas.
Por outra banda Castelao quería manter a representatividade xurídico-política dos galegos no exilio. Dende inicios deste ano, animado polo lehendakari J.A. Aguirre, mantén contactos con Lois Tobío para constituír un organismo onde se integrasen os deputados elixidos por votación democrática en 1936. O 15 de novembro fúndase en Montevideo o Consello de Galiza, presidido por Castelao e integrado polos deputados Elpidio Villaverde, Ramón Suárez Picallo e Antón Alonso Ríos. O Consello uniría as colectividades galegas do exilio e sería "centro neurálxico da maior parte das actividades políticas" do galeguismo (Rei Romeu), marcándose como obxectivos a recuperación da legalidade republicana e o restablecemento das autonomías nunha futura república federal. Nesa mesma liña fúndase en México, a finais de ano, o pacto Galeuzca, inspirado nas alianzas dos anos 30 e subscrito polo Consello de Galiza, o PNV e o Consell Nacional de Catalunya creado por Pi i Sunyer; este pacto supuxo unha inxección de forza inesperada para o galeguismo do exilio, pero tamén un certo illamento deste sector do resto da oposición republicana galega e española en xeral (Núñez Seixas). Mentres tanto, no exilio interior, o PG pasaba a integrar a Xunta Galega de Alianza Democrática coas seccións galegas da CNT, PSOE, UGT e agrarios.

Solidariedade.
(Pan por Pan sábado 25 novembro)

É unha palabra fermosa. Quizais un pouco longa de máis, pero fermosa. Evoca aquel espírito machadiano que evocaba o Juan de Mairena: “Ninguén é máis que ninguén. Por moito que valla un home, nunca terá valor máis alto que o de ser home.” O que acontece é que moitas persoas conxugan solidariedade só na distancia: no traballo das ONGs que andan por eses mundos esquecidos de Deus. Outra cousa é que che poñan un local do Comité Anti Sida ó carón de casa, aínda que iso non sexa un centro sanitario nin un refuxio de seres perdidos. Entón aboia esa parte menos nobre do ser humano que di: “Eu non teño nada contra deles, pero non quero nin velos, que estean ben lonxe”. E invócanse argumentos peregrinos: San Francisco é un barrio marxinal, dicía unha señora na radio. Espero que o bo saber facer de Afonso Cid sexa quen de borrar as lagañas da ignorancia...
(Imaxe: G. de Chirico, "Héctor e Andrómaca")
A CIDADE E A LITERATURA

Dende Mariñán. Escribo dende o Pazo de Mariñán, na Coruña, nunha fermosa contorna de xardíns románticos, memoria en pedra e árbores milenarias. Se levanto a vista do ordenador prestado no que traballo vexo cadros de Laxeiro e dos grandes clásicos galegos e mesmo un impoñente retrato da raíña Isabel II que seica tamén se aloxou nestas estancias. E aquí estou participando, rematará nun par de horas, no IV Encontro de Escritores Galegos que organiza Luciano Rodríguez co apoio da Deputación coruñesa e que reuniu a un total de 24 autores para debater, dende o venres, sobre as Cidades e a Literatura. Só podo dar agora algúns brevísimos riscos dos intensos debates que nos acompañaron nestes tres días, con sesións organizadas arredor da narrativa (Anxo Tarrío e Rosa Aneiros), a poesía (Marga Romero e Xosé María Álvarez Cáccamo) e o teatro (Manuel Guede e Manuel Lourenzo). Participando intensamente estiveron tamén Euloxio Ruibal, Xabier P. Docampo, Fran Alonso, Ánxeles Penas, Xoán Abeleira, Manuel Castelao, Luís Rei Núñez, Tucho Calvo e Teresa Seara, entre outros. Inaugurou o encontro unha magnífica conferencia de Xavier Gómez Montero, escritor e profesor natural da Coruña e residente en Alemaña, que revisou moi a fondo as relacións, nas literaturas do mundo, entre as cidades e as letras e mesmo fixou unha categoría de referencias: a cidade premoderna, a cidade moderna ou a cidade megápole, un algo apocalíptica e virtual, que no cine trataron con éxito películas como “Matrix” ou “Blade Runner” e que nas letras galegas aínda agarda polos autores que a representen.
Cidade e identidade. Tarrío esculcou nas cidades na novelística europea; Rosa Aneiros deunos unha emotiva e fermosa visión da cidade brasileira de San Salvador de Bahía; Manuel Lourenzo definiu o teatro como espacio irmán da cidade e lembrou as teses do autor albanés Ismael Kadaré: velaí a necesidade que teñen os vivos de escoitar as voces e os espectros dos mortos, para iso tamén naceu o teatro nas cidades. Manuel Guede reivindicou a cidadanía dunha rede de teatros residenciais como forma de afortalar esa identidade cívica e Marga Romero evocou as múltiples cidades que os poetas deitaron nos seus libros, dende finais do XIX ata os nosos días, co forte pulo que as vangardas (Amado Carballo, Manuel Antonio, Eugenio Montes...) lle concederon ó espacio urbano. Falamos tamén da relación entre cidade e identidade e eu insistín na análise do discurso do galeguismo clásico, o que crea as raíces identitatarias da nación (Xeración Nós), cun discurso que abanea entre o antiurbanismo e a concepción dun outro modelo de cidade (a “cidade-xardín” de Castelao, a República campesiña de Otero). Viña eu, venres pola tarde, de escoitar no Paraninfo da Facultade de Historia de Compostela o brillante discurso de ingreso de Ramón Villares na Real Academia Galega: un moi suxestivo percorrido polo Adrián Solovio de “Arredor de si” e as cidades-símbolo que, dende o Toledo do nacionalismo español pasando polas cosmópoles de París ou Berlín, remata por recalar na visión dunha Compostela nova, símbolo da identidade coa que Adrián/Otero estaba a redescubrir o seu propio país e a súa propia cultura.
Falouse tamén de cidades imaxinarias, cidades invisibles, cidades ausentes, cidades da emigración, cidades neutrais ou non... Tamén de humanizar a cidade, de devolverlle á alma á cidade, de reivindicar dende a escrita a utopía que os políticos (só xestores do posibilismo) xa non son quen de reclamar... Un tema tan complexo e tan rico en matices que, por suposto, non se pode dar por rematado nun encontro de tres días, aínda que sexa tan vizoso coma este.

23 nov 2006


Imaxes.
Segue a súa andaina o Outono Fotográfico, cita cultural que leva 24 anos convocándonos, sempre co mesmo espírito de mocidade e descuberta. O mércores inaugurouse no Museo Municipal a mostra de Caja Madrid titulada “O papel da fotografía”, que xira arredor de tres das grandes revistas fotográficas: “Afal”, “Nueva Lente” e “Photovisión”, nun longo período que vai dende 1956 ata os nosos días. Están presentes os grandes da fotografía española do século XX: Joam Colom, Gabriel Cualladó, Carlos Pérez Siquier, Ricard Terré, Xavier Miserachs, Ramón Masats, Tony Catany, Javier Vallhonrat, Joan Fontcuberta, Alberto Schommer, etc. A min o que máis me gustou foron as portadas e varios exemplares de “Afal”, publicada en Almería, con aquel seu aire neorrealista dos anos 50, en tempos de censura, pero capaz de xerar unha gran riqueza evocadora nas súas imaxes. (Ilustra unha coñecida foto de Ricard Terré, "Sant Boi", 1958, cun detalle da mesma).
(PAN POR PAN venres 24 novembro)
Ecos do Encontro de Escritores Ourensáns

Alfredo Conde dedicou dous artigos ó Encontro de Escritores Ourensáns no que el mesmo participou. Onte ("Rabechas interinas") falaba dalgunhas opinións escoitadas no Encontro, arredor dos poetas galegos, e hoxe ("Un fermoso fin de festa") amósase entusiasmado polo recital de Anxo Rei, sobre poemas de Tovar, que pechou aquela cita cultural.

A cidade, eixe do encontro literario de Mariñán

Acoden Valcárcel e Úrsula Heinze
Na Coruña (ALBINO MALLO)
O deputado responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Celestino Poza, presentou onte o IV Encontro de Escritores Galegos xunto co o coordinador do evento, Luciano Rodríguez. A IV edición deste Encontro de Escritores desenvolverase no Pazo de Mariñán os vindeiros 24, 25 e 26 do presente mes baixo o lema Literatura e cidade, e na mesma participarán 22 recoñecidos autores e críticos literarios galegos. A Deputación aposta por Mariñán como escenario privilexiado para xuntanzas de creadores e lembrou que a institución provincial organiza ademáis esta xuntanza anual de escritores, reunións de pintores, escultores e outras disciplinas artísticas.
Pola súa banda, o catedrático de Literatura Galega e coordinador do certame, Luciano Rodríguez, afirmou que a organización selecciona os asistentes en función do tema que se vai tratar, que nesta edición será literatura e cidade.
Ao encontro acudirán Marcos Valcárcel, Xavier Gómez Montero, Anxo Tarrío, Úrsula Heinze de Lorenzo, Xosé M. Álvarez Cáccamo, Xavier P. Docampo, Fran Alonso, Marga Romero, Manuel Lourenzo, Rosa Aneiros, Euloxio R. Ruibal, Ánxeles Penas, Xosé Manuel Fernández Castro, Xano Trevinca, Manuel Castelao, Luís G. Soto, Teresa Seara, Manuel Guede Oliva, Luís Rei Núñez, Tucho Calvo, Olga Novo e Xoán Abeleira.
Galicia Hoxe, 22-XI-06 (Maré)
(Na imaxe, o Santo Cristo da Catedral ourensá que tanto impresionaba ó neno Eduardo en La Catedral y el Niño. P.S.: terei o blog un pouco paradiño, pola miña banda, entre a tarde do venres e o domingo tarde).


Ciencia e ética.

Estivo hai unhas semanas en Compostela, dando unhas conferencias, Richard R. Ernst, que é Premio Nobel de Química 1991 (dos seus estudos derivouse a resonancia magnética nuclear que permite detectar tumores), pero que sabe tamén de música, de arte tibetana e de moitas máis cousas. Un científico que cita a Rabelais, polo cal xa merece un respecto: “A ciencia sen conciencia non é máis que a ruína da alma”. Precisamente Richard Ernst chamou a atención sobre a necesidade de que os científicos, ademais da sabiduría e o coñecemento, atendan á ética e á responsabilidade. Ademais, é un home optimista: confía en que o ser humano reaccionara antes da destrucción total, porque somos seres flexibles e capaces de reaccionar, baixo presión, cando nos tocan na propia pel. Oxalá teña razón...
(Na foto, Sofía Loren, 72 anos, no Calendario Pirelli 2007: xenio e figura...)
CONFERENCIA DE SHLOMO BEN AMI en Compostela (21-11-06)
http://en.wikipedia.org/wiki/Shlomo_Ben-Ami
(Un amigo estivo presenta na conferencia de Shlomo Ben Ami en Compostela, o pasado día 21. Polo seu posible interese para os lectores/as desta bitácora, decidín colgar aquí este resumo da mesma.

Presentado polo seu amigo xefe da Casa de Galicia en Madrid, Alfonso Sobrado Palomares e contando coa presenza na mesa da tamén ourensá Carme Carballo polo Centro Internacional de Prensa de Santiago, Shlomo Ben Ami, na súa calidade de Vicepresidente executivo do “Centro Internacional de Toledo para la paz” ( www.toledopax.org ) pronunciou unha interesantísima conferencia na que baixo o título de “Alianza o enfrentamiento de civilizaciones” centrouse, como non podía ser doutra maneira, no conflito árabe-palestino.
Para empezar, o organismo toledano citado, CITpax, é un punto de encontro que ten como obxectivo contribuír a resolver ou evitar conflitos internacionais, en xeral, a través do que se denomina “diplomacia de segunda vía” por medio de iniciativas de desbloquo ou complementación das vías oficiais cando estas non funcionan. No CITpax, xunto con Moratinos, Garrigues Walker, etc. tamén está Nabil Shaath, vice-primeiro ministro da Autoridade Nacional Palestina, o que presume a súa neutralidade activa no conflito.
Na conferencia veu desenvolver moitas das ideas apuntadas xa no seu libro “Cicatrices de guerra, heridas de paz”, do que aquí tedes unha pequena crítica.

