Que fai un ourensán en Málaga?
(Un dos excelentes artigos dos xoves de Bieito Iglesias en El Correo Gallego, na serie Pan e Coitelo).
Malagueña
Estou na terraza dun restaurante, en ruela inmediata ao paseo peonil Marqués de Larios. O meu humor devece pola escaseza das doses e o prezo desorbitado dos menús. Saboréase unha cociña a base de sopas frías -allo branco-, de porco e frituras de peixe, co galano dunhas berinxelas rebozadas en mel de cana. Ora ben, unha gastronomía na que brillan pola súa ausencia as costilletas de vitela resulta hostil para un padal ourensán.
Sucédense os pedichóns que non te deixan remoer tranquilo, que che tocan o nabo con guitarras -Y moliendo café paso la vida-, con palmas, clarinete, trompeta e acordeón, instrumento este último tanxido por unha requitropa de xitanos romenos. Certa señora empéñase en recitarme un verso da súa autoría, éntrame co pretexto de que lle parezo triste: aínda que che acabe de tocar a lotería, a ollos meridionais un galego sempre será a viva imaxe da desolación. A pobre poetisa tropeza coa tacañice, un trazo idiosincrático galiciano máis característico que a melancolía. Non lle dei un can.
Na Praza da Constitución, uns vivos -na xiria acubanada do meu avó tal adxectivo significaba trampulleiros- esfórzanse en cargarlle os mortos do Once de Marzo aos socialistas. Envólvense en pancartas e convocan unha concentración inquisitorial. Quen puxo as bombas? Velaí a inquisición. Trátase dunha pregunta retórica, pois os pancarteiros cren coñecer a resposta malia non teren o coallo de acusar a Zapatero. Dou grazas por residir en Santiago, onde non teño a impresión de vivir estrañado entre alieníxenas como os descritos no filme Os ladróns de ultracorpos.
Que pinto en Málaga? Viñen saber de Antonio Rodríguez López, soldador auriense que chegou a magnate da construción, a guiar un Ferrari e a presidente do equipo de fútbol local, antes de ser asasinado en Torremolinos, en 1971. Recibiu tres puñaladas e retrucou con dous tiros que arrebollaron o agresor. Un heroe do noso tempo sepultado polo rebumbio de Giles e Pantojas, polo trebón das actualidades.
UNHA CASA DA MÚSICA NA SERRA
-
FUNDACIÓN LEGAR: unha nova luz na serra
*X. Pérez Mondelo *
Xavier Blanco, músico e luthier, e a súa dona, Martina Ferradás, prenderon
o pasado mes de ...
Hace 3 horas
2 comentarios:
Pero que Bieito ande con coidado con eses dous irmáns que están tras do suceso. Aínda viven en Murcia.
Marcos por favor ponte en contacto conmigo, me gustaria mucho hablar contigo, soy familiar directo de Antonio. mi correo es
de-la-linea@hotmail.com
Muchas gracias.
Publicar un comentario