Entre liñas, a cultura escrita
(Andoliña martes 23 maio)Hai unhas semanas clausurábase, no campus ourensán, a mostra ‘
Entre liñas’, interesante reflexión sobre os pousos da cultura do libro. Froito dese mesmo pulo, a Universidade de Vigo editou o libro Entre liñas. Unha ollada á historia da cultura escrita en Galicia, coordenado por
Pablo Sánchez Ferro. El mesmo salienta no limiar o carácter serodio da cultura escrita: seis milenios dende a cultura Uruk do Próximo Oriente, fronte a noventa mil anos da especie humana.
Este volume vén ser un bocexo da historia da cultura escrita en Galiza, un oco aínda por encher na nosa produción historiográfica. Colaboran nel os profesores
Susana Reboreda, Beatriz Vaquero, Ofelia Rey Castelao e Xosé R. Barreiro Fernández. A viaxe que propón é de certo apaixonante: dende as epigrafías romanas ata a literatura clandestina do noso país a finais do século XVIII. Sublíñase a importancia da vía relixiosa na romanización, tal como quedou reflectido nas inscricións relixiosas e funerarias. Abórdase o esplendor cultural do século IV d.C. (S. Reboreda) e tamén un mapa moi detallado das dotacións educativas das cidades galegas na Idade Moderna (B.Vaquero). E algunhas cousas máis das que seguiremos a falar (Imaxe: Pontormo, detalle da Anunciación, 1527).
No hay comentarios:
Publicar un comentario