ANO DA MEMORIA. VERDEGAIA. OS GRANDES SIMIOS.
(La Región 1 de maio)
Ano da Memoria. O Congreso dos Deputados aprobou nesta semana que o ano 2006 sexa o da Memoria Histórica, apoiando así unha proposta de Izquierda Unida-Iniciativa per Catalunya-Verts (a mesma declaración xa se fixera en Galiza). Non é unha sorpresa engadir que o único voto en contra foi o do grupo popular para quen esta proposta “divide aos españois e reabre feridas”. Segundo os populares buscar as raíces da nosa democracia é “utilizar o pasado como arma política”: o certo é que hai un pasado de máis de 40 anos en que houbo demasiados silencios e aínda estamos a agardar por unha dereita democrática que se atreva a buscar a súa lexitimidade histórica sen copiar o discurso ultradereitista e revisionista que presenta a Franco como salvador e redentor de non se sabe cantas catástrofes.
Verdegaia. Nace Verdegaia, que concibe o ecoloxismo como “un ideario político de transformación social”. Proponse traballar pola paz e a xustiza social e facer entender a todos que a insustentabilidade ecolóxica tamén xera inxustiza social. É un novo grupo pero ten moita experiencia detrás, porque agrupa, ademais de xentes novas, a moitos antigos socios e dirixentes de ADEGA, como o seu coordinador xeral, Xan Duro. Verdegaia pode agrupar o mellor do ecoloxismo galego, integrando xentes de todas as sensibilidades, sen ataduras políticas nin manipulacións. Tralo desastre do Prestige, a sociedade galega volveu mirar cara o mar, e tamén cara a terra (ese burato negro dos incendios forestais), avanzouse en concienciación e desde o novo goberno hai unha nova lectura da realidade dende esta perspectiva medioambiental. Agora hai que aplicar esa nova sensibilidade pola Terra e Verdegaia pode ser un gran activo a este respecto. Noraboa, pois.
Os grandes simios. A frivolidade é unha mesta planta que se expande a gran velocidade entre certos columnistas e tertulianos dos medios de comunicación. Demostrouse outra vez ante a proposta que fixo Fernando Garrido, deputado verde nas listas socialistas, respecto aos Grandes Simios: qué doado é facer un artigo estilo “chiste fácil” sobre humanos e simios! Xa o facían os ultraconservadores hai máis de cen anos para burlarse de Darwin. O respecto polos animais e pola propia natureza fainos máis humanos,porque os seres humanos tamén somos animais e compartimos un 99 por cento do noso xenoma cos grandes simios: razón suficiente para pararse a pensar que poidan ter certos dereitos, sequera a non ser torturados nin maltratados. Si, xa sei que temos a intelixencia e que iso nos diferenza do resto dos animais, pero ¿a cantas persoas esa intelixencia só lles serve para propagar o horror? Disque os simios máis semellantes a nós son os bonobos: teñen moito en común connosco, pero teñen outras cousas que nos arredan deles. Son moi luxuriosos, dito en clave humana, e non teñen prexuízos a ese nivel. E tamén son pacíficos e resolven co sexo moitos conflitos no grupo. Algúns humanos, en vez diso, fabrican e usan armas mortíferas, e fan desaparecer pobos e xentes. A historia da Humanidade demostra que a barbarie non sempre está acochada nas selvas.
O VENTO É UN CAN
-
Vento de noite
O vento é un can sen dono,
que lambe a noite inmensa.
A noite non ten sono.
E o home, entre sonos, pensa.
E o home soña, durmido,
que o...
Hace 1 día
3 comentarios:
A única forma de pechar feridas é axudar a enterrar dignamente os mortos que aínda non o están, ademais doutras formas de reparación simbólica, xurídica, política e mesmo material.
Recoñecerlles a súa dignidade e a súa condición de vítimas, en todos os sentidos, é o único xeito de pechar as feridas.
Todo o demais, é fariseísmo puro e duro, algo que derrocha a cotío o Partido Popular.
Verbo de Verdegaia: adiante !!!
Verbo dos grandes simios: si, pero había que facer estensivos os dereitos a todos os mamíferos superiores. Non serían, en todo caso, dereitos humanos, senón dereitos dos animais.
Para barbarie o video que esta no blogo do Regueifeiro.
http://aregueifa.blogspot.com/2006/04/biotica.html
Publicar un comentario