O cuarto pé do rexurdimento(Andoliña xoves 28 setembro)O pasado catro de setembro celebrouse o centenario da morte de Valentín Lamas Carvajal. Só os xornais GALICIA HOXE e La Región en Ourense lembraron a data. O Concello ourensán realizou unha ofrenda floral no monumento do Posío e inaugurou unha placa na rúa de Lepanto, onde estivo a redacción de O Tío Marcos d’ a Portela: un acto necesario, pero con pouca asistencia, por estar mal convocado. Esta semana, o Liceo ourensán celebra un pequeno ciclo de conferencias arredor do gran poeta cego e tamén un roteiro poético por lugares da cidade moi marcados na súa obra: o cemiterio de San Francisco, as Burgas, o Posío, o propio Liceo do que foi socio, etc.
Quizais non o debera dicir eu, por participar na organización destes actos, pero sorprendeume non gratamente o esquecemento desta data simbólica por parte doutras institucións culturais e colectivos sociais do país. Inxusto esquecemento porque Lamas foi o cuarto pé do noso Rexurdimento. Sen falar xa da súa poesía, só o seu libro O Catecismo do Labrego faino merecedor de todos os recoñecementos. E non esquezamos ademais que foi o fundador do xornalismo en galego: un dos medios que máis fixo por galeguizar este país de noso.
(Imaxe:
Campesiña de Ourense, debuxo de F. Díaz e M. Pujadas, do álbum
Os galegos pintados por si mesmos. A muller tradicional, ed. de Ricardo Polín, Xerais, 1996).
No hay comentarios:
Publicar un comentario