O ex-embaixador israelí en España, sefardita de Tanger é un hispanista coñecido, sobranceando o seu estudo das orixes da ditatura de Primo de Rivera. Como militante socialista (do Partido Laborista Israelí) formou parte destacada do goberno Barak –como ministro de exteriores- nos anos 2000-2001 cando se produciu entre outras cousas, a retirada do Líbano. Negociador de Oslo e Camp David, renunciou en 2001 a seguir no goberno de Sharon con teses contrarias ás do seu compañeiro de partido Simon Peres, por quen non oculta unha manifesta antipatía política.
Repasaremos unhas cantas ideas do que dixo alí:
A evolución do conflito parece que evolucionou desde problemas xeográficos –onde todo é negociable- a teolóxicos –onde nada parece racional.
O escenario anterior, a guerra fría, co que tiña sen dúbida de negativo, era un factor de estabilidade a nivel planetario, pois o equilibro a través da disuasión era moeda corrente. Un estado pode disuadir a outro, pero non a un grupo que non teña a responsabilidade de estado, por iso se producen agora guerras asimétricas. Para moitos grupos terroristas, tipo Alquaeda, apoderarse dun estado só traería problemas, polo que é moito máis operativo funcionar desde fóra. Así, sen capacidade de disuasión, nin case de pacto as novas guerras son asimétricas.
Ademais no escenario actual, tamén desapareceu case o medo ás guerras preventivas. Despois do fracaso manifesto da invasión a Iraq, nin se quera a opinión pública estadounidense apoiaría un escenario de guerra preventiva con Irán.
A guerra do Iraq foi un erro importantísimo e trascendental. Primeiro porque non se trataba de consolidar o status quo da rexión como fixera Bush pai ao intervir en favor de Kuwait, senón de alteralo, e nunha zona tan especialmente sensible. Súmaselle a isto a eliminación do réxime Talibán e os inimigos de Irán desaparecen co que xorde unha nova potencia indiscutible na rexión. De feito, ademais, estas dúas intervencións, supuxeron case a desintegración da “Liga Árabe”, transformando o problema de enfrontamento nun enfrontamento do “islám” e non do “mundo árabe” co que se amplía o escenario.
Así as cousas, a resolución do conflito árabe israelí, precisa a todas luces, non suporá automáticamente, a resolución do conflicto entre o mundo islámico e o occidental. Caso tamén do fracaso das dúas políticas de integración das minorías musulmanas en Europa. O modelo inglés de respecto levou ao que vimos no metro de Londres, e o modelo francés, ás revoltas dos barrios, iso que estas tiñan un compoñente radicamente social, de mocidade sen esperanza.
Opina que nestes momento os USA non se preocupan do problema isaraelo-palestino porque lle queda moito máis lonxe que a Europa. Hai ademais un diferente “ethos” á hora de enfrontarse aos problemas. Non en van Europa fala sempre de “desafíos” e USA de “ameazas” pois se unha corresponde á preeminencia do confronto de ideas, o outro relacionase coa pura forza.
Fixo un pequeno repaso polos fundamentalismos, xudeo –que se opuña aos acordos, moi minoritario-, critián –os grupos evanxelistas que apoian a Bush- e musulmán, que todos vemos. A confusión política teoloxía leva a unha situación insostible. Jomeini xa dixo “O islam é política ou non é nada”, como idea de abranguer todos os ámbitos da actividade humana. “A relixión convertida en politica é un desafío á convivencia”.
Volvendo sobre o integrismo islámico, a UMA, o sentimento de pertenza á nación islámica está absolutamente por riba das pertenzas a nacións máis ou menos artificiais de fronteiras novas. Hai que valorizar políticamente o islam e abrirse a falar con eles, porque fóra non hai nada. Hoxe a disxuntiva é simplemente “autoritarismo laico” ou “democracia islámista” porque as sociedades, sen clase media, nin cultura liberal, optan sempre que teñen capacidade de decisión, polas alternativas islamistas. Léase Hamas ou o FIS en Arxelia, onde o mundo saudou o golpe de estado para frear o ascenso ao poder, lexitimamente, do FIS.
