1 sept 2006



Regreso
Cumprindo co prometido, aquí estamos de novo. Estivemos por Mallorca (o de Mallorca encantoulle á miña filla, pero non é o meu estilo vacacional: para unha vez vale, por aquilo de velo e ver as babecadas que fan os ingleses, por alí case non hai outra cousa) e por terras asturianas, entre Luarca e Xixón. Moito repouso, menos quilómetros de coche que outros anos, bos xantares, paisaxe e natureza, algúns libros e (non o podo evitar) a lectura da prensa, sexa local, ou "El País", para min case imprescindible (magníficas as contras de M.Vicent os domingos e algúns dos relatos familiares que publicaba cada día, gardeinos todos, coma sempre). Nos días próximos irei subindo algunhas fotos, sacadas pola miña filla ou por min mesmo, do Museo de Arte Contemporánea de Mallorca e do Museo Barjola en Xixón. (Para empezar, esta imaxe do Museo Barjola coa miña muller, María, e a miña filla, Eire, en primeiro plano).

1 comentario:

Anónimo dijo...

Prezado Marcos: alégrame que as uvas volvan a este mundillo da rede se callar menos chamuscado que o que temos aí fóra. Como ben apuntas no teu post-bagazo, "Volta a un país chamuscado", o que nos tocou vivir este verán no país foi un auténtico pesadelo, unha traxedia, unha putada, vaia. Non sei se os responsábeis de tanta desfeita son de carne e óso, teñen nome e apelidos ou militan nun ou noutro partido. O que si teño claro é que xa nos queda un país máis cativo, un fogar de breogán menos limpo e puro, unhas altas copas pequenísimas, se as comparamos co sobrio verso pondaliano. E velaí a dor, a carraxe que embarga o meu espírito. Imaxino que xa te enterarías de que na Costa da Morte arderon até as barbas do santo cristo de fisterra. O lume apenas deixou catorce coellos, sete raposos, vintecatro escánceres e unha parella de azores nos arrabaldos do monte da Nave. O camping de Estorde foi evacuado e tan só quedaron alí dúas tendas, seis sandwiches a medio facer, catro flotadores dos netos dos teus colegas (Paco/family) e nove euros con vinte céntimos que un guiri deixou riba da mesa da cafetería de Tinocho. E así seguiría, indefinidamente. Alégrome de que chegases, de que desfrutásedes moito polas Baleares e de que as uvas retornen á nosa paisaxe natural do pensamento.
PD. Eire e María están, como sempre, guapísimas. O cadro, como é lóxico, gaña enteiros e faise certamente interesante. Fondas apertas, camarada.