30 nov 2006
ALGUNHAS CIDADES LITERARIAS (2)
(Andoliña 3o novembro)
E de Ourense imos cara Santiago. O imaxinario literario de Compostela é moi complexo. Complexo por antigo porque parte a súa andaina dende o mundo medieval cos peregrinos cantados polos trobadores e a pastorela do Sar. E complexo por heteroxéneo, pois collen neste continente referencias tan dispares como “La Casa de la Troya”, os poemas de Rosalía, Paulo Coelho ou autores como Torrente Ballester (“Compostela y su ángel”, 1948) ou Gerardo Diego (“Ángeles de Compostela”, 1940). Coñecemos tamén a Compostela do século XVI con “A tecedeira de Bonaval” de López Ferreiro e a dos anos 30 con obras como “A modelo de Paco Asorey” de Xoán Xesús González.
Otero Pedrayo deixounos a súa visión de Santiago en “Arredor de si”, “Devalar”, “O espello na serán” ou “A romeiría de Xelmírez”, pois, como dicía Carballo Calero, a novela de Santiago é tamén a novela do seu primeiro arcebispo. Podemos seguir a cidade dos anos 50 ós 70 a través de tres grandes novelas, de acenos universitarios: “No ventre do silencio” (1993), de Méndez Ferrín; “Xoguetes pra un tempo prohibido” (1975), de Carlos Casares, e “Dos anxos e dos mortos” (1977), de Rey Ballesteros. E mañá, máis novelas de Santiago.
III XORNADA DE HOMENAXE A EDUARDO BLANCO-AMOR NO 27º CABODANO DO SEU PASAMENTO.
OURENSE, VENRES 1 DE DECEMBRO 2006
13:30.- CEMITERIO DE SAN FRANCISCO
Presentación: Luís González Tosar (Presidente do PEN Clube de Galicia)
Intervención de: Víctor F. Freixanes (Académico e Director Editorial Galaxia) e Acisclo Manzano (Escultor). Lectura de textos dos alumnos dos I.E.S. “Blanco-Amor”, “Otero Pedrayo”, “As Lagoas” e “A Carballeira”. Pecha: D. Xosé Luís Baltar, Presidente da Deputación de Ourense.
19:30.- “EDUARDO BLANCO-AMOR, POETA”
Lugar: Centro de Desenvolvemento CAIXANOVA.
Presentación: Luís González Tosar. Intervención de Xosé Carlos Sierra (Delegado Consellería Cultura) e Luís Pérez (autor de diversos traballos sobre o escritor).
RECITAL POÉTICO: Marilar Aleixandre, Víctor Campio, Segundo Alvarado, Modesto Fraga, Luís G. Tosar e Xosé C. Caneiro. Recitarán, ademais, inéditos de Blanco Amor: Marisa Calvo, Fernando Gabelo e Xabier Castro.
29 nov 2006
Que marabilla!!
Acabo de consultar, para facer un pequeno artigo (mañá o colgarei), a colección dixitalizada de Triunfo (1962-1982), recentemente escaneada para meter na rede polo seu antigo director, J. A. Ezcurra: www.triunfodigital.com
Tamén está disponible a colección de Tiempo de Historia (1974-1982).
Eu gardaba unha pequena colección, incompleta, de varios anos de Triunfo, e outra máis completa de Tiempo de Historia.
Pero isto é un auténtico tesouro para todo tipo de historiadores, sociólogos, analistas da cultura, investigadores, etc... Moitas grazas a quen o fixo posible.
PAN POR PAN xoves 30 novembro
Triunfo. Gardo no meu arquivo unha pequena colección, incompleta, de “Triunfo”, a revista que dirixiu como semanario de información xeral José Ángel Ezcurra, co apoio decisivo de Haro Tecglen e as mellores firmas da literatura e o xornalismo da súa época. Foi unha voz decisiva na miña xeración e noutras anteriores á miña. Dende os seus números pódese seguir a recuperación da nosa historia: a memoria da República, as guerras de Corea e Vietnam, a revolución dos caraveis en Portugal, o pinochetazo en Chile, etc. A democracia é pouco agradecida: ignorou durante moitos anos ós que máis loitaron por ela. Por iso “Triunfo” morreu en 1982, ó chegar ó poder un partido de esquerdas, mira ti. Agora, di un xornal, “resucita en Internet”: xa está dixitalizada e calquera pode consultala na rede. Cando menos ninguén lles pode negar o seu testemuño na historia.
Do blog irmán de Fran Alonso (cabrafanada, un dos pioneiros do medio no noso país) copio esta foto das pasadas xornadas en Mariñán, sacada nos xardíns daquel fermoso lugar. Estamos na foto Xabier P. Docampo, este cronista, Rosa Aneiros e Fran Alonso. O mellor da foto, non sei se se distingue, é a placa de mármore que está tras nosa e que recitaba así: "La nada aquí". Ningún dos presentes acertou a descifrar o significado de tan fonda sentenza, que quixemos inmortalizar con certa ironía.
Algunhas cidades literarias (I-Ourense)
(Andoliña mércores 29 novembro)
Ó fío do Encontro de Mariñán sobre Cidades e Literatura, imos facer algunhas calas nas nosas cidades literarias. Como é ben coñecido, Ourense e Compostela son, ata hoxe, as máis literaturizadas, sobre todo na narrativa. Ourense está inmortalizada con toda a inmensa obra de Eduardo Blanco Amor, en galego e en castelán, e con varias pezas mestras sobre a súa amada/odiada Auria (A esmorga, Xente ao lonxe, La Catedral y el niño). Pero antes de Blanco Amor xa se fixera literatura auriense coa Xeración Nós: Otero Pedrayo e Cuevillas deixaron relatos e novelas maxistrais, tamén do mundo urbano, e velaí O porco de pé como a peza máis representativa da modernidade e gran novela satírica das nosas letras. E antes deles os nomes de Lamas Carvajal e Francisco Álvarez de Nóvoa son referencia imprescindible.
Sobre esa vizosa tradición literaria traballaron as novas xeracións da posguerra, que fixeron contribucións de primeira liña: á cabeza Casares (Ilustrísima) e Ferrín (O Suso, Xeque Mate). Logo viñeron Antón Risco (As metamorfoses de Proteo), Julio López Cid, Bieito Iglesias, Manuel Guede ou Fernández Naval, entre outros. E, en castelán, José María Pérez Álvarez e os poemas de José Ángel Valente.
Cunqueiro en Siria.
(Pan por Pan mércores 29 novembro)
Pois si que había de estar ben contento don Álvaro Cunqueiro de poder coñecer que na remota cidade de Damasco, en Siria, se inauguraba unha Biblioteca que leva o nome do señor de Mondoñedo, na sede do Instituto Cervantes nese país. Sempre foi Cunqueiro un namorado do mundo oriental –velaí “Se o vello Sinbad volvese ás illas” e moitos dos seus textos e relatos xornalísticos- e a súa obra está a ser traducida ó árabe polo escritor marroquí Elarbi El-Harti. Supoño que entre os moitos poetas que el mesmo inventou, a xeito de heterónimos, tal como se descubriu nestes días, haberá tamén creadores de poemas arábigos. O autor de “Merlín e familia” foi tamén un gran viaxeiro e non tanto viaxeiro físico, como viaxeiro espiritual: coas súas obras coñeceu as xentes e lugares máis diversos. É xusto que agora xentes moi arredadas de nós poidan tamén descubrir a súa obra.
28 nov 2006
Contadores.
(Pan por Pan martes 28 novembro)
Hai grandes contadores neste país e iso vén de vello. Tiven a sorte de coñecer e tratar a algúns deles, como Carlos Casares ou o seu irmán Javier, que tamén ten o seu aquel á hora de narrar sucedidos. Ou Basilio Losada. Ou, entre os novos, o amigo Quico Cadaval.
Engadirei agora a esa lista a Xabier Puente Docampo, un dos mestres da nosa literatura xuvenil, que nos agasallou con varias horas de acolledora conversa no Encontro de Escritores de Mariñán. Leva toda a súa vida facendo iso, contar historias, en Galicia, España e América. Moitas delas sacadas da súa propia vida e reconvertidas en literatura oral: de cómo o fillo do señor Raimundo, pois do seu pai procede ese don milagreiro, padeceu o Seminario de Lugo, o peor do país, cando neno de 10 anos. Algunhas desas xoias están no seu blog:
www.xabier-docampo.net/blog/29_blog.php. Pagan a pena, xa verán.
27 nov 2006
Solidariedade 2
Xa nos referimos, máis embaixo, ó conflicto "dalgúns veciños" do barrio de San Francisco en Ourense, que se negan a acoller nese barrio o novo local do Comité Antisida de Ourense.
Mañán axúntanse todos no Concello e o Comité demanda adhesións e apoios da sociedade. Non deixedes de mandarllos ó seu correo (creo que activo):
antisidaou@hotmail.com
(Imaxe de G.de Chirico)
O SEG hobbit
Esta é a edición do Sempre en Galiza que leu a miña xeración, en formato diminuto, e que estudou, releu e subliñou (cando menos no meu caso). En Ourense mercabámola na librería Tanco, entre os fondos "prohibidos" que manexaba o Antón Tovar dende o seu despacho do fondo. Eu non lembro mercala persoalmente, quizais andaba xa por casa e a mercara o meu irmán maior, pero tampouco estou moi seguro. Por algún lugar esquecido da biblioteca andará. Logo usamos outras edicións para salvagardar un pouquiño a vista, que xa non está para excesos. E mesmo estudamos e manexamos a cotío a excelente e moi recomendable edición crítica que hai uns anos publicou, en gran formato, o Parlamento de Galicia e a Universidade de Compostela, coordenada por Ramón Maiz (1992) e con traballos de Beramendi, Monteagudo, Núñez Seixas, etc. (escribo de memoria, fóra de casa, espero non errar nos nomes...)
26 nov 2006
Na miña serie dominical en Galicia Hoxe, Cen Anos de Historia Cultural, tócalle hoxe ó ano do Sempre en Galiza e do Consello de Galiza. Tamén foi o ano de grandes libros de Seoane, Lorenzo Varela, Emilio Pita, Otero Pedrayo, etc. E o da creación na Galicia interior do Instituto Padre Sarmiento. O artigo completo aquí. Tamén recomendo a reportaxe que trae o "Lecer" sobre a pervivencia dos símbolos franquistas no país, de R. Candal, co listado de nomes franquistas imposto na Coruña: agora deberían publicarse tamén os das outras cidades galegas.
Foi un ano importante para Galicia, o 1944, sobre todo dende a perspectiva da Galicia exiliada. Foi o ano do Sempre en Galiza, de Castelao, e da creación do Consello de Galiza. O ensaio de Castelao, que tanta pegada había deixar na historia do país, apareceu na Editorial As Burgas, do Centro Ourensán de Buenos Aires. Redactado durante varios anos (iniciado xa no seu desterro en Badaxoz), Castelao fala neste volume como voceiro do galeguismo político e diríxese como tal ós "irmáns galegos" e ós "galegos todos", mesturando o acento persoal dalgunhas páxinas cun enfoque máis obxectivo noutros capítulos. O ensaio, que percorre boa parte da historia de Galicia, deixa o seu testemuño, para vindeiras xeracións, do que foi a experiencia do galeguismo republicano e a loita polo Estatuto de Autonomía, denunciando a cotío as limitacións dalgúns republicanos españois á hora de atender as demandas galegas. Marca tamén o que foi o Castelao dos últimos anos, que morrería sendo republicano e nacionalista, e a súa convicción da necesidade dun Estado plurinacional e confederal no que Galicia puidese acceder a un autogoberno pleno. É tamén, como teñen sinalado algúns autores, un libro xeracional en canto moitas das súas teses parten do legado conxunto do galeguismo republicano (Bóveda, Villar Ponte, Risco, Otero Pedrayo, etc.) ou doutros pensadores galeguistas anteriores ou federalistas (Murguía, Brañas, Pi i Margall). En América a obra foi recibida con entusiasmo e esgotada en pouco tempo a primeira edición, segundo H. Monteagudo; na Galicia interior, entrou de vagariño e clandestinamente, converténdose nun elemento fundamental na formación das novas elites nacionalistas.
Por outra banda Castelao quería manter a representatividade xurídico-política dos galegos no exilio. Dende inicios deste ano, animado polo lehendakari J.A. Aguirre, mantén contactos con Lois Tobío para constituír un organismo onde se integrasen os deputados elixidos por votación democrática en 1936. O 15 de novembro fúndase en Montevideo o Consello de Galiza, presidido por Castelao e integrado polos deputados Elpidio Villaverde, Ramón Suárez Picallo e Antón Alonso Ríos. O Consello uniría as colectividades galegas do exilio e sería "centro neurálxico da maior parte das actividades políticas" do galeguismo (Rei Romeu), marcándose como obxectivos a recuperación da legalidade republicana e o restablecemento das autonomías nunha futura república federal. Nesa mesma liña fúndase en México, a finais de ano, o pacto Galeuzca, inspirado nas alianzas dos anos 30 e subscrito polo Consello de Galiza, o PNV e o Consell Nacional de Catalunya creado por Pi i Sunyer; este pacto supuxo unha inxección de forza inesperada para o galeguismo do exilio, pero tamén un certo illamento deste sector do resto da oposición republicana galega e española en xeral (Núñez Seixas). Mentres tanto, no exilio interior, o PG pasaba a integrar a Xunta Galega de Alianza Democrática coas seccións galegas da CNT, PSOE, UGT e agrarios.
Solidariedade.
(Pan por Pan sábado 25 novembro)
É unha palabra fermosa. Quizais un pouco longa de máis, pero fermosa. Evoca aquel espírito machadiano que evocaba o Juan de Mairena: “Ninguén é máis que ninguén. Por moito que valla un home, nunca terá valor máis alto que o de ser home.” O que acontece é que moitas persoas conxugan solidariedade só na distancia: no traballo das ONGs que andan por eses mundos esquecidos de Deus. Outra cousa é que che poñan un local do Comité Anti Sida ó carón de casa, aínda que iso non sexa un centro sanitario nin un refuxio de seres perdidos. Entón aboia esa parte menos nobre do ser humano que di: “Eu non teño nada contra deles, pero non quero nin velos, que estean ben lonxe”. E invócanse argumentos peregrinos: San Francisco é un barrio marxinal, dicía unha señora na radio. Espero que o bo saber facer de Afonso Cid sexa quen de borrar as lagañas da ignorancia...
(Imaxe: G. de Chirico, "Héctor e Andrómaca")
Dende Mariñán. Escribo dende o Pazo de Mariñán, na Coruña, nunha fermosa contorna de xardíns románticos, memoria en pedra e árbores milenarias. Se levanto a vista do ordenador prestado no que traballo vexo cadros de Laxeiro e dos grandes clásicos galegos e mesmo un impoñente retrato da raíña Isabel II que seica tamén se aloxou nestas estancias. E aquí estou participando, rematará nun par de horas, no IV Encontro de Escritores Galegos que organiza Luciano Rodríguez co apoio da Deputación coruñesa e que reuniu a un total de 24 autores para debater, dende o venres, sobre as Cidades e a Literatura. Só podo dar agora algúns brevísimos riscos dos intensos debates que nos acompañaron nestes tres días, con sesións organizadas arredor da narrativa (Anxo Tarrío e Rosa Aneiros), a poesía (Marga Romero e Xosé María Álvarez Cáccamo) e o teatro (Manuel Guede e Manuel Lourenzo). Participando intensamente estiveron tamén Euloxio Ruibal, Xabier P. Docampo, Fran Alonso, Ánxeles Penas, Xoán Abeleira, Manuel Castelao, Luís Rei Núñez, Tucho Calvo e Teresa Seara, entre outros. Inaugurou o encontro unha magnífica conferencia de Xavier Gómez Montero, escritor e profesor natural da Coruña e residente en Alemaña, que revisou moi a fondo as relacións, nas literaturas do mundo, entre as cidades e as letras e mesmo fixou unha categoría de referencias: a cidade premoderna, a cidade moderna ou a cidade megápole, un algo apocalíptica e virtual, que no cine trataron con éxito películas como “Matrix” ou “Blade Runner” e que nas letras galegas aínda agarda polos autores que a representen.
Cidade e identidade. Tarrío esculcou nas cidades na novelística europea; Rosa Aneiros deunos unha emotiva e fermosa visión da cidade brasileira de San Salvador de Bahía; Manuel Lourenzo definiu o teatro como espacio irmán da cidade e lembrou as teses do autor albanés Ismael Kadaré: velaí a necesidade que teñen os vivos de escoitar as voces e os espectros dos mortos, para iso tamén naceu o teatro nas cidades. Manuel Guede reivindicou a cidadanía dunha rede de teatros residenciais como forma de afortalar esa identidade cívica e Marga Romero evocou as múltiples cidades que os poetas deitaron nos seus libros, dende finais do XIX ata os nosos días, co forte pulo que as vangardas (Amado Carballo, Manuel Antonio, Eugenio Montes...) lle concederon ó espacio urbano. Falamos tamén da relación entre cidade e identidade e eu insistín na análise do discurso do galeguismo clásico, o que crea as raíces identitatarias da nación (Xeración Nós), cun discurso que abanea entre o antiurbanismo e a concepción dun outro modelo de cidade (a “cidade-xardín” de Castelao, a República campesiña de Otero). Viña eu, venres pola tarde, de escoitar no Paraninfo da Facultade de Historia de Compostela o brillante discurso de ingreso de Ramón Villares na Real Academia Galega: un moi suxestivo percorrido polo Adrián Solovio de “Arredor de si” e as cidades-símbolo que, dende o Toledo do nacionalismo español pasando polas cosmópoles de París ou Berlín, remata por recalar na visión dunha Compostela nova, símbolo da identidade coa que Adrián/Otero estaba a redescubrir o seu propio país e a súa propia cultura.
Falouse tamén de cidades imaxinarias, cidades invisibles, cidades ausentes, cidades da emigración, cidades neutrais ou non... Tamén de humanizar a cidade, de devolverlle á alma á cidade, de reivindicar dende a escrita a utopía que os políticos (só xestores do posibilismo) xa non son quen de reclamar... Un tema tan complexo e tan rico en matices que, por suposto, non se pode dar por rematado nun encontro de tres días, aínda que sexa tan vizoso coma este.
23 nov 2006
Imaxes.
Segue a súa andaina o Outono Fotográfico, cita cultural que leva 24 anos convocándonos, sempre co mesmo espírito de mocidade e descuberta. O mércores inaugurouse no Museo Municipal a mostra de Caja Madrid titulada “O papel da fotografía”, que xira arredor de tres das grandes revistas fotográficas: “Afal”, “Nueva Lente” e “Photovisión”, nun longo período que vai dende 1956 ata os nosos días. Están presentes os grandes da fotografía española do século XX: Joam Colom, Gabriel Cualladó, Carlos Pérez Siquier, Ricard Terré, Xavier Miserachs, Ramón Masats, Tony Catany, Javier Vallhonrat, Joan Fontcuberta, Alberto Schommer, etc. A min o que máis me gustou foron as portadas e varios exemplares de “Afal”, publicada en Almería, con aquel seu aire neorrealista dos anos 50, en tempos de censura, pero capaz de xerar unha gran riqueza evocadora nas súas imaxes. (Ilustra unha coñecida foto de Ricard Terré, "Sant Boi", 1958, cun detalle da mesma).
(PAN POR PAN venres 24 novembro)
Alfredo Conde dedicou dous artigos ó Encontro de Escritores Ourensáns no que el mesmo participou. Onte ("Rabechas interinas") falaba dalgunhas opinións escoitadas no Encontro, arredor dos poetas galegos, e hoxe ("Un fermoso fin de festa") amósase entusiasmado polo recital de Anxo Rei, sobre poemas de Tovar, que pechou aquela cita cultural.
A cidade, eixe do encontro literario de Mariñán
Acoden Valcárcel e Úrsula Heinze
Na Coruña (ALBINO MALLO)
O deputado responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Celestino Poza, presentou onte o IV Encontro de Escritores Galegos xunto co o coordinador do evento, Luciano Rodríguez. A IV edición deste Encontro de Escritores desenvolverase no Pazo de Mariñán os vindeiros 24, 25 e 26 do presente mes baixo o lema Literatura e cidade, e na mesma participarán 22 recoñecidos autores e críticos literarios galegos. A Deputación aposta por Mariñán como escenario privilexiado para xuntanzas de creadores e lembrou que a institución provincial organiza ademáis esta xuntanza anual de escritores, reunións de pintores, escultores e outras disciplinas artísticas.
Pola súa banda, o catedrático de Literatura Galega e coordinador do certame, Luciano Rodríguez, afirmou que a organización selecciona os asistentes en función do tema que se vai tratar, que nesta edición será literatura e cidade.
Ao encontro acudirán Marcos Valcárcel, Xavier Gómez Montero, Anxo Tarrío, Úrsula Heinze de Lorenzo, Xosé M. Álvarez Cáccamo, Xavier P. Docampo, Fran Alonso, Marga Romero, Manuel Lourenzo, Rosa Aneiros, Euloxio R. Ruibal, Ánxeles Penas, Xosé Manuel Fernández Castro, Xano Trevinca, Manuel Castelao, Luís G. Soto, Teresa Seara, Manuel Guede Oliva, Luís Rei Núñez, Tucho Calvo, Olga Novo e Xoán Abeleira.
Galicia Hoxe, 22-XI-06 (Maré)
(Na imaxe, o Santo Cristo da Catedral ourensá que tanto impresionaba ó neno Eduardo en La Catedral y el Niño. P.S.: terei o blog un pouco paradiño, pola miña banda, entre a tarde do venres e o domingo tarde).
Ciencia e ética.
Estivo hai unhas semanas en Compostela, dando unhas conferencias, Richard R. Ernst, que é Premio Nobel de Química 1991 (dos seus estudos derivouse a resonancia magnética nuclear que permite detectar tumores), pero que sabe tamén de música, de arte tibetana e de moitas máis cousas. Un científico que cita a Rabelais, polo cal xa merece un respecto: “A ciencia sen conciencia non é máis que a ruína da alma”. Precisamente Richard Ernst chamou a atención sobre a necesidade de que os científicos, ademais da sabiduría e o coñecemento, atendan á ética e á responsabilidade. Ademais, é un home optimista: confía en que o ser humano reaccionara antes da destrucción total, porque somos seres flexibles e capaces de reaccionar, baixo presión, cando nos tocan na propia pel. Oxalá teña razón...
(Na foto, Sofía Loren, 72 anos, no Calendario Pirelli 2007: xenio e figura...)
http://en.wikipedia.org/wiki/Shlomo_Ben-Ami
(Un amigo estivo presenta na conferencia de Shlomo Ben Ami en Compostela, o pasado día 21. Polo seu posible interese para os lectores/as desta bitácora, decidín colgar aquí este resumo da mesma.
Presentado polo seu amigo xefe da Casa de Galicia en Madrid, Alfonso Sobrado Palomares e contando coa presenza na mesa da tamén ourensá Carme Carballo polo Centro Internacional de Prensa de Santiago, Shlomo Ben Ami, na súa calidade de Vicepresidente executivo do “Centro Internacional de Toledo para la paz” ( www.toledopax.org ) pronunciou unha interesantísima conferencia na que baixo o título de “Alianza o enfrentamiento de civilizaciones” centrouse, como non podía ser doutra maneira, no conflito árabe-palestino.
Para empezar, o organismo toledano citado, CITpax, é un punto de encontro que ten como obxectivo contribuír a resolver ou evitar conflitos internacionais, en xeral, a través do que se denomina “diplomacia de segunda vía” por medio de iniciativas de desbloquo ou complementación das vías oficiais cando estas non funcionan. No CITpax, xunto con Moratinos, Garrigues Walker, etc. tamén está Nabil Shaath, vice-primeiro ministro da Autoridade Nacional Palestina, o que presume a súa neutralidade activa no conflito.
Na conferencia veu desenvolver moitas das ideas apuntadas xa no seu libro “Cicatrices de guerra, heridas de paz”, do que aquí tedes unha pequena crítica.
O ex-embaixador israelí en España, sefardita de Tanger é un hispanista coñecido, sobranceando o seu estudo das orixes da ditatura de Primo de Rivera. Como militante socialista (do Partido Laborista Israelí) formou parte destacada do goberno Barak –como ministro de exteriores- nos anos 2000-2001 cando se produciu entre outras cousas, a retirada do Líbano. Negociador de Oslo e Camp David, renunciou en 2001 a seguir no goberno de Sharon con teses contrarias ás do seu compañeiro de partido Simon Peres, por quen non oculta unha manifesta antipatía política.
Repasaremos unhas cantas ideas do que dixo alí:
A evolución do conflito parece que evolucionou desde problemas xeográficos –onde todo é negociable- a teolóxicos –onde nada parece racional.
O escenario anterior, a guerra fría, co que tiña sen dúbida de negativo, era un factor de estabilidade a nivel planetario, pois o equilibro a través da disuasión era moeda corrente. Un estado pode disuadir a outro, pero non a un grupo que non teña a responsabilidade de estado, por iso se producen agora guerras asimétricas. Para moitos grupos terroristas, tipo Alquaeda, apoderarse dun estado só traería problemas, polo que é moito máis operativo funcionar desde fóra. Así, sen capacidade de disuasión, nin case de pacto as novas guerras son asimétricas.
Ademais no escenario actual, tamén desapareceu case o medo ás guerras preventivas. Despois do fracaso manifesto da invasión a Iraq, nin se quera a opinión pública estadounidense apoiaría un escenario de guerra preventiva con Irán.
A guerra do Iraq foi un erro importantísimo e trascendental. Primeiro porque non se trataba de consolidar o status quo da rexión como fixera Bush pai ao intervir en favor de Kuwait, senón de alteralo, e nunha zona tan especialmente sensible. Súmaselle a isto a eliminación do réxime Talibán e os inimigos de Irán desaparecen co que xorde unha nova potencia indiscutible na rexión. De feito, ademais, estas dúas intervencións, supuxeron case a desintegración da “Liga Árabe”, transformando o problema de enfrontamento nun enfrontamento do “islám” e non do “mundo árabe” co que se amplía o escenario.
Así as cousas, a resolución do conflito árabe israelí, precisa a todas luces, non suporá automáticamente, a resolución do conflicto entre o mundo islámico e o occidental. Caso tamén do fracaso das dúas políticas de integración das minorías musulmanas en Europa. O modelo inglés de respecto levou ao que vimos no metro de Londres, e o modelo francés, ás revoltas dos barrios, iso que estas tiñan un compoñente radicamente social, de mocidade sen esperanza.
Opina que nestes momento os USA non se preocupan do problema isaraelo-palestino porque lle queda moito máis lonxe que a Europa. Hai ademais un diferente “ethos” á hora de enfrontarse aos problemas. Non en van Europa fala sempre de “desafíos” e USA de “ameazas” pois se unha corresponde á preeminencia do confronto de ideas, o outro relacionase coa pura forza.
Fixo un pequeno repaso polos fundamentalismos, xudeo –que se opuña aos acordos, moi minoritario-, critián –os grupos evanxelistas que apoian a Bush- e musulmán, que todos vemos. A confusión política teoloxía leva a unha situación insostible. Jomeini xa dixo “O islam é política ou non é nada”, como idea de abranguer todos os ámbitos da actividade humana. “A relixión convertida en politica é un desafío á convivencia”.
Volvendo sobre o integrismo islámico, a UMA, o sentimento de pertenza á nación islámica está absolutamente por riba das pertenzas a nacións máis ou menos artificiais de fronteiras novas. Hai que valorizar políticamente o islam e abrirse a falar con eles, porque fóra non hai nada. Hoxe a disxuntiva é simplemente “autoritarismo laico” ou “democracia islámista” porque as sociedades, sen clase media, nin cultura liberal, optan sempre que teñen capacidade de decisión, polas alternativas islamistas. Léase Hamas ou o FIS en Arxelia, onde o mundo saudou o golpe de estado para frear o ascenso ao poder, lexitimamente, do FIS.
O islamismo sobe pola corrupción de reximes autocráticos asociados a occidente. Só un 12 por centos dos votantes de Hamas di que votan por islamistas, a maioría por outras cousas. A oposición a occidente xira ao redor do enfrontamento con USA, no que Estados unidos ten unha evidente parte de culpa, pero hai sempre un odio á superpotencia mundial. Fose España no seu día –a lenda negra de España en América- a Inglaterra –a pérfida albión- ou a USA hoxe en día. Pero os USA teñen tres poderes sobre o mundo: O económico, o militar e o non menos importante, como productores de cultural popular a nivel plantenario indiscutida (Hollywood, Os Simpons, Mc Donals...). Por iso, moitas veces, a revolta diríxise a todo.
Por outra banda, Israel fixo paces volvendo ás fronteiras do 67 estables: con Exipto, por exemplo. Fixera a paz con Líbano, cando a retirada de man do ONU no 2001 só que non se respectou da parte Hezbolá –guerra asimétrica porque non era un estado o que atacaba, senón un grupo. El non era partidario de responder, nin sequera co secuestro dos soldados, pero entende que a xente se canse, como así entendeu o mundo árabe que tardou en manifestarse para darlle unha lección interna aos seus islamistas radicais.
Se non foron quen de facer a paz con Siria –teóricamente a diferencia que había en Golán era de 15 m. nas liñas de demarcación- foi porque Siria no final se negou porque “A guerra une, a paz divide”. Os réximes autocráticos non viven ben sen inimigos externos. E todos os estadistas desa zona que asinaron paces (de Sadat a Rabin) morreron asasinados. O propio Arafat seica lle dixo en Camp David cando lle ofrecía non sei que cousa “seica queres virme ao enterro?” coa idea de que o que asine a paz, é sempre un traidor, porque sempre hai quen quere ir máis alá.
Clinton intentou a paz durante os dous mandatos, cousa que Bush fillo nin se lle pasou pola cabeza. Hai unha evidente falla de vontade política polo que nesta xeración é imposible algo máis ca unha paz fría como a que hai con Exipto.
Sobre a construción do muro dise que é unha solución proposta polos socialistas no seu día –e que fora atacada pola dereita- porque significaba renunciar a Samaria e Cisxrodania, que a dereita cría integrante do vello Israel. A propia construción do muro, sobre as fronteiras internacionalmente recoñecidas a Isarael, non debía ser motivo de escándalo, porque limitan a terra recoñecida internacionalmente é, cada un na súa casa, fai o que quere. Sobre todo para defenderse de ataques suicidas.
Fala do relativismo moral dunha ONU que, coa maioría automática, pide unha investigación sobre os bombardeos seica esquivocados do outro día –á que el non se opnón, porque se non hai nada que ocultar, así está ben e se hai culpables conscientes, que se castiguen- pero ao tempo, ninguén fala dos centos de miles de mortos de Darfur e doutros xenocidios entre musulmáns ou outras cousas. ¿Vale tan pouco a vida dos africanos ou dos doutros lugares do planeta? ¿Só interesan os palestinos?
Pese a todo, ve elementos positivos.
O revolcón das eleccións en USA cre que pode animar a buscar outros camiños. De feito, R.Gates, un dos asesores que xa fora con Clintón, ten descartado o ataque a Irán e pensa que hai que falar. A propia “Alianza das civilizacións “ proposta por Jatamí hai anos e revivida por Zapatero, pode ser interesante, sempre que non se convirta nun intento de “mea culpa” occidental polos “males” inflixidos ao mundo. Todos temos cousas das que non estamos orgullosos e só desde o momento en que ambas sociedades asuman as súas posibilidades, se pode chegar a algo. A vía, se cadraa única vía debe ser o desenvolvemento económico, pois estados como Singapur, Indonesia e Malasia, por exemplo, parece que van conxugando o islamismo de amplas capas sociais co desenvolvemento económico o que deixa ao radicalismo en minoría. ¿E posible a evolución dentro do islamismo a posturas de convivencia con occidente? É difícil, pero hai que apostar por elas, o que é estéril é seguir apoiando ditaduras impopulares porque ao final, todo acaba rebentando, e o islamismo, cando chega ao poder, por pura lóxica de conservación, trata de sobrevivir no mesmo. Por iso, no seu día, non foi mala noticia que Hamas se pasase ao terreo político. Hai que falar con eles.A cousa está crúa.
Despois da fin da charla, houbo varias intervencións, case todas moi críticas con Israel e creo, que desinformadas desde o punto de vista da historia e sen contemplar a flexibilidade e apertura dos puntos de vista do que dixera Ben Ami.
Un par de ducias de gamberros agardaban a saída dun dos líderes da paz en Israel chamado a ser o artífice da paz en Medio Oriente, se que é posible.
22 nov 2006
Agora que xa non o temos que soportar tan perto, falemos de Fraga. Gobernou durante 16 anos e iso ten o seu mérito. Razóns hai moitas: vou dar algunhas e espero as vosas achegas. Podedes criticar as miñas, aportar outras novas ou debater o que queirades arredor desta liña xeral: por qué se mantivo Fraga 16 anos?
1. Porque elaborou un discurso galeguista-folclórico e populista que tivo asentamento fácil en grandes sectores da poboación
2. Porque dispuxo dunha máquina electoral e un aparato partidario potente (máis ou menos unido) que utilizou de forma totalitaria e sen discusións (quen se atrevía a levarlle a contraria, mesmo dende o goberno?)
3. Porque contou co apoio entusiasta, por diversas razóns, dos medios de comunicación privados (sobre todo prensa escrita) e coa manipulación dos públicos
4. Porque tivo fortes apoios económicos detrás, que apostaron forte pola súa alternativa en Galicia tralo seu fracaso como político no Estado (entre 1977 e 1989)
5. Porque era visto como unha figura de alta talla política (así o cualificaron moitos xornalistas) e soubo ocultar o seu pasado franquista e iso, en última instancia, só preocupaba a minorías ilustradas e máis concienciadas
6. Porque se fixo de inmediato coas rendas do sistema político galego: reformou a lei electoral e eliminou as forzas intermedias, sobre todo Coalición Galega (tamén o PSG-EG co famoso 5 por cento), acaparando todo o espazo político da dereita ó centro (co tempo isto sería un grave problema para o PP: a súa obriga de obter a maioría absoluta por non ter agora con quen pactar, que ben lle viría unha Coalición Galega descafeinada!)
7. Porque mesmo moitos críticos con Fraga non vían fronte del unha alternativa crible, que se entendía aínda como moi verde (goberno psoe-bng)
(Imaxe: Fraga na baralla do Prestige. Por certo, alguén sabe quen deseñou a famosa baralla?)
Tony Blair recoñece que a guerra de Iraq é un desastre. Altos cargos da administración USA empezan a falar dun repregue a medio prazo. Saben que aquilo non ten remedio: cen mil vítimas e as cousas están peor que antes. Para que se lanzou Bush e o triángulos das Azores a esa escalada bélica? Uns din que polo petróleo e os intereses de Halliburton; outros, que pola defensa de Israel; aqueloutros, que pola paixón relixiosa de Bush e o desexo de vinganza contra Sadam. O argumento oficial foi a loita contra o terrorismo e a loita pola democracia no Oriente Medio: en realidade, afortalar a hexemonía norteamericana na rexión. Pero as cousas están saíndo mal: o cambio de réxime en Bagdad favoreceu ós xiítas e isto reforzou, de xeito indirecto, o réxime de Irán, de maioría xiíta, que Bush colocou no Eixo do Mal. O presidente non ten moitos motivos para estar satisfeito.
(Imaxe de Patrick Demarchelier)
Pau Casals.
Como é ben sabido, Paul Casals (1876-1973) foi un gran músico catalán, defensor da Paz e dos Dereitos Humanos e autor dun Himno da Paz. Catalanista e antifranquista, falou e cantou en catalán en 1971 na ONU (“Cant dels ocells”), revolvéndolle o bandullo ó réxime franquista: foi a primeira vez que souben eu, cando contaba 13 anos, da existencia de Cataluña como país.
Na película “La escuela fusilada”, sobre a represión dos mestres da República, contan unha preciosa anécdota que o retrata con dignidade: o 18 de xullo de 1936 estaba tocando nun concerto nunha fábrica de Barcelona, cousa que facía a cotío, fundando Escolas Musicais para achegar a música ó mundo obreiro. Avisárono de que estoupara o golpe franquista, pero el decidiu seguir tocando. E engadiu: “Continuemos porque pasarán moitos anos ata que poidamos volver a facer isto nun lugar coma este”.
21 nov 2006
Unha iniciativa ben fermosa, da que xa nos falara en Ourense, hai uns días, Ferro Ruibal.
Cóntao así El Correo Gallego:
Un buscador en rede posibilita a consulta da distribución xeográfica da onomástica galega ·· A ferramenta, presentada onte por Ana Boullón e Xulio Sousa, pescuda na procedencia, frecuencia e espallamento
O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela (USC) desenvolveu un proxecto que permite coñecer a distribución xeográfica en Galicia de máis de 25.000 apelidos mediante a súa representación cartográfica nun mapa de concellos. Trátase dunha ferramenta pioneira nos estudos onomásticos hispánicos, xa que aínda que se poden atopar webs semellantes referentes aos apelidos italianos, franceses ou ingleses, é a primeira vez que se fai tomando como base os dun territorio de España ou Portugal.
No traballo partiuse dos apelidos proporcionados polo Instituto Galego de Estatística pertencentes ao censo de poboación de 2001, que inclúe datos de 2.750.648 persoas.
A investigación, elaborada en colaboración coa Real Academia Galega (RAG) e coa a axuda do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) permite coñecer tamén a frecuencia dos apelidos.
A nova completa aquí
Vaise outro loitador do nacionalismo e da cultura galega: Xosé Agrelo Hermo, a quen moitos coñecimos nos tempos da AN-PG e a difusión do teatro popular país adiante. Pego a nota biográfica que acaba de espallar a AELG. Que a terra lle sexa leve...
Naceu o 10 de abril de 1937 na freguesía de Santa Cristina de Barro (Noia,A Coruña). Criouse, como el mesmo deixou escrito, na época do estraperlo,do racionamento e do wolfram. Aos dez anos marchou para o SeminarioConciliar de Santiago onde estudou Humanidades e Filosofía e, a punto deprofesar o sacerdocio, abandonou e marchou a Madrid –tiña naquela alturavinte e un anos–, onde traballou de mozo de carga, tenedor de libros,vendedor a domicilio, de profesor particular de latín e grego e demontador ascensorista, mentres seguía estudos de cinema e xornalismo. Desiludido, endurecido polo traballo físico, e co servizo militar feito,voltou a Noia. Estudou a carreira de Maxisterio por libre e, anos máistarde licenciouse en Filoloxía Románica. Exerceu a docencia en colexios públicos de Boiro, Outes, Torea e Esteiro, onde se xubilou como Directordo CEIP “As Ínsuas” en 2002. No exercicio da docencia encontrou a verdadeira vocación: para as moitas xeracións de escolares que formou coseu saber, o seu exemplo e o amor a Galiza, o mestre Xosé Agrelo sempreserá unha referencia.Simultaneamente coa dedicación ao ensino, iniciou na década dos 60 unha intensa relación co mundo do teatro, polo que sentiu verdadeira paixón:autor, actor, director, promotor de grupos de teatro infantil e deadultos. Foi un home de teatro e nesta singradura sempre estivo acompañadopola súa compañeira, Solita Roo Rey, primeiro como actriz e despois comomembro do persoal técnico (atrezo e maquillaxe), e contou co apoio e aaxuda dos seus fillos, Cristina e Xosé Ramón. Na andaina inicial dos 60 e como codirector do grupo “Talía” de Noia, representou comedias de humor deMiguel Mihura, Juan Chorot e Carlos Llopis. En 1973 fundou, e dirixiu,“Candea” do Liceo de Noia, grupo comprometido co teatro popular, coalingua e con Galiza que durante sete anos fixo centos de representacións por toda a xeografía galega en salóns de bailes, igrexas, garaxes, sen apenas medios pero co entusiasmo e o pulo que contaxiaba o seu director.“Candea” montou os seguintes espectáculos: Romance de Micomicón e Adhelalade Blanco Amor (1973); Pancho de Rábade de Álvaro das Casas (1974);Rexurdimento de Leandro Carré (1974), e as obras da súa autoría: Noite delobos (1975); Metá a metá (1976) e O mestre (1978). En 1980 fundou enEsteiro o grupo “Xestruxo” co que representou: Os vellos no deben de namorarse de Castelao (1981), Pancho de Rábade (1982) e Metá a metá(1983). En 2001 fixo unha nova montaxe de Os vellos non deben de namorarsecun grupo organizado no seo do Liceo de Noia. Desde 2004 puxo a súaexperiencia ao servizo do grupo “O Xeito Teatro” da Asociación Cultural“Do Xeito” de Esteiro, co que dirixiu as montaxes de O achado do Castro(2004) e Os vellos non deben de namorarse (2005). Consciente daimportancia de levar tamén o teatro ás aulas, fundou e dirixiu o grupoinfantil “Agrocobo” co que representou: Auto dos Reis Magos, anónimo(1975); O espantallo da súa autoría (1976); O telegrama de Manuel Fernández Núñez (1977); Os vellos non deben de namorarse (1978); Xuicio nobosque de Dora Vázquez (1981); Aventuras e desventuras dunha espiña detoxo chamada Berenguela (1982) e Os soños na gaiola 19(1983), ambas deManuel María. Neste mundo do teatro, e dentro da súa faceta de autor,viron a luz as obras que creou para “Candea”, Candea 70 (Tres pezas deteatro) (Toxosoutos, 1989) e O ensaio (Do Castro, 2005), que obtivo oPremio Estornela 2004 da Fundación Neira Vilas. Como actor interveu nasrepresentacións de Noite de lobos e O mestre, dirixidas por el, e fixounha incursión no cinema na curtametraxe Macana de dote ché, con guión deEuloxio Ruibal e dirección de Miguel Castelo.Como autor de creación, alén do teatro, cultivou tamén a narrativa e deuao prelo o conto infantil O espantapaxaros (Galaxia, 1972), Premio “OFacho” 1971; a novela Os sete coitelos (Toxosoutos, 1994) e o relato Rumboao Maluco (Toxosoutos, 2003), Premio”Avilés de Taramancos” 2003). É autor así mesmo de diversas obras de ensaio biográfico, de reseñas históricas,de guión de cómic, de recursos didácticos, de investigación: Efemérides noyesas (El Eco Franciscano, 1971), en colaboración con Manuel Hermida; Oxogo dramático (de, con, por, para NENOS), (Toxosoutos, 1990);Aproximación didáctica á obra de Antón Avilés de Taramancos (Toxosoutos,1995), en colaboración con Pilar Sampedro; A freguesía de Santa Cristinade Barro (Toxosoutos, 1996); Noia, porto de Compostela (Toxosoutos, 2002),con ilustracións de Xosé Luis Veiras Manteiga; Avilés de Taramancos(Toxosoutos, 2002); O cartafol de Ruperto (edición dixital, Biblioteca Virtual Galega, 2002); Alejandro Rodríguez Cadarso (Toxosoutos, 2004); Afreguesía de Santa Mariña de Esteiro (Toxosoutos, 2004), en colaboracióncon Francisco Abeijón Núñez; Derrota e singraduras do Joaquín Vieta (Toxosoutos, 2005); Catastro de Ensenada. Noia e a súa xurisdición (1752)(Toxosoutos, 2006). Traballador infatigábel, ten no prelo de Toxosoutos o libro De Pedro a Ratzinger, e deixa varias obras inéditas: “Cántico dacostureira poeta”, dedicado a María Mariño; Catastro da Ensenada de Boiro;unha novela histórica medieval e un relato sobre a Noia dos anos 50. No terreo social, viviu intensamente e defendeu con vehemencia osproblemas do seu país. Militou no nacionalismo desde 1975 na ANPG; foi concelleiro en Muros durante catro anos en representación do BNPG efigurou na candidatura ao Senado en 1981, sendo a persoa máis votada.Como dinamizador de iniciativas e empresas culturais, foi Redactor Xefe e colaborador do xornal quincenal Barbanza, que editou a “Asociacion Cultural Barbanza”, do que saíron corenta e dous números; pertenceu ao Consello de Redacción e colaborou con diversas seccións na revista Alameda desde o primeiro número (maio de 2000), editada pola Sociedade Recreativa e Cultural Liceo de Noia. Desde 1988 foi Director da Editorial Toxosoutose alentou numerosas coleccións, algunhas tan importantes como “Keltia”,“Trivium”, ou “Memoralia”, por citar tres, que el contribuíu aengrandecer.Coa súa morte, Galiza perde unha figura importantísima no mundo cultural,elemento ponte entre diveras xeracións, home entrañábel a nivel humano,conciliador e, ao tempo, firme nas súas conviccións.
Chema Madoz
Non tiven tempo para colgarvos aquí algunhas recomendacións do Outono Fotográfico deste ano. Entre as imprescindibles, dende logo, a serie "Una película de piel XII" que exhibe na Galería de Arte Marisa Marimón o fotógrafo conceptual Chema Madoz. Se acudides pedide o folleto que editou a galería con 20 magníficas fotografías e un limiar de Francisco Carpio titulado Ideas coleccionadas. Manual de ideas cazadas por un artista-taxidermista.
Catálogo
E, por certo, xa está editado o catálogo desta edición: unha excepcional colección de fotos e exposicións e artigos de Miguel Anxo Fernández (Fotografando o ser ido) e de María José Ruiz Vázquez (Seis imaxes do rito nupcial). Podedes consultar os textos (e fotos) na web do outono. (En calquera caso, dada a xenerosidade de Benito Losada, supoño que quen queira o catálogo en formato libro, pode pedirllo a el directamente e non será defraudado).
20 nov 2006
Galegos nos campos nazis
Xosé Ramón Paz Antón, deputado do BNG no Parlamento Galego, escribe sobre os galegos nos campos de concentración nazis, un tema non demasiado coñecido polo gran público, creo.
Manuel Luís Acuña. Estiven na Pobra de Trives, participando no III Congreso Manuel Luís Acuña, que organizaron a Universidade de Vigo e a Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, coa man sempre dilixente e atinada de Xoán Carlos Domínguez Alberte como coordinador técnico. Despois de tres convocatorias, é xa case unha tradición visitar as terras de Trives nestas datas para falar de historia, de literatura, de pedagoxía, arredor da memoria da figura do creador de “Fírgoas”, aquel gran poeta, mestre e republicano, natural destas terras. Este ano o tema monográfico da cita era o maxisterio republicano e a represión sufrida por este colectivo social nos anos da guerra civil. No encontro participaron moitos amigos como Antón Costa Rico, Xosé M. Cid, Raúl Soutelo, Xosé M. Salgado, Xurxo Sierra Veloso, Xesús Alonso Montero ou Ramón Nicolá. Tamén houbo achegas ás innovacións educativas no IES da Pobra de Trives, a cargo de Francisco Javier González Álvarez, ou á realidade política da comarca nos inicios do século XX, por Francisco García Sánchez, o que permitiu unha maior proximidade á contorna social na que se desenvolvían os debates. Participaron tamén (pero non puiden estar en todas as sesións) profesores como Isaac Alonso Estravís, Sabela Rivas Barrós, Santiago Veloso e algúns colegas portugueses; eu botei en falta a voz de Carlos Casares que apoiara esta iniciativa dende os seus comezos e que estaría moi satisfeito, dende logo, desta lembranza de quen foi para el tamén unha especie de amigo e profesor cando Carlos, na súa mocidade ourensá, empezaba a pensar en ser escritor.
A Escola Fusilada. Un dos momentos centrais do encontro foi a emisión da película documental “La escuela fusilada”, de Iñaki Pinedo e Daniel Álvarez, un relato tan emotivo como digno e rigoroso que fai balance do que significou a represión no corpo do maxisterio: abríronse 61.000 expedientes de depuración, dos que unha cuarta parte remataron en sancións e, como é sabido, en moitos casos co asasinato de tantos mestres identificados coa República e a Fronte Popular. O documental, moi crítico co papel da Igrexa, que segue sen pedir perdón por bendicir como “Cruzada” a barbarie franquista (algo que xa indignara a Castelao e a algúns galeguistas católicos), denuncia a ocultación do legado do maxisterio republicano ata datas moi recentes: as voces dos fillos dos mestres asasinados dan así o perfil exacto do que concibimos como reivindicación da Memoria Histórica: un acto de xustiza, un acto necesario de recoñecemento dunha realidade que se quixo facer desaparecer durante máis de 40 anos.
19 nov 2006
Unha opinión, sobre a realidade política latinoamericana, de Carlos Fuentes. A entrevista completa ("El Cultural-El Mundo", 7-IX-2006), aquí:
"Chávez es un payaso lamentable”
–¿Qué papel puede jugar el presidente venezolano Hugo Chávez en el futuro de la zona?
–Espero que ninguno. Es un payaso lamentable.
–¿Es, como dice Vargas Llosa, responsable de la radicalización del continente latinoamericano?
–No, porque no es un radical, es un fascista. Es un hombre de extrema derecha disfrazado de izquierdista. Es un engañador. La verdadera izquierda está en Lula, en Michelle Bachelet, en Tabaré Vázquez.
–Pero Castro le cree.
–Castro no tiene más remedio que creer a todo el que le hace caso. Pero Cuba va a tener una transición pronto, con una solución a la china: dictadura con capitalismo.
–¿Será necesaria la intervención de Estados Unidos?
–Ellos no deben meterse en nada. Desde la guerra con España, EEUU ha intervenido de manera fatal en los destinos de Cuba. Si algo le alabo al gobierno de Bush, al que detesto realmente, es que no se preocupa por América Latina, lo cual es muy bueno. Bendito sea. Está ocupado con guerras que ha inventado en Iraq.
De libros.
(Pan por Pan sábado 18 novembro)
A amiga Débora Campos sempre constante a imaxinar grandes ideas para defender o noso idioma e a nosa cultura dende Buenos Aires. Agora quere axuntar aló un grupo de novos lectores que se vaian afacendo a ler en galego. E pide suxestións de libros imprescindibles. Aí van as miñas, só de clásicos da narrativa:
“A esmorga” e “Os biosbardos”, de Blanco Amor; “Contos do camiño e da rúa”, de Otero;
“Retrincos”, de Castelao;
“Prosas galegas”, de Cuevillas;
“Estebo”, de Lesta Meis;
“Merlín e familia”, de Cunqueiro;
“Á lus do candil”, de Fole;
“Os escuros soños de Clío”, de Casares;
“Arraianos”, de Ferrín;
“Remuíños de sombra”, de Neira Vilas;
“Vilardevós”, de Silvio Santiago;
“O acomodador e outras narracións”, de Marcial Suárez;
“Morrer en Castrelo de Miño”, de Fernández Ferreiro...
Iso todo só para empezar a descubrir un novo mundo.
(É só unha opinión, tan subxectiva e discutible como calquera outra)
P.S.: Está exposta en Ourense, na Aula Cultural, nos baixos do Liceo, a mostra de fotografías de Blanco Amor que patrocinan Galaxia e a Consellería de Cultura da Xunta.
Sesenta anos: un mestre de ilusións
PAN POR PAN domingo 19 novembro
Se as miñas fontes de documentación non están erradas, cumpre hoxe 60 anos o meu amigo Benito Losada, o director da Casa da Xuventude. E está neste curruncho porque o merece, non por ser o meu amigo, senón porque toda a súa vida está rodeada de amigos e amigas entre as xentes de Auria. Veu dende o seu Lugo natal e leva aquí trinta anos, nunha xa longa andaina construída a base de sementar amizades, abrir fiestras, tender pontes e dignificar a cultura e a mocidade na cidade. Hai días que temos a mala sorte de ter que soportar a algún mal bicho, pero o certo é que moitas das persoas que nos rodean son boas persoas e traballan xenerosamente por iso que chamamos ben común. Benito é desas persoas: un “mestre de ilusións”, como o definiu Roberto Verino na homenaxe que lle fixemos a Benito no 2001. Que non morran nunca esas ilusións. E feliz aniversario.
18 nov 2006
Adrián Solovio…
O próximo venres terá lugar, no Paraningo da Facultade de Xeografía de Historia da Universidade de Santiago (ás 19 horas), a lectura do discurso de ingreso de Ramón Villares Paz na Real Academia Galega, co tema “Fuga e retorno de Adrián Solovio. Sobre a educación sentimental dun intelectual galeguista”, a quen responderá en nome da Academia o escritor Víctor Fernández Freixanes.
Os que nos consideramos os seus discípulos (con permiso) e, dende logo, si admiradores da súa obra e amigos da súa persoa, estamos de noraboa.
E estamos seguros de que este discurso será unha peza literaria moi coidada e dun altísimo rigor intelectual, porque ese é o estilo habitual do seu autor en todos os seus textos (orais e escritos).
Se é certo o que conta Galicia Hoxe non só non haberá acordo entre as diferentes liñas opositoras á dirección do BNG (Alternativa, Encontro Irmandiño, MDB...), senón que algunha delas ata podería escindirse.
Algúns xa tiñamos moi poucas esperanzas sobre a rexeneración do BNG: por este camiño, ata esas esperanzas quedarán frustradas... Que fado lle caeu enriba a este país?
A imaxe social dos mestres
(Andoliña venres 17 novembro)
Que imaxe teñen na nosa sociedade dos mestres, dos profesores de hoxe en día? A pregunta deitouna unha das relatoras dun Seminario de Dinamización Lingüística que se celebra en Ourense con asistencia masiva de xente procedente do ensino. E as respostas non foron sorprendentes: uns señores que cobran moito, teñen moitas vacacións e non traballan case nada, dixo unha das asistentes. Só os mestres de Infantil e Primaria vense en parte recoñecidos a nivel social: é ese o período en que os pais aínda asisten ás xuntanzas do colexio, o momento no que se concibe a educación como un conxunto harmónico de pais, mestres e sociedade: a educación pola tribo, que di J.A. Marina.
Peor que iso, engadiu logo outro mestre, os mestres somos hoxe os monicreques, os pallasos que reciben os golpes, vítimas de agresións que son logo exhibidas e amplificadas polos medios de comunicación. E así todos os días. E algúns rapaces, ben espelidos no seu, xa entenderon como funciona esta sociedade: mesmo provocando as agresións para gravalas e logo vender as imaxes. Sempre haberá algunha televisión morbosa que merque as imaxes para difundilas en máxima audiencia. A lei da selva en marcha, así andamos...
(Imaxe: tinta negra e azul e lápices de color, de Federico García Lorca, en páxina 62, fronte ó poeme "Verlaine" de Canciones (1929), La Habana, 1930, Museo de Belas Artes de Cuba).
16 nov 2006
Galiza 1906-1936: cómo se constrúe unha nación
Mañá, 17 de novembro, estaremos de novo en Trives, como nos últimos anos, para honrar a figura do gran poeta Manuel Luís Acuña. Por alí andarei para falar (12,30 h.) dun tema tan ambicioso como o que suxire este título: Cómo se constrúe unha nación? a través dun Power Point que irá revisando toda a historia cultural e social dese período. A crónica dun gran esplendor que só a barbarie militar e franquista foi quen de tronzar: sen contar co inmenso drama humano da traxedia, Galicia perdeu cando menos 30 na ditadura posterior para volver ás claves culturais, económicas e sociais de preguerra.
Cando Castelao escribe no seu exilio de Buenos Aires o “Sempre en Galiza”, está a pensar non só nos galegos que o arrodean en América, senón sobre todo nos que quedan na Galicia do interior e nos que virán despois: isto é, as xeración futuras ás que quere deixar o seu testemuño persoal do galeguismo de preguerra. Por iso é necesario recoñecer o labor dos exiliados: somos nós, tantos anos despois, os destinatarios das súas mensaxes. E por iso merecen todos os parabéns os promotores da Biblioteca do Exilio (Díaz Pardo e Charo Portela no noso país), que están a editar un total de 100 obras dos exiliados republicanos nas catro linguas do Estado, 37 xa publicadas. Entre elas, as creacións de autores tan notables como Max Aub, Ramón J.Sender e Bergamín, pero tamén doutros menos coñecidos como Juan Rejano, Juan Chabás ou o noso Lorenzo Varela, entre outros.
15 nov 2006
Máis de abusos cotiáns
Pan por pan, mércores 15 novembro
Sigamos cos abusos cotiáns que sufrimos, dende o teléfono, dende as pantallas de televisión e dende outros lugares. Velaí a estulticia de moitos anuncios televisivos que padecemos sen defensa (agás a posibilidade de apagar o televisor) : un deles presenta un paspán que tropeza contra a andamiaxe dunha igrexa románica en restauración para logo dicir: “Bien, no hemos hecho mucho por las gárgolas medievales, pero...”. Todo iso para vendernos un automóbil: nun país que despreza a cultura e deixa caer en anacos o seu patrimonio artístico.
E que me din das enquisas e das estatísticas? Alguén cre aínda nelas? Esoutro día un xornal galego publicaba unha que “demostraba” que os mozos len cada día entre unha e catro horas diarias: supoño que en calquera empresa seria o responsable de tal disparate estaría xa castigado a pegar selos durante moitas semanas.
(Imaxe: Beckmann, A toilette, 1923)
14 nov 2006
Dous artigos de interese hoxe en El Correo Gallego. No de Luís González Tosar fálase dun galego de nación, Vicente Almazán, falecido recentemente. E con certa ironía fala así do galego de hoxe, en moitos sectores sociais, neofalantes:
El captaba bárbaro os matices e niveis lingüísticos dos seus interlocutores, era un apaixoado da fonética, do léxico, da sintaxe. Axiña descubría os neofalantes, dicía que eran como "soldados tatexos", gozaba escoitando os paisanos, chamáballes "dicionarios vivos". Antes de marchar, nomeámolo Galego de Nación. Cando publicou o Breviario, escribiume unha longa carta contándome as motivacións do libro. Non lle contestei.
Agora, querido Vicente, penso o ben que o ías pasar coas novidades: nacionalistas que falan polo "i"desprezando a popular conxunción "e", amantes de todavía no canto de aínda, vaidosas poetas que lle non dan traza aos pronomes, incapaces de articularen o "n" velar, ¡tan enxebre!, esforzados cheiradores do sutaque portugués... Unha marabilla.
E no de Xosé M. Sarille ("O exemplo dos estudantes en folga"), faise esta rotunda afirmación, que ten máis valor por vir precisamente de quen vén:
A indiferenza por este idioma foi grande coa Xunta do Partido Popular, mais o bipartito condúcese do mesmo xeito, sen facer nada. Ou aínda peor. O acceso do BNG ao poder serviu para constatar que ningún partido, tampouco este, está disposto a cumprir co ordenado polos cidadáns, nin co seu compromiso electoral. Preferiron evitar o desafío, porque son débiles e indecisos.
Abusos cotiáns.
