Que esperan do Goberno os cidadáns? (Andoliña 13 xaneiro)Hai unhas semanas a prensa catalá publicaba a foto dunha homenaxe en Barcelona a Francesc Maciá, o primeiro presidente da Generalitat republicana: estaban presentes os responsables dos tres partidos do goberno catalán, os socialistas cataláns, Iniciativa por Catalunya e Esquerra Republicana (CiU facía tamén a súa homenaxe pola súa banda, creo). Sería posible esa foto aquí? Quero dicir, por exemplo, unha homenaxe conxunta dos socialistas e nacionalistas a Castelao. Sería difícil porque ambas forzas, que comparten o goberno por necesidade, compiten no plano electoral e necesitan marcar o seu territorio: a iso obedecen moitas das confrontacións que se suceden, ás veces con demasiada virulencia, dentro do mesmo Goberno bipartito.
Quizais se equivocan na súa estratexia ámbalas dúas forzas. Porque creo que o electorado demanda do novo Goberno boa xestión, eficaz, e que marque diferenzas coa etapa do Partido Popular, e tamén lealdade mutua. Sobre todo porque a reforma do Estatuto non vai por moi bo camiño e vai ser complicado ofrecer resultados inmediatos nese campo. E, nesa situación, cada enfrontamento interno do bipartito é unha nova presa de votos que cae no celeiro electoral da oposición.
59 comentarios:
De todos modos, Marcos, eu non vexo unha boa parte do PSOE de Galicia facéndolle homenaxe a Castelao. Uns non creo que fosen; outros posiblemente irían, pero probablemente non quedase ético nin estético. Canto a nomes, mellor quedo caladiño.
Non somos Cataluña, seica, segundo moitos, exclusivamente para ben. Homenaxes conxuntas, a Óscar Pereiro. E sinto ser tan cáustico.
Que conste: Pereiro é home de mérito, e eu no verán pasado estiven pendente del.
Se sae adiante a reforma do Estatuto quizais se podería facer.
E tamén unha homenaxe conxunta a Pablo Iglesias. E a Ricardo Mella...
O PSdeG-PSOE leva xa moito tempo facéndolle unha homenaxe anual a Castelao na súa vila natal de Rianxo, gobernada dende os primeiros anos da democracia polos socialistas. Isto sae habitualmente en todos os periódicos, pero supoño que non se lle presta atención. Tamén dende institucións gobernadas polos socialistas se está a impulsar a creación en Rianxo dun gran centro de cultura e investigación que agrupará as casas natais de Castelao, Dieste e Manuel Antonio, o Pazo de Martelo e o novo Auditorio, actualmente en construción.
Á marxe desto, eu creo que non hai tanta división no bipartito. Máis ben a min sorpréndeme o seu (relativo) bo funcionamento interno e a colaboración bastante leal entre os membros do goberno. Fíxense en que cada vez son máis as campañas, inciativas e actuacións conxuntas de consellerías do PSdeG e BNG, cousa que non era fácil ver ao principio da lexislatura. Os problemas do goberno creo que non veñen por aí, senón polo mal funcionamento de áreas clave, como Sanidade, e porque talvez aínda non se logrou explicar ben o cambio de prioridades que este goberno trouxo consigo: quérese pasar dun modelo de crecemento baseado no "progreso" do ladrillo e o cemento a outro asentado sobre cousas que a unha boa parte dos galegos seguen a soarlle raras e novidosas: "medio ambiente", "desenvolvemento sostible", "I+D+i", "sociedade do coñecemento"... Hai unha Galicia que entende isto e o apoia (as clases medias urbanas e ilustradas, a poboación menor de 40 anos) e outra que nin o apoia nin o entende.
Pero polo que me din, as enquisas internas dos partidos (non as do Obradoiro de Ciencias Políticas) indican que é a primeira Galicia a que se vai facendo pouco a pouco hexemónica.
Oxalá sexa como vostede di, amigo Leituga. Aínda que os datos do último estudo publicado pola Fund. Caixa Galicia (de C.GradínLago, Coral del Río Otero e Olga Cantó Sánchez) revelan o peso da outra Galicia:
As pensións supoñen o 38 %dos ingresos nos fogares rurais e o 30% no eido urbano.O rural, máis Lugo, Ourense e Ferrol presentan moitos datos preocupantes no que se refire ós índices de pobreza.
Para O PSOE o galegusismo é algo engadido dende fóra. O PSOE é, inicialmente, un partido obreiro e de clases medias ilustradas. E tanto as unhas coma as outras non son, de entrada, galeguistas. A reivindicación lingüística, núcleo da problemática nacionalitaria, é recibida con estrañeza, cando non con franca hostilidade, pola base social do PSOE, mesmo polo núcleo máis cuantioso da súa militancia, máis preocupada por problemas sociais que pola normalización do galego nas aulas ou porque Galicia mereza o rango xurídico-político de nación. O abaneo cara esas reivindicacións depende de se a defensa de "Galicia" se convirta en metáfora de melloras sociais e económicas. Nese caso, o PSOE oscila cara o galeguismo. Pero, nese caso, encontrarase co Bloque, que capitalizará o fluxo electoral. Mentres iso non aconteza, o PSOE só será galeguista nos discursos e na liturxia institucional. E só por "corrección política".
