3 feb 2010



Ditame

O Goberno, aínda máis só
O Consello da Cultura Galega avoga pola volta ao principio de "como mínimo, o 50% das materias en galego" establecido no Plan xeral de normalización lingüística
Galicia Hoxe, 03.02.2010 M. DOPICO. SANTIAGO


O Goberno de Feijóo quedou aínda máis só na súa defensa das bases que presentou para a a elaboración do novo decreto que regulará o uso do galego no ensino. O Consello da Cultura Galega (CCG) expresou onte, de xeito oficial, o seu rexeitamento a este borrador, a través do seu ditame sobre o mesmo. E aínda foi máis aló do que se agardaba á luz do que transcendera á prensa sobre a filosofía deste informe.
"Non se pode tratar igual o que é desigual", lembrou o presidente do Consello, Ramón Villares, na presentación dun ditame que reivindica o Plan xeral de normalización lingüística (PXNL) como referencia básica para calquera actuación no ámbito da política lingüística.
O máximo órgano consultivo do país en materia de cultura demandou o mantemento do principio do "polo menos o 50 por cento" das materias en galego que establece o PXNLG, -aprobado por unanimidade no ano 2004-, que o decreto vixente, o 124/2007, incorpora, e o actual Goberno propón substituír por un máximo do 33 por cento en galego, -ou 50 por cento mentres non sexa posible impartir o terzo de inglés prometido nas bases-.
O CCG sumouse, así, aos sindicatos, partidos, asociacións e institucións -a Real Academia Galega entre elas- que manifestaron a súa oposición ás bases presentadas polo Goberno, -todas as preto de trinta consultadas pola propia Xunta, agás catro, entre elas o PP-."Temos dúas linguas oficiais cun status distinto, e os poderes públicos deben facer un esforzo por promocionar o galego", -afirmou Villares-.
O coordinador da comisión executiva que nomeou o grupo de expertos autores do informe, Henrique Monteagudo, asegurou que "algunhas previsións das bases" propostas polo Goberno do PP "probablemente serán fonte de conflitividade". E subliñou que, malia que o ditame do CCG se centra en "aspectos sociolingüísticos e pedagóxicos", existe un claro "mandato legal de promoción do galego", derivado da Constitución, do Estatuto e da Lei de normalización lingüística, que esixe ademais a aplicación dun "principio de progresividade que os catro presidentes autonómicos: Albor, Laxe, Fraga e Touriño" respectaron e que, "por primeira vez", se racha coas "bases" presentadas polo Executivo de Alberto Núñez Feijóo.
O Consello indica no seu ditame que se o obxectivo é acadar o equilibrio entre o galego e o castelán, e dado que o castelán é o idioma hexemónico "desde o punto de vista da valoración social e da presenza no universo vital dos escolares", a previsión de pasar do mínimo do 50% fixado no decreto 124/2007 ao máximo do 33%, "non pode considerarse nin equitativa nin equilibradora, máis ben todo o contrario".
O informe rexeita a "descualificación" que as bases deixan caer respecto do modelo de inmersión na lingua minorizada, estratexia, -salienta o CCG-, "legalmente avalada", de "acreditada eficacia" nas situacións de "bilingüismo social asimétrico" para a "capacitación nas dúas linguas para os falantes tanto da unha como da outra". "Hai que pasar a un marco flexible", -apuntou Monteagudo-, que poida aplicarse "segundo as posibilidades do centro e contexto sociolingüístico".
A Consellería de Educación respondeu que "non pode estar de acordo" co modelo de inmersión que ao seu ver propón o CCG -Monteagudo aclarou que o ditame "non di que o Goberno teña que aplicar" esta estratexia-. "A Xunta considera inconveniente o sistema de inmersión en calquera lingua, considerando, ademais, que ese é o sentir maioritario do pobo galego", asegura a consellería dirixida por Jesús Vázquez a través dun comunicado.
Rexeita as liñas básicas das bases
O CCG rexeita liñas básicas das previsións das bases do novo decreto como a elección por parte dos pais, o 33% da docencia en inglés e a "libre elección" da lingua nas aulas por parte dos alumnos. Respecto ó idioma da admistración educativa, o CCG propón volver á expresión "utilizarán, con carácter xeral, a lingua galega" recollida no decreto vixente, -aprobado polo bipartito-, no canto de utilizar os termos "promoverase a utilización da lingua galega" das bases do PP. Para a educación infantil, o ditame do CCG recomenda cumprir o recollido no PXNL, é dicir, establecer "unha oferta educativa en galego" para nenos de 0 e 3 anos, "a utilización do galego como mínimo nun terzo do horario" nos contextos nos que a lingua predominante sexa o castelán, e "desenvolver programas experimentais en galego para castelanfalantes".
O Consello estima preferible que a lingua materna predominante sexa determinada polo claustro, segundo os datos científicos, e non só polos pais, como propoñen as bases do Goberno actual. Así, o ditame do CCG avoga por fixar un mínimo de galego en infantil nos contornos castelanfalantes, como fai o decreto 124/2007, ao contrario das bases do PP. Respecto do inglés, o Consello considera "desaconsellable desde o punto de vista pedagóxico e inviable na práctica" utilizar "unha lingua estranxeira como lingua vehicular nun terzo do horario lectivo", e ademais recomenda tratar a cuestión do inglés nunha norma distinta que a que vaia regular o uso das dúas linguas oficiais. En calquera caso, indica que a introdución do inglés "non deberá facerse á conta do horario de uso dunha soa das dúas linguas oficiais".
"A utilización da lingua estranxeira debe ser introducida de xeito gradual e voluntario", opina o CCG, en confluencia coa circular dirixida pola Consellaría de Educación ao profesorado e as declaracións recentes tanto de Jesús Vázquez como de Anxo Lorenzo.
DETALLES
Nin elección dos pais nin idioma de preferencia na aula
Para primaria, secundaria, bacharelato e FP o Consello avoga por que un repartimento do 50% de galego e o 50% de castelán sexa o "marco de referencia xeral flexible", que terá que adaptarse "aos distintos contextos", tendo en conta o principio de "como mínimo, o 50% da docencia en galego" que recolle o PXNLG. O CCG rexeita, por outra banda, a previsión das bases sobre a elección dos pais nalgunhas materias troncais, por considerala fonte de "tensións e conflitos" e "invasiva" das competencias da Administración. Neste sentido, a opinión do Consello achégase ao indicado por Anxo Lorenzo nas súas declaracións recentes sobre o posible carácter non vinculante das consultas aos pais. -O CCG propón que, de querer coñecer, para efectos orientativos, a opinión das familias, o Goberno encargue informes a través de centros como o Instituto de Educación-. O Consello tamén cre que "a previsión xenérica" das bases de que o alumnado "utilice nas aulas e nos exames o idioma da súa preferencia" carece "de lóxica educativa". Anxo Lorenzo declarou, neste aspecto, que se estudaría a posibilidade de volver á previsión do decreto do 1995, que di que "o alumnado debe procurar utilizar a lingua na que se imparta a materia" , fronte ao do 2007, que se decanta pola expresión o alumnado "utilizará, con carácter xeral" o galego nas áreas que se imparten en galego.

2 feb 2010

¿Ti tamén, Ibense miña?
Afonso Vázquez-Monxardín
La Región, 02-02-2010

Da primeira comuñón gardo uns cantos recordos esfiañados. A igrexa de Santo Domingo, don Emilio, as preguntas do catecismo, Raquel Santamarina organizando todo... Pero se cadra, un dos máis nítidos é o dun cacharro grande de metal cheo de xelado de mantecado e un aparello deses para servir bólas grandísimas, das de cinco pesetas, que nos acompañou na festiña que seguiu e que foi, claro, un simple chocolate. ¡Viñan os cacharros da Ibense! ¡Prestárannolos para traer a casa! Era o sumum.
¿Memoria histórica? Ao carallo coa Guerra Civil. Respecto, claro, ese sufrimento inmenso, pero xa está ben de falar e furgar na historia dos tataravós dos nenos de hoxe. ¿Cultura inmaterial? A miña memoria, as miñas lembranzas inmateriais, coas que seguramente se identifica alguén, son as do Colexio Belén coas súas entrañables profesoras; a vella aquela que vendía pipas La Pilarica, chicles Bazoka e tiras de ‘estrallantes’, todo xunto nun cesto, na confluencia de Curros Enriquez con Saénz Díez, e que un día descubrimos que non sabía ler porque daba premio igual que puxera ‘que rica La Pilarica repita’ que ‘que rica La Pilarica, premio’; a celebración do mes de maio no Colexio Curros Enríquez -con dona Lola, don Magín, don Lino, don Claudio- cos seus cánticos á Virxe que apagaban eses días os ‘montañas nevadas’ e os ‘prietas las filas’; o carrito dos xelados na cima do Parque; a discoteca ‘Auria’ do Paseo que coñecía, claro, de orella porque ían as miñas tías; a presenza, misteriosa, maxestuosa do chalé Losada coas súas hedras; o chalé da Falanxe diante da Torre coa súa fonte dun ‘espinario’; as salas de xogos, Flipper e Delfin, herdeiras modernizadas do espírito do ‘Coime’ de Santo Domingo, o café Azul, cos seus escaparetes de mariscos; as empanadillas esponxosas do Hotel Parque; as centos, miles de horas e cañas trafegadas no Alaska cos seus amables e comprensibles camareiros; os cafés de despois do Cine Club ou de antes dos exames no Colexio Universitario, sentados nas sillas laranxas do hotel Miño cando íamos arranxar o mundo en dúas patadas, pois no Instituto Masculino pensaramos que só cumpría unha; os pasteliños que se compraban na Ramos, que senón non había festa; as madamitas de soldado e madama espetadas na parte baixa dun Parque de terra o día que se estreaban as sandalias brancas; as copas de licor café conspiratorio no Tucho; o Violeta das telas de colchón e a policía pedindo documentación; as tertulias que cheirei dos galeguistas despois da misa de nove na Catedral no Cortijo e aquela máquina do seu final para darlle unha capa de chocolate os xelados de máquina... Pero ollo, que ninguén se engane, en cousa de xelado sempre houbo consenso: La Ibense. O xelado de mantecado da Ibense, aseguro -eu con tantas dúbidas- é o mellor do mundo. ¿Que pasará agora? Sen dúbida, unha nova era. Co peche da Ibense remata definitivamente o século XX en Ourense. Xa non queda nada desas lembrazas que dicía. La Ibense era derradeiro eco epigonal. Antes, hai moitos anos, cando abría só no verán, era o reloxio biolóxico que marcaba as estacións... e logo chegou o chocolate con churros con nata... Esa intimidade de tropezóns ao entrar e saír por un par de portas complicadas, eses baños, enfindeixemolosasí, do patio ao que accediamos entre calendarios de Virxes e cousas de almacén... ¿É posible que non volvamos oír frases como ‘quedamos na Ibense? Déixoche un sobre na Ibense... Collemos unha tarrina de mantecado para o postre?’. E confésolles un problema persoal. A miña filla Estela, de todos os xelados do mundo, só come mantecado da Ibense. Por interese en cumprirlle o gusto, pola conservación da memoria histórica e da cultural inmaterial, estaría disposto a encadearme na porta ou facer un evento no facebook se así non pechase. Deica pouco, para ir ao meu Ourense, terei xa que viaxar no tempo. A nosa fidelidade, o noso cariño, seguro, prolongou a súa vida, pero as cousas son como son. Que a terra che sexa leve, Ibense, e que a nós nos dure o teu doce sabor.

31 ene 2010



Darío Villanueva non ve o conflito do que algúns falan
Defensor a ultranza das linguas como vehículo de comunicación, o catedrático de Teoría da Literatura da USC Darío Villanueva (Vilalba, 1950), acaba de tomar posesión como secretario de la Real Academia Española de la Lengua (RAE). É partidario de leis protectoras
Galicia Hoxe, 31.01.2010 F. FRANJO
Kaydea.Costa da Morte.Lenzo.

Hai pouco máis dun ano mantiña que a convivencia do galego e o castelán vivía un momento doce. Os feitos ocorridos das últimas semanas parece que cambiaron as cousas.
Un lingüista ten unha posición ante a lingua bastante distinta dun lexislador ou do membro dun Executivo que aplica algunhas leis. Esa é a dimensión autenticamente política. Un lingüista ama todas as linguas, considera que son iguais e que a súa función primordial é servir para a expresión das persoas e para a comunicación entre elas. Do mesmo xeito que un médico ten o seu xuramento, nós tamén o temos, aínda que nunca realmente pronunciado, de amar todas as linguas. É moito máis fácil que se entendan dúas persoas que falan linguas distintas a que se entendan dúas persoas que non teñen lingua algunha. O peor que se debe é converter ás linguas en instrumentos de división e instrumentos de incomprensión.
Entón onde está a clave?
A clave en termos políticos podería estar nun cumprimento estrito e leal do que a Constitución di e que recoñece a cooficialidad das outras linguas españolas que non son o castelán. Eu sobre todo aplicaría o artigo terceiro que é o que di que o patrimonio lingüístico debe ser respectado e protexido. Isto é algo que non só compromete ós políticos senón tamén á sociedade civil.
Quizais utilizouse como unha arma política esquecendo o aspecto filolóxico.
O importante é apreciar se esa conflitividade existe. O peor sería que se cometesen erros que provocasen un conflito innecesario onde non o hai. O que non aprecio é que exista o conflito lingüístico do que se fala.
O dialógo é o camiño?
Eu falaría da lealdade constitucional, o que significa que todos apliquemos ese principio de que hai unha lingua oficial e dunhas cooficiales. E que esta variedade no canto de ser un problema debe ser respectado e protexido. Isto significa que hai que contribuír a que non se deteriore e alí onde necesita un apoio que as leis llo dean.

29 ene 2010

O amigos de Marcos -e tamén en nome do propio Marcos- lamamentamos e condenamos, sen ningún tipo de reserva, o atentado sufrido na vivenda de Roberto Blanco Valdés.

25 ene 2010

POLA DIMISIÓN
DO CONSELLEIRO DE CULTURA
ROBERTO VARELA

O señor conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia vén de facer pública, e non por primeira vez, unha análise da cultura galega temeraria e negativa. Antes xa nos ten ofrecido a súa opinión de que “a cultura galega limita”, unha descualificación da nosa mesma identidade colectiva. Deberemos deixar de ter cultura propia, deixar de sermos galegos para non estar “limitados”? Como pode protexer e traballar a prol da nosa cultura quen se expresa con ese fondo complexo de inferioridade identitario? Non pode. Agora precisou máis o diagnóstico, a cultura galega está “ensimesmada e acomplexada”, expresión claramente ofensiva para os creadores e xestores da cultura de Galicia. Pero que, ademais, indica un descoñecemento claro do estado da nosa cultura, tanto no que atinxe ás obras como ao tecido industrial que as sustenta.
Os abaixo asinantes, autores de obras escritas todas elas en lingua galega que foron merecedoras do premio nacional de literatura nas súas distintas modalidades (narrativa, literatura dramática, literatura infantil e xuvenil, tradución e ensaio), consideramos que isto, coma as outras moitas distincións e consideracións que as obras da nosa cultura veñen tendo en toda España e fóra das fronteiras do Estado, negan a insultante e despectiva cualificación do señor Conselleiro.
Estamos verdadeiramente asombrados e fartos de que o conselleiro de cultura do goberno galego desprece sistematicamente a cultura galega, como un auténtico “bombeiro pirómano”.
Consecuentemente, para que desapareza esta pasmosa anomalía, pedimos a dimisión ou cese
inmediato de don Roberto Varela como Conselleiro de Cultura do goberno de Galicia, dado que o seu escaso coñecemento e falta de consideración cara a cultura galega veñen evidenciar a nula idoneidade para o posto que ocupa. El ha ser máis feliz lonxe de todos nós, “limitados”, “ensimesmados” e “acomplexados”, e todos nós recuperaremos unha situación que teña un mínimo de cordura.

Alfredo Conde (Premio Nacional de Narrativa, 1985)
Paco Martín (Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, 1985)
Antón Santamarina (Premio Nacional de Tradución, 1988)
Xabier P. DoCampo (Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, 1995)
Manuel Rivas (Premio Nacional de Narrativa, 1996)
Fina Casalderrey (Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, 1996)
Manuel Lourenzo (Premio Nacional de Literatura Dramática, 1997)
Suso de Toro (Premio Nacional de Narrativa, 2003)
Rubén Ruibal (Premio Nacional de Literatura Dramática, 2007)
Agustín Fernández Paz (Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, 2008)
Xusto Beramendi (Premio Nacional de Ensaio, 2008)

24 ene 2010

Xavier Queipo, escritor
'Feixóo quere e non pode fuxir das súas raíces'
César Lorenzo Gil . Durante dous anos, Xavier Queipo (Santiago, 1957) locutou unha columna no 'Diario cultural' da Radio Galega. Todas reunidas compoñen 'Felices e diferentes' (Laiovento), conxunto de reflexións dun galego veciño de Bruxelas.
A Nosa Terra, 23.01.2010

