
O misterio.
(Pan por Pan mércores 6 decembro)
Velaí un diálogo escoitado nunha emisora de radio local: “Bien, riquiña, tu me dirás”. “Quiero saber de salud y de amor”. “Pues, ya ves, yo te veo en las cartas buena estrella…”. Así empeza unha consulta de astroloxía que logo segue nunha longa sucesión de vaguidades. Comprobo nos últimos tempos un rexurdir deste tipo de espazos nas radios e televisións: territorios que explotan a industria do misterio e o esoterismo.
De pouco vale a crítica racional contra as supersticións, que veñen de vello: dende os tempos do Padre Feijoo e de Sarmiento. Sobreviven con forza todo tipo de agoiros. E non só entre a poboación menos formada. Sospeito que todo isto ten que ver con dúas cousas: unha, o medo, arma moi poderosa para dirixir as condutas. E outra, a necesidade dalgunhas persoas de falar con quen sexa, nunha sociedade non moi feliz nas súas formas de comunicación.