A teima co escaso galeguismo (por non dicir nulo) do PSOE leva, na reflexión de Chiño de Redondela, a supoñer dúas endiabladas conclusións:
1) que os galeguistas non son nin obreiros nin clases medias ilustradas
2) que a normalización lingüística non é unha mellora social.
Unha terceira suposición ou pregunta, por omisión, asoma: o PP sí é galeguista?
Estou de acordo con algunhas cousas das que di chiño de redondela en canto á composición sociolóxica básica do electorado do PSOE. Pero en xeral creo que a súa análise está xa un pouco desfasada. É certo que no PSdeG-PSOE houbo sempre un "alma" progresista, igualitarista e receosa dos particularismos. Pero non é menos certo que, dende o comezo da transición, esa "alma" tivo que convivir con outra, galeguista aínda que non nacionalista, que hoxe ocupa posicións importantes no grupo parlamentario, no goberno da Xunta e no propio partido socialista.
As preguntas que fai Arume dos Piñeiros parécenme pertinentes e lévannos, xunto coa análise de Chiño de Redondela, a outra máis: ¿É a problemática lingüística a única válida para establecer a divisoria entre os supostos galeguistas e os supostos non-galeguistas? E digo isto porque, moi probablemente, ningún partido galego conta coa militancia e apoio de tantos profesores universitarios, profesionais e técnicos debulladores da realidade socio-económica de Galicia como o PSdeG-PSOE.
Por outra parte, é para min unha honra comunicarlles a todos os blogueiros desta solaina auriense que nunca coma hoxe suscitou tanto interese e tanto debate no seo do socialismo galego a cuestión da lingua galega e as súas "políticas". Hai blogs, hai documentos, hai unha comisión que se reúne, hai longos e moi libres debates... E hai tamén opinións bastante diferentes. Iso si, todas elas expresadas en lingua galega.
Concordo con chiño de redondela. Nun primeiro momento, o PSdG da chamada Transición integra a un bo número de cadros seica galeguistas, seguramente por motivos estético-electoriais. Co tempo, as novas incorporacións ou se desmarcan do galeguismo (Laxe, Estévez), ou son apartados dos órganos de dirección por Madrid (Rodríguez Pardo) ou deciden abandonar a política (Piñeiro, Casares). A realidade ben logo se impón. E a época da LOAPA e do recurso á obriga de coñecer o galego presente na Lei de Normalización Lingüística. Cando entón no PSdG falan da "alternativa de progreso", non están a pensar nin no galeguismo nin na normalización lingüística como mellora social. O modelo de Villarino-Touriño é o de "casa del pueblo", os "cidadanos" e o "muncipio". Na Coruña, o modelo é todo o que non cheire a galeguismo. Poténciase todo o que coñecte á cidade coa cultura española, así como as figuras de intelectualis e políticos coruñeses que non cheiren a galeguismo (Casares, Salvador de Madariaga, etc). Concentran moitos dos seus esforzos en contentar ao seu electorado cidadán: non hai unha idea de artellar Galicia. Tampouco están dispostos a acabar coas deputacións. Agora mesmo ven que poden sacar froitos electorais do seu papel "conciliador" entre o PP e o BNG. Que me explique alguén cal é hoxe a ideoloxía deste partido en Galicia...
O retrato sociolóxico que fai Chiño de Redondela da militancia socialista galega achégase á percepción máis extendida ó respecto. Parécenme interesantes tanto as apreciacións de Arume, que non son totalmente contradictorias co dito por Chiño, como as matizacións de Leituga: se é certo que existe ese debate sobre o galeguismo e a lingua dentro do PSdeG-PSOE, por que non sae ó exterior? Por qué ese núcleo de intelectuais e técnicos e cadros universitarios ó que se refire Leituga, no que tamén existirán, supoño, columnistas de prensa, non fan aboiar ese rico e suxerente debate ó exterior?
Estaba escribindo eu cando o facía tamén Marcel Swan, que apunta outra arista cuestionada do "galeguismo" no PSdeG: o grupo coruñés. Variou algo trala marcha de Francisco Vázquez? Haberá que esperar moito máis para ver algunhas mudanzas?
As cousas, por desgraza, non son simples nin doadas. Pasa con case todo, e pasa tamén coa lingua.
O galego é a lingua propia de Galicia, certo. Mais, ai!, o castelán tamén o é. Xa sei que soará a herexía e quen o diga a herético, pero dado que o castelán leva xa cincocentos anos en Galicia (500 anos non son poucos!), ao longo de todo ese tempo moita xente o fixo seu, o considera unha lingua propia.
Pódense buscar centos de razóns para explicar a "imposición" do castelán, pero o feito inconstatable é que este forma parte da identidade linguística de moitos galegos. Por moito que se busquen argumentos historicistas, o certo é que moitos galegos, dende hai moito tempo, consideran o castelán como unha lingua propia e non queren nin van renunciar a ela.
E esta identidade linguística pode ser de dous tipos: identidade única (quen considera o castelán como a súa única lingua), e identidade dobre (quen considera que súas son tanto o galego como o castelán). E despois temos a outra identidade única (quen entende que o galego como a súa única lingua).
Fronte a estas tres identidades linguísticas, reais e empíricas, xorden dúbidas e moitos problemas. Que hai que elevar o galego a todos os niveis? Por suposto. Que hai que ir gañando espazos para o seu uso? Naturalmente. Que hai que galeguizar máis a sociedade e as institucións? Certamente.
Mais o problema é cómo. Cómo facelo sen que se desaten agravios e enconamentos (a sonsoneta da "imposición"), cómo ir logrando que a lingua galega non só non se perda, senón que gañe falantes. Cómo, en definitiva, facer un eficaz proxecto de normalización linguística acorde coas modernas sociedades multiculturais. Os expertos e os políticos teñen a palabra. E tamén os cidadáns. Porque se estes últimos non queren polos motivos que sexan, pero que non queren, pouco se pode facer. Aínda así, hai que seguilo intentando. Con determinación e con boas maneiras.
Corrección de erros:
Onde di "o feito inconstatable...", tiña que dicir "o feito INCUESTIONABLE...".
Señor Valcarcel sen chulear nin insultar a uns principios e a unhas ideoloxías que non teñen nada que ver coas "institucións democráticas".
Porque se algún día se fixera unha homeaxe como dí a Ricardo Mella quizais estarían xustificadas accións moi mal vistas hoxe en día.
Reivindicar unha posible homenaxe a Ricardo Mella é "chulear ou insultar a uns principios"? Pois non o entendo...
Concordo totalmente con Anónimo político-cultural. Está por cosntruir un modelo firme e sinceiro de galeguismo adapatdo a unha Galicia pluricultural e plurilingüe. E para iso, os modelos existentes ata agora (diglosia, autoxenreira) perderon capacidade explicativa. Quén lle pode discutir ao castelán a súa condición de lingua "propia" de Galicia, se o falan centenares de miles de galegos? Quen pode dicir que unha persoa enculturada en castelán que sinta "autoodio" por non falar galego? Por qué identificar a propia cultura unicamente coa tradición galeguista e non (taén ou exclusivamente) coa española ou a europea? Eu, por exemplo, no meu substracto cultural máis fondo (ese que se posúe e transmite involuntariamente) non podo deixar de ser galego, e estou encantado de que sexa así. Pero no concernente a tradicións culturais voluntarias (a iso que se adoita chamar "alta cultura"), síntome máis proximo a Baudalaire, a Marx e a Th. Mann que a Castelao ou a Unamuno.Serei un tipo raro?
Neste debate sobre o PSOE galego en relación ao galeguismo penso que cómpre non esquecer un dato que condicionou e vai seguir condicionando toda a súa política: o PSdeG non é un partido soberano, é a “franquicia” galega do PSOE.
Dicía o señor Chiño de Redondela que o PSOE é galeguista nos discursos e na liturxia institucional, e engadía que ademais só por corrección política. Eso pode ocorrer nun partido que o seu centro de gravidade non está en Galiza, en caso contrario non lle queda outra saída que pensar en función da Galiza, o que xa sería galeguismo. A mesma situación sería aplicábel ao PP. A cuestión da autoorganización fronte á obediencia exterior (estatal) é a chave da cuestión. Se non son forzas galeguistas é porque non son forzas propias.
O caso catalán ao que fai referencia no seu artigo o señor Valcarcal é distinto porque distintos son os países e as súas forzas políticas. En Cataluña o nacionalismo é maioritario, en Galiza non, a "corrección política" e o interese electoral obrigan. Ademais as mesmas forzas políticas non nacionalistas do goberno catalán teñen unha xénese ben diferente do PSOE galego. Por unha banda Iniciativa ven da tradición do PSUC, partido independente do PCE constituído na década dos trinta, e o PSC ven da unificación dun partido socialista autóctono e catalanista coa federación catalá do PSOE.
Eu non son nin lingüísta nin socio-lingüística, nin profesional, nin tampouco afeccionado (destes hai moreas, tantos como "enteraos" hai de fútbol!).
Agora ben, penso que mentres non se colla o touro polos cornos (que se asuma a pluralidade linguística como un dato inesquivable) pouco máis se vai avanzar na normalización real do idioma galego.
Quedármonos no soño dunha Arcadia monolingüe só conduce á frustración e á mala hostia. Porque a realidade camiña por unha beira e os soños pola outra, sen producirse ningunha intersección positiva.
Chiño de Redondela di cousas que son totalmente certas. Eu tamén opino que os modelos explicativos do "autoodio", da "autocolización" ou da "diglosia", non teñen -en realidade nunca o tiveron- capacidade analítica ningunha para comprender unha realidade pluricultural e plurilingüe como a actual. Son un mantra que se recita ritualmente, para tranquilizar as conciencias dos xa concienciados, pero nada máis. Por iso sóalle tan alleo á gran maioría da cidadanía, que, por mor dese monótono recitativo, remata por pasar da problemática da normalización.
Por outra banda, penso que a "tradición galeguista" non foi estritamente antiespañola e unicamente monolingüe. Nisto téñense forzado moito as categorías, explicando esa tradición galeguista desde parámetros nacionalistas actuais. Eu non teño lido nos "clásicos" do galeguismo diatribas furibundas contra do castelán, senón unha clara defensa e ilustración do galego, e moito, moito sentimento. Pero son dúas cousas ben diferentes a pouco que nos fixemos.
En fin, que eu, como Chiño, tamén opino que hai que combinar as adscricións culturais voluntarias (a consciente autoubicación de cada un) coas adscricións culturais involuntarias (somos galegos e ben encantados que estamos de selo!).
Si, pero hai diglosia. Concepto que, así e todo e contrariamente ao que facía hai dez anos, eu non abordo nas miñas clases de lingua máis ca tanxencialmente. Porque para as novas xeracións hai aspectos e contidos (sobre todo subliminais) que considero ben máis cruciais.
Si, pero segue habendo conflito lingüistico. Dúas linguas, no mesmo contexto social e para as mesmas funcións, é disfuncións que a economía espontánea tende a corrixir. Por iso non hai que perder a visión de fondo, e os obxectivos da política lingüística que consideremos axeitada. Por moi "realistas" que queiramos ser.
E reitero: sexa cal sexa o proceso evolutivo, canto á cuestión lingüística, no seo do PSOE, non penso que todos fosen a unha homenaxe a Castelao. Na anual de Rianxo -ben sabemos dela- están Touriño e algún máis. Vexámonos libres, por outra banda, de nova maioría absoluta nas Cortes Xerais do Reino. Eu téñoo claro: novos Alfonsos Guerra pode haber, poden estar a afiar o coitelo: con volta ao tempo aquel; cando en Galicia ninguén do PSOE falaba publicamente en galego agás o Xerardo Estévez.
Escusen a demora, tiven unha fin de semana complicada.
Vexamos: que sabemos do Estatuto aparte do limiar e esa conditio sine qua non de poñer "nación" por algures?
Por outra banda: a pregunta de Marcos Valcárcel sobre a posibilidade de homenaxear conxuntamente a Castelao ten unha resposta interrogativa: quen se quedou con Castelao? De quen ven sendo Castelao?
O PSdG é un partido de cadros, cunha ideoloxía pouco clara, a remoque de Madrid, e sen intelectuais detrás. Os poucos que están na súa órbita ou son hiper-españolistas (Blanco Valdés "y cía") ou ben pasáronse ao "El (Im)país", no que pagan ben e ademáis non están vetados.
Sobre o tema da perda de falantes de galego, eu aínda creo no voluntarismo, no esforzo persoal á hora de galeguizarse un e galeguizar aos demáis. Como fixo o meu irmán, que xa fala case sempre en galego con todo quisque simplemente porque a súa moza o falou como lingua materna e entre os dous se entenden nesa lingua.
Boto de menos MÁIS xente que viva PARA o galego e non DO galego. Tamén apreciaría outro xeito de enfocar a aprendizaxe da nosa lingua.
Coido que Marcel Swann coñece bastante mal ao PSdG-PSOE. Eu tampouco o coñezo moito, desde logo. Pero iso de que é partido de cadros non se sostén. Penso que ten máis afiliados que o BNG.
Por outra banda, tampouco é certo que non ten intelectuais detrás. Ten bastantes, e moitos deles dunha gran calidade intelectual, pero outra cousa é que se prodiguen sistematicamente como intelectuais socialistas. En todo caso, baste citar nomes como o catedrático de CC. Políticas Ramón Máiz, verdadeiro artífice teórico do xiro galeguista e federalista do partido, e autor de incontables estudos sobre o galeguismo, o clientelismo, o federalismo ou a teoría política; Damián Villalaín, un home da cultura, intelixente e con gran experiencia como xestor cultural (ex director do CDG, ex subdirector de Galaxia, ex presidente da Fundación Carlos Casares) ou Xoán López Facal (enxeñeiro, economista e ex membro do PSG-EG). Ademais ten xente moito menos coñecida: economistas, xuristas, arquitectos, etc. Seguro que o señor Leituga 1, se pasa por aquí esta noite, ha coñecer moitos máis nomes.
Para non ter intelectuais, ter unha ideoloxía pouco clara, ir a remolque de Madrid e ser un partido de cadros e gobernar Galicia hai que ser moi bó. Eso é case imposible. Dito doutra forma: á inversa. O BNG, con intelectuais (que ó parecer non escriben para EL PAíS), cunha ideoloxía moi definida (ejem), con raíces en Galicia (sen especificar lugar concreto como Madrid) e ser un partido de vontades e sacrificio, non conquire máis do 20% dos votos: eso sí que é aínda mellor.
