26 sept 2006


O mundo de Hopper nos escenarios
(Andoliña martes 26 setembro)

O pintor Edward Hopper é un dos artistas máis singulares da contemporaneidade. Algunhas das súas obras, como Nighthawks (‘Falcóns da noite’), deixaron unha fonda pegada no cine, no teatro e na publicidade, convertidas xa en iconas do noso tempo. Soubemos agora polos xornais que Douglas Steinberg, guionista de series de TV como Sensación de vivir ou Luz de lúa, editou un libreto no que fará falar os catro misteriosos personaxes que se axuntan nesa cafetería nocturna de Nova York. Outras obras de Hopper inspiraron tamén a creadores como Hitchcock (Psicose), Win Wenders ou Herbert Ross, entre outros: velaí un bo exemplo de diálogo entre todas as artes.
Os seus cadros seguen cheos de vida e violan o paso do tempo. Nigthawks naceu en decembro de 1941, cando o seu autor cruzaba de noite, camiño do seu estudo, un ‘diner’ solitario de Greenwich Avenue. Disque tamén que a obra é froito da tristura e pesimismo que existía nos Estados Unidos tralo bombardeo de Pearl Harbour en 1941. En calquera caso, Hopper pintou a alma da soidade nunha gran cidade e deixounos unha peza tan chea de significados, que nos parece ver nas súas figuras o reflexo espectral do noso propio ser.

6 comentarios:

Moralla dijo...

Ola! Edward Hopper foi un dos pintores norteamericanos que, sen dúbida ningunha, retratou cen por cen a soedade do mundo glogalizado e cosmopolita, a tristura do ser humano na inmensidade do ruído da cidade devoradora e carnívora. O seus cuadros transmiten silencio, melancolía, aillamento: a noite chama aos seus falcón a pasear delirios na grandeza amarga das nosas miserias; e Hopper soubo representalo coma poucos. Unha aperta de Yoli :-)
Por certo, recén acabo de inaugurar o meu blog:
http://moralla.blogspot.com
Non me puiden resistir!
Botádelle unha ollada!

Anónimo dijo...

Hai dous pintores que se me mesturan na memoria visual, pintores de transición a pura transición expresionista abstracta. Logo de Munhc e Hopper a ruptura semella insoslaiabel, está xa todo o que con forza figurativo se pode dicir, xa non é possibel contar así mais. Semela amis que en calquera detalle podemos atopar a Cezanne

Marcos Valcárcel López dijo...

Eu tamén vexo esa ligazón que apunta anónimo. De feito, nun artigo recente en La Región falaba dos dous xuntos (Munch e Hooper), os dous de actualidade hoxe, por diferentes motivos (a devolución dos cadros de Munch e esta dramatización de Hooper).

Marcos Valcárcel López dijo...

Para Yoli (agora Moralla): Benvida ó mundo do blogomillo. Visitaremos a cotío ese novo espazo. Sáúdos.

Mrs.Doyle dijo...

Acabo de descubrir este blog e gratamente acabo de descubrir este post sobre un dos meus pintores favoritos.

Hai un par de anos publicouse en El País un interesante artigo sobre películas e directores cuias obras están basadas no universo de Hooper.

Curiosamente este cadro inaugurou o meu post e está como salvapantallas no meu ordenador.

Marcos Valcárcel López dijo...

Benvida, mrs. doyle: sempre será ben recibida nesta casa na que, entre outras cousas, tamén se fala da arte, da antiga e da contemporánea, pois na arte non existe o concepto de tempo como progreso.