“Sexan felices e diferentes”. Así se despedía dos ouvintes. Unha das grandes críticas que lle fai á sociedade actual que se deixou levar polo mimetismo.
Padecemos de gregarismo acrítico. En moitos eidos. Os programas dos partidos políticos coinciden entre si nun 90%, as noticias máis lidas nos xornais dixitais son sempre as mesmas e ao redor dos mesmos temas: catástrofes, deportes, curiosidades... Para que haxa avance social cómpre unha masa crítica de pensamento, diversidade sociopolítica. Reflexionar por nós mesmos e non por consignas. A liberdade ten que ser algo máis ca unha palabra baleira, hai que experimentala. Un dos mellores xeitos de facelo é pensando e declarando a túa posición aínda que non sexa a máis politicamente correcta. Pensar libremente é unha terapia, axuda a manter o equilibrio, a encontrar a felicidade.
Cando un vai a contracorrente non pode acabar marxinado?
Hai unha tendencia a pensar que é mellor facer coma a maioría. Banalízase a propia existencia e até a linguaxe. Todo o mundo fala coma os futbolistas, con lugares comúns e sen saír das pautas do que se estima “correcto”. Pero no fondo iso dana. A diferenza é unha necesidade antropolóxica e as sociedades que renuncian a ela acaban por infantilizarse. Andar agochando permanentemente o que es crea conflitos, infelicidade.
No libro é moi crítico cos que vostede denomina “escritores orgánicos”.
Si, con aqueles que goberne quen goberne sempre están a carón do poder. Son os que escriben discursos presidenciais e tanto viaxaron con Manuel Fraga a Copacabana coma a La Habana con Ánxela Bugallo. A estratexia para non baixar da peaña é gardar silencio cando dicir o que se pensa incomoda. Pero que conste que entendo que o modelo de transición política tras o franquismo obrigue a que determinados intelectuais teñan esta actitude por pura supervivencia. Eu escollín outro camiño. Defínome coma inorgánico e iso supón nunca baixar a garda diante do poder. Un librepensador sabe que non pode contentar a todo o mundo e debe sinalar aquilo que está mal. En Felices e diferentes critiquei parte da xestión cultural do bipartito. Na presentación do libro, Xosé Manuel Beiras dixo que aquelas palabras foran un aviso de navegantes para o que despois pasou.
O libro é un terzo literario, un terzo un libro de recomendacións culturais, un terzo político.
Non penso que as proporcións sexan exactas. En realidade, cando fago unha escolla, dun libro, dun filme, dunha exposición, e falo diso, a miña escolma é sempre política. Engadiría tamén que no libro hai un 5% de música porque escribía pensando en que os textos ían ser lidos en voz alta.
Vostede non oculta que é un dos “peor vendidos” da literatura galega.
Pero tampouco coido que sexa un mérito selo. Iso si, non é un demérito. O produto que vendo é moi caro e por iso teño menos “clientes”. Se para vender 5.000 exemplares teño que escribir novela policíaca, prefiro que me compren 500 persoas que están dispostas a facer o esforzo que se precisa para desfrutar do que eu escribo. É lícito ver a literatura, tanto desde o punto de vista do autor como do lector, para entreter ou descansar pero coido que para coñecer a vida hai que ler algo máis ca “novelas doadas”. O que non me gusta é ese modelo de escritor que deixa de preocuparse polo que escribe e só pensa naquilo que coida que lle pode dar éxito: os temas candentes, o estilo óptimo para ser recomendado nos institutos, os xéneros con maiores vendas... A satisfacción do escritor non chega ao ver as cifras de resultados senón moito antes, cando o texto que escribiu lle dá pulo para seguir escribindo.
O escritor proponse un reto, entón?
Eu escribo para ser feliz. E faime feliz escribir dun determinado xeito. Non me importa tanto o qué conto coma o xeito de contalo. Eu son un artista e un científico, por iso cada libro é un experimento, completamente distinto desde a raíz até as follas. Tento non repetirme nunca aínda que, logo de 20 anos de escrita, se me vaian notando as teimas: dualidade dalgúns personaxes, fascinación pola cultura oriental, interese polas minorías, a diferenza e o libre pensamento... Na miña literatura tamén ten unha fonda pegada a música. Quero que a lectura transmita un ritmo determinado que contaxien un estado de ánimo concreto. Teño textos que soan coma boleros ou coma heavy metal ou incluso como doces cancionciñas pop.
Vivindo fóra, como se analiza o cambio na política lingüística da Xunta?
Cando Alberte Núñez Feixóo foi a Bruxelas para presentar o Xacobeo 2010 houbo un cóctel. O presidente que tanto defende o ensino trilingüe falou en castelán, un castelán pésimo. Neses actos fálase ou ben inglés ou ben a lingua oficial do mandatario, que no caso de Feixóo é o galego porque o Estatuto indica que só esa lingua é oficial fóra do territorio de Galiza. Este é o artífice de todo isto, un Feixóo que non é máis ca un paleto, alguén que quere e non pode fuxir das súas raíces, nos Peares, incapaz de gobernar algo máis grande ca a súa casa e arrodeado de persoas que, dificilmente, se expresan en galego e que usan un castelán que faría arrubiar a calquera filólogo. E este camiño que tomou é imprevisíbel porque a lingua é un sentimento e cando se xoga cos sentimentos as consecuencias non son calculábeis. No propio PP hai unha tradición galeguista, como afirmou Xosé Manuel Baltar, que enlaza coa época da preguerra e tamén co romantismo. Deixarase absorber esa liña? Permitirá o soño do presidente de converter a Galiza nunha provincia máis de Castela e León? De todos os xeitos, penso que a chave está no PSdeG. Coido que nese partido só hai un 25% de galeguistas, o 75% é españolista e apoia tacitamente o modelo Feixóo.

23 ene 2010

Bieito Iglesias:
“Manolo Rivas é máis universal que o conselleiro de Cultura”
Xornal de Galicia, 23/01/2010. Arturo Losada

Está a piques de botar o seu vindeiro libro, unha guía persoal da cidade de Ourense
Bieito Iglesias (Ourense, 1957), é escritor e profesor de galego en Santiago, cidade na que reside. Porén, nunca abandonou realmente a súa cidade natal, como proba a que será a súa vindeira obra, O ouro de Ourense, que publicará en breve Edicións A Nosa Terra. O seu regreso tras a anovadora Pan e coitelo é unha guía para viaxar pola capital do interior de Galicia tal e como el a coñece e a viviu.
Será difícil de clasificar?
Un pouco si. Vén sendo un libro de ensaios, aínda que como as fronteiras entre os xéneros son tan porosas, ten tamén partes ficcionais. É unha guía para coñecer Ourense, pero non no sentido monumental. Repaso a identidade humana da cidade, en parte dende as miñas vivencias, e en parte dende o mundo literario, que está xa consolidado por moitos autores dende a Xeración Nós, a súa tradición no cine, con xente como Carlos Velo, que traballou en México pero sempre tivo a memoria na cidade, na fotografía, con José Suárez, e na música, dende as orixes ata Cristina Pato ou Lamatumbá.
Cal é o seu Ourense?
O Ourense arrabaldeiro, na marxe arredada do centro. Ourense está separado polo Miño, e como París, ten dúas beiras. A miña é a do barrio da Ponte, un barrio de aluvión, napolitano, cheo de furavidas, con enormes familias vivindo en casas pequenas unha vida abigarrada. Un barrio como os que retrata Passolini na periferia de Roma.
Ou como os que retrata vostede nas historias do inspector Nespereira...
Nespereira vive tamén na Ponte, e aínda que baixa ao centro para ir á comisaría, ten claramente unha mentalidade de barrio. O que pasa é que el, á parte, vive todos os episodios propios da época, a corrupción política, o escándalo do metílico, o tráfico de portugueses desertores da Guerra de Angola, e as mafias que os traían... Hai moitas fortunas familiares que se fixeron sobre esa base.
Tamén hai familiares dos implicados no metílico que son ben coñecidos, como Gloria Lago, de Galicia Bilingüe...
Ve? Iso sería outra novela, a das boas familias, cunha alta estima e unha alta complacencia. Do seu seo poden saír persoas valiosas, ou ser o ovo da serpe, que o paxaro incuba para deixarlle sitio ao inimigo no propio niño.
Aínda existe ese Ourense?
Ourense cambiou como cambiaron Galicia e Occidente. Xa non existen nin o da miña infancia nin o da Xeración Nós, cheo de artistas e comerciantes maragatos. Hoxe é unha cidade ao abeiro da industria téxtil, e iso nótase en que mentres cidades como Lugo, onde a burguesía goza de comer, teñen grandes restaurantes, en Ourense o que destaca é a vestimenta, as rúas céntricas son pasarelas de top models. Á parte, cambiounos a cultura de masas, hoxe a xente mira máis pola fiestra das redes sociais que pola dos seus veciños.
Como profesor, que sentir lle produce o decreto do galego no ensino?
Pensabamos que xa non teriamos que volver a loitar por cousas que estaban claras dende os oitenta, pero existe unha vontade nalgúns dos sectores da política española, que ten un eco aquí, e que é reducir as linguas non castelás a unha cousa folclórica, propia das corais da Sección Feminina. Se en Cataluña os pais votan a prol dunha educación en catalán, Rajoy anuncia unha lei que imporá a castelanización pola brava. Pero se en Galicia os pais votan polo castelán, a súa vontade é soberana. Ao final só lles valen os votos que non son do BNG, do PNV ou de Esquerra.
Esa é a sensación que lle transmite a Xunta de Galicia?
Algunha vez teño falado con eles, en actos da Asociación de Escritores ou do PEN Club, e procuro ser correcto, pero do Conselleiro de Educación xa dixen o que opino, e tampouco comparto a idea do de Cultura, que se empeña en dicir que a nosa é unha cultura provincial e ensimismada. Verá, unha vez que estiven en Moscova, nun acto do PEN Internacional, Günter Grass, preguntoume por Manolo Rivas, non por Roberto Varela, así que deduzo que Rivas é máis universal que Varela. Tampouco creo que o conselleiro saiba máis idiomas que Xavier Queipo, nin que fale mellor inglés que Xavier Alcalá, ou domine máis a Goethe ou a Tolkien que Ferrín. O de sempre, que os que escriben en castelán son universais e cultos, e os que non, somos uns pailáns con boina de perillo.
Tampouco é que as boinas de perillo teñan nada de malo...
Pois non, de feito seguro que algún con boina de perillo tería sitio no goberno.
Entón, non vai ir pedir subvención?
Non, porque ademais o tema das suvencións é un pouco esaxerado. Hainas en todos os países, pero aquí tampouco son tan impresionantes como din, e a proba é que os máis dos escritores temos outra profesión para vivir. Se nos desen tantos cartos, estariamos na casa dedicados ás letras todo o tempo, pero escribimos por gusto, non para facernos ricos. Pero claro, non hai que perder de vista que a cultura pode ser unha industria, aínda que o seu fin primeiro sexa humanizarnos. Se estes paletos de agora queren que falemos inglés, é porque os Estados Unidos foron quen de impoñelo, e máis veces empregando a forza das súas industrias culturais que a dos seus marines, así que non sei por que non se van dar axudas á cultura, cando se financian aventuras empresariais infinitamente máis ruinosas.
"Imos ser continuístas"
Ferrín, que será elixido hoxe presidente da RAG,
di que a institución debe "defender o galego fronte á pretensión dun decreto lesivo para a lingua"
Galicia Hoxe, 23.01.2010, BETI VÁZQUEZ/AGN
Ingresou na Real Academia Galega (RAG) no ano 2000 pronunciando un discurso sobre a poesía medieval galega. Dez anos despois, o seu nome oíuse alto e claro desde que caeu o primeiro gran de area do reloxo que marcaba o tempo de Xosé Ramón Barreiro á fronte da institución. E aínda que se mostrou disposto a retirar a súa candidatura se perigaba o consenso, finalmente non fixo falla. Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938) converterase hoxe, 23 de xaneiro, en presidente da RAG despois dunha partida que gañou sen contestación: xogouna contra si mesmo.
Pregunta: Dixo que estaba disposto a retirar a súa candidatura se había máis "aspirantes" para evitar enfrontamentos. A que viña ese sacrificio?
Resposta: (ri) Non era un sacrificio, é que para min o importante é que se lograse un consenso máximo. A Academia é unha corporación viva na que existen puntos de vista diversos, e pode haber membros que propuxesen outro candidato. Retirarse sempre é unha posibilidade para ter en conta.
P: Hai unhas semanas non quixo confirmarme a súa candidatura. Cal foi o motivo que o levou a presentarse?
R: Que a miña candidatura chegase avalada por tres académicos -Xosé Luís Axeitos, Ramón Lorenzo e o último presidente, Xosé Ramón Barreiro-. Pensei na posibilidade de presentarme nese momento, cando un grupo de académicos me pediu que fixese a postulación. Despois veu a presentación da candidatura.
P: E o proceso para gañar adeptos, como o leva?
R: Eu non fixen nada! (conta entre risas) Fixen a miña candidatura, todo o mundo sabe quen son eu e a ver que pasa!
P: E contar co aval do anterior presidente, axuda á hora de conseguir apoios?
R: Pois foi el un dos que me propuxo, pero entendo que nestes momentos é un voto máis, unha personalidade máis entre os trinta e tantos que hai.
P: O seu nome soou con forza desde o minuto un e quedou como candidato único. Non se atreven a enfrontarse con vostede?
R: Podía presentarse outro candidato ata 48 horas antes. Non creo que non se atrevan, igual non queren ocupar ese cargo (ri).
P: Manuel González, presidente en funcións da RAG, definiuno como ""un bo candidato". Por que é un bo candidato? Nunca ocupou un posto destas características...
R: Nin destas nin de semellantes! Pero teño a idade e a experiencia suficiente como para poder facerme cargo da responsabilidade.
P: Cal é o reto máis inmediato ao que se enfronta a Academia?
R: Fundamentalmente cuestións internas. Neste momento está inmersa dentro dun debate social e político moi importante, que é a defensa do idioma fronte á pretensión dun decreto que é lesivo para a lingua e a cultura galega e para Galicia en xeral. Pero os retos inmediatos da Academia, polos que ti me preguntas, son fundamentalmente internos. É momento de pechar as portas, en silencio, e de traballar no léxico, na gramática, na onomástica, na historia e na literatura. Que é o que ten que facer! (ri)
P: E vai seguir co camiño trazado ou haberá desvíos?
R: Nós imos seguir polo camiño que está marcado a partir dunha etapa determinada histórica, a iniciada pola presidencia de Francisco Fernández del Riego e continuada por Xosé Ramón Barreiro. En certo sentido imos ser continuístas, e perfeccionar un pouco o que xa se leva feito.
P: A RAG conta xa con máis de cen anos. Queda algunha áncora do pasado que haxa que soltar?
R: Non, non. Non queremos soltar amarra ningunha! (ri) Estamos precisamente moi ben amarrados á memoria histórica e aos obxectivos fundacionais da Academia, que pasan pola plenitude da lingua e da cultura galega. O que pasa é que cada época ten as súas necesidades e hai que darlles resposta: no caso da Academia, toca dalas no plano da lingua e no plano da cultura galegas.
P: Pois no plano da lingua xa deu a súa resposta: un suspenso rotundo ás bases do decreto. Cal é a postura persoal de Méndez Ferrín respecto do borrador?
R: A título persoal, eu coincido con todos os puntos da Academia, igual que a totalidade dos académicos. Foi aprobado xa non só por unanimidade, senón por aclamación (subliña esta última palabra).
P: Con que termo definiría ese borrador?
R: Creo que algún académico dixo "trapallada"... (ri) É algo así. É unha cousa que non ten solidez, que ten moitos defectos, non é satisfactorio para ninguén que queira defender o idioma e que queira frear o seu proceso de desaparición e descomposición. Así se viu nos apoios que recibiu a resposta da Academia.
"A inmersión lingüística fixéronma en castelán"
P: Deféndese a inmersión lingüística no informe, como dixo Alfonso Rueda?
R: (levanta a voz) A inmersión lingüística é o que che fixeron a ti, cando te educaron en castelán, igual que a min! E a todo o mundo! (ri) E é o que está recomendado en varios modelos pedagóxicos cando se quere fomentar e recuperar unha lingua que está a perderse. O exemplo que se pon é o do Canadá, onde se ensina o inglés e o francés, pero as linguas indíxenas están especialmente protexidas. A inmersión é un ben! Eu, as linguas que aprendín, aprendinas por inmersión lingüística.
P: E as críticas de que o galego que defende a RAG é artificial?
R: (non deixa rematar a pregunta) E o castelán é artificial porque o artificiou a Real Academia española! Por iso ningunha das persoas que asina esa crítica pode escribir "vaca" con "b" para falar do animal! (ri a gargalladas).
O PAPEL
P: Que papel xogarán as súas opcións políticas (como membro da dirección na FPG) no seu novo cargo? Será quen de deixalas a un lado?
R: Non, non podo deixar de pensar como penso. Sería coma se cres nas teses de Freud e tes que deixar de crer. Pero é certo que a Academia é a Academia, e a ela me vou dedicar, a servila as 24 horas.
P: E que fará a Academia se o decreto do galego vai adiante?
R: Nada. Xa fixo o que tiña que facer: emitiu unha doutrina admitida polas persoas dispostas a salvar o galego. A RAG non é un partido político, nunca vai ter representación no Parlamento. Non hai nada máis que facer.





Un engano coas cifras
Afonso Vázquez-Monxardín
“La Región”:23-01-2010
O verbo enganar, segundo sexa pronominal ou transitivo , ten dous significados diferentes. Un é pura equivocación: ‘Enganeime, enganácheste ou enganouse de hora e ao chegar xa acabaran o viño’, por exemplo. Pero no segundo implica voluntariedade, así: ‘O timador sorriulle ao cliente despois de enganalo’. A cousa non ten dúbida. Pero o substantivo si. ‘Engano’, a secas, pode ter tamén esas dúas lecturas diverxentes, é unha palabra, perdoen o cultismo, anfibolóxica. ‘Un engano coas cifras’ pode ser unha pura equivocación ou unha mentira maliciosa.

Non me teño por un repugnante deses que sempre ten un ‘pero’ a calquera cousa que outro faga, pero ao lado de moitas cuestións de cifras que me fan rir, outras fanme fruncir o entrecello. Parece que non todos os cubeiros teñen o mesmo bo ollo, incluso parece habelos con graves problemas oculares, así se explican as cifras, por exemplo, de asistentes a manifestacións, normalmente simpáticas polas diferenzas estrambóticas. Sempre lembrarei que no segundo ou terceiro aniversario da morte de Franco dicían os organizadores que houbera un millón, e a policía municipal de Madrid, mil. Sabemos todos tamén que ultimamente aparecen empresas dispostas a contar aos manifestantes un a un para dar cifras igualmente curiosas: ‘Houbo douscentos dezaseis mil setecentos vintre e tres manifestantes’... e doce dubidaban. Tampouco deixan de ser simpáticos os problemas que temos todos coas supermegacifras. ¿Cal é a diferenza que hai entre deber cinco mil millóns de euros ou cincuenta mil millóns, ou que unha estrela quede a trescentos mil millóns de quilómetros e outra a doce mil billóns de quilómetros? Non lle sei ben, pero case tanto me ten. Nunca penso deber tanto nin ir tan lonxe.

O que me amola é a falla de escrúpulos e o engano feito con cifras. Timo. Voluntario, evidentemente. Como cando me venderon o Omega con 250 mil quilómetros dicindo que tiña 80 mil. Ou cando me dan unhas cifras por outras de folguistas no sector público. Esta diferenza de núme ros non é tecnicamente posible sen mala fe, sen vontade de engano, pois como moito a media mañá teñen sindicatos e administración as cifras exactas. Para iso chaman aos centros de traballo e solicitan datos de incidencia. Os responsables ao cargo de cada unidade administrativa transmiten datos oficiais, non opinións ou valoracións, con fidelidade absoluta á verdade e, por se fose pouco, están contrastadas nos días seguintes nas comunicacións de dedución de haberes correspondentes. Así pois, hai un engano consciente, un delito de falsidade (alteración ou simulación da verdade, con efectos relevantes, feitas en documentos públicos ou privados) de alguén que debería ser perseguido. Se viñese da Administración sería gravísimo intento de alterar a realidade. Pero se viñese dos sindicatos non o sería un ápice menos. E gustaríame saber quen é o mentiroso, en que palabra non podo confiar. En definitiva, cada un debe facer a valoración que lle pete cos seus argumentos e dimes e diretes, pero estes números son pura estatística. Non son opinables.

20 ene 2010

Catedráticos e xuíces alertan da ilegalidade do decreto
Decanos de varios Colexios de Avogados, catedráticos, profesores de universidade, xuíces e fiscais de toda Galiza. Eles son parte dos máis de sesenta xuristas que advirten á Xunta que o seu 'Decreto do Plurilingüismo' pode ser inconstitucional.
A Nosa Terra, 20.01.2010 Manuel Vilas

Os expertos presentaron esta mañá unha “Análise xurídica crítica” coas bases do Decreto. Nela aseguran que “os dereitos non se poden someter a votación”, en referencia á pretensión do Goberno de que os pais elixan a lingua de varias materias.
Baseándose en sentenzas do Tribunal Constitucional, os xuristas proban que os pais só teñen dereito a decidir sobre a ensinanza moral ou relixiosa, pero nunca sobre a lingua. Isto é unha obriga do poderes públicos.
Máis clases en galego que en español é legal
Ademais de organizar referendos sobre a lingua nos centros, a Xunta pretende reducir o mínimo de galego do 50 ao 33 por cento. Ante isto, os xuristas advírtenlle ao Executivo que “a regulación dos horarios de ensinanza e nas linguas oficiais ten que conseguir a plena competencia”. O documento, citando varias leis e sentenzas, proba que é legal que o galego goce de máis horas que o castelán e, por suposto, o inglés.
O motivo é que a Constitución promove un apoio especial ás linguas que estiveron historicamente marxinadas, para acadar unha igualdade real no presente. É dicir, a Constitución obriga a que os nenos aprendan castelán e galego, non a que as aulas teñan que ser ao 50 por cento. “Non é cuestión de horarios, senón de resultados”, conclúe a Análise.
Os mestres terían que cursar seis anos antes de dar clases en inglés
A Xunta do PP tamén teima en que, a medio prazo, o 33 por cento das aulas sexan inglés, a mesma porcentaxe que en galego e castelán. Os xuristas respóndelle ao goberno que “o tratamento das linguas oficias e de linguas extranxeiras non pode ser equiparado de xeito xeneralizado e obrigatorio no ámbito educativo”.
Ademais, a profesora Nogueira, en rolda de prensa hoxe en Santiago, explicou que a Lei obriga aos mestres que impartan clases en inglés a obter o nivel B2 e acreditalo cun título oficial.
Na práctica isto obrigaría a gran parte do profesorado galego a aprobar seis anos de cursos nas escolas oficias de idiomas, actualmente xa saturadas de alumnos.
A Lei nega que os nenos falen nunha lingua diferente da regulada para cada materia
A Xunta tamén estaría a violar a Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias, que o Estado ratificou e polo tanto ten rango de Lei. Esta Carta esixe a presenza do galego en todos os niveis, algo que o borrador non garante para o ensino de 0 a 3 anos.
Por último, o documento advírtelle á consellaría de Educación que nin profesores nin alumnos teñen dereito a escoller o idioma das aulas. A Xunta pretende que os nenos poidan falar no idioma que queiran nas clases, independentemente da lingua na que se impartan os contidos.
Nogueira, que compareceu acompañada de Luís Villares e Héctor López, asegurou que a pretensión do colectivo é que o Goberno rectifique para evitar que o Decreto entre nunha batalla xudicial. Para tal fin xa remitiron a súa Análise a San Caetano.
TEXTO DA ANÁLISE XURÍDICA CRÍTICA: http://www.anosaterra.org/media/media0000020369.pdf

18 ene 2010

A RAG ve "inaceptable" e "inconsistente" o borrador do novo decreto
Xornal.com, 18/01/2010

A Real Academia Galega pide á Xunta que "rectifique" a súa postura xa que o texto "non se sustenta legal non pedagóxicamente"
A Real Academia Galega (RAG) cualificou hoxe de "inaceptable" e de "inconsistente legalmente" o borrador do decreto do galego no ensino non universitario, ademais de reclamar á Xunta que "rectifique" a súa postura e aposte polo "consenso" e un acordo social "integrador" para a aprobación dun texto destas características. O secretario e presidente en funcións da institución académica, Manuel González, destacou que o informe sobre o borrador presentado polo Executivo galego "expresa sentir da totalidade da Academia", xa que foi aprobado por "unanimidade" no plenario que esta institución celebrou o pasado sábado. Así mesmo, indicou que se trata dun "documento razoado e fundamentado" e remarcou que, entre outras cuestións, rexeita a posibilidade dunha consulta vinculante entre os pais sobre o uso do galego "que non se sustenta legal nin pedagoxicamente", apuntou. Tamén reclamou unha "discriminación positiva" no ámbito educativo para este idioma e criticou que as bases da Xunta "zumegan pouco afecto pola lingua galega".
TEXTO COMPLETO DA ANÁLISE DA RAG: http://www.anosaterra.org/media/media0000020309.pdf
Un decreto contra a intelixencia
MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO
Galicia Hoxe, 18.01.2010

Non ben presentou o presidente da Xunta o chamado "Borrador do Decreto do Galego no Ensino", practicamente todos os sectores pensantes e actuantes na sociedade galega manifestaron a súa absoluta disconformidade con tal proposta gobernamental. Dende os sindicatos do ensino e as entidades pedagóxicas até a Asociación de Directores de Secundaria de Galicia e as organizacións culturais e sociais, pasando polo mundo editorial, creativo e intelectual do noso país, a proposta de Núñez Feijóo foi centro de todas as críticas -incluídas, obviamente, as dos partidos políticos na oposición, PSdeG e BNG (que suman xuntos 5.773 votos máis que o PP), o que significa para o propio Feijóo e os seus -e non todos, porque hai sectores do PP de Galicia tamén críticos co borrador do Decreto- teren que chantarse diante do espello do fracaso político e da soidade existencial. Porque até a grotesca galegofobia organizada -minúsculos niños activos de autoodio- deixou só ao presidente con este borrador que, polo que semella -pura teatralización carpideira-, non é do gusto dos seus tristérrimos adeptos. Mais hai algo que si se pode afirmar sen medo a caermos en erro ningún: a intelixencia de Galicia -ou, se prefiren vostedes, a intelligentsia- está claramente en contra do posíbel decreto feijoniano. Está en contra a intelixencia ética, aquela que ten por obxectivo facer funcional a interacción entre o medio e a identidade profunda do individuo, e están en contra a intelixencia cultural -a que procura solucións sustentábeis e creativas- e a intelixencia académica, esta última no seu sentido máis amplo. ¿Pode e debe un presidente e o seu Goberno actuar contra a intelixencia do país que administra? Se así o fai, será un erro maiúsculo. Un erro que, tarde ou cedo, se acabará pagando. Por iso Feijóo -"a intelixencia é a capacidade que se ten de aceptar o que está ao redor" (William Faulkner)- debería escoitar o que di a maioría intelectual, académica, política e social, e retirar o borrador contra o galego.