Reafírmome nas miñas palabras sobre o PSdG:
1. Mira ti se teñen pouca cobertura ideolóxica que tiveron que montar a toda présa o do "El (Im)país" para ter un medio escrito que os apoie. Xa non lles abonda co resto dos medios (que sempre apoiaron, apoian, e apoiarán a quen sexa que mande).
2. Cando tiveron que elexir quen se ía encargar de dirixir RTVG e Política Lingüística, o secretrario xeral de comunicación sr. Fernando Salgado andáballe preguntando a quen o quixese escoitar aquilo de "a quen poñemos?" No eido cultural e xornalístico, teñen moi pouca xente ou... (teño que dicilo...) están/viven/traballan en los Madriles ou nesas embaixadas lingüísticas cervantinas.
3. O PSdG non ten unha idea clara de Galicia: nin do novo estatuto, nin da nosa organización territorial, nin sobre a lingua galega.
4. O PSdG ten moitos técnicos de facultade entre os seus cargos e pouca xente bregada na rúa. En canto a xente con carisma, ademais de Touriño, a quen ten?
5. Non esquezamos PSdG está a gobernar polo efecto Zapatero, o "removimento" de Beiras, e co 30% dos votos.
1. Cal é a cobertura ideolóxica do BNG? A nosa terra? Vieiros?
2. Os Madriles, sigue sendo unha entelequia xeográfica ou é un concepto? E cando preguntaba, se é verdade, a quen poñemos seguro que na Facultade de Filoloxía atoparía uns cantos que pronto aceptarían a disciplina do novo partido: a mín me consta. Coma non os chamaron, botaron todo o que tiña por riba de Marisol López. E así estamos.
3. Probablemente non ten idea clar de Galicia; pero abofé que Quintana tampouco.
4. A qué se chama xente bregada na rúa? A sindicalistas? Eses que efectivamente aseguran votos pero que cando chegan e acceden ó poder non saben que facer con el?
Carisma no PSOE: por favor, non pode esquecer a Pepe Blanco, por Diosssssssssss.
5. Hai que repasar os datos con Beiras. É un home carismático: ninguén o dubida. Moi valioso, pero os resultados finais con Beiras (con foto Galeuzca mediante, con CiU e PNV, non con ERC e BAtasuna) para o BNG parecían estancados. Do efecto Zapatero nada que alegar.
Estaría ben que Marcel Swann nos dixese os intelectuais cos que conta o BNG. Máis que nada por saber...
Aclaración: non me refiro a escritores que o voten ou que sexan afiliados, senón a intelectuais que teñan un certo predicamento no BNG, na súa toma de decisións e na configuración da súa alternativa político-estratéxica.
Mire sr. Arume dos piñeiros (xa ve que o trato de vostede, talmente coma nos faladoiros radiofónicos dos Madriles): os meus comentarios ían polo PSdG, non polo Bloque Nacionalista Galego, a quen tamén lle son acaídas unhas cantas chaparretas. En todo caso, contesto os seus plantexamentos:
1.- Ningunha que vaia a ningunha parte. Este é o país do minifundio a todos os niveis. Temos media ducia de centros da cultura galega (academia, ilg, ramón piñeiro, consello da cultura...) e dous ou tres periodiquiños (falo do tamaño) no canto de un medio escrito potente como teñen nas Cataluñas.
2.- Na Facultade non atopou moito. Sabe por que? Ese traballo queima moito e fai falla un "obreiro" adicto á causa. E deses hainos a eito no PPdG e no BNG, non no PSdG. Tampouco atopaba director da RTVG: parece incrible "pero así es como se lo cuento"
3.- Quintana ten idea de gobernar un "auntamento". Efectivamente, vexo ao BNG sen ideas atractivas, saltando ante calquera miudeza e sen conectar coa xente. Aínda non deron o salto de ser un partido ou fronte ou como queiran chamarlle interclasista, no que caiba todo deus cunha mínima idea de país. Pero iso non se consgue nun par de aniños, e ademais implica unha renovación total.
4.- Pepe Blanco era un que pasaba por alí, que ao non ser da corda política touriñá, tivo a grande sorte de ver como lle soaba a frauta o día que decidiu apostar por ZP de candidato. Desengánese, home, xente bregada só ha hai no PPdG e no BNG (neste último, algúns bregaron tanto que foron apartados a sopramocos, pero ese é outro tema)
5.- Beiras é ese político a quen votou xente que na súa vida votara e volverá votar BNG. Comentarios como "que vén fala" ou "canta razón ten" téñochos escoitado a xentes non politizadas, e mesmo a persoas ás que o corpo lle pedía votar don Manuel. Por outra banda, non esqueza que Beiras con quen pacta é con Pere Esteve, non con ese señor que ten cara de estomatólogo que dirixe agora CIU (Comenencia e Unió).
Marcel Swann, celebro moitísimo as súas respostas. Agradézolle moi sinceramente o tono destas conversas e asegúrolle que aprendo moito. E vexo que decimos cousas semellantes, aínda que nono pareza. Eso está ben. E gozo moito con este entretido e enriquecedor debate.
Un saúdo a todos.
Para falarmos dos intelectuais que ten o PSdeG habería que definir primeiro que é un intelectual. Non vou dar a lata con iso, pero o certo é que en Galicia hai unha tendencia moi extendida a definir como intelectuais a escritores, artistas plásticos, actores e profesores de galego, esquecendo a economistas, urbanistas, sociólogos, xuristas, arquitectos, historiadores, etc. En fin, creo que hai un gran equívoco neste asunto. Como dicía nun post anterior, se optamos por incluír na categoría "intelectual" a todos eses profesionais que viven de producir ideas ou de transmitir coñecemento, a min non me cabe dúbida de que o espazo político onde máis abundan é o PSdeG. Por certo, nese espazo non se atopa dende hai bastante tempo o señor Blanco Valdés, quen moi lexitimamente se sitúa, ao meu ver, no espazo "Voz de Galicia": un mundo aparte e con leis propias.
Pero na órbita socialista, militantes ou non, pero sempre dispostos a colaborar, ademais dos xa citados atópanse xentes como os ex-reitores Darío Villanueva e Domingo Docampo, os reitores Barro, Gago e Barja, urbanistas como Xerardo Estévez, Xoán Luis Dalda e Ánxel Viña, arquitectos como Alfonso Penela e Celestino García Braña, economistas como Luís Caramés, Álvarez Corbacho, Xosé Carlos Arias, Santiago Lago, Albino Prada, González Laxe, Baltasar Manzano, Xaime Barreiro, Fernández Leiceaga... No mundo máis "das artes e das letras" tamén hai xente: sociolingüistas como Hakan Casares e Anxo Lourenzo; escritores como Miguel Anxo Fernández, Antón Baamonde, Ramiro Fonte, Luis Rei Núñez, María Xosé Queizán, Maria do Carme Krukenberg, Domingo Tabuyo, Xosé Ramón Pena, Xosé Antonio Perozo; xentes do teatro como Manuel Vieites, Antonio Simón, Uxía Blanco; deseñadores e artistas plásticos como Manuel Vilariño, Manuel Janeiro, Ánxel Huete, Buciños; e algunha xente que lle dá un pouco a todo, como Isaac Díaz Pardo ou o propio Fernando Salgado. Incluso Paco del Riego, que pediu máis de unha vez o voto para o PSOE, podería ser metido neste saco. Hai máis xente, claro, pero estes son os que me veñen agora mesmo á cabeza. Historicamente, ademais, o socialismo galego ten algúns avais de certa importancia no campo do galeguismo máis canónico, como Xaime Quintanilla, Borobó, Celso Emilio Ferreiro, Ramón Piñeiro ou Carlos Casares. Non é tan pouca cousa, ao meu ver.
¿Partido de cadros? Sería imposible, daquela, contar con forte presencia e importante representación política na práctica totalidade do territorio galego. Certamente, o PSdeG é un partido no que teñen gran peso as clases medias urbanas (non sempre tan ilustradas como un querería), pero o PSOE está extendido por toda Galicia e conta con moitas alcaldías en vilas pequenas, preferentemente costeiras.
Creo que é o señor Swann, nun post moi ilustrativo, quen se refire a actuacións coruñesas de Paco Vázquez para dar a medida "galeguista" do PSdeG. Eu penso que isto é outro gran equívoco, aínda que non deixa de ter fundamento, pois foi o "vazquismo" o maior escaparate do socialismo galego durante un longo tempo cheo de divisións internas, desorientación e malas prácticas. Este feito, que é real, ocultou e, polo visto, segue a ocultar realidades históricas que eu teño por moito máis significativas e decisivas na conduta política dos socialistas en Galicia. Rógolle, porén, aos denostadores do socialismo galaico que me concedan o beneficio da dúbida e mesmo que me crean cando lles digo que nese aspecto está a producirse dende hai seis ou sete anos un cambio moi importante. Non é que o PSdeG vaia converterse nun partido nacionalista (eu sería o primeiro en opoñerme a semellante dislate), pero si que está a asumir de maneira non litúrxica nin meramente retórica certos compromisos e certas formas de ver e de actuar. Neste sentido, lamento contradicir ao señor Swann (creo que era el), pero a verdade é que o PSdeG, a través do proxecto da Fundación Iniciativas 21, foi o primeiro partido galego en ter un proxecto de novo Estatuto. Non é que me pareza un mérito especial iso de chegar cinco minutos antes que o outro, pero quede dito en aras da verdade. En aras da mesma señora, direilles que o PSdeG ten o seu Estatuto moi elaborado e moi traballado. ¿Pero é que alguén pode pensar que nunha comisión parlamentaria como a que leva en funcionamento varios meses se traballa co aire ou improvisando asejún o que digan os outros? Pois parece que si é posible que haxa cidadáns que así pensen, do mesmo xeito que o señor Swann pensa que Fernando Salgado preguntaba en serio, "a quen o quixese escoitar", a quen tiña que nomear en Política Lingüística ou na dirección xeral da CRTVG. Home, señor Swann, non sei se vostede será de Lugo, pero a retranca tan propia desa cidade -e de Monterroso- non a ten alá moi pillada...
O señor Valcárcel preguntábame polos documentos que eu citaba onte. Non sei se viu o Faro de Vigo de hoxe e a súa noticia de portada. Tamén pode botarlle un ollo na páxina web do PSdeG-PSOE ao programa electoral de Cultura e Lingua, e mesmo comparalo cos do BNG e o PP, tamén dispoñibles nas súas respectivas web. Eu, pola miña parte, fareille chegar proximamente o novo documento base, recentemente elaborado pola Comisión de Lingua. Tamén teño intención de facerlle chegar aos integrantes desa Comisión o manifesto que vostede e o señor Monxardín impulsaron sobre o galego "en positivo".
Un saúdo a todos e disculpen a lonxitude da mensaxe.
Parece que este blog se ten convertido en palestra sobre política(s) cultural(is), implicacións e evolucións partidarias. Curioso -ao mellor, sintomático- é que sexa obxecto de atención máis habitual o PSOE có BNG; será por "cambios en proceso"?; por expectativas gobernamentais? Non sei ben.
Matizaría algún aspecto, xa se cadra un tanto serodiamente, que o fío dos debates -sexa por horario ou por calendario- adoita pillarme un algo transcanteado. Non se falará moito do Bloque porque, se cdra, o galeguismo "se le supone"; ao mellor tampouco porque, en efecto, Bieito Lobeira non é elemento de discusión suxestivo, por máis que poña dedos necesarios en chaga real, segundo o humilde punto de vista de quen subscribe; ou porque Paz Antón, seica relator parlamentario en tal materia, tampouco non produce prosa de gran reclamo para o degustador gourmet. O Bloque de agora probablemente non busca seducir pola banda de aquí, terá outras urxencias. Estou lonxe de considerar que iso sexa un acerto; ora ben, a diferenza dalgún outro, penso que Quintana ten concepto de Galicia, iso si, sen integrala como subconxunto (non será iso, no fondo, o nacionalismo?). Desde un solo de alcalde, xaora, e non entendo descualificacións por tal feito; Michel Rocard, os Jacques Chaban-Delmas ou Chirac, todo o sistema francés, ¿non será aplicable na caduca Iberia dos fillos de Breogán?
Por outra banda: é obvio que o PSOE é máis ca un partido de cadros, é obvia a súa implantación no tecido profesional e de Think Tank. Como obvio é o seu carácter híbrido (ollo, non se pretende insulto nin sequera descualificación) que aconsella mirar sempre cun ollo nas costas a proposta galeguista cando xorde. Tempo haberá para desenvolver isto con máis amplitude; de momento, Leituga, aparenta que meteu no saco todo canto tiña un pase. Exemplos de urxencia (ando con ela): nin Piñeiro nin Casares foron nunca do PSOE; cítase do último unha frase ("neste Bloque podía estar eu") que malaventuradamente xa non poderá ratificar nin desbotar. Docampo, Baamonde, Pena, por suposto Paco del Riego... parecen máis ben do grupo que ou flutúa ou varía de táctica. E deixémolo.
Por certo: a proposta da alfabetización (veremos en que queda), ¿xurdiría como tal sen o Bloque na Xunta? A anteriores experiencias me remito. E un saúdo.
Para que se vexa que non só falamos do PSOE:
Pregunta "Anónimo PC" polos "intelectuais que teñan un certo predicamento no BNG, na súa toma de decisións e na configuración da súa alternativa político-estratéxica".
Ben, agás o caso de Beiras, moi particular, non vexo eu intelectuais nacionalistas que sexan escoitados e poidan ter esa capacidade de influencia. Intentárono no seu momento nomes como A.Baamonde, Bieito Iglesias, Rafael Mtez. Castro, mesmo M. Rivas (lembran Catro ensaios nacionalistas?), pero creo que sen ningún éxito a curto-medio prazo. Logo puideron cumprir ese papel nomes como Manuel Barreiro, Beramendi ou Núñez Seixas: por diferentes razóns, creo que tampouco o fan na práctica diaria do nacionalismo e adoitan situarse nas ponlas críticas do mesmo. O nacionalismo "dominante" preferiu sempre intelectuais orgánicos "moi pouco flexibles": lembran aquel libro de Francisco Rodríguez-López Suevos, sobre Galicia realidade colonial. Ou, na mesma liña, nomes como Lois Diéguez e outros.
Marcos Valcárcel rematou de cabeza o chut que Anónimo Político-cultural me enviou a min en forma de pregunta. Agradézollo, porque o fungueirolo era difícil controlar.