O islamismo sobe pola corrupción de reximes autocráticos asociados a occidente. Só un 12 por centos dos votantes de Hamas di que votan por islamistas, a maioría por outras cousas. A oposición a occidente xira ao redor do enfrontamento con USA, no que Estados unidos ten unha evidente parte de culpa, pero hai sempre un odio á superpotencia mundial. Fose España no seu día –a lenda negra de España en América- a Inglaterra –a pérfida albión- ou a USA hoxe en día. Pero os USA teñen tres poderes sobre o mundo: O económico, o militar e o non menos importante, como productores de cultural popular a nivel plantenario indiscutida (Hollywood, Os Simpons, Mc Donals...). Por iso, moitas veces, a revolta diríxise a todo.
Por outra banda, Israel fixo paces volvendo ás fronteiras do 67 estables: con Exipto, por exemplo. Fixera a paz con Líbano, cando a retirada de man do ONU no 2001 só que non se respectou da parte Hezbolá –guerra asimétrica porque non era un estado o que atacaba, senón un grupo. El non era partidario de responder, nin sequera co secuestro dos soldados, pero entende que a xente se canse, como así entendeu o mundo árabe que tardou en manifestarse para darlle unha lección interna aos seus islamistas radicais.
Se non foron quen de facer a paz con Siria –teóricamente a diferencia que había en Golán era de 15 m. nas liñas de demarcación- foi porque Siria no final se negou porque “A guerra une, a paz divide”. Os réximes autocráticos non viven ben sen inimigos externos. E todos os estadistas desa zona que asinaron paces (de Sadat a Rabin) morreron asasinados. O propio Arafat seica lle dixo en Camp David cando lle ofrecía non sei que cousa “seica queres virme ao enterro?” coa idea de que o que asine a paz, é sempre un traidor, porque sempre hai quen quere ir máis alá.
Clinton intentou a paz durante os dous mandatos, cousa que Bush fillo nin se lle pasou pola cabeza. Hai unha evidente falla de vontade política polo que nesta xeración é imposible algo máis ca unha paz fría como a que hai con Exipto.
Sobre a construción do muro dise que é unha solución proposta polos socialistas no seu día –e que fora atacada pola dereita- porque significaba renunciar a Samaria e Cisxrodania, que a dereita cría integrante do vello Israel. A propia construción do muro, sobre as fronteiras internacionalmente recoñecidas a Isarael, non debía ser motivo de escándalo, porque limitan a terra recoñecida internacionalmente é, cada un na súa casa, fai o que quere. Sobre todo para defenderse de ataques suicidas.
Fala do relativismo moral dunha ONU que, coa maioría automática, pide unha investigación sobre os bombardeos seica esquivocados do outro día –á que el non se opnón, porque se non hai nada que ocultar, así está ben e se hai culpables conscientes, que se castiguen- pero ao tempo, ninguén fala dos centos de miles de mortos de Darfur e doutros xenocidios entre musulmáns ou outras cousas. ¿Vale tan pouco a vida dos africanos ou dos doutros lugares do planeta? ¿Só interesan os palestinos?
Pese a todo, ve elementos positivos.
O revolcón das eleccións en USA cre que pode animar a buscar outros camiños. De feito, R.Gates, un dos asesores que xa fora con Clintón, ten descartado o ataque a Irán e pensa que hai que falar. A propia “Alianza das civilizacións “ proposta por Jatamí hai anos e revivida por Zapatero, pode ser interesante, sempre que non se convirta nun intento de “mea culpa” occidental polos “males” inflixidos ao mundo. Todos temos cousas das que non estamos orgullosos e só desde o momento en que ambas sociedades asuman as súas posibilidades, se pode chegar a algo. A vía, se cadraa única vía debe ser o desenvolvemento económico, pois estados como Singapur, Indonesia e Malasia, por exemplo, parece que van conxugando o islamismo de amplas capas sociais co desenvolvemento económico o que deixa ao radicalismo en minoría. ¿E posible a evolución dentro do islamismo a posturas de convivencia con occidente? É difícil, pero hai que apostar por elas, o que é estéril é seguir apoiando ditaduras impopulares porque ao final, todo acaba rebentando, e o islamismo, cando chega ao poder, por pura lóxica de conservación, trata de sobrevivir no mesmo. Por iso, no seu día, non foi mala noticia que Hamas se pasase ao terreo político. Hai que falar con eles.A cousa está crúa.

Despois da fin da charla, houbo varias intervencións, case todas moi críticas con Israel e creo, que desinformadas desde o punto de vista da historia e sen contemplar a flexibilidade e apertura dos puntos de vista do que dixera Ben Ami.
Un par de ducias de gamberros agardaban a saída dun dos líderes da paz en Israel chamado a ser o artífice da paz en Medio Oriente, se que é posible.