9 may 2006


Polas terras de Merlín, a vella Eire
(Andoliña martes 8 maio)
O xornalista ourensán Luis Menéndez filmou para a TVG a serie documental Por terras de Merlín. Vina na tarde do sábado pasado, por vez primeira, cun capítulo dedicado ás realidades culturais da costa oeste de Irlanda, aquela que garda con máis forza a súa identidade e a súa lingua: o gaélico. Casas pintadas con cores vivas, verdes paisaxes con valados e palleiros, a enerxía do mar que brúa en todas as fisterras (que xa filmara con engado Flaherty en Homes de Arán), a conta tráxica dos naufraxios e os mariñeiros de colores rechamantes (para encontrar os corpos dos afogados), as lendas do Pozo Sagrado e os contos de aparecidos nos fiadeiros: son todos eles trazos que lembran, sen dúbida, o que foi a nosa Galiza tradicional.
Os nenos aprenden nas escolas cantos e bailes irlandeses e nas casas aldeás hai recitais nos que se xuntan os veciños para escoitar a voz dos vates locais. Tras séculos de regresión, o gaélico teno hoxe moi difícil: só o falan cento cincuenta mil persoas, aínda que saben falalo un millón. Na escola secundaria dáselle un plus nas notas aos mozos que fan nesa lingua os seus exames: unha idea que ata se podería importar, co apoio dos mestres máis comprometidos coa nosa cultura. Ou non? (Imaxe: un debuxo da arte celta xa cristianizada).

4 comentarios:

Anónimo dijo...

O gaélico en Irlanda é como o latín do instituto eiqui (a todos nos soa ó de rosa, rosae...). Incluso nos Gaeltach hai zonas co gaélico é minoritario (Creo que esas zonas delimitaronse nos anos 50, e dende aquela non se lle tocou). Na miña experiencia dublinesa o meu contacto limitouse a unha libreria gaélica na que sobre todo habia libros relixiosos e pra nenos cun deseño dos anos 50 (Unha cousa rancia, rancia). Asi que se miramos cara linguas mortas ou moribundas como o irlandés ou o occitano, mal imos. Sigamos sacando unha normativa cada dous anos e así nos lucira o pelo. (Se outros inventan o ¨grazas¨ pra fastidiar, porque eu non podo empregar o ¨pra¨ e o ¨eiqui¨ tan de Ourense). Só a partir desa estabilidade poderase facer algo no campo da normalización da nosa lingua, do contrario só poderedes escribrir en galego correcto ca normativa do ano correspondente a xente que estades en contacto co mundo do ensino.

Anónimo dijo...

Ola Marcos! Agrádame moito que adiques un artigo a unha terra como Irlanda, ou Eire, con tantas similitudes a Galicia, non só na paisaxe, senón tamén na existencia dunha cultura propia e todo o que iso conleva, lingua, literatura, música, costumes, tradicións, lendas,etc. Eu tiven a gran sorte de poder visitar ese país un inverno hai 9 anos e namoroume en tódolos sensos, caín no feitizo das súas xentes, tan abertas e agarimosas, nas cores das súas casiñas humildes, dos seus prados nas terras de Connemara, dos seus acantilados (recomendo a visita aos CLIFFS OF MOHER, na costa Suroeste, preto de Limerick), das súas praias salvaxes unha tarde de chuvia, os seus bailes tradicionais nun Pub unha noite en Cork ou na bohemia Dublin (onde probei a Guiness máis alucinante da miña vida). En fin, Galicia e Irlanda, dúas terras irmás onde a beleza máxica non é preciso inventala, xa se respira en cada latexo que damos.

Anónimo dijo...

Indo alén das recomendacións turísticas como o post anterior, a idea que suxire o señor Valcárcel de primar as notas dos que fagan os exames en galego semella ben interesante. Pero non sei se, ao mellor, non é legalmente posible por iso de discriminar (sic.) os casteláns escribintes. Non son ensinante nin linguísta, por iso quixera coñecer opinións ao respecto. Grazas.

P.D.: O que di Roi Queimado sobre os cambios de normativa ten toda a razón. Eu aínda non aprendín os novos cambios. É que non se pode estar a marear o paspallás cada cinco minutos, señores linguístas!

Anónimo dijo...

Pois si. Ten toda a razón o Sr. Roi Queimado no que di dos espellos lingüísticos.
Xa está ben de mirar as microlinguas residuais de europa e laiase. O manix desapareceu, o dálmata desapareceu, o córnico, desapareceu no século XVII e os autores dos libros de texto de galego parece que non se enteiraron.
Cobízanme os exemplos do Islandés, do luxemburgués, do holandés, do noruegués,etc.
Temos que fixarnos en linguas pequenas... porque o tamaño non importa... para seguir vivo... o que importa é como uses a lingua e que convenzas ás outras (os outros fan sempre o que digan elas) de usala... Se a usan, vivirá.
Ademais que temos que pensar en como usamos a nosa lingua e a dous outros... porque unha lingua soa non chega para nada...
Os islandeses ou noruegueses saben que unha é a da indentidade e para un tipo de relación e outra -pr'eles o inglés, pr'outras cousas, tipo internet, etc.-
Das 700O linguas do mundo, a nosa está entre as menos de 300 que teñen máis dun millón de falantes... polo que hai que inxectar optimismo e que a sociedade civil recupere o dinamismo dos tempos de "Falemos Galego".
Hai que normalizar a normalizacion. Menos ideoloxía. Menos cambios, pero sen dramatizar. En todo período de restauración -dun cadro, dunha lingua, dun coche- hai momentos de dúbida se será mellor isto ou istoutro. Grazas... Mellor graciñas, pero ben, xa se afará un en menos tempo do que pensamos.
(Cando vin "avaliación" no DOG, a primeira vez, pensei que era unha gralla. E agora, dígoo sen máior poblema).
Hai pouco estiven en Irlanda, e se fan un referendum para eliminar unha lingua, chimpan o gaélico. O inglés élles unha fonte de ingresos caralluda.Tamén se fan outro referendum quererían ser o estado 52 dos USA (¿ou 51 ou 53, cantos ten? Fállame a xografía).
Non sei se na Irlanda profunda será así, témome que si, pero na cidade, tal.
En calquera caso, xente simpática e descreída. Galegos que falan inglés.