21 oct 2006

EUXENIO MONTES, CANDIDATO NAS CORTES CONSTITUÍNTES.

(Nun fío dos últimos días, Gustavo Peaguda e outros amigos referíronse varias veces á figura de Euxenio Montes. Para eles rescato este anaco dun traballo meu antigo, onde fago referencia a un suceso pouco coñecido: a súa presentación nas Constituíntes de 1931)


Á altura de 1931, Montes dános outra sorpresa en Ourense ó participar como candidato independente pola provincia ourensá nas eleccións a Cortes Constituíntes de xuño dese mesmo ano. Era a súa unha candidatura que non tiña ningunha posibilidade real, pois tiña que enfrontarse a dúas coalicións de partidos republicanos e de esquerdas e a diversos candidatos da dereita autonominados como independentes, entre eles, o poderoso José Calvo Sotelo, exministro da dictadura de Primo de Rivera, que controlaba múltiples áreas de influencia en vilas e no medio rural a través dunha estructura de notables con décadas de presencia. A presentación de candidaturas independentes como a de Montes non era estraña naquelas datas, de feito en Ourense presentáronse entón ata 12 candidatos deste carácter, dun amplo abano ideolóxico, desde republicano-federais ata cregos e católicos e mesmo un representante dun descoñecido Partido Republicano de Extrema Derecha (Federal).


Nesta liña hai que situar a candidatura de Montes, que tiña un aceno exótico e provocador, propio de certas poses do mundo intelectual da época, o que creou certa confusión na prensa local, pois para uns medios era un republicano indepñendente e para outros, como “La Región”, era socialista, quizais porque un seu irmán era entón alcalde socialista en Bande. A calificación que lle outorga o diario católico sorprende no futuro publicista falanxista, pois daquela xa era firma habitual en xornais situables no campo da dereita como “La Época” ou “El Debate”.
O escritor de Bande non fixo campaña pública activa na provincia. Limitouse a distribuir un manifesto dirixido “a los obreros e intelectuales” onde descalificaba o resto das listas electoris, esixía para os candidatos “capacidad intelectual y pureza ética” e afirmaba que o seu labor en Cortes centraríase nos temas relacionados co ensino e a Universidade. Sobre a problemática galega e os temas económicos, engadía que interviría en Cortes “para reclamar todas las justas exigencias de Galicia, hasta el límite máximo que permitan la cohesión nacional y la universalidad que caracteriza a la cultura. Yo intervendría, en fin, en problemas económicos de acuerdo con la actuación del partido socialista, cuyo criterio comparto en esta materia en su totalidad”, declaración esta que o situaba no campo socialista que lle apuña o diario católico e conservador da cidade.

Como era previsible, a candidatura de Montes, sen apoios partidarios nin sociais precisos, non podía ter éxito. Non obtivo o arelado escano pola provincia ourensá, pero quedou nun posto intermedio, o número 18 entre os 29 candidatos presentados, cun total de 14.457 votos, moi por riba de figuras de maior relevo político, como o conservador Luis Espada Guntín, o católico Mariano Vidal ou os republicanos Roberto Blanco Torres e Tertuliano Hervella, entre outros.

No hay comentarios: