Cuarta tertulia no Liceo (20 outubro 2006)
Celebramos hoxe a cuarta tertulia do Liceo (xuntámonos agora no segundo piso, nunha saliña en exclusiva para nós sós) e, como xa sucede unas anteriores, foi moi densa e enriquecedora. Tanto que vai ser moi difícil resumila aquí, só aspira a apuntar algúns dos temas que se trataron para que os lectores (e tamén os que non puideron asistir) se poidan facer unha idea de cómo foi a cousa. En primeiro lugar, paso lista: estaban nesta ocasión Antonio Piñeiro, Pepe Trebolle, Pilar Charro, Javier Casares, Serafín Alonso, Rosendo Fernández, Sexismundo Bobillo, Abelardo de Gabriel, Xulio Prada, Carlos Varela, César Ansias e este cronista, ademais de Millán Picouto e Xerardo Méndez, que cito ó remate porque viñeron por primeira vez e se incorporan así ó núcleo inicial.
Retomamos inicialmente o tema da última cita –políticas culturais- falando do noménclator urbano: da xa aprobada no Concello, pero non cumprida retirada de todos os nomes franquistas da cidade (quedan aínda Coronel Ceano, Capitán Eloy, Xeneral Aranda e algún máis). Tampouco se levou a cabo a tamén aprobada (contouno Millán, concelleiro daquela) recuperación dos nomes históricos, medievais, do casco antigo. Puxéronse exemplos doutras cidades de España en que a cousa é peor (Santander, etc.), pero iso non lle resta importancia ó caso ourensán. AG amosouse sorprendido pola falla de referencias en Granada a García Lorca, agás un parque a el dedicado, onde sobran en cambio nomes franquistas.
Despois a cousa saltou á memoria da guerra e da represión e falamos abondo: de cómo foi a represión, do silencio de tantas xeracións, da propaganda que ocultou todo no franquismo. E das formas de sociabilidade na posguerra: quen non pasaba por Acción Católica pasaba polo Frente de Juventudes, non había máis, ou pola Sección Feminina (CV comentou o documental emitido en TV sobre a Sección Feminina –eu non o vin- onde mulleres de moitas anos contaban aínda orgullosas a súa pertenza á mesma); PCh contou dalgunhas xornadas que lle tocou participar e do que se facía nelas, arredada da política, dicía (quizais, engado, porque a concepción machista do réxime esixía xa que a muller estivese fóra da política).
XP e máis o cronista falamos abondo do Ourense da época, a partir dos nosos estudos, e do poder da dereita católica que todo o controlaba dos anos 30 en diante. XP amosouse convencido de que a Falanxe, que só medra a partir de febreiro do 36, foi despois convertida no partido de grupos de choque de Franco, pero non se pode considerar, nese momento, como un partido fascista, agás en núcleos moi reducidos. Os fascistas orixinais foron neutralizados e Franco fixo e dispuxo todo o que quixo, neste país de sacristías e hisopos (desto temos falado aquí máis veces).
Tamén falamos moito do papel das tertulias de posguerra e das Academias privadas onde se refuxiaron os profesores represaliados: Albino Núñez, Manuel Luís Acuña, Vicente Bóveda, etc. (qué interesante sería un estudo histórico ó respecto). Houbo anécdotas simpáticas: AG contou do Raúl, que moitos vían moi comedido, cómo, nun día de chuvia moi intensa, lle dixo a unha alumna moza: “Ves ese cano a rebordar de auga sen parar. Pois así mexa o bispo”. Despois de rirnos un pouco, relacionamos isto co tradicional anticlericalismo que marcaba o republicanismo e a esquerda ourensáns dende vellos. JC deleitounos con varias anécdotas dos mozos católicos de Xinzo (nos que el ía) que xogaban ó fútbol contra os de Falange e estes metíanlles grandes malleiras (5-0, etc.); logo, ó rematar o partido, ían a un local onde había protestantes, vixiados de perto polo crego, e alí lles cantaban aquilo de “Protestante, protestante/ vete fuera de esta patria/ que aquí estamos, los del Sagrado Corazón” (a cita non é literal, pedireilla con detalle a Javier Casares).
MP amosou a súa tristura pola historia do país: nas escolas estamos sempre co mesmo, esta etapa foi moi mala para o galego e a cultura, e logo vén outra, e tamén foi mala, e sempre así... todo escuridade, sombrío... Só nos queda, engadín eu, destacar os momentos de luminosidade que xurdiron en medio desa triste historia nalgunhas das súas personalidades máis valiosas. E tamén falamos do exilio, da persecución de todos os relacionados co Frente Popular e dos problemas naquela época de personaxes como Celso Emilio Ferreiro ou Ramón Cabanillas Enríquez (pai) e da importancia que puido ter nalgúns casos algún parente crego ou falanxista para salvar a cara: un irmán de Celso Emilio (Sindo) tiña un cargo relevante na Falange ourensá, como contou Antonio Piñeiro.
En fin, saíron moitas máis cousas, pero sería imposible resumilas todas. Pero os lectores/as percibiran cando menos que si celebramos ben o Ano da Memoria. E nesa liña seguiremos.
LA BELLEZA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
La belleza
Segundos fuera (1989)
*Luis Eduardo Aute*
Hace 5 días
4 comentarios:
É unha mágoa non poder estar con vostedes, escoitándoos falar de asuntos tan interesantes. Calquera día pillo o carro e achégome! Os meus parabéns.
¡¡¡eu tamén estaba!!!
Piñeiro
Excusas,Piñeiro, polo meu despiste. Xa estás incorporado á lista (por partida dobre). Agardo que non me esquecese agora de ninguén...
Non tiña importancia. Mandeicho para que viras que lin o teu resumo.
Piñeiro
Publicar un comentario