15 ene 2010

Vai de guay
Rosa Enríquez
La Región, 14-01-2010
Cantas veces temos observado en alguén condutas absurdas, propias, exclusivamente, da mala educación, que son silenciadas pola covardía doutro/a que unicamente observa, escoita e cala? Centos de veces. Estou certa. Son estas persoas, individuos cuxa delicadeza social obedece a criterios arbitrarios tan pobres como o socorrido ‘feeling’, ou, tamén, a inestimábel condición de ‘guay’ do destinatario desta amabilidade, en ocasións reprimida voluntariamente para reforzar posicións ante alguén pouco coñecido que, ouh fortuna caprichosa!, non ten a pinta acaída para nos gustar. Visto dende fóra, a escena ten o aspecto da representación teatral da imbecilidade levada á rúa, a xeito de performance. O título podería ser algo así: Pódese ser máis estúpido/a? Imaxinemos a situación. Dúas persoas crúzanse, por exemplo, nun paso de peóns, fartas de coñecerse e re-coñecerse. Unha intenta saudar e queda coa boca aberta, co ‘ola’ na gorxa, sen entender nada. Porque pasa isto? Sinxelo, pensa o/a ‘negador/a’ (gústame chamarlle así aos/as prexuixosos/as) eu, ver, o que se dí ver, véxote de sobra mais fago o/a despistado/a porque eu son así, guay de todo. Daquela, chegados a este punto da cuestión, caio na conta de que o problema é máis fondo do que parece. Un riso prepotente, cheo de suficiencia non servirá de nada. Só para enganármonos a nós mesmos, como os negadores/as cuxos complexos os obrígan a ofender, a obviar e, en moitos casos, a maltratar a aqueles ou aquelas que lles estorban.Argumentos de peso para o rexeite? Absolutamente ningún que pague a pena analizar. ‘Cáeme ma’l ou ‘non temos empatía’ resultan demasiado infantís e os adultos hai tempo que deixamos a escola. O problema é que a aparente imbecilidade que subxace neste tipo de actitudes, acocha polo baixo un terríbel fascismo emocional que remata por estenderse entre os distintos componentes do grupo negador, curiosamente convencido de ser ultramoderno, isto é, guay do paraguay. Para que nos entendamos, que, paradoxalmente, practican o que denuncian. A saber, o totalitarismo grupal, a xenofobia e o racismo da apariencia. Por iso, interesa ter unha visión ampla, certa profundidade de campo, algo de autocrítica e moita educación. Sobre todo o último. De pouco ha servir que formemos os menores en valores como a igualdade e o respecto se nós propios, somos insolidarios/as, prepotentes e soberbios até o punto de crer nunha certa superioridade baseada nun suposto don da simpatía que consiste, a meirande parte das veces, en ridiculizar ao outro/a. Non tes gracia suficiente? Non te divirtes coma nós? Mala sorte. O que che queda é o ostracismo...? Simplemente non pode ser.

14 ene 2010

Non lles teño máis remedio...
AFONSO VÁZQUEZ-MONXARDÍN
La Región, 12-01-2010

Pois paréceme que non lles teño máis remedio que falar do famoso ‘decreto do galego’. O certo é que a cuestión da lingua non me atrae, se cadra por estar toda o día dándolle voltas. Pero en fin, polos oficios que
me cadraron -non sei se polo de arqueólogo de andar enredando nas cousas propias e antigas, polo de docente de traballar con mozos e futuro, ou por este pasatempo ocasional de opinador e entretedor do lector- creo que debo expresar a miña opinión.
De partida, a primeira impresión é o erro cometido por Feijóo ao incumprir a primeira premisa do político: hai que resolver máis problemas dos que se crean, ou sexa, a resolución do problema non pode ser un problema moito máis grande que o problema mesmo. Ligada con esta, está a sensación doutro erro cometido por Feijóo: empeñar a súa palabra públicamente cun grupo de presión que non podía controlar, como Galicia Bilingüe.
Neste sentido, en vez de adoptar unha postura presidencialista de distancia das actitudes enfrontadas, a favor e en contra, para poder promover terceiras vías que animasen á promoción do galego desde esoutro punto de vista -cordial el lle chama- apoiouse, creo que inxenuamente, nun dos extremos.
A terceira impresión é un erro de Feijóo no control dos ‘tempos e formas’. Se quería derrogar o decreto de 2007, derrógao como primeria medida de goberno e punto. Queda en vigor o anterior e ao tempo convoca unha mesa de lingua entre as forzas políticas ao abeiro, por exemplo, do Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega, pois é un tema que excede, como todos asumimos, o debate político partidario. Galicia Bilingüe, Mesa, Consello Escolar de Galicia, Asociación de Directores, sindicatos, etc. serían elementos consultables, pero non dirixirían a reflexión da cuestión lingüística no país, que ben vemos ao lugar onde nos levou a falta dunha dirección decidida.
Creo tamén que boa parte do problema vén da obvia politización do tema. Non de hoxe, por parte deste Goberno que caeu inxenuamente na cuestión, senón desde hai anos. Non vén a nada dicir agora desde posturas promotoras de galeguización que non había problema ningún cando a Mesa convocou unha alucinante folga no ensino (26/11/2008) contra o Goberno bipartito, en clave interna puramente electoral
(simplificando, sectores do BNG contra a convivencia BNGPSOE) uns meses antes das eleccións. Sospeito que por cousas como esa levan baixando xa tres eleccións autonómicas seguidas. E municipais.
Vexo a necesidade dun recambio de liderados e actitudes nos pólos lingüísticos. Nin Gloria Lago nin Callón, por moito que digan, parecen xente de entendementos senón de mobilizacións. Sabemos, ademais, que nas tres forzas políticas hai xentes de sensibilidades distintas, con tema transversal que é. Non é o mesmo o que diría Paco Vázquez que Xosé Bugallo. Non é o mesmo o que diría Negreira que Baltar junior. Non é o mesmo o que dirían Rodríguez ou Callón que Anxo Quintana.
Por iso, para chegar a difíciles acordos na liña dos foros de reflexión do Consello da Cultura Galega ou da fundación de Anxo Quintana, deberían deixar estes temas, todos eles, nos elementos máis proclives a acordos, a consensos e non ‘externalizar’ o problema pasándolle unha desmedida responsabilidade, case imposible de xestionar, a instancias inferiores. O proxecto común Galicia existe en canto tal, e non é só a suma de vontades de pais de alumnos e de consellos escolares. Creo eu.

12 ene 2010

Profesora na Facultade de Dereito da USC
María Begoña López Portas:
"A comunidade pode quedar descolgada do autogoberno se non reforma o Estatuto"
A autora do libro Galicia y Escocia. Dos modelos federales, publicado pola Universidade de Santiago de Compostela, afonda en que, a diferenza do que pasa no Reino Unido, en España os temas importantes para cada rexión na UE non os debate a propia autonomía
Galicia Hoxe, 12.01.2010 R. CANDAL
A doutora en Dereito María Begoña López Portas publicou o ano pasado, a través da Universidade de Santiago de Compostela, o libro Galicia y Escocia. Dos modelos federales, no que analiza moi polo miúdo as semellanzas e diferenzas entre a nosa comunidade e o país británico en canto a nivel de competencias, desenvolvemento normativo e sistemas.

