Mostrando entradas con la etiqueta Libro dos Amigos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Libro dos Amigos. Mostrar todas las entradas

23 ene 2009




Dende Santiniketan
Dende Bengala, na India, escríbeme o amigo e profesor Pepe Paz. Pasa alí uns meses para "desconectar das maldades de Occidente". Reproduzo un anaco da súa carta.

4 dic 2008


Amigos, amigos

No xornal A NOSA TERRA desta semana vén información dos actos do día 29, acompañada desta foto que nos congrega a Xosé M. González, Xosé R. Quintana, Xosé Miranda e a min (foto de Xan Carballa, que veu acompañado doutro vello amigo, Bieito Alonso "Roi").

No mesmo número veñen tres columnas sobre a homenaxe da autoría de tres benqueridos amigos: Xosé Miranda, Damián Villalaín e Federico Cocho. Graciñas por todo (colgarémolas aquí cando teña acceso a elas na web).

Carísimo
BIEITO IGLESIAS, ecg. 4-12-08 (foto ANT, Xan Carballa: Manuel Rivas, Cristina Berg e Bieito Iglesias)

O sábado pasado, cando presentaba un libro de Marcos Valcárcel no Liceo auriense, certa concelleira cuxo nome lamento non ter retido no acordo requentou o tópico que lle outorga á vila das Burgas o título de Atenas de Galiza.
Hai cinascos de verdade nesta hipérbole porque os membros da Xeración Nós, protagonistas do período ático na capital miñota, tropezaron, igual que os xigantes da cultura no século de Pericles, coas vantaxes e inconvenientes da pequena escala: "A inmensa mobilidade e excitación, o peculiar colorido da vida ateniense explícase talvez a partir do feito de que un pobo de personalidades incomparablemente individuais loitase contra a constante presión interna e externa dunha desindividualizadora pequena cidade. Isto produciu unha atmosfera de tensión na que os máis débiles foron prostrados e os máis fortes foron excitados á apaixonada autoafirmación" (Georg Simmel). Marcos é rexo, el aproveitou ao máximo os beneficios que ofrece unha micrópole para a vida do espírito, sen acusar as miserias nin o pendor provinciano que enconica a outros moradores de urbes liliputianas.
Na cea-homenaxe posterior á presentación da súa Historia de Ourense, reuniuse un xentío que atestou o restaurante Sanmiguel. Nunca tal concentración se vira de amigos e admiradores rendidos á bonhomía e ao talento do historiador, xornalista, fomentador cultural e exemplo de galeguismo amante ("amante", en ourensán, significa suave, apacible). Nin sequera a neve arredou a moitos asistentes que se achegaron á vella Auria desafiando estradas perigosas. As folipas déronlle ao acto, se acaso, un ton de filme de Capra.
Carísimo Marcos, qué belo é vivir soficado pola túa amizade. Antes de tratarte, alá no Instituto Masculino dos anos setenta, eu pensaba que o mundo era un lugar sombrizo e hostil.

3 dic 2008


O tesouro da amizade, de Miguel Anxo Fernán Vello (GALICIA HOXE, 3-12-08)
Imaxe: Alice, de Modigliani, 1915-

O tesouro da amizade brillou como nunca estoutro día en Ourense na homenaxe que os amigos lle realizaron ao escritor e historiador Marcos Valcárcel. E tal realidade mostrada fainos, sen dúbida, reflexionar, pois a min resúltame de suma importancia o que aconteceu na cidade das Burgas. Vaiamos ás palabras e ao sentido. Amicitas e amicus son entrañábeis voces latinas que proceden á súa vez de amare; velaí o sentido profundo da amizade: a máis nobre modalidade do amor. A amizade, pois, como "centro da vida" -que así era para o gran filósofo-, como valor ético; e, por outra banda, a amizade que duplica a ledicia e divide a angustia pola metade (Francis Bacon). Non hai dúbida de que a amizade era para Aristóteles un tema fulcral, e non en van dedícalle o filósofo os libros oitavo e noveno da Ética para Nicómaco, asegurando, entre outras cousas, que non se pode vivir sen amigos. No caso de Marcos Valcárcel, e despois da multitudinaria homenaxe nacional recibida, un ten que ir forzosamente -para mellor entender o fenómeno amical do ourensán- ao Libro Oitavo, capítulo VI, da Ética para Nicómaco, onde se pode ler que "a verdadeira amizade é unha especie de exceso no seu xénero; é unha afección que supera a todas as demais, e diríxese pola súa mesma natureza a un só individuo; porque non é moi doado que moitas persoas agraden á vez tan vivamente". Palabras certeiras. Está ben claro que, no caso de Marcos Valcárcel, existe un gran poder de atracción e ao mesmo tempo de proxección da amizade, como se a súa figura fose un centro que todos celebramos. E é este tipo de amizade unha forma de admiración e unha forma de identificación, non contaminada en ningún momento por calquera caste diso que se entende por "política da amizade", que diría Jacques Derrida. A amizade que se mostra como unha forma de enerxía arredor de Marcos Valcárcel é, en definitiva, a vella e nova materia galeguista da fraternidade, e o noso amigo está no centro desa materia: un tesouro que debemos gardar no centro de todos.

14 sept 2006


Noraboa a Benito Losada e Lourdes: o seu fillo Anxo rematou a carreira
Entramos noutra etapa da nosa vida, sen dúbida. E os fillos fan presenza, con voz propia. Por se o vedes ou falades con el, o amigo Benito Losada, que tantos amigos ten por aí espallados, está hoxe de noraboa e tamén a súa muller Lourdes. O seu fillo Anxo acabou a carreira, unha desas inxenierías técnicas da modernidade (estudada en Vigo) e agora seguirá por Europa adiante, estudando e facendo as súas cousas.
Do libro homenaxe que fillemos en Auria, no 2001, "Vintecinco anos de labor cultural en Ourense", tiro esta caricatura de Siro, que tamén saira no seu día en La Voz. Por certo, revisado este libro, cinco anos despois, menuda xoia de colección fixemos daquela: ademais de fotógrafos, artistas e caricaturistas de primeira liña, aí están textos e obra varia de Manuel María, Manuel Outeiriño, X.C. Caneiro, X.M. Cid Fernández, X.M. Domínguez Prieto, Manolo Figueiras, Xulio F. Senra, Xoán Fonseca, Modesto Fraga, Xosé Lois, Bieito Iglesias, Maribel Longueira, Anselmo López Morais, Eduardo Núñez, "Peixe", Manuel Pérez Rúa, Antonio Piñeiro, os catro irmáns Quesada, Riveiro Coello, Calros Silvar, David Simón, Víctor Vaqueiro, H. Torreiro, Pura e Dora Vázquez, Monxardín, Roberto Verino, Rafa Villar, Xedsús Vázquez e un moi longo etcétera. O dito, unha peza de colección, imprescindible na historia cultural de Ourense.