Cen anos de historia cultural: cousas que pasaban en 1923Pois cousas coma estas: nacía a revista
Alfar, unha das principais publicacións abertas á vangarda na Galiza. Fundábase o
Seminario de Estudos Galegos, que viña sendo algo así como a nosa ILE e a nosa renovación científica e educativa. Nacía tamén o coro
Queixumes dos Pinos na Coruña e
A Nosa Terra publicaba as
Bases do Insiño Galego, un xeito de Galescolas da época, moitos anos antes de nacer Anxo Quintana. Gañaba o Nobel de Literatura
W.B. Yeats, tan admirado polos galeguistas e o
teatro galego seguía arrasando: 21 veladas dominicais na Coruña nos locais das Irmandades da Fala. Publicábase tamén
Entre o deber e o querer, de
Galo Salinas, a primeira zarzuela galega, e morría
Manuel Murguía, o gran ideólogo e cabezaleiro do galeguismo dende o século XIX. De todas estas cousas falo de vagariño na
miña páxina de hoxe en "Lecer" (
Galicia Hoxe).
Na revista Nós escribía
Portela Valladares en 1923: “
Cada libro de especulación e de cencia que saia en galego, será un bloque que se poña pra o futuro do idioma”. E nese ano saen á rúa títulos como
Cousas Gallegas, de Fortunato Cruces;
Sinxebreza, de Cotarelo Valledor;
Bestas bravas, novela curta de Vaamonde Lores;
Escumas e brétemas galegas, versos do poeta de Noia Lisardo Barreiro; a novela curta
Amor malfadado, de Leandro Carré, e os cadernos do
Diccionario Gallego-Castellano da Real Academia. Na colección de novela curta de Céltiga, aparecían, con debuxos de Cebreiro e Bello Piñeiro, A
Santa Compaña, de Nóvoa Santos;
Luar. Contos galaicos, de Evaristo Correa Calderón; e
Sempreviva, de Cabo Pastor. En castelán publicábanse
El secreto de Barba Azul e
Tragedia de la vida vulgar, de Fernández Flórez;
El pazo, de Cotarelo Valledor; e
Aventuras de una peseta, de
Julio Camba. E o Almanaque Gallego que editaba en Bos Aires Manuel Castro López publicaba o
Conto Gallego, de Rosalía de Castro. Tamén en 1923, en xullo, é nomeado arcebispo de Compostela o poeta galego Manuel Lago González, saudado con entusiasmo polos galeguistas en A Nosa Terra, e Castelao expuña os seus debuxos no Ateneo de Barcelona, impartindo alí dúas conferencias Risco e o propio Castelao.
3 comentarios:
Engado dous feitos históricos do ano 23: fundación do R.C.Celta de Vigo, por fusión dos equipos Fortuna e Vigo Sporting; e nacemento, no lugar de Silvaoscura, de Manuel Veloso, meu avó, que, grazas a Deus, aínda vive e bebe.
Graciñas pola información, Veloso. Do primeiro, mágoa non sabelo antes: o tema deportivo é o que menos controlo, evidente. En fin, incluireino en futuras entregas noutros formatos.
Your site is on top of my favourites - Great work I like it.
»
Publicar un comentario