Educación para a cidadanía. Moita tinta fixo correr xa o proxecto dunha nova materia, obrigatoria e avaliable, que se impartirá en dous cursos do tramo escolar obrigatorio, co nome de Educación para a Cidadanía. Tanto o PP como a Igrexa se opuxeron ata agora a impartir unha materia “de valores laicos”, chamémoslle así: un campo que debe incidir, di o proxecto do goberno, na crítica ós prexuízos homófobos ou no respecto ás novas formas de familia (incluídas ás familias gays). Este tipo de temas considerábanse ata agora temas transversais e debían ser incluídas nos curriculos das outras materias, pero iso ó cabo quedaba nas mans do profesor/a (coa súa ideoloxía particular). Eu vexo ben que exista esa nova Educación para a Cidadanía: todo vai facer falla para contrarrestar a estulticia imposta polas televisións e tamén as tentacións dalgúns para volver á caverna.
(Imaxe: Muller despois do baño, de P.A. Renoir)
15 comentarios:
A educación para a cidadanía antes chamábase Filosofía, mas nestes tempos de nomes de mercadotecnia xa se sabe.
A Filosofía é unha das asignaturas de letras que mellor sabor me deixou.
Comparto a opinión do texto e a de "mendinho". A filosofía ensina a pensar por un mesmo, a reflexionar sobre as nosas decisións e valores. Eu aprendín moiro con esa asignatura, comentando textos e aplicándoos ás miñas experiencias de adolescente en proceso de crecimento persoal. Preciosa pintura a de Renoir, como todas elas, a súa pincelada suave, difuminada,a muller-nena como raíña do seu ollo-pintor.
Pois tiveron vostedes bastante sorte, os dous. Por ter bos profesores de filosofía e por deixarse engaiolar pola seducción do pensamento. O certo é que nos meus tempos a maioría dos profesores eran peor que infames e os libros máis que horrorosos. Teño varios libros recentes, manuais de Filosofía, de varias editoriais e en nada se parecen, por sorte, ós que algúns tivemos que soportar (o pouco que saibamos de Filosofía foi aprendido, logo, fóra das aulas escolares). E tampouco é doado deixarse levar por esa seducción: polo que eu sei, na miña experiencia persoal (o que escoito e vexo en varios institutos) non é unha materia que entusiasme ós alumnos/as, quizais demasiado conquistados xa por este mundo pragmático e futil no que vivimos.
Pois eu creo que cómpre un pouco de sentido común e reducir o número de materias en vez de ir introducindo máis e mais.
A educación para a cidadanía non servirá para nada como non serviu a Educación del Espíritu Nacional, nin outras moitas materias.
Deixemos de solucionar todo botándolle leña ao ensino, cargando aos rapaces con cousas e cousas qeu pesan máis cás mochilas. Deixennos en paz.
E no tema das familias, moitos progresistas estamos preto das opinións da lider francesa...
O problema da COPE non se soluciona con outra liña na educación, senón cambiando a COPE. Non máis responsabilidades ao ensino. Que aprendan a ser xente de ben, que os eduquen tamén na casa, ou que carallo, ¿temos uqe arranxar o mundo os profesores ou que? Ben pola filosofía, a histoira das formas de ver o mundo. Xa está. Se cadra máis filosofía e menos trangalladas.
Pois desta vez non imos estar de acordo, sr. etxeokeai. Eu tamén era reticente ó tema este da materia de Educación para a Cidadanía. Pero agora estou convencido. É necesario impulsar valores laicos dende a escola. Si, os rapaces teñen moitas materias, pero haberá que recortar por outro lado. E a comparación coa FEN non vale, vivimos nunha sociedade democrática e con valores propios: tamén damos clases de galego e iso non é unha FEN galega, para entendérmonos. A educación na casa é necesario, pero precisamos tamén dun espazo máis serio, máis científico, máis igualitarista, como é a escola: cada familia pode ter a súa formna de ver as cousas, pero hai un MÍNIMO que a sociedade debe asumir para sobrevivir. Onte mesmo insistía de novo nisto, nunha marabillosa entrevista, CLAUDIO MAGRIS: non sexamos inxenuos, se a escola non defende eses valores democráticos e laicos, quen o vai facer? As TVs? Ese heteroxéneo concepto de "sociedade" que encobre tantas cousas?
Estou máis ou menos de acordo co da "Educación para a Cidadanía". E digo o de "máis ou menos" por dúas razóns. A primeira é que temo que nos deseños de contidos desa materia teñan un papel demasiado prominente certas tendencias "radicais" e moi ideoloxizadas de colectivos feministas, gays, multiculturalistas, etc que hoxe teñen unha importante influencia no PSOE. Resumindo: téñolle medo ao disparate.
A segunda razón é que penso que esta materia nace coxa ao pretender só transmitir valores morais e ideolóxicos. Boto de menos nesta materia que se lles ensine aos rapaces a ser cidadáns non só moi morais e moi correctos, senón tamén políticos: que se lles ensine, por exemplo, como funciona a administración pública, como se le un presuposto dun concello, da Xunta ou do Estado, que se lles ensine como funciona e como se financia a Seguridade Social, que son a democracia e a Constitución e para que serven, como se constitúe unha asociación cívica, cales son os mecanismos de participación política máis alá do voto, como se dialoga con outros e se defenden os argumentos propios sen faltarlle ao respeto ao adversario...
