30 oct 2006


A CIENCIA NON PODE EXPLICAR O AMOR
(La Región 30 outubro 2006

Andalucía.
O PP acepta recoller no Estatuto andaluz a expresión “realidade nacional” no seu preámbulo. E non pasa nada. Non caen os piares do Estado nin se rompe España nin nos invade o Reino das Sombras de Mordor (mentres escribo escoito de fondo os diálogos de “O Señor dos Aneis”). O PP viuse obrigado a esa asunción para non caer na marxinalidade, como sucedera cando o 28-F, no anterior referendo andaluz. E o Estatuto Galego? Cando menos vai chegar tarde e quizais xa demasiado minguado por falta de enerxía dos políticos que tiñan que impulsalo. Vai pasar Galicia ó segundo vagón das autonomías, precisamente cando o nacionalismo está no goberno?

Personaxes.
Tres “peixes” de coidado locen estes días nos xornais. Un Pinochet que non só tiña contas segredas nos Estados Unidos, senón que ademais ocultaba nove mil quilos de ouro nun banco de Hong Kong. O líder coreano, Kim Jong II, que organizou o seu réxime sobre o tráfico de drogas, moedas falsas e cornos de rinoceronte se que agora xoga a potencia nuclear, cun país sometido ás fames e ó subdesenrolo. E o tolo de Abimael Guzmán, fundador de Sendero Luminoso, condenado a cadea perpetua en Perú despois dunha longa cadea de terror sobre un pupurri de maoísmo, indixenismo e crueldade.

Richard R. Ernst.
Premio Nobel de Química en 1991, este científico, especialista na resonancia magnética nuclear (RMN), estivo en Compostela. Dixo cousas importantes sobre a medicina en relación coa sociedade, pero a que máis me gustou foi esta: “Se se intenta explicar o porqué dun sorriso, se todo tivese unha explicación cunha ecuación, o ser humano perdería a súa fascinación. O enfoque científico ten os seus límites, non debe tratar de explicalo todo. A ciencia non pode explicar cousas como o amor, espero que nunca o faga”.
(Imaxe: Pinochet en caricatura de Siro López, 1973. Publicouse na sección "Con esta lupa", de La Región, ilustrando un artigo de Carlos Casares).

1 comentario:

bouzafria dijo...

O Dr. Ernst aproveitou a súa estadía en Compostela admirando persoalmente - lupa en man - o Códice Calixtino. É un bo exemplo de que non é posible chantar fronteiras entre as chamadas "ciencias" e "letras".