Síntoo moito. Teño algún amigo no Partido Galeguista e coñezo a outros dirixentes (algúns estiveron integrados na última etapa de Unidade Galega, cando o PSG-EG se fundiu con outros grupos). Pero non todo vale en política. Díxoo hoxe moi ben na súa entrega diaria Fernán Vello (e o candidato de Ourense é outro que tal baila: un expulsado do PSOE que acaba de despertarse galeguista, por non falar doutros temas. Ah! E graciñas a Manuel Rivas polas súas gabanzas de hoxe en El País e a Insomniorizar pola súa atención cos meus recunchos en La Región. Aí vai o artigo de Fernán Vello:
Publicaba Antón Avilés de Taramancos no ano 1989 un pequeno ensaio titulado Galiza no diván, que agora vexo traducido e publicado en castelán, xunto con outros textos, por Edicións Laiovento, dentro da colección Endovelia e baixo o título de Obra viva. Di o escritor noiés que Galiza é un país desarticulado mental e fisicamente e que cando se dá esa condición o habitual é que ninguén se sinta identificado consigo mesmo e que caia nun exilio interior e íntimo, e chegue mesmo a odiar a súa orixe por ser quen é e polas circunstancias que atravesa. E engade: "De aí veñen o disfrace, o aparentar e o habitar nun escenario permanente onde se representa e se vive outra historia e se renega, finalmente, de todo aquilo que leva consigo un sinal ou un símbolo da patria perdida, ou da que se quere perder". Saberán vostedes, porque a noticia saltou á prensa hai xa varios días, que un chamado Partido Galeguista presenta na cidade da Coruña un candidato que usa decote o castelán en actos públicos do Partido e utiliza tamén decote na publicidade política o topónimo da cidade de María Casares na súa versión non oficial, ou sexa, La Coruña. O candidato "galeguista" –asesor no seu día do alcalde vigués Manuel Pérez– non enrubesce até obter nas meixelas a cor do tomate maduro, todo o contrario. El enche de ar o peito e segue a prostituír, profanar, desdourar e deshonrar a memoria do Partido Galeguista histórico de Castelao e mesmo deste chamado Partido Galeguista actual, que, así e todo –leo nos seus Estatutos–, fala dun "inequívoco e irrenunciable compromiso coa realidade nacional de Galiza en tódalas súas expresións" e mesmo asume, "como lexitimamente propia, a herdanza das Irmandades da Fala". ¿Entenden vostedes a fonda coherencia, responsabilidade e sentido do ridículo do candidato "galeguista"? "Non vos riades, porque o conto é triste", escribe Castelao nun dos seus breves relatos. E, mentres, este país contraditorio, tantas veces mudo e lento no seu devalar colectivo, "non sabe, non contesta".
10 comentarios:
Pois nalgún lado comentan que hai cartos, que igual sae e lle completa a maioría ao Javier Losada. Outros din que non, que Corcoba. Moito fumega o país en vésperas municipais.
Coma sempre, xose m. En Vigo, Sotiño ten os seus incondicionais na xente traballadora, restándolle votos o psoe principalmente, porque aqui non é o PG se non o partido do Soto. É que me decides dos de Terra Galega?. Que triste que non poda crecer un partido nacionalista de centro dereita, sendo ésta a ideoloxia politica da maioria desta terra de propietarios!
Realmente é moi forte o do candidato ese de "La Coruña", pero que me din do galeguismo do PP que non quere o mesmo estatus xurídico para o galego que para o español, aquí non en Logroño ou en Valladolid. E do PSOE que consentiu as "cousas de Paco" máis de vinte anos
Moito fumega o país, de certo, e máis que fumegará... É certo que o centrodereita galeguista, como arela, parece condenado neste país: como se sufrise un andacio que lle impedise erguerse dunha vez. Quizais non encontren cadros políticos noutros lugares (están noutros partidos) e se limiten a recoller o refugallo (e a financiación) dos que lles dá igual ir cunhas siglas que con outras. E do galeguismo do PP,por suposto que o destes días foi impresentable, pero dedicarémoslle, se é posible, un próximo post, aínda que moito me temo que non hai demasiado que dicir: éche o que hai. E moito me temo que o indignante comportamento de Núñez Feijoo nin sequera lles faga perder moitos votos: en calquera país normal (Cataluña, etc.)unha liada como a destes días do PPG significaría case desaparecer do mapa. Creo.
Concordo con Marcos:éche o que hai. O que poida haber neste país de "burguesía" galeguista máis ou menos empresarial ou profesional (a funcionarial e novas clases medias xa máis ou menos andan perto do BNG, que é de onde extrae os seus cadros xunto de sectores do mundo do traballo manual e cualificado através da CIG) ou está na súa casa, ou fichou polo PP e mesmo polo PSdG, ou sinxelamente apoia o Bloque. E non hai máis cera da que arde: a etiqueta de PG serve para vestir diversas roupaxes oportunistas, con cartos non se sabe de ónde -a páxina web do PG, contémplena, é marabillosa, chea de vídeos etc.- e oportunistas a esgalla. Pero alén diso, é que onde non hai non hai. Non hai burguesía galeguista, tipos como Imaz ou Artur Mas procedentes de boa familia, con carreira na empresa privada ou na xestión empresarial. Eses aquí están no PP, se os hai, e non son nin sequera galeguistas. Se mesmo o grande galeguista Paz-Andrade nin sequera fixo polo país que Pescanova deixase de considerar que Galiza era algo así como Moçambique...
Os que tiñan que refundar o Partido Galeguista non o fixeron nos anos 50 coa desculpa de que había que dedicarse á cultura, e cando veu o tempo da política vinte anos máis tarde non o fixeron coa desculpa de que xa non había público para ese partido, polo que o único que podían facer erra galeguizar aos partidos españois: ou sexa, entrar neles como persoeiros por riba do ben e do mal, ocupando o poder político (Xunta) e cultural (RAG, Consello da Cultura). O resultado: décadas perdidas.
unha boa parte da resposta o comentario de Marcos a da Marcel. Nesta nación católica e cun 90% de propietarios (ainda que sea dun leira de 200 m2 con 5 irmans coma eu), moitos fuxen dos "roxos" como a peste e como moito votan os que salen na tele (psoe) porque, querámolo ou non, o sentimento español forma parte da nosa particularidade. E cando digo sentimento español é o que entenden os nosos paisanos como ser galegos. Pura contradición propia duns colonizados convencidos como somos case todos (salvo o santiño Beiras, predilecto do noso ben querido blogger marcos). Saude.
Arredor do tema do catolicismo:
Hai uns anos supoño que lembraredes que Xosé R. Barreiro Fernández, que foi o meu profesor e hoxe é presidente da RAG, militou un tempiño, pouco, en Coalición Galega (creo que cando andaba no asunto X.L.Barreiro). Naquela andaina escoiteille unha charla na Semana de Filosofía de Pontevedra na que subliñou os riscos que provocaban o arredamento entre o nacionalismo e a masa popular dos galegos. E, en primeiro lugar, puña o catolicismo: pouco podía facer, dicía el, un partido nacionalista laico (ou, ás veces, anticlerical) contra unha masiva conciencia católica dos campesiños e das xentes do rural. Pareceume algo esaxerada aquela consideración naquel momento, pero quizais tiña máis base do que eu pensaba entón...
É penoso o espectáculo destes "galleguistas de toda la vida". Certamente que ninguén ten o monopolio do galeguismo, mais deturpar e prostituír o termo, por puros intereses personalistas, tampouco é de recibo.
E verbo daquelas afirmacións de Barreiro, Xosé Ramón, hai que dicir que entre as súas múltiples virtudes non se encontra precisamente a de ter clarividencia política, non.
Barreiro tamén prognosticara no 1986 ou 87, na conferencia inaugural do Clube Nacionalista Alén Nós, que o PP (daquela AP+PDP+ UL) se esfarelaría en pouco tempo en Galiza. Outra profecía máis. E, sinceramente, coincido con APC: o catolicismo non penso que sexa o factor que inhibe o apoio electoral a un proxecto nacionalista de centro ou centrodereita. Hai moitas outras cousas, todas concorrentes: dende a ocupación do que poida haber dese espazo por PP e por BNG, ata a ausencia dunha "burguesía" galeguista en senso amplo. E a superestrutura, dicía o vello Marx, non crea a infraestrutura. Como moito, podémonos ilusionar con que o nome crea a cousa.
Publicar un comentario