En fin, eu son dos que opina que a moral democrática e os valores constitucionais se plasman, sobre todo, ano a ano, nos Orzamentos Xerais do Estado, nos das Comunidades Autónomas e nos de cada concello. O respeto aos demais, o civismo, o pluralismo e a tolerancia deberían ser valores que se aprendesen transversalmente nos centros escolares, nas familias e nas rúas, sen necesidade de materias específicas.
A "Educación para a cidadanía" vaise converter, queiramos ou non, nunha "maría" como foi a FEN (non ten nada que ver, xa o sei) e como é a relixión (non o esquezamos).
Creo máis no labor do profesor/a particular (coa súa ideoloxía) que no que se transmita nesa nova materia.
O máis positivo que lle vexo é que os profesores/as con posicionamentos reaccionarios téñeno máis dificil á hora de transmitir o seu pensamento, ao iren contra "contidos curriculares", e iso paréceme ben. Que un profesor ou profesora se permita dicir nunha aula que os gays son unha anomalia da bioloxía, ou lindezas polo estilo, pareceme tan fóra de lugar como se di que os de cor máis branca son máis listos que os de pel escura.
Por si mesma, ningunha asignatura escolar pode facer nada para inculcar unha serie de valores positivos nos rapaces. E menos aínda unha "maría", como adoitan ser todas estas asignaturas. O problema é a sociedade e o que lle ofrece aos rapaces a través da televisión, dos xogos de ordenador, dos outros rapaces, etc. Tería que haber unha crise económica, de ideas, etc., de enorme magnitude para que cambiase radicalmente o nosos xeito de vida e, con el, as vellas-novas ideas. Daquela comezariamos a a valorar un montón de cousas ás que hoxe non lle damos importancia. Refírome a moitos valores positivos que se están a perder (os valores positivos, por certo, non son nin de dereitas nin de esquerdas). Eu, en todo caso, estou certo de que isto ten que estoupar por algún lado. Mais son optimista: o que veña detrás faranos mellores.
Opóñome á creación de "Educación para a cidadanía" Os profesores de Ensino Medio saben que EpC é unha asignatura que nace marcada polo estigma de ser unha "maría", como a Ética e a Relixión. E dado que esa vai ser a percepción dos alumnos, non lle agoiro máis de 10 anos de vida. En espera da súa desaparición, a EpaC levará unha existencia lánguida e funcional como comodín que permita aos profesores completar horarios. Pero ademáis de razóns técnicas, existen razóns ideolóxicas para rexeitala. E dgo "ideolóxicas", porque penso que a súa creación obedece, efectivamente, a fins de adoutrinamento ideolóxico laico. Un adoctrinamento ineficaz, como ineficaz era a antiga F.E.N ante os ventos de libertade que sopraban na sociedade da época. Os "valores" democráticos non se aprenden nunha asignatura. Contáxianse. E o virus incuba na familia. Nese sentido, e de ter que existir, paréceme interesante algunha proposta que houbo aquí no sentido de arrebatarlle doutrina formal e imprimirlle contido práctico: aprender non tanto formas (valores, etc) como procedementos (qué un recurso, como se recorre, qué un xulgado de garda, cales son os dereitos dos consumidores, etc) que fagan ao cidadán forte, libre e responsable. Pero iso non se consegue con sermóns.
Comparto o punto de vista de Jim Morrison.
Pois eu tamén.
Vexo que hai maioría de intervencións contra a nova materia, pero sigo sen estar moi convencido dos argumentos que aportades. Nada tería que ver coa FEN: estamos nun réxime democrático, ou non? Quizais a solución estaría nese enfoque máis práctico que de valores (que, si, se contaxian dende o contacto e a experiencia viva): en calquera caso esa aprendizaxe dos procedementos dunha educación civil levaría tamén á defensa deses valores, e iso creo que segue sendo necesario.
O certo é que hoxe, un rapaz acaba a carreira, xa non digamos o bacharelato ou a FP, sen saber moverse pola vida pública, sen ter nin idea de como se gasta o diñeiro dos impostos, sen saber como se presenta unha denuncia, como un cidadán pode enfrontarse xudicialmente á administración, ou como funciona un Parlamento e xa non digamos como pode un cidadán intervir nel. ¿Non é todo iso máis importante e decisivo cara á formación dunha verdadeira cidadanía que andar unha vez por semana botándolles sermóns aos rapaces sobre como ser politicamrente correcto? Esa materia pode estar ben, pero necesita un cambio profundo nos seus contidos.
Onte dedicáballe un artigo ó tema J.A.Marina en El Mundo, que foi un dos impulsores da Educ.pra a Cid. Ó cabo disque a materia quedará cunha hora semanal: para iso, di Marina, mellor que non a poñan.
É que todo o mundo pensa que a súa materia é a máis importante e todos os profesores reclaman máis horas para as súas materias. Os de Filosofía din que eles ensinan a pensar, os de Matemáticas din que o país ten un enorme déficit científico, os de Lingua din que sen saber expresarse non hai cousa que valga, os de Debuxo din que a educación plástica é básica para comprender o mundo de hoxe e os de Música din que os que non saben apreciar a ídem son uns amputados espirituais.
E logo, aínda por parte, son os rapaces os que levan a culpa de todo canto mal hai no mundo...
O señor Marina, que descubriu o segredo da felicidade, non debía amargarse por esas pequenas contrariedades...
Publicar un comentario