(Pan por Pan martes 14 novembro)
Cando se faga unha ampliación dos nosos dereitos constitucionais, debería incluírse na mesma algún xeito de defensa contra unha serie de abusos moi cotiáns. Por exemplo, as chamadas de propaganda por teléfono das compañías telefónicas: día si e día tamén, á mesma hora (xusto na hora de comer), a consabida chamada da consabida compañía coas súas vantaxes de última hora. Procuro encherme de paciencia para atender esa voz, sempre diferente (cada vez máis con acento sudamericano), que me apela cortesmente: pero remato sempre cun “non me interesa”. Se eu fose un pouco máis maleducado, colgaría xa o teléfono só con escoitar a sigla que identifica ó pesado interpelante de todos os días: terei que rematar por facelo, non me deixan outra defensa. Hoxe xa lle dixen “que era un abuso chamar todos os días” e pedíronme desculpas. Mañá chamará outro de novo.
(Imaxe de Renoir, para fuxir do cabreo e do teléfono)
12 nov 2006
1942: O ano en que se proclama o Día da Galiza Mártir
(Cen Anos de Historia Cultural)
O 28 de xuño de 1942 reaparece o xornal galeguista A Nosa Terra. Como é lóxico, no exilio arxentino e editado pola Irmandade Galega de Bos Aires: no seu primeiro número reprodúcense os datos do plebiscito do Estatuto de 1936 e dase conta tamén do Manifesto de constitución das Mocidades Galegas, dirixidas por M. Pedreira, Bernardo Souto e V. Buxán Rivas. Nese ano só editaron tres números (425 a 427) pero neles colaboraron nomes como Castelao, Blanco Amor, Núñez Búa, Avelino Díaz, A. Alonso Ríos, X. Álvarez Gallego e M. da Presa, entre outros. Habituais eran os artistas Luís Seoane e Colmeiro e os poetas Antón Zapata García e "Verduguillo" (Delgado Gurriarán) cos seus poemas satíricos: en "O apóstol vaise" Santiago Apóstolo toma o camiño dos exiliados, "lonxe dos crueles,/ viles asesiños".
En lembranza do asasinato de Bóveda, a Irmandade declara o 17 de agosto o Día dos Mártires Galegos e xa nese ano celébrase un funeral cívico no Centro Orensano no que falan Castelao e Blanco Amor, ademais de R. Aldasoro e M.Serra Moret en nome dos vascos e cataláns. Polo xornal sabemos tamén da celebración dunha gran Mostra de Arte Galego nesa institución con obras de Castelao, Maside, Castro Gil, Seoane, A. Souto, F. Ribas e Díaz Baliño, entre outros. Tamén en A Nosa Terra aparecen publicados xa dous anacos, en galego neste caso, da novela de Blanco Amor La Catedral y el Niño, que aparecerá seis anos despois. Pedro Campos propón, no mesmo xornal, declarar como "data nazonal" de Galicia o día do Plebiscito (28 xuño) e deixar o 25 de xullo só como "festa da cultura e do esparcemento". Tamén en América van aparecer as primeiras pedras da literatura de posguerra. Nese ano aparecen en Buenos Aires un libro fundamental das nosas letras, o poemario Jacobusland, de Emilio Pita, e tamén o ensaio Co pensamento na patria galega, de Antonio Alonso Ríos e con prólogo de Castelao.
(Foi tamén o ano en que morreu Cándido Fernández Mazas, autor do cartel da imaxe, e no que naceron Arcadio López-Casanova e Xavier Carro. E no que Filgueira Valverde asumiu a direción do Museo de Pontevedra. E moitas máis cousas: O artigo completo aquí)
Polas mañás, sempre que podo, leo os xornais, galegos e españois, no Café Real, en Ourense (non poño a rúa porque aínda leva o nome dun militar ignominioso). Logo na casa, leo algúns máis de fóra, sobre todo cataláns, e algúns dixitais, ademais dos blogs. Onte pola mañá, lendo o Faro de Vigo en formato papel, púxenme bastante contento. E foi por isto:
X.L.Méndez Ferrín, Consultorio dos Nomes e dos Apelidos Galegos
126. VALCARCE.
Algunhas veces este apelido galego aparece corrixido como Valcárcel, como se tivese, que non ten, algo que ver con algún cárcere ou cadea en castelán. Non é esta a súa forma primitiva e correcta, senón Valcarce. Este é o nome dun río que nace no Cebreiro e dun val importante do Bierzo que ben cantara Ramón González Alegre e que lle empresta o nome ao concello de Veiga de Valcarce que algún día se destacara a favor do uso oficial da lingua galega naquela terra administrativamente castelán-leonesa.
Coido que Valcarce, na súa orixe, non sería un hidrónimo. Ao meu xuízo vese aí o nome dun señor da terra que diu o nome a un val ou territorio que lle pertencía. Da xuntanza dop latín vulgar *valle e do nome persoal Cáricus en xenitivo sairía un Valle Cárici, que, ao perder o i postónico, ficaría como Val Carce ou Valcarce. Posteriormente, o río, que habería de ter un nome antigo, pasou a se chamar Río de Valcarce. Parece que o nome de Cáricus sería de carácter prelatino e non indoeuropeo. Xavier Valcarce Ocampo é un escritor pontevedrés de primeiros do século XX que é preciso consultar sempre que queiramos documentarnos sobre temas mariñeiros, en canto Marcos Valcárcel é un dilixente e sabio historiador e ensaísta de Ourense.
E logo conteino así, hoxe mesmo, en La Región (Pan por Pan):
Apelidos. Dende hai varios meses Méndez Ferrín está a publicar nun xornal galego unha valiosa colección de fichas que esculcan na orixe dos nosos apelidos. Chegoulle onte a hora ó meu propio apelido e aprendín algunhas cousas ó respecto, que confirman as miñas intuicións: “Valcárcel” é forma castelanizada de “Valcarce”, a correcta galega. É o nome dun río que nace no Cebreiro e dun val importante do Bierzo, que lle emprestou o nome ó concello de Veiga de Valcarce. Segundo Ferrín, o nome non viría dun hidrónimo, senón dun señor da terra que deu nome a un val que lle pertencía: un Cáricus (de carácter prelatino e non indoeuropeo), de onde sairía en xenitivo un Valle Cárici e logo Val Carce ou Valcarce. De aí collería logo o nome o Río de Valcarce. (Ah! E graciñas polas xenerosas palabras de gabanza coas que me agasalla o mestre da palabra no remate da súa ficha).
11 nov 2006
A USC renega de Franco
(Galicia Hoxe 11 novembro)
Fonseca bórrao da lista de "honoris causa" porque a distinción "non se lle concedeu a un persoeiro das letras ou das ciencias, senón ó xefe dun estado fascista"
Franco foi investido Doutor Honoris Causa pola Universidade de Santiago o 27 de xullo de 1965 e 41 anos despois a institución académica da capital galega "desposúeo" deste recoñecemento. O Consello de Goberno da USC acordou onte "por unanimidade" rexeitar a concesión do título de Doutor Honoris Causa en Ciencias a Francisco Franco Bahamonde, por considerar que este "non reúne méritos científicos nin persoais" para tal distinción, que se outorgou cando a institución carecía de "autonomía".
A USC non ten capacidade legal para "revogar" o acto administrativo no que se outorgou o título, de xeito que o acordo consistirá en retiralo da lista de ilustres honoris causa e do libro de honras.
O reitor, Senén Barro, espera que Salamanca e Coímbra fagan o mesmo
Barro manifestou que a USC pode ser "a primeira" que adopte unha decisión deste tipo, e que se lles notificará ás universidades de Salamanca e de Coímbra, que tamén distinguiron a Franco -amais da Pontificia de Salamanca-, a decisión. "Gustaríanos que seguisen os nosos pasos, pero entra dentro da autonomía universitaria".
"O grao de doutor honoris causa debe recaer en persoas que teñan méritos de excelencia nos ámbitos científicos, culturais, sociais e técnicos. Do que carecía absolutamente Franco"
"A concesión fíxose no 1965, cando a universidade non tiña ningunha capacidade de exercer a súa autonomía, e non tiña posibilidade, probablemente, de tomar outra decisión".
(Imaxe: "Franco, a súa política", de Luís Seoane).
Máis sobre as cartas dos nosos escritores
A propósito das cartas de Castelao, de novo, e do dito por Anónimo Político-Cultural nun recente fío (Das cartas de Castelao): ten razón APC, os epistolarios non son grandes bestseller no noso mundo editorial. Pero a nosa cultura precísaos. Xa temos poucos, publicados, do XIX (aí están os de Murguía). Dos do XX hai de todo: material importante e material secundario. Pero deben coñecerse. E mesmo utilizarse literariamente. Cousa que ata hoxe non se fixo.
Por exemplo, hai cartas que son pezas literarias que deberían estar nos libros de texto e que deberían ler todos os rapaces da ESO e bacharelato: p.ex. as tres derradeiras cartas de Bóveda, que editara un caderno de A Nosa Terra, ou moitas das de Castelao. Ou algunhas das intercambiadas entre Bóveda, Castelao e Filgueira Valverde (como algunha que recolleu Xavier Castro no seu estudo do galeguismo) ou algunhas de Otero e Risco. Ou outras de Piñeiro. E tamén hainas de moito interese entre as recén publicadas de Del Riego, Carballo Calero, Cunqueiro, etc. E velaí as valiosísimas de Blanco Amor que publicou Neira Vilas (en Ed.do Castro), libro que presentei no Carballiño co escritor e sobre o que xa teño publicado referencias moitas veces: dá un perfil duro e contundente das relacións do ourensán cos círculos culturais galegos daquela hora, en América e na Galicia interior.
No futuro será interesantísimo descubrir algúns epistolarios (Casares, Ferrín, etc.), se se conservan ben. Algunhas achegas parciais a algún escritor desta época (Avilés de Taramancos) depararon xa certas sorpresas.
Mesmo creo que se podería facer ata unha Antoloxía das Cartas dos nosos escritores e que sería un manual útil para achegarse á cultura galega, co alento vivo do escrito dende o rexistro íntimo, en primeira persoa, sen saber que eses textos serían publicados (ou si? Hai cartas redactadas de tal xeito que é difícil non pensar nun receptor colectivo). Aquí deixo o reto: agardo que alguén algún día (quizais Galaxia, amigo Vítor) o recolla.
