De Rairiz de Veiga a Barbantes
A Sección de Literatura do Liceo das Burgas recupera mañá os Encontros de Escritores Ourensáns
MARÉ . SANTIAGO (Galicia Hoxe 3 novembro 2006)
Unha homenaxe ao ourensán Antón Tovar e o regreso á poesía galega do tamén ourensán Manuel Vilanova, máis de vinte anos despois da súa última publicación na lingua do país, serán os pratos fortes dos Encontros de Escritores Ourensáns que recupera mañá a Sección de Literatura do Liceo das Burgas.
Será a quinta edición desta xuntanza que foi creada polo Clube Alexandre Bóveda na década dos 90. Porén, segundo explica Marcos Valcárcel, director da sección literaria do Liceo e colaborador de GALICIA HOXE, "o Clube Alexandre Bóveda disolveuse e os Encontros non tiveron continuidade".
Agora, grazas a unha subvención da Consellería de Cultura e de maneira un pouco "apresurada" debido a "problemas administrativos", o Liceo acaba de recuperar os Encontros coa intención de celebralos "cada ano ou cada dous anos", indica Valcárcel, xa que quere ser unha cita para "a confraternidade entre escritores de Ourense".
Nesta edición, que terá lugar mañá, reuniranse nos locais do Liceo ourensán case 20 autores vinculados coas letras da cidade das Burgas. O evento inaugurarase ás once da mañá e dará paso á primeira das tres mesas redondas que se desenvolverán ao longo de todo o día, que versará sobre a narrativa galega hoxe e contará coa participación dos escritores Alfredo Conde, Antón Riveiro Coello e Ramón Caride Ogando.
A partir das doce e media, Camilo Franco, Xosé Carlos Caneiro e Xosé Francisco Fernández Naval debaterán sobre a literatura de xénero e a normalización cultural.
Será á unha e media cando se celebre un dos actos centrais dos Encontros: a presentación do novo poemario de Manuel Vilanova, A esmeralda branca, que contará coa participación de Víctor Campio.
Máis de vinte anos despois da súa última publicación en galego, A lenda das árbores de prata, o poeta de Barbantes regresa ás letras galegas cun libro de máis de cincocentas páxinas e case mil poemas, editado por Follas Novas.
Despois dun xantar de confraternidade, retomarase a reunión ás catro e media cun café-faladoiro literario, aberto ao público, dirixido polo profesor Xesús Alonso Montero e dedicado ao poeta da cidade das Burgas, Antón Tovar, falecido en xuño de 2004.
Un recital poético en honra de Tovar e Pura Vázquez
No transcurso do faladoiro, Tereixa Devesa e Loli Conde poranlle a voz a textos do poeta de Rairiz de Veiga e de Pura Vázquez, aínda que "nuns meses faremos unha homenaxe a esta ourensá", asegura Valcárcel.
Ás seis da tarde, celebrarase a derradeira mesa redonda sobre o idioma na normalización cultural na que participarán Millán Picouto, Iolanda López, Afonso Vázquez Monxardín, e o propio Marcos Valcárcel.
A homenaxe a Tovar pechará os Encontros á partir das sete da tarde cun recital musical de Anxo Rei sobre poemas do ourensán, acto que será presentado por Delfín Caseiro.
"Queremos recuperar aquel sentimento dos antigos Encontros nos que a xente que participou sempre quería volver, e tamén cremos que é necesario ter un lugar de encontro no que xuntar a todos os escritores ourensáns", conclúe Valcárcel.
BIOGRAFÍA
Voz clave da Promoción de Enlace
Antón Tovar (Rairiz de Veiga, 1921) é un dos escritores clave da coñecida como Promoción de Enlace. Intimista tanto na súa poesía en galego como en castelán, abandonou os seus estudos de Filoloxía en Compostela para ingresar como novicio nos xesuítas en Salamanca.
Unha orientación que finalmente deixou, pero que foi decisiva para comprender a súa actitude vital e poética. O seu primeiro poemario en galego, Arredores (1962), deu paso a Non (1967), libros nos que xa se deixa sentir o pouso metafísico e melancólico do seu labor creativo.
Logo virá Calados esconxuros (1980), no que vira cara á preocupación social, vocación que cultivou como un dos primeiros lírica dos sesenta. A súa obra poética, reunida en 1975 en Poesía galega completa foi reeditada este ano polo Pen Club de Galicia, en dous volumes prologados polo estudoso Marcos Valcárcel.
DATOS
Carlos Casares, un incondicional
Lembra Marcos Valcárcel que os Encontros creados polo Clube Alexandre Bóveda comezaron no ano 91 no Teatro Principal de Ourense cunha conferencia de Méndez Ferrín. A esta xuntanza acudiron nomes como Carlos Casares, "un dos fixos", Alonso Monterou ou Basilio Losada.
LA BELLEZA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
La belleza
Segundos fuera (1989)
*Luis Eduardo Aute*
Hace 5 días
3 comentarios:
No Galiza hoxe saiu a semana pasada tamén unha entrevista cun escritor Ourensan, Luis Paradelo e que ao parecer ten unha novela de corte ourensan. Estará este autor nos encontros, pareceme que facia unha afirmacións interesantes, sobre Ourense e a literatura.
AVC
Non demos contactado con Luis Paradelo, que vive en Compostela, pero estaremos encantados se asiste ó Encontro e se incorpora ós debates, así como outros moitos escritores que non están aquí citados. Saúdos.
Ese non é o que ten "axente literaria" (caso insólito nun principiante)? Pois que se poña en contacto con vostede, que é o seu traballo.
Publicar un comentario