4 abr 2006


A REVOLTA DOS MOZOS EN FRANCIA
(Andoliña martes 4 abril)
Trala revolta autodestructiva das “banlieus” hai uns meses, o polémico contrato do primeiro emprego (CPE) auspiciado polo primeiro ministro Dominique de Villepin logrou poñer en pé de guerra a boa parte do tecido social francés: sindicatos, estudantes, profesores universitarios, etc. As universidades rodeadas pola policía, a Sorbona pechada e as manifestacións masivas na rúa (entre un e tres millóns de franceses na rúa o martes) fixo falar a algúns dun novo maio do 68.
Pero o suxeito social parece ter mudado abondo desde aquela. Jean-Robert Pitte, rector da Sorbona, contrario a estas mobilizacións, afirma que “moitos estudantes de 20 anos teñen unha mentalidade de 60 e iso é triste. Os estudantes teñen hoxe un discurso ideolóxico dun arcaísmo incríbel, un discurso arqueomarxista fóra do tempo. Aspiran a que todo llelo dea resolto o Estado. Rexeitan o risco, todo o que esixe un esforzo de superación”. Quizais sexa así, pero cando menos protestan e iso é unha posición activa. A lexislación sobre o emprego dos mozos en España, din os informes, é menos favorábel que a que proxecta a polémica reforma laboral francesa. Pero, aquí, iso interesa menos: todo o mundo está ocupado en debater arredor do “botellón”.
(Na imaxe, un combativo cartel de Rodchenko, das vangardas rusas)

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Así é, certamente. Mentres en España a tendencia movilizadora actual transita pola senda etílica, (vías sms, www ou o que faga falla) os nosos veciños franchutes loitan por melloraren cuestións tan elementais como as referentes á estabilidade laboral. Claro que aquí iso non é o máis importante. Total, se con unha pensionciña non contributiva chega de sobra para pagar os ribeiros... así que, para que protestar polas rúas adiante! Iso que o fagan os franceses. Igual que nos tempos de Robespierre.Igualiño.

Anónimo dijo...

Tampouco creo que os mozos do Estado español sexan uns lacazáns, alcohólicos ata a médula e demais. Creo que nas manifestacións contra a LOU, a LOE ou contra a guerra a mocidade tivo un papel activo. Non sei que opinaredes vós. Un saúdo.

Marcos Valcárcel López dijo...

Nos mozos do Estado español hai de todo, como en todas partes. Non podemos identificar o conxunto con ese grupo de lacazáns e borrancháns, pero tampouco lles facemos ningún favor pensando que todos son como unha minoría máis comprometida, ecoloxista e máis ilustrada. Porque logo se conducen, cousas normais da xuventude, por movementos gregarios e o sistema ten instrumentos de sobra para levalos dun lado para outro. Si observo que, comparados coa miña época, os mozos de hoxe están máis desideoloxizados (nós estaríamos quizais demasiado?) en liñas xerais.