(Na imaxe, un retrato de Avilés de Taramancos mozo).
Será a última palabra ...
(Andoliña 11 novembro)
Sabía del e das súas graves dificultades de saúde nestes anos por amigos comúns. No Liceo ourensán presentamos hai uns poucos anos o seu libro Educar para la verdad y la esperanza, unha síntese da súa actitude ante a vida. Hoxe chegou ás miñas mans o seu último libro, quizais o derradeiro, cun seu limiar estarrecedor no que o autor se vai despedindo dos seus amigos, colaboradores e seres queridos e dedícalles a súa obra ás persoas que loitan contra o cancro, como el mesmo.
Dese limiar escrito en carne viva son estas liñas: “Os que padecemos esta enfermidade sabemos que nos obriga en moitos momentos a contemplar a vida vendo pasar os días, “días como nubes perdidas” (Octavio Paz). Pero, co amor das persoas que nos rodean, nunca debemos perder a determinación de loitar pola vida, de ilusionarnos con pequenas cousas, de vivir con serenidade e esperanza. Cando menos, esa é a miña determinación. Como escribía o poeta Miguel Torga, a esperanza será “a última palabra da miña boca”. Aínda que no meu caso, moi probablemente será a penúltima”.
O libro chámase Pedagogía de la convivencia.
De Suso Jarés, a quen envío unha quente aperta dende aquí, dende a Auria da súa mocidade.l
10 nov 2006
Hoxe recibe unha homenaxe en Ourense, dos seus compañeiros de profesión e do Colexio Médico, Manuel Peña Rey, un nome clave na historia do antifranquismo auriense e da axitación social e cultural. Foi a figura que galvanizou ao seu arredor múltiples enerxías do PCG histórico tamén no eido cultural (Antón Tovar, Stago. Lamas, Xaime Quesada, etc.) e un médico recoñecido e comprometido dende sempre. O seu labor cultural fíxose notar tamén en institucións diversas dende o Ateneo de Ourense ata o Clube Alexandre Bóveda, do que foi socio e colaborador. Vaia dende aquí, pois, a nosa noraboa ó amigo Manuel Peña Rey.
(Na imaxe superior, un acto do ano 1995 no Liceo, organizado pola Casa da Xuventude, no 25 aniversario da súa fundación: de esquerda á dereita, M.Rúas (traballador da sanidade e vinculado ó nacionalismo); M. Peña Rey (falaba en nome do PCG); o avogado Amando Prada Castrillo, expresidente do Liceo; eu no medio, creo que como moderador, se mal non me lembro; unha persoa que xa non recoñezo, e Vázquez Prats, relacionado este co Movimiento e o antigo réxime. Na mesa falarase dos cambios dende o franquismo ata a transición democrática).
¿E se o galego morre?
(Un artigo de Miguel Anxo Fernán Vello en Galicia Hoxe, 10 novembro)
Estivo na Coruña un señor que é doutor en Filosofía e Ciencias da Educación, ademais de portavoz de Unidad Alavesa nas Juntas Generales de Álava e cofundador do Foro de Ermua, e dixo textualmente este célebre catedrático –fíxose eco do aserto a prensa local– que “no pasaría nada si el gallego se muere”. Ernesto Ladrón de Guevara López de Arbina –así asina o profesor– vén á cidade da Coruña, sede da Real Academia Galega, e tan campante o home deixar caer un negro improperio de orde política particularista e cargado de desprezo e indiferencia máxima polo maior signo de identidade da terra e do país que don Ernesto visita. “No pasaría nada si el gallego se muere”. ¿Non pasaría nada, señor Ladrón de Guevara? Seguramente non pasaría nada para vostede, para o seu “eu” tan especial, que sería partidario e capaz mesmo de celebralo, mais si significaría unha traxedia definitiva para a cultura galega, para a identidade de Galicia e, por ende, para a cultura da humanidade. ¿De onde vén, de onde nace ese odio polos idiomas –no caso do galego un idioma francamente minorizado e reducido– que aniña en certos individuos e que chega a adquirir tons de alarma psicolóxica? Visita A Coruña este señor e –sen coidar as “boas maneiras” das que falaba Blanco-Amor– di que se o galego morre non pasaría nada, que todo sería normal, porque que morra un idioma como o galego non importa, que máis dá, tamén morreu o latín. ¿Posúe este político iso que se chama sensibilidade cultural ou simple e mínimo respecto, digamos, por unha creación colectiva, histórica e moderna como é o idioma galego? Dende logo que non. Dada a súa pose mortuoria dirixida á nosa lingua, o que brilla neste señor é todo o contrario do humanismo e da ilustración, coas súas debidas ínfulas imperiais, políticas e totalitarias. Triste e desafortunada a figura de desexar, preanunciándoo, un sepelio. Como di Ralph Waldo Emerson, a lingua é a memoria da historia, e para este señor a nosa lingua, historia incluída, non merece o futuro. Un etnocida en marcha.
Axentes da causa do galego
(Andoliña 10 novembro)
Comezaron antonte, en Ourense e na Coruña, unha serie de Seminarios de Dinamización Lingüística no Ensino que organiza a Secretaría Xeral de Política Lingüística en todas as cidades galegas. Sempre é bo poñer en contacto as persoas que están a traballar pola galeguización do ensino dende os Equipos de Normalización e o interese destes Seminarios quedou referendado polas case seiscentas persoas matriculadas en todo o país. Os asistentes poderán conversar con xentes como Ferro Ruibal, Fernández Paz, Carlos Varela, Clodio González ou Afonso Monxardín, todos comprometidos de vello coa causa do idioma. E tamén cun amplo número de profesionais que cada día articulan valiosas estratexias e novas metodoloxías nas aulas
Debemos recoñecer que moitos dos asistentes xa están de seu empeñados nesa mesma causa: a galeguización do ensino, e que quizais o noso problema sexa como actuar sobre aqueles que non asisten a estes seminarios nin a outros semellantes. En calquera caso, ademais de facer cumprir as leis (tamén no que á lingua se refire), quero subliñar que a galeguización dos centros de ensino necesita destes axentes: sen eles, sería imposible sequera soñar un futuro máis noso.
(Imaxe: Maternità, de F.Murer)
9 nov 2006
Das cartas de Castelao
Súmome dende aquí a unha interesante suxerencia que se fixo no fío de máis embaixo (de M.Swan): queremos unha edición barata, rústica, das Cartas de Castelao.
Que chegue a todo o mundo que as desexe ler. E, se non pode ser, que alguén se encargue de apoiar e subvencionar o acceso a ese libro a todo galego/a que queira emocionarse con ese anaco de vida chea de corazón.
Lembranza de Castelao en Caracas
(Andoliña xoves 9 novembro)
Os galeguistas de Venezuela, con Antonio Somoza Outeiral e Silvio Santiago á cabeza, conmemoraron o cuarto aniversario da morte de Castelao, en xaneiro de 1954, cun especial da revista Galicia, do Centro Galego de Caracas. Na portada reproducían o coñecido retrato que Carlos Maside lle fixo ó rianxeiro e logo abrían este monográfico coa derradeira foto de Castelao, tomada no Centro Ourensán de Buenos Aires, ó carón dunha pequena bandeira galega. Escribían na revista Ramón Lugrís, Francisco Luís Bernárdez, Salvador Lorenzana e Cosme Barreiros (Fernández del Riego, nos dous casos), Domingo García Sabell, Alonso Ríos, Silvio Santiago e J.M. García Torrado.
Lugrís facíao sobre o significado do exilio do líder galeguista. O autor de Vilardevós subliñaba o que Galicia debe ó labor dos galeguistas. Bernárdez comentaba Sempre en Galiza, o libro de prosa galega máis relevante da centuria, na súa opinión. E Alonso Ríos reflexionaba sobre as estampas do artista, que "crebaron o comprexo de inferioridade co que a Hespaña centrista e uniformadora tratou de afogar a nosa vida espiritual e impornos unha mentalidade esteparia".
8 nov 2006
"Como me den unha palabra, a partir de mañán, en castelán... vanme escoitar. Porque ademais asinaron todos": escoitado agora mesmo a unha compañeira do Instituto ó enterarse de que ten os alumnos (de Bacharelato) en folga. Tristemente, ten razón, porque a maioría dos asinantes son castelán-falantes...
"Galicia", revista de Caracas
(Andoliña 8 nov. 2006)
O Centro Ramón Piñeiro continúa coa súa liña de recuperar as revistas culturais galegas históricas: da súa man sae agora a edición facsimilar do Galicia, revista do Centro Galego de Caracas que sacou dez números entre 1952 e 1954. Dirixiuna Antonio Somoza Outeiral e traballou na súa redacción o escritor Silvio Santiago, o autor de Vilardevós, que asinaba aquí unha fermosa sección titulada "Cartas al Miño". Colaboraron nela as mellores firmas daquela hora: Otero Pedrayo, Delgado Gurriarán, Augusto María Casas, Cuevillas, Manuel Casado Nieto, Álvaro Cunqueiro, Ramón Piñeiro, Fernández del Riego, Pura Vázquez, Franciso Luís Bernárdez, etc. Editaron ademais un magnífico monográfico, a comezos de 1954, dedicado a Castelao.
Publicou o ‘Galicia’ artigos culturais e sociais e novas da colectividade emigrada en Venezuela. Algúns deses traballos deben ser hoxe lidos entre liñas. Por exemplo, os artigos de Alberto Vilanova La Anti-Galicia e Verbas aos galegos sinxelos, con duras acusacións que non explicitan nunca o seu destino: "caverna da mediocridade", "necrófagos insaciábeles", "apetitos materiais", "fobias rencorosas", etc.
Críticas, quizais, a algúns personaxes do galeguismo do interior?
(Imaxes: retrato de Alberto Vilanova e un anuncio da revista, nos anos 50)