O SENTIDO DE HUMOR DE RISCO
A Editorial Galaxia vén de publicar un fermoso volume que recolle toda a “Obra Gráfica” de Vicente Risco, inédita na súa maior parte, aínda que o seu fillo Antón publicara xa nun seu libro varios destes debuxos. O libro está introducido por Carlos Bernárdez, cun epílogo de David Cortón, e estruturado en nove apartados temáticos ben definidos; ademais recupera como apéndice o “Preludio a toda estética futura” aparecido en “La Centuria” de Ourense no ano 1917.
Son debuxos dun home que evidencia o seu amor ás artes, ás veces dende o inxenuísmo, ou dende o costumismo, pero sempre con achegas interesantes. Nestes debuxos está todo o mundo do escritor: a atracción polo Oriente e polo mundo medieval (como oposición á civilización materialista e racionalista), a súa interese polas vangardas europeas (con copias de artistas cubistas, expresionistas ou surrealistas) e o retrato da Galicia etnográfica, de fondas raíces rurais, ademais do poder dos mitos e dos símbolos (“A maxia e a relixión. O alén”, “A escritura como símbolo”). E tamén un poderoso sentido do humor, un risquián aceno lúdico da vida: velaí o seu lobishome en caricatura, as súas simpáticas máscaras do antroido ou os seus demiños “chistosos”.
(P.S.: cando iniciei o meu
Pan por Pan en
La Región, hai cinco anos, o primeiro mes apareceu ilustrado cos debuxos de Vicentre Risco, daquela os que publicara o seu fillo Antón).
No hay comentarios:
Publicar un comentario