Ricos e galeguistas
(No seu Camiño do Vao fala hoxe Monxardín dos ricos e galeguistas doutrora, en América. Ulos os ricos galeguistas de hoxe, aquí, na Terra?)
A esquerda nunca os reivindicou e pode que nunca o faga. Non tanto porque teña diferenzas irresolubles con eles -no fondo están todos mortos e iso é tremendamente nivelador- senón polo puro descoñecemento que temos da historia do noso país, ata hai pouco máis en mans de voluntaristas amadores e arestora cunha nova xeración de investigadores que nos están volvendo daquela amnesia colectiva que nos caracterizara.
O nacionalismo chamémoslle moderado, afastado de calquera discurso apocalíptico, vitimista e monolítico, deberá lembralos e tratar de compartir o seu recordo con todos e que todos asuman o agradecemento colectivo que lles debemos como construtores de nación. Deberemos consideralos como modelo do que foi posible noutrora, e que debería ser posible tamén e con novas forzas, agora e no porvir.
Refírome á xente rica e comprometida. Aos ricos e galeguistas, por exemplo. O noso nacionalismo, de tendencia bastante cutre, debe aprender moito da xenerosidade dos homes ricos no que respecta de compromiso coa Terra.
Pensemos en don Manuel Puente en Bos Aires, en Xesús Canabal en Montevideo, en Henrique Peinador en Vigo, en Álvaro Gil en Lugo, en Antonio Fernández... e nun par de ducias máis. ¿Que necesidade tiñan de complicarse a vida cunha idea minoritaria e da que eles, homes de empresa, non sacaban cartos senón que, pola contra, lles custaba? ¿Cantas veces terían que oír os seus asesores ou familias algo semellante? Pero a necesidade que neles mandaba era clara: a do comprimiso ético coas raíces, a da fidelidade á nación da que proviñan e único lugar onde lles interesaba ser estimados.
Estes homes ricos souberon deixarse guiar, nestes temas de apoios a inciativas recuperadoras de identidades, por galeguistas, digamos, pobres, con moita formación e pouca habenza, pero tamén intelixentes e amantes do país que souberon achegarse a eles e pedirlles axuda ao renacemento posible en cada momento, polo amor da Terra. Tanto dá que fose ter a mantido a Ramón Cabanillas en Mondariz para que escribise, como patrocinar o Consello de Galicia en Buenos Aires ou Montevideo. Tanto dá doar unha colección de arqueoloxía e arte única no mundo ao Museo de Lugo, como cadros ao Museo de Pontevedra ou subvencionar un colexio modelo como Fingoi ou a publicidade para pagar Nós. ¿Sería igual Galicia sen ter visto a luz o Sempre en Galicia? Pois houbo quen puxo cartos. ¿Sería igual Lugo se retiramos o torques de Burela do tesouro do Museo de Lugo? Pois alguén o doou.
Naquela vella campaña do Concello de Redondela, hai ben de anos, en favor do galego, usando as imaxes de galegos famosos e ricos, (Adolfo Domínguez, Arsenio Iglesias...) sospeito que ningún cobrou un can. Era o mesmo compromiso coa terra. Unha liña sobre a que hai que volver. Falemos ben dos ricos, que ao mellor, cae algo. Para o país, claro.
LA BELLEZA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
La belleza
Segundos fuera (1989)
*Luis Eduardo Aute*
Hace 5 días
5 comentarios:
O libro que escribiu A. D. R. Castelao chámase Sempre en Galiza, non Sempre en Galicia.
Saúdos.
Si, é certo. Pero, curiosamente, anos antes, 1937, Castelao publicara "Atila en Galicia" e "Galicia Mártir".
As Cruces de pedra na Galiza
Sempre en Galiza...
Galicia mártir
Atila en Galicia...
O único que lle faltou ao rianxeiro foi utilizar Galicia con artigo. Non sei se o meu texto sería corrixido polo corrector do xornal ou se me enganei eu no título.
En qualquer caso, peço desculpas ao sensivel anónimo. Saudiña.
Sempre botei de menos no mundo galeguista mais economia e menos poesía... Ejem, A ver se nos entendemos. Non teño nada contra a lirica, mais a economia nun mundo coma ó de hoxe é a que manda, como dí (mais ou menos) Diaz Pardo, acabaremos falando a lingua dos que posuan os nosos recursos, se as empresas son da fora, xa sabemos ó que toca... Se queremos ter un xornal en galego, hai que por cartos, se queremos ... hai que por cartos, ...
En "La Región" dos anos republicanos hai varios textos neste sentido: lembremos, La Región, era da dereita católica, a argamasa da CEDA local. E non vía moi mal ós galeguistas pero dicía sempre que eran líricos, poetas, e que de política non entendían moito. Tamén hai un texto moi simpático de Álvaro das Casas, desta época, na mesma liña (aínda que xa sabemos as voltas que logo deu don Álvaro). En fin, os galeguistas non tiñan grandes potentados e os nomes que cita Monxardín son case excepcións á regra. Supoño que os buscaron, pero o país non daba para máis. Ou si? E hoxe, existen eses empresarios galeguistas? Supoño que si, pero en xeral están abondo lonxe da política: claro que quizais tampouco lles guste o mapa político consolidado no país.
Publicar un comentario