17 abr 2006


De Enkheduanna, a primeira escritora da historia
(Escribín hai tempo estas liñas, cando empezaba a guerra do Iraq, pero creo que non perderon actualidade, por desgraza...)
Enkheduanna. Disque alí houbo unha gran calamidade cara o 2900 antes de Cristo: desbordamento de ríos ou un maremoto, iso que rexistran varias relixións como a crónica do Diluvio Universal. Era a vella Mesopotamia e foi isto antes dos tempos históricos de Sumer, que deron paso a unha vizosa civilización que inventou grandes cousas: a escritura e as primeiras escolas, a literatura e certos coñecementos médicos, tamén a cervexa (kash) para alimentación e farmacopea. Alí tamén encontramos o primeiro escritor de nome coñecido na historia da Humanidade: unha muller, Enkheduanna, filla do rei Sargón de Acad, gran sacerdotisa e autora dun poema á deusa Inanna. É un nome difícil, pero Enkheduanna merece pasar á Historia con máis mérito que os xenerais que hoxe enchen de bombas e estreliñas bélicas ese mapa.
Torturas e odio.Hay golpes en la vida tan fuertes, yo no sé,/ golpes como el odio de Dios./ Son pocos, pero son”, escribiu o poeta César Vallejo. Versos anguriados, conciencia desesperada que fala da arma máis mortífera do mundo, moito máis perigosa que as supostas armas químicas e biolóxicas: a arma do odio. Ese odio reprodúcese coa masacre de víctimas civís e coa prepotencia inútil dos invasores que se queren liberadores en todas as guerras. As imaxes horrorosas das torturas son só un pequeno recuncho dun gran cadro que se nos oculta na súa integridade. Na “Orestíada” de Esquilo, Orestes, consumado o seu matricidio contra Clitemnestra, é perseguido polas Erinias, as deidades da vinganza. A deusa Atenea perdoa a Orestes e calma as furias vingadoras. Pero nós non sabemos o remate destoutra traxedia.
Por un papel. Disque é importante saber de onde é un e en qué tempo vive: “son fillo do meu país e fillo do meu tempo”, dicía o noso Murguía. Con iso debería chegar. Pero hoxe é preciso ademais levar na carteira o DNI e unha chea de documentos, con cadanseu número, testemuña de que existimos. Eses papeis necesarios levan a milleiros de inmigrantes hispanos a alistarse nos exércitos do coloso norteamericano. A cambio o Estado promete garantirlles a cidadanía. As lexións romanas conquistaban países e facían moreas de escravos entre os vencidos para traballar os seus eidos. Hoxe os escravos están dispostos a matar ou morrer, non por intereses económicos ou políticos. Só por un papel de cidadanía. ¿Avanzamos?
(A imaxe de Ingres como contraste, outra vez)

4 comentarios:

Elianinha dijo...

Tras confirmar se vostede era o Marcos Valcárcel que eu pensaba e coa certeza de que si, alégrome de que teña un oco na rede onde se poida compartir, de xeito recíproco, reflexións, lecer e pensamento. Noraboa polo espazo, e só lle recomendo que garde o artigo novamente para cando vaia empezar a invasión a Irán. Proximamente nas súas televisións.

galeidoscopio dijo...

Apesar de todo, si, avanzamos. Ainda que haxa demasiado por mudar.
A Declaración de Independência dos Estados Unidos e a Declaración dos Dereitos Humanos recolhen o recurso à revolta contra a tirania e a opresión.
Saúde.

Marcos Valcárcel López dijo...

Si, galeidoscopio, eu tamén creo que avanzamos, ou que queremos avanzar, como conxunto colectivo, como civilización. Pero como individuos a motivación que leva a morrer en Iraq a un soldado de orixe hispana non é moi diferente da que movía os primitivos escravos da antigüidade. A mensaxe dos documentos que citas (e mesmo doutras reflexións anteriores: desde o século XVI hai pensadores que xustifican o tiranicidio) non sobrepasou certos círculos ilustrados: unha inmensa maioría descoñece eses textos e os seus dereitos cívicos.
Para Eileaniha: sexa vostede moi benvida neste espazo virtual onde sempre serán ben acollidas as súas reflexións e pensamentos. Que isto sexa unha encrucillada de achegas mutuas. Vexo que vostede é estudante de xornalismo, o que fai aumentar a miña admiración: nestes tempos hai que ser moi valentes para escoller unha profesión tan fermosa e ao tempo tan difícil. Tamén se podería facer un paralelismo entre os xoves licenciados de hoxe e o escravismo antigo: hoxe non vos botan aos leóns, do resto hai moitas coincidencias no trato. Sorte e saúdos moi cordiais.

Anónimo dijo...

Ola Marcos! Acabo de ler o artigo sobre a primeira escritora na historia (aínda que ao mellor só responda a un mito), Enkheduanna, e gustourme moito. Aínda así paréceme triste e irónico que onde antes había interese por saber e progresar, agora só impere a ambición e a egolatría, como dis ti, a tortura e o odio, esas cousas que criticamos todos os días pero ahí seguen. Teño que engadir que elixes as pinturas con un gusto fabuloso. Precisamente a imaxe de Ingres que acompaña a este texto é todo tenrura e lirismo, se che son sincera, agora non se pinta así!!! igual que agora xa non progresamos así, (nin espiritual, nin emocional, nin intelectualmente), pode que ao mellor no físico, pero...ao fin e ao cabo, esa obsesión que temos pola imaxe é efémera; xa podían volver os tempos onde a naturalidade e a espontaneidade se valorasen un chisquiño máis!!! Unha fonda aperta de Yoli. Saúdos pra túa familia, saúdos de Modesto :-)