Como xurdiu este libro?
O punto de partida foi a miña tese doutoral. O proceso de Devolution inglesa comezou en 1998 e no 2002 comezaba a consolidarse. Por outra parte, no 2001 empezan a formularse as reformas dos Estatutos de Autonomía en España, o catalán, o valencián... como un paso máis para acadar a autonomía rexional. Aproveitando que tanto no Reino Unido como en España estaban cobrando pulo as reformas para que as rexións acadasen maior autonomía, decidín facer un estudo comparado desde dúas dimensións e tradicións xurídicas tan distintas.
En que se parecen Galicia e Escocia?
En España partíase dun Estado unitario herdeiro dos 40 anos da ditadura franquista, e foise cara a un sistema máis federal descentralizado, e o mesmo acontece en Reino Unido, que partiu do tradicional estado unitario británico e entendeu que había determinadas rexións que querían acadar autonomía, que se mantiveron ó longo da historia e nestas últimas décadas intentouse darlle unha canle xurídica e política.
No eido de competencias e de autogoberno, quen está máis avanzado?
Aínda que as tradicións histórico-culturais, xurídicas e políticas sexan moi distintas, podemos atopar paralelismos e isto é importante porque o sistema de distribución de competencias é distinto. En España, o sistema de listas de distribución competencial é pechado. Temos que consultar a Constitución, o Estatuto, sentenzas do TC que van perfilando as competencias do Estado e da Comunidade Autónoma. O sistema que se usa pretende evolucionar cara á uniformidade. Se ti colles os últimos novos estatutos reformados, verás que presentan igualdades. Imos cara a unha maior autonomía, pero con carácter de uniformidade. No sistema británico, a autonomía que ten Escocia é moi distinta que a que ten Gales. Escocia pode lexislar e executar lexislación sobre as súas competencias, Gales só pode executar. Logo, por un lado parece que Escocia ten máis competencias que Galicia porque o sistema de listas abertas parece que lle concede máis. Onde está a trampa? O sistema de atribución de competencias en Escocia é unha lei do Parlamento británico, de forma que este podería ditar outra lei en contra revogando todas esas competencias e polo tanto parecería que as garantías desas compentencias escocesas son menores que as garantías que teñen desde o punto de vista constitucional as competencias de Galicia. Non se pode dicir quen ten máis competencias, depende. Que pasa? Que dada a tradición anglosaxoa de ser reacios ós cambios, é moi dificil que os británicos ditasen agora unha lei que lle quitase competencias ós escoceses. Ademais, este sistema de Devolution estase estendendo, intentando aplicalo ós entes rexionais e xa locais tamén de Inglaterra.
Moitos nacionalistas toman a Escocia como o modelo a seguir por Galicia...
É un modelo a ter en consideración, pero é un modelo distinto. O modelo de Devolution escocesa xurdiu en consideración de que Escocia se anexionou voluntariamente ó Reino Unido tras o Tratado da Unión en 1707. Durante todos estes anos, Escocia tivo a súa propia moeda, igrexa, sistema penal, universidade... Tivo unha autonomía que Galicia non tivo. A solución que se busca no Reino Unido nace nun país concreto para un problema concreto. Triunfa porque ten en consideración eses elementos históricos, políticos e xurídicos dese país. É igual que o Estado autonómico, triunfa aquí porque ten en consideración o principio de unidade, de autonomía e de solidariedade que establece a Constitución.
Que nivel de desencentralización dirías que hai hoxe no Estado español?
O estado autonómico xa vai máis alá, para min xa se superou o concepto de descentralización e por iso falo de novos modelos federais simétricos (España) e asimétricos (Reino Unido). O Estado das autonomías é un modelo de novo federalismo simétrico.
Pero nese novo modelo a reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia segue pendente...
Ese é o problema. Dentro da evolución que se produciu no estado autonómico, hai unha maior cota de autogoberno na primeira fase por parte das autonomías históricas, ás que se une Andalucía, pero tras os acordos autonómicos e os pactos do 92, todas as demais comunidades, pola vía das reformas das leis orgánicas de transferencias acadan as mesmas cotas de autogoberno que o resto. Na actualidade, o desenvolvemento do estado autonómico volve concederlle novas cotas de autogoberno ás comunidades, pero pola vía das reformas estatutarias das propias autonomías. En total van seis reformas de estatutos aprobadas, incrementando o autogoberno. Quedan pendentes outras comunidades. No caso do Estatuto de Galicia, o problema fundamental é que o acordo autonómico non se conseguiu, e tras unha primeira fase de sondaxe das entidades importantes da sociedade galega, o proceso decidiu paralizarse porque dicían que non se conseguía un acordo de mínimos. O problema é en que situación se pode atopar a comunidade autónoma galega se non se reforma o Estatuto de Autonomía. Porque se a cota de autogoberno se incrementa pola vía da reforma estatutaria, que ocorre coas comunidades que non reforman os seus estatutos de autonomía?
Logo, urxe reformar o Estatuto galego...
Si, sobre todo pola conxuntura. Agora estamos pendentes da sentenza do TC sobre o Estatut catalán. Na sentenza do Estatuto valenciano, do 2007, o TC enumera en 50 folios todos os elementos que considera importantes do estado autonómico e comprende que esta asunción das competencias que se ven producindo polas novas reformas dos estatutos de autonomía terían amparo dentro do marco constitucional. Veremos agora o que ocorre co estatuto catalán. O problema sería se Galicia se pode quedar ou non descolgada se non reforma o seu estatuto de autonomía.
O presidente da Xunta di que é mellor esperar antes de poñerse a traballar de novo en Galicia...
O problema é que tamén se está falando da reforma da Constitución. Algúns autores formúlanse se é que estamos empezando a casa polo tellado, xa que algúns elementos que se queren reformar da Constitución abarcarían o estado das autonomías.
E a nivel de Europa, Galicia ten a voz suficiente?
É certo que se incrementaron as vías de participación autonómica na UE, pero, a diferenza de Escocia, os temas importantes non os debate a propia comunidade autónoma en nome de todo o estado español, senón que simplemente forma parte da comisión delegada. Deste xeito, as decisións non son adoptadas por aquelas comunidades que se poden ver máis afectadas polo tema. No caso do Reino Unido, se na Comisión houbera que negociar unha cuestión de pesca, só iría a delegación escocesa, porque se entende que é a rexión que máis se vería afectada polo tema de pesca. No caso de Galicia non é así.
O PERFIL
María Begoña López Portas (1978) é diplomada en Estudos da Defensa Nacional (Ceseden), doutora en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e profesora do Departamento de Dereito Público e Teoría do Estado desta universidade.
As súas principais liñas de investigación actuais cos novos modelos federais e a participación rexional, o estudo do ámbito competencial autonómico e a análise comparativa do autogoberno rexional.
É autora e coautora de diversas investigacións e traballos en revistas especializadas e obras colectivas como El sistema competencial de Galicia: Autonomía y federalismo; Un breve análisis de las propuestas regionales en el contexto multilevel europeo: el caso vasco; ou La figura dos Estado en los procesos de integración y descentralización política. Unha relfexión sobre su naturaleza jurídico-política, etc, entre outros moitos traballos.

10 ene 2010

A única Administración responsable de protexer o galego
Alba Nogueira López
Vieiros, 07/01/2010

Con irresponsabilidade renuncia a Administración Feijoo a protexer de xeito reforzado o galego sendo como é a única Administración no mundo que ten encomendada a defensa da nosa lingua. Non van facelo as Administracións murciana, andaluza, central, arxentina e tampouco a británica. Algunhas delas adicarán o seus esforzos a protexer o castelán, como ben sabemos, outras ao inglés sen preocuparlle moito que os seus cativos sexan plurilingües.

O debate non é, mal que queiran botar tinta como a lura para encerellar, se a cidadanía galega debe falar mellor inglés. Falso debate. Os galegos e galegas falan máis linguas que o resto dos españois –cando menos dúas-; falan mellor as estranxeiras e as oficiais –o informe PISA así o confirma-; e para falar moitas das linguas estranxeiras sons específicos da nosa lingua colócannos en mellor posición que ao resto dos unilingües do Estado (o “x”, as sete vogais, o “n” nasal velar sonoro de palabras como “unha”).

O debate é se podemos darlle igual tratamento no sistema educativo obrigatorio, a linguas oficiais e a linguas estranxeiras coa única finalidade de non protexer aquela única á que a Constitución e o Estatuto nos confían a súa protección en exclusiva.

O Decreto que se anuncia do plurilingüismo contravén con claridade o conxunto do ordenamento aplicable ao eido educativo. Fronte aos mandatos de protección da lingua propia da Constitución e o Estatuto suprímese a adquisición da lingua en educación infantil, se os pais o queren, e rebaixase a competencia en educación primaria e secundaria (un falso 33% no que nin tan sequera terán que falar ou examinarse en galego salvo na materia de galego). Fronte ao mandato de progresividade no coñecemento da Lei de Normalización Lingüística, por primeira vez a normativa de uso do galego nas aulas vai a ceacú. Fronte á marxe maior que ofrece a Lei Orgánica de Educación ás comunidades con lingua propia (o 45% do horario escolar, fronte ao 35% das que non teñen máis lingua que unha) o goberno galego decide homologarse a La Rioja e utilizar unha parte dese horario para aumentar o inglés e o castelán.

Lonxe de afondar no exemplo dos países con mellores resultados no informe PISA, no que Finlandia é un exemplo, innóvase ao revés. Finlandia basea o seu sistema educativo na firmeza na adquisición das linguas propias –finés e sueco- durante os dous primeiros anos de educación obrigatoria centrando nese esforzo a maior parte do tempo escolar xunto ás matemáticas. A introdución do inglés faise como unha materia diferenciada impartida por especialistas a partir de terceiro curso que ten como obxectivo principal a práctica oral. Para iso os grupos son máis pequenos que os que manexan os nosos mestres e profesores (25 nenos en infantil e primaria, 30 en secundaria). Non hai materias “en” inglés.

O profundo complexo que revela este proxecto de norma, propio de quen pensa que os galegos mais que falar con corrección a lingua que usamos para vivir e construírmos o noso pensamento debemos ser emigrantes; a absoluta irresponsabilidade de quen renuncia a exercer unhas competencias de protección da cultura e identidade propias que non vai mais ninguén mais por nos; o claro desleixo e descoñecemento da realidade do sistema educativo; a ausencia de vontade de investir na educación reducindo o número de nenos nas aulas, aumentado o profesorado, financiando materiais, informatizando as aulas, abrindo aulas de linguas, son o que agocha este proxecto de norma para o unilingüismo nas aulas.

Dúas alternativas para a lingua

Afonso Vázquez-Monxardín

La Región:09-01-2010

A lingua, como é o órgano co que falamos, por non ter óso que se desgaste, porque a función crea o órgano, e porque o falar non ten cancelas, pois é un tema que dá para moito. E chega a fartar, realmente. Tamén, se cadra, cumpría debater sobre as orellas. ¿Con que orellas escoitamos? ¿Limpas ou non de prexuízos? En fin, hoxe, en liberdade, quero achegarme a un tema de preferencia de linguas que non quere dicir de imprescindible escolla dicotómica, porque se cadra ao lector, igual que a quen escribe, lle gustan as dúas. Non é unha disxuntiva. Pode ser primeiro unha e despois a outra. Ou uns días unha, outros días outra. Ou depende do momento. Vexamos.
A estufada. (convir
án comigo en que a palabra galega estufar está máis próxima que a castelá ‘estofar’ á etimolóxica fonte de calor, pero sigamos). Colla un lingua de vaca de quilo e pico. Sácalle os nervios, graxas e osiños todos do final. Lávea ben en auga fría e déixea estar a remollo pola noite. Déalle un primeiro fervor de cinco minutos e tire coa auga. Logo póñaa a cocer con media pastilla de avecrem -si, son un herexe, que se lle vai facer- e unha folla de loureiro. Con pouquiña auga, que xa solta ela xugo. Que bote no lume algo menos dunha hora na ola express. Retírea e deixe que se siga facendo co calor residual. Mentres, no fogón liberado arrime unha pota baixa co testo de cristal -para ir guichando- co de sempre, ou sexa, por orde: aceite oliva virxe, tres ou catro dentes de allo, un tomate maduro sen pel e triscado; de alí a un pouco, un par de cebolas en catro cachos, un pemento roxo en tiras, media ducia de cenorias peladas e enteiras. Así que estea medio pasado todo, engádalle o xugo da cocción previa e a lingua xa cortada en talladas xenerosas. Despois, de alí a un pouco, colóquelle unhas patacas cortadas en rodas xenerosas -a xenerosidade na cociña galega é unha das claves- e pode un punto de azafrán previamente torrado sobre un cacho de papel de aluminio pousado na vitrocerámica un minuto. Probe e ‘reoriente’ se é preciso, o sal, ou espese cun chisco de pan relado. Voilá. Pan de cea para mollar no prebe e viño tinto de Monterrei, por exemplo, e xa está montada a festa.

