28 mar 2006


Blanco Amor nas aulas (PAN POR PAN martes 28 marzo)
Levo máis de 20 anos dando clases de Literatura Galega a alumnos de ensino medio. Nesa longa andaina teño utilizado textos de escritores de todo tipo: de autores clásicos xa falecidos, de autores de hoxe e aínda vivos, de escritores estranxeiros traducidos ao galego, etc. Entre todos eles, sempre que acudín a Eduardo Blanco Amor (“Os biosbardos”, “A esmorga”, algún anaco de “Xente ao lonxe”) nunca me defraudou. Quizais porque sexa un escritor que eu trate con maior empatía, non o nego. Pero tamén porque é moi doado entrar no seu mundo auriense: os alumnos len na clase a aventura da arrasadeira e ás veces escoitan na casa esas mesmas historias en primeira persoa, vividas polos seus pais ou avós. Ou recoñecen os tempos en que o pan centeo era o pan dos pobres. Ou recuperan ese tesouro da lingua: lampantín, pequeneiro, feituco, lerchona, churriana, carafuncho, acrequenarse, esfurricando, etc. (Imaxe: debuxo de Xohán Ledo para a edición de "Os biosbardos" en Galaxia).

6 comentarios:

Anónimo dijo...

¿Que pasa aí, que van dúas comunicacións que non entran? Acabo de recordar, na segunda delas, o baleiro que se lle formou a BA cando aterrou de regreso de Bs.As., as contas que algúns lle botaron-fixeron nada máis morrer e que sairon publicads nun artigo de triste memoria, asinado por outro esgrevio difunto,a inxusticia peremnemente cometida con el e máis con Cunqueiro ou Risco, a inorme calidade literaria de Os Biosbardos e A Esmorga, pero tamén a de La catedral y el niño, probablemente a millor novela realista española da primeira mitade do SXX e o silencio que, con todo, segue a arrodear a súa figura e continúa o que se lle fixo desde Galaxia, (había que oilo queixarse del) ou mesmo a xente do BNG que é moita e variopinta.
Recomendase a lectura da biografía que lle fixo Gonzalo Allegue, viuvo hoxe de Pili Toscano, aquela gran muller pertencente á familia viguesa dos Toscano, médicos cáseque todos eles, donos do sanatorio ó que acodeu BA cando se sinteu morrer, pois era amigo deles, e chamou por un taxi que o levase dende o hotel sito Porta do Sol viguesa, no que sempre se aloxaba, deica o sanatorio dos Toscano, alá na parte alta da cidade. Pois neses dous intentos fallidos de envío falaba de todo iso e vexo que non souben envialo debidamente. A ver se agora, cando menos, sei enviar ben este pra me sumar á valoración e ó recordo deste gran escritor de nós que pagou un alto prezo pola súa libertade de pensamento e de acción, pois foi sempre por libre, andou ó seu aire, independente e altivo, cheo dunha dignidade da que xa tan pouca vai quedando e tan pouca xente disfruta

Anónimo dijo...

Comparto totalmente o que di o usuario anónimo.
Neste país tan gregario e cainita, cando alguén se aparta das capelas e vai por libre, o único que pode encontrar é o baleiro e a inquina.

Marcos Valcárcel López dijo...

Para "usuario anónimo": lamento os seus problemas nos envíos, pero ninguén me manifestou ata hoxe problemas para entrar ou mandar post ao blog. Non sei que pode pasar. Súmome ás consideracións que fai sobre o silenciamento de Blanco Amor (aínda quedan moitas cousas por contar, de certo) e tamén ás que fai "anónimo cultural" sobre o cainismo e as dificultades de camiñar por libre. Se algo foi don Eduardo, ademais de republicano, liberal, progresista, exiliado, galeguista e todos os ista que queiramos engadir, foi un home libre e tamén un librepensador, no sentido histórico. Iso foi incómodo sen dúbida para el en vida (Ourense, o Ourense oficial, deulle as costas: velaí o incidente con Otero, xa o contaremos). Pero quedan os seus libros e eses resisten calquera operación de silenciamento e manipulación. Eduardo vivirá sempre nos seus libros (en galego e en castelán, pois foi espléndido en ambas linguas).

Anónimo dijo...

Hai máis incidentes que o o de Otero Pedrayo que, non sei por qué, á miña memoria sinala na rúa do Paseo, na beirarrúa de enfrente da sala de festas Auria -lugar de moito pecado, pero propiedade dunha das mans direitas de monseñor Temiño, aquel trono que, según Casares, lle pintara unha paxarela á foto do pai, labrego de chambra daquelas sen colo, pra aparentar máis fino e de millor familia- xusto por onde o desaparecido Cafe Madrid (outro incidente, pero este a tiros e según saían de darlle á xogueta) e enfronte tamén do tamén desaprecido Chalet Losada que lóxicamente eu aínda recordo, xunto con todo o citado; agás o incidente, o plante de ROP, que será bo que se recorde, pois óleme a mín que este blogo vai ser refuxio de moitas memorias e non estaría nada de maís empezar a potencialas.

Marcos Valcárcel López dijo...

De Otero e Blanco Amor. É sabido que Blanco Amor non tiña aló moi boas relacións co grupo Galaxia (velaí as súas cartas a Neira Vilas, publicadas en Ed. do Castro, e os duros insultos que lle dedica o ourensán a Carballo Calero, por ex.). "Faraón" era unha flor que o Eduardo lle dedicaba a menudo a Otero: cóntao G.Allegue na súa biografía (p.283). Curiosamente Otero, Del Riego e Ferro Couselo foron os que o propuxeron como membro da RAG para sustituír a Pedret Casado. E nos últimos anos en Ourense houbo unha pequena polémica que creo que non conta Allegue. Os dous pugnaron por ser nomeados Cronista Oficial da Cidade de Ourense. Blanco Amor quedou doído, disque, porque o posto foi para Otero, apoiado por certos estamentos oficiais (entre outros, un antigo concelleiro carlista que en tempos mandara algo na cidade auriense). Dado o rexeitamento que EBA tiña en certos sectores ourensáns, aquela decisión (fose ou non xusta) era tamén "política": a cidade, pensarían algúns, non podía ter un Cronista republicano, galeguista, de esquerdas e, por riba, homosexual.

Anónimo dijo...

E tamén está a outra anécdota entre Otero e Blanco Amor.

Este último foi falar co primeiro para ver de facerlle un libro de entrevistas. Otero preguntoulle displicente:

- Non quererá vostede ser como Eckermann? (Aludindo ao amigo e confidente de Goethe e autor da célebre “Conversas con Goethe nos derradeiros anos da súa vida”).

Ante este desplante, a aguda mente de Blanco Amor foi quen de retrucar deste xeito:

- Non, porque vostede tampouco é Goethe.

Sobra dicir que nunca houbo tal libro de conversas Otero Pedrayo / Blanco Amor.