12 jun 2006

CATRO NOMES PROPIOS
(La Región, luns 12 xuño)
Beiras. Se o que nos perde é a educación, que xa o dícia don Vicente Risco aló polos anos 20: os galegos somos demasiado educados. Xosé Manuel Beiras tiña que facer a laudatio de dous vellos amigos e camaradas: Ferrín co seu “Contra maquieiro” e Manuel Ferreiro coa súa edición de “Os Eoas” pondalianos. E Beiras quixo ser educado, “por respecto e cortesía”. E foi á misa e escoitou o pregón do xesuíta que soltou unha filípica contra ETA e supoño que tamén contra o goberno de Zapatero e os seus plans de camiñar cara a paz (había unha manifestación en Madrid ese mesmo día, coa mesma mensaxe, sería casualidade). E Beiras respostou, indignado, “porque o sacerdote non me respectou a min”, na súa intervención laica no pazo de Boborás. Eu non estaba alí (non fun convidado), pero seguro que pagou a pena escoitar a Beiras. Sobre todo despois de escoitar na homilía ao xesuíta comparar Euscadi con Auswichtz... mundo de tolos!
Quintana. Na mesma xornada, Anxo Quintana, vicepresidente da Xunta, tiña que entregar un premio en Barcelona a Manuel Fraga Iribarne, no encontro de Empresarios Galegos do Mundo. Si, escoitaron ben: “o noso Quin” a Fraga Iribarne. Nos foros de Internet hai moita xente cabreada con estas cousas: acudo á páxina web oficial da Xunta e alí está confirmado, con data 9 de xuño. Ao final Fraga non acudiu: estaba en Madrid, berrando contra Zapatero, supoño que iso era máis importante para el. E librou ao vicepresidente dunha foto incómoda. Lembran vostedes as reaccións de certos sectores do nacionalismo cando Camilo Nogueira, dirixente de Esquerda Galega, aceptou o convite dun “almorzo político” con Fraga? “Traidor á patria” foi o máis suave que lle chamaron algúns a Camilo. Eran outros tempos ...
Araújo. O noso concelleiro de cultura seica anda nervioso. Di en varias entrevistas que hai unha conspiración contra as súas festas e que todo é froito dun boicot perfectamente organizado. Só lle queda invocar a masonería e o xudaísmo, como facía o vello. Máis doado sería recoñecer que as festas son abondo cutres, que non hai cartos para facelas como Deus manda e que ata o alcalde da cidade recoñece que son moi mellorábeis. E por riba o bispo parou o da Misa Rociera: algo que debía “fardar” bastante, cando menos aos espectadores de “Salsa Rosa”, digo eu. “Quen teña tenda, que a atenda”, di a sabedoría popular. E quen ten que programar unhas festas dignas, que o faga: sen buscar escuras conxuras de encarrapuchados que me perseguen…
Virxilio. Tampouco puiden asistir o pasado venres á xuntanza da Fundación Curros Enríquez. Pero apoio con entusiasmo a decisión de outorgar o premio Casa dos Poetas deste ano ao pintor Virxilio, un dos nomes fundamentais da plástica galega do noso tempo. Aínda hai uns meses contaba neste xornal que a súa vida puido deterse cando daba clases no Instituto de Ribadavia, pero, por sorte, botárono de aló. E foise logo a París e logo a Alemaña, onde quedou fortemente marcado polo expresionismo alemán, e así saíu gañando Virxilio e tamén a pintura galega e a pintura universal, porque sen dúbida é un pintor universal, sen renunciar ás súas raíces, sempre abrindo camiños, inventando linguaxes, descubrindo mundos novos.

7 comentarios:

Anónimo dijo...

Fixo moi ben Xosé Manuel Beiras non deixando pasar o sermón dese xesuíta. ¡Hai que ver que gratuitamente falan de Auswichtz! Recomendo botarlle unha ollada á viñeta de El Roto, en EL PAIS de hoxe. Vese a Ratzinger na entrada do campo de concentración facendo a súa pregunta: "¿Dónde estabas, Dios mío, durante el holocausto?". E unha voz que sae de dentro do campo respóndelle: "¡Pero, hombre, en las cámaras de gas" ¿No te acuerdas?".

Anónimo dijo...

pregúntome que tén que ver un tema institucional como é entregar un premio, con algo que se organiza entre dúas persoas; non creo que sexa comparable

Marcos Valcárcel López dijo...

Ese algo que "se organiza entre dúas persoas" era sinxelamente un almorzo político, habitual en calquera país democrático do mundo, como logo faría o mesmo Beiras indo xantar con Fraga. E non se cairon as murallas de ningures. Pero daquela a Camilo Nogueira chovéronlle chuzos de certos sectores do nacionalismo que utilizaron aquel encontro para deslexitimar a súa figura (velaí están as hemerotecas...). Iso era o único que se subliñaba no artigo: tan política é a entrega dun premio, dende un cargo institucional, como unha conversa entre dous políticos en exercicio.

Anónimo dijo...

En efecto, ten toda a razón Marcos Valcárcel cando afirma que, despois daquela reunión entre Camilo Nogueira e Manuel Fraga, desatouse toda unha brutal campaña de desprestixio contra o primeiro desde o BNG e aledaños (digamos claro cales eran eses "certos sectores" e deixémonos de eufemismos).

Con todo, eu opino que, daquela, Camilo Nogueira metera a pata até o fondo, por dous motivos. Primeiro, porque era totalmente previsible tal campaña, e un político avisado debe ser quen de prevelo, de analizar os pros e contras e de actuar en consecuencia. Segundo, porque daquela xuntanza con Fraga a forza política (PSG-EG) que encabezaba Camilo Nogueira non conseguiu nada tanxible.

De tal xeito, que Camilo Nogueira, deixándose levar por un espellismo e actuando como líder dun partido tan cativo como con desmesuradas expectativas, deulle un “aval democrático” a Fraga nuns momentos nos que este simbolicamente (non electoralmente) o necesitaba, e cando a opinión pública progresista e nacionalista aínda non estaba suficientemente madura. E fíxoo gratis.

Formalmente tiña todo o dereito do mundo a reunirse con Fraga ou con quen fose, faltaría máis. Pero politicamente foi un erro considerable, que marcou o comezo da fin da alternativa que Camilo Nogueira representaba daquela.

Cando anos máis tarde Xosé Manuel Beiras iniciou a súa insólita “lúa de mel” con Fraga (xantares, ceas, reunións nocturnas na residencia de Fraga), fixéronse patentes o o cinismo e o oportunismo políticos, porque ninguén dentro do nacionalismo ousou erguer a súa voz contra o que ía camiño de ser o comezo dunha “nova amizade” de imprevisibles consecuencias políticas (logo, o Prestige tronzou en seco tal “romance”). Tampouco o BNG tirou nada en limpo de tales reunións, e ninguén dixo nada.

Como tampouco ninguén dixo nada da recente e innecesaria entrega dun premio a Fraga por parte de Quintana. Ao BNG de hoxe, levado por un pragmatismo sen un norte político coherente, o mesmo lle vale un roto que un descosido. Na práctica está a copiar, pero dun xeito mimético, miope e torpe, moitas das cousas que Camilo Nogueira fixera ou dixera no seu momento. Terá éxito este proceder curtopracista do BNG? Está por ver!

Anónimo dijo...

"Camilo, mona, castelao non se traiciona".
"Parlamento sen oposición, parlamento de cartón", etc.
¿Onde está a autocrítica do BNG pola seu pasado antiautonomista e agresivamente antigaleguista? Si, digo ben, agresivamente antigaleguista, cando esta palabra "galeguismo" era considerada unha morneza light fronte ao "nacionalismo popular".
Camilo non se equivocou ao se reunir con Fraga. A nación está por riba. A normalidade deste tipo de xuntanzas está aí.É importante saber como pensa o outro directamente, e moito mellor cun tinto na man e moendo un pouco de febra de tenreira galega, por exemplo.
A equivocacion de Camilio foi renunciar a ser o estandarte e símbolo da normalización do nacionalismo, da integración plena e sen complexos nas estruturas políticas do mundo contemporáneo e integrarse no BNG. E despois pactar co deputado Rodriguez á marxe doutras sensibildades máis afíns...
Houbo moitos líderes nacionalistas sen partido. Rugova para os albano-kosovares, en Córcega estaba... como se chamaba?, etc.
Era dura a travesía do deserto despois de perder os tres deputados no parlamento galego? E que? Era factible traballar cos que te estiveran insultando ata onte e desmerecendo o teu traballo para logo seguir,formalmente,que non eticamente as liñas do teu traballo.
Camilo nunca tivo que integrarse no BNG, polo menos nun BNG sen autocrítica pública e cambio de líderes... pois, como ben sabemos, é o único grupo que non cambiou os seus dirixentes desde antes da morte do ferrolán, e así creou unha cultura política nacionalista estreita, onde é mellor non entender nada, non cuestionar nada, non ter ningunha historia política detrás e dicirlle si ao xefe e pensar que esas simplementes son cousas do pasado.
Os microgrupiños -tipo MC etc- que se integraron no BNG, fixeron o seu agosto. Estes "españolistas" furibundamente atacados antes polo nacionalismo, aproveitaron o seu momento e... deputados no Pgalego!!! e non o Camilo... O que hai que ver...
Pero que o fixeran estes, tanto ten. Nada significaron nunca. Pero que o fixera o lider histórico da normalización do nacionalismo, alá polo verán de 1977, é unha pena.
Eu que sei.
A ver se vai ter razón o "pobo" galego e isto da poltica é unha trapallada de aproveitados.

Anónimo dijo...

Sego opinando que a reunión con Fraga fora, daquela, un erro político, non que non tivese todo o dereito do mundo a tela.

Camilo Nogueira, na miña humilde opinión, dilapidou en gran medida o seu capital político entrando no BNG, abeirando aos seus compañeiros do antigo PSG-EG/Unidade Galega, e pactando conxunturalmente con Paco Rodríguez a súa instalación persoal no BNG, facendo caso omiso ao dito de que "Roma non paga traidores".

De pouco lle valeu, porque só estivo unha tempada como parlamentario do Bloque (onde foi ninguneado), e logo só unha lexislatura no Parlamento europeo, a onde lle permitiron ir para quitalo de enmedio. E todo o seu labor europeo (moi grande, dada a súa gran capacidade de traballo, aínda que discutible nalgúns aspectos) foi silenciado posteriormente a posta polos que, hipocritamente lle deran a benvida e logo acoiteláronno, facendo verdade outro dito: "quen con nenos se deita...".

O seu ostracismo definitivo dentro do nacionalismo foi xa cando "ousou" competir con Quintana polo liderato. Mellor lle houbese ido se conservase a súa posición independente, converténdose nun referente da opinión nacionalista e progresista.

Pero Camilo Nogueira é un político de raza, incapaz de asumir unha posición fóra do primeiro plano, por iso xogou primeiro ao posibilismo e ao pactismo dentro do BNG cando lle conviu para instalarse politicamente, e logo, unha vez que víu por onde ían os tiros, xogou a ser "a alternativa", cos resultados xa coñecidos: xubilado politicamente á forza. Por un lado, é unha pena que se prescindise del. Por outro, tivo o que se buscou.

Camilo Nogueira tivo a súa época, foi un adiantado en moitas cousas e un traballador incansable, modernizou a linguaxe e a práctica do nacionalismo.

Mellor lle houbese ido se se dedicase a coidar deste seu legado á "historia", e non entrar en componendas como entrou, amosando os servidumes dos políticos de raza.

Anónimo dijo...

Sr. Político Cultural. Sen que sirva de precedente, estou en absoluto acordo coa análise que vostede fai da personalidade política e evolución de Camilo Nogueira Román.
Foi unha pena pero el a buscou.