Ou en friame (estar
án de acordo de novo comigo en que a palabra galega friame está máis próxima que a castelá ‘fiambre’ ao etimolóxico frío de onde provén). A penas se fai nas casas pois enténdese que o limpar, cocer, engadir sales conservantes, poñer no molde, etc. son traballos excesivos e non ten entre nós a tradicíón do lacón, dente ou cachucha prensada. A miña sogra faina ben rica. Asi pois, se non quere pasar o traballo, aí está o Couto ou outros lugares de delicatesen para comprala xa cortada en fino e comela de aperitivo.

¿Que hai que escoller entre unha e outra? ¿E logo por que? Sempre lembrarei a cea que organiz
áramos desde a Mesa de Normalización Lingüística no San Miguel cando estabamos nela -¡que tempos!- o Marcos Valcárcel, a Maruxa Guitián, o Dacunha, o Bieito Losada, non sei quen máis e eu mesmo, na que cearamos, claro, lingua galega. De vaca e estufada. Nosa a fartar.

8 ene 2010

O decreto disparate

05.01.2010

XOSÉ MANUEL SARILLE

Continúa a escalada de despropósitos do goberno galego. O reitor Senén Barro anunciaba hai dúas semanas o colapso inminente das universidades galegas porque a Xunta de Galicia, dicía, apenas adicará diñeiro para os gastos correntes e non haberá dispoñibilidade para mercar nin un só libro. As gravísimas consecuencias para o desenvolvemento social e económico de Galicia parecen importarlles pouco aos responsábeis autonómicos.

Agora a Consellaría de Educación presenta un novo borrador de decreto do galego. Non o fai porque haxa unha demanda social de tal reforma, senón por razóns puramente tácticas que lle afectan ao Partido Popular, e ás que en xeral son alleos os cidadáns de Galicia. No PPdeG trunfou unha nova xeración de líderes, provincianos, máis mediocres, carentes de criterio propio, que cumpren ao pé da letra as directrices que lles envían desde a sé central. Fican lonxe os tempos de Fraga e Cuiña, cando o PP galego era unha forza autónoma, que até producía conceptos como o de autoidentificación e o de administración única. Os Negreira, Juncal, o propio Núñez Feijoo, apenas viven pendentes de satisfacer os desexos da nomenclatura popular e da caverna mediática madrileña. Galicia é un instrumento máis para instalarse no poder. E a Xunta unha institución espida de referentes simbólicos, equivalente a unha grande deputación ou a unha inmensa mancomunidade.

Entre os pricipais intereses da cúpula española do PP e da caverna está o de reducir a presenza social das linguas propias de Euskadi, Cataluña, Galicia e Valencia. De todas as que non sexan o castelán. E os novos líderes provincianos préstanse solícitos ao labor, sabendo que a maior esforzo maior recompensa.

Que pinta o inglés en todo isto? Por que se converte nun problema, nun factor de crispación aquí e non en Castela-León, por exemplo? Porque os leoneses do PP non necesitan a lingua de Shakespeare para tirarlla á cara a ninguén e entón a urxencia cosmopolita faise moito menor. Ademais a exemplar indixencia española en dominio de linguas, o empobrecedor monolingüismo, é moito máis tolerábel se é só en español. A donde va a parar.

6 ene 2010

¿Debe el Estado buscar a García Lorca?
JULIÁN CASANOVA
El País, 05/01/2010

La sublevación militar de julio de 1936 inauguró en España un tiempo sin ley. La obediencia a la ley fue sustituida por el lenguaje de las armas, el desprecio a los derechos humanos y el culto a la violencia. Bajo esas circunstancias, sin ley que obedecer, sin miedo al castigo, aparecieron por todas partes bandas de asesinos, amparadas por los militares, por terratenientes y burgueses asustados por la revolución, que organizaban cacerías y ajustes de cuentas.
Esa oleada de terror, que dejaba a los ciudadanos allí donde caían abatidos, en las cunetas de las carreteras, en las tapias de los cementerios, en los ríos, en pozos y minas abandonados, acabó con la vida de Federico García Lorca. También con las de otros miles de personas, alcaldes, gobernadores civiles, presidentes de las Diputaciones provinciales, diputados elegidos por la coalición del Frente Popular en febrero de 1936, dirigentes sindicales y políticos, campesinos y trabajadores. Los muertos no cabían en los cementerios y por eso se cavaban grandes fosas comunes,cualquier lugar era bueno para matar y abandonar los cadáveres.
Los asesinos ocultaron los cuerpos porque eso aseguraba su impunidad, borraba las pruebas del crimen. Además, como después ganaron la guerra, nunca tuvieron que dar explicaciones sobre su paradero porque nadie les pidió cuentas. Más de setenta años después, muchos de los familiares de esas víctimas no saben dónde están sus restos, desperdigados por lugares insospechados. Es normal que los busquen, que quieran desenterrarlos, obtener la satisfacción sentimental y simbólica de volver a enterrarlos con dignidad. Mientras no se desvele la suerte de sus antepasados, esa historia traumática seguirá presente entre ellos.
¿Qué puede o debe hacer el Estado democrático, sus principales responsables e instituciones, para gestionar ese pasado de violencia y muerte? Hay opiniones para todos los gustos.
Están los que se ríen de quienes "remueven tierra buscando huesos", proponen pasar página, negar el recuerdo, cancelar el pasado. Aznar y Rajoy, voces autorizadas para millones de personas que piensan como ellos, lo repiten siempre que sale el tema: el Gobierno no puede dedicarse a tonterías como la memoria histórica o a la investigación sobre miles de desaparecidos en el pasado. Es la sombra alargada del legado ideológico de la dictadura de Franco, un legado pesado que regresa con diferentes significados, que actualizan desde la democracia sus herederos, políticos, periodistas o aficionados a la historia.
Frente a la cancelación ideológica de ese pasado, hay quienes proponen su recuperación, también ideológica, basada en la memoria testimonial, de grupo, partido o asociación, en el recuerdo del acontecimiento contado por los contemporáneos y sus descendientes. Detrás de esa explosión de recuerdos, que muchos llaman memoria histórica, hay básicamente dos supuestos que la legitiman y le dan fuerza frente a la historia más profesional y científica: por un lado, que esos recuerdos cuentan cosas que la historia oficial, académica o salida de los documentos, nunca registró; por otro, que lo que hacen los recuerdos es colmar una necesidad irresuelta de justicia y retribución después de tantos años de silencio y olvido. Y nada mejor para ello que buscar los restos, localizar fosas, desenterrar a los muertos y volver a enterrarlos.
Si se atiende a esa corriente de "recuperación de la memoria histórica", la búsqueda de los restos de Federico García Lorca no debería ser más importante o primordial que la de miles de campesinos o trabajadores que nadie recuerda o la de autoridades que sirvieron a la República y lo pagaron con sus vidas. Además, por lo que respecta a las víctimas de la Guerra Civil, una política pública de memoria y educación, decidida desde la democracia, debería tener en cuenta a todos los asesinados sin procedimientos judiciales ni garantías previas que hubo en las dos zonas, aunque sabemos, y hay que seguir recordándolo, que fueron los golpistas de julio de 1936 quienes provocaron la guerra, la ganaron e impusieron después una cruel dictadura en la que varias decenas de miles de vencidos, perdedores, acabaron también con sus cuerpos bajo tierra.
El conocimiento histórico tiene que ir más allá de la memoria testimonial. Necesitamos una investigación exhaustiva sobre las circunstancias de la muerte y el paradero de todas esas víctimas de un tiempo sin ley, una agenda de investigación sobre los hechos todavía inexplorados y las personas sin localizar. Una parte de esa labor estaría ya resuelta si el Gobierno hubiera prestado la debida atención al requerimiento del juez Baltasar Garzón y hubiera creado una Comisión Nacional sobre la Desaparición de Personas por la violencia política durante la Guerra Civil y la dictadura de Franco. Los intereses políticos y judiciales del presente han dominado, sin embargo, sobre la necesaria comprensión y explicación de lo que ocurrió. La pregunta es si este Estado democrático que tenemos quiere o no poner los medios necesarios para restituir a las víctimas su identidad. Y no sólo a Federico García Lorca.