Falemos galego e comámonos a beixos
(Na liña do debate aberto neste blog, o pasado 11 de maio, o amigo Afonso Vázquez-Monxardín publica hoxe, no xornal Galicia Hoxe, este magnífico artigo que creo que podería servir de manifesto para todos os que estamos a reflexionar sobre un novo discurso e unha nova estratexia en favor do galego).
No ano 1966, hai corenta anos xa, o médico ourensán Carlos Guitián, mandou imprimir uns autoadhesivos para pegar nos cristais dos coches con intención de os repartir entre os amigos que puñan, simplemente, "Falemos Galego". Renacía un soño de ilusión e esperanza compartida.
Corenta anos despois, o galego segue vivo entre nós como vehículo de expresión maioritario no país e no medio dun mundo tan diferente como inimaxinable naquel momento.
Algúns daqueles soños empezaron a virarse en realidades -o galego no ensino, nos medios de comunicacións, con estatuto de lingua oficial na Terra...- pero outros temores sentidos daquela, tamén seguen entre nós, sobre todo a redución do seu uso na mocidade e a dificultade para a conquista de determinados ambientes das cidades.
E aquel movemento de esperanza e ilusión foi declinando a medida que Galicia se ía organizando política e administrativamente.
Moitos compoñentes da nova sociedade civil, plural e libre, pensaron que agora o tema do idioma, da supervivencia e futuro dese vehículo de comunicación e identidade, xa non era cousa deles.
Para iso estaban as novas institucións, a Xunta, o Parlamento, a Televisión, os partidos políticos e mesmo os profesores de Lingua e Literatura Galega nos colexios a se preocuparen polo asunto. Os ensinantes viron así, inxustamente, sobredimensionado o seu papel como se a "salvación" da lingua dependese deles.
E entrementres, a sociedade civil, a xente do común, arrefriou o seu amor, moitas veces influídos tamén, porque os que máis se debían interesar no idioma, non acababan de pórse de acordo, e porque este camiño que se ía construíndo sen planos e a medida que se avanzaba, moitas veces pasaba por esgrevios terreos de minifundio.
As pelexas ortográficas, as pelexas toponímicas, a utilización da lingua como arma política arreboladiza duns con outros, fixo sentir a moitos que a cousa non era tan doada, e que non pagaba a pena o esforzo.
Que aínda que se seguise falando en galego, que aínda que agora houbese televisión, escola, radio..., a inexorabilidade do fado íanos conducir á de- saparición.
Pero non é así.
Recuperemos a esperanza. Sempre que hai unha botella medio baleira, é que está tamén medio chea. E se queremos que a xente beba nese viño maduro, debemos falar máis do que queda, e menos do que xa foi. O galego é unha das 300 linguas de máis dun millón de falantes nun mundo de 7000 linguas. O galego non vai desaparecer.
Non o pode facer unha lingua de escola, política, ciencia, ensino... unha lingua moi amada e nunha situación oficial.
O tema, non menos importante, claro, é cal será o futuro uso. ¿Ritual e identitario -como o irlandés- ou como medio de relación universal entre todos nós, ou só entre algúns?
A lingua é túa. É del. A lingua é dela. A lingua é o cemento que une a nación. E a lingua será o que a nación queira. Os galegos, desde os Reis Católicos a Franco, ignoraron as políticas asimilistas, por iso seguimos falando galego.
A política non deu matado o galego e a política, agora, tampouco o dará salvado, por moito que faga, que moito ten que facer.
Porque a lingua é túa e é dela. A lingua é del. E a lingua será o que a nación queira, e eu quero que a nación queira que a lingua viva viva e non que reine morta.
A cousa vai contigo. Aí, nesa lingua privada túa, do amor e do desamor, do riso e da bágoa, do neno e da moza, non mandas máis ca ti. E iso é cousa só túa. Non balas, beixos precisamos. Falemos galego e comámonos a beixos.
LA BELLEZA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
La belleza
Segundos fuera (1989)
*Luis Eduardo Aute*
Hace 1 semana
12 comentarios:
Pois si. Hai que ser positivo (Van Gaal dixit). Dos negativos e dos malencarados fuximos todos como da peste.
Subscribo todo... menos o de comérmonos a beixos.
Suponse que o escribiría como unha metáfora das boas intencións, da sedución, etc.
Nese sentido, e só nese, eu tamén o subscribo.
Boeno, boeno, eu dígoo por se acaso, non vaia ser o demo.
(Veña, ho, que é unha brincadeira1).
Si, eu tamén flipei co dos beixos (en Ourense somos punteiros en moitas cousas, e pode inducir a pensar mal).
O caso é que un "Falemos Galego" non atrae... non ten o "morbo" de "comerse a beixos" que fai que un lea a ver de que vai...
Se sortean un morreo coa Kidman ou co Pepe Auraujo, ou algo así.
Supoño.
Poderiades traer a Nicole Kidman pra campaña?
¿Que campaña?...
Pero non estaría mal.
Eu apúntome
Eu tamén me apunto á campaña "Coméndonos a beixos", protagonizada por Nicole Kidman. Sen dúbida, todo un acerto normalizador.
Se é que estamos frivolizando, paréceme ben. Moi ben. Sorriamos que nos están mirando...
Non me parece mal frivolizar o tema. Penso que canto máis ría a xente en galego, máis forte será o futuro. Eu (xa que teño o permiso de Afonso Vázquez-Monxardín) vou ler parte deste manifesto mañá, fronte a moita xente, e penso que non vai gustar moito que lea en galego e que fale deste xeito. E paréceme moi ben!!
ben
Publicar un comentario