Eu recordo o comentario moi desafortunado dunha señorita que de dedica a escibir en sitios varios de libros canónicos, cando, despois dos resultados electorais e da previsible entrada no goberno do BNG, dixo: "Xa nos desfixemos de Beiras" [perdóenme se a cita non é literal]. Tal e como se desenvolvera a campaña electoral, intuín que unha certa parte da intelectualidade nativa, que dora crítica "ao seu xeito" con don Manuel, ían apoiar o novo BNG con Quintana. Durante anos non se producira esa converxencia, xusto polos motivos que apunta Marcos. A xente de Rodríguez (e se cadra tamén os de Beiras) pertencían a outra movida ideolóxica. Se até empregaban dúas normativas de galego separadas!
Cando foi do comentario da señorita, supuxen que se abría un novo proceso. Aínda non o dou visto.
Allariz é un pobo fermosísimo, tal vez o máis de Galicia. Gobernalo representa un orgullo para calquera, e probablemente traballar de alcalde pode ser unha boa disciplina para encetar cousas maiores. Pero comparar a QUintana con Chaban Delmas ou Alain Juppé (alcaldes dunha cidade coma Bordeaux, admirable polo seu urbanismo sobre todo nos derradeiros anos) ou Chirac é excesivo. Con Michel Rocard pode, porque os pobos son por poboación semellantes, pero a formación e carreira políticas do francés, en fin...
Sobre os intelectuais (ou asimilados e asimilables) do BNG hai que contar con Salustiano Mato, Lourenzo Fernández Prieto ou o propio Xosé Luis Barreiro (se lle deran máis folgos). Economistas hai dabondo na Uvigo, por exemplo, que estarían encantados de colaborar nese terreo. O que pasa é que como se lles adiante o PSOE, tamén van para alá. Así está o mundo dos intelectuais.
NOTA: Como sigades escribindo así, xa podedes dar os nomes. Para a vindeira remodelación da Xunta entrades todos/as. E que se vaia preparando Marcos Valcárcel.
Atopei a cita desas declaracións. Están tomadas dunha entrevista en Vieiros:
http://www.vieiros.com/g2005/nova.php?Ed=43&id=43704
Como valora estes resultados?
Queda claro que Galiza ten un voto xerontocrático no que o poder se adquire a base de acumular trienios e canas. Quintana non ten canas entón non pode ter o poder. Os resultados do BNG non están mal pero está claro que había que pagar a factura de Beiras; agora xa está, felizmente desfixémonos del e pódese iniciar a renovación con cinco candidatos novos para o BNG. Coido tamén, respecto do nacionalismo que houbo moito beirismo que quedou na casa...
Penso que Valcárcel erra nalgúns nomes, en todo ou en parte.
Naquel "Catro ensaios...", que pasou sen pena nin gloria, escribían A. Baamonde, B. iglesias, X. Fdez. Leiceaga e R. Martínez Castro. Manolo Rivas non. Dos catro autores daquel libro, hoxe tres deles están próximos (Baamonde, Martínez Castro) ou dentro (Leiceaga) do PSOE. E B. Iglesias vai por libre a todos os efectos, penso.
Por outra banda, coido que Beramendi ou Núñez Seixas non pintan nada no BNG, e dúbido que pintaran algo algún día. Beramendi vai agora de comentarista político, e Núñez dedícase en exclusiva, e con notorios éxitos, á vida académica. Manolo Barreiro creo que tampouco exerce moita influencia. Dedícase, iso si, a exercer de xornalista desde unha perpectiva nacionalista crítica, e é unha mágoa, porque sería unha gran cabeza pensante dentro do nacionalismo se lle desen chance.
Outros nomes que sairon nos comentarios, penso, están nunha situación semellante. Lourenzo Fdez. Prieto tivera, hai algún tempo, o encargo de Quintana de montar unha sorte de Think Tank nacionalista, pero creo que a cousa non callou, aínda que ignoro os motivos, pero podo supoñelos. Agora dedícase, supoño que en exclusiva, a exercer de Vicerector da Universidade de Stgo. coa perspectiva de ser o vindeiro candidato a Rector. A X.L. Barreiro supóñoo ben lonxe de exercer calquera influxo, limitándose ao seu labor de comentarista político en castelán.
Isto non quere dicir que Quintana non poida consultar puntualmente con algún deles, pero nada máis. Eu creo que, hoxe por hoxe, o gran guía intelectual da (en certo senso, errática) estratexia política de Quintana é o tan deostado Antón Losada, un tipo tan listo como, din as malas linguas, desabrido e de mal caracter.
Mais non sei. Seguro que me equivoco en bastantes cousas. Vostedes corrixiranme, pois.
Sáúde e Terra!
Quizais me expliquei mal ou quizais se me entendeu mal (por parte de APC, sobre todo). Dicía eu que "non vexo eu intelectuais nacionalistas que sexan escoitados e poidan ter esa capacidade de influencia". Ou sexa, que coincido co que afirma APC, precisamente que non teñen esa recepción no BNG que se puidera pensar. Pero eu falaba de intelectuais nacionalistas, non do BNG nin de intelectuais orgánicos (eses son outros, xa citei algúns). E citei a