29 sept 2006


A escola de O tío Marcos…
(Andoliña venres 29 setembro)
No ano 1972, cando se celebraba o Día das Letras Galegas dedicado a Valentín Lamas Carvajal, Filgueira Valverde deu unha valiosa conferencia en Ourense arredor do poeta cego. Afirmou naquela ocasión o egrexio intelectual que a aparición do xornal O Tío Marcos d’ a Portela, na Auria de 1876, significaba para a prosa galega o mesmo que a invención dos Cantares gallegos de Rosalía para a lírica do seu tempo. Don Xosé tiña razón, dende logo, e quizais non somos demasiado conscientes do que significa esa afirmación.
Na normalización do rexistro culto da lingua, o primeiro xornal monolingüe da nosa historia ten unha importancia singular: con el nace a publicidade en galego, consolídanse novos xéneros literario-xornalísticos (parrafeos, diálogos, Casos e Cousas, efemérides, Cousas do Día, etc.), e nel escriben moitos dos grandes nomes do Rexurdimento. O Tío Marcos... é un tesouro da nosa literatura, da lingua e da antropoloxía, da historia e do xornalismo. Un xornal que ademais creou toda unha escola de fieis seguidores: A Tía Catuxa e O Galiciano en Pontevedra; A Fuliada, da Coruña; A Monteira, de Lugo; A Gaita Gallega, na Habana; O Tío Pepe, na Fonsagrada, etc.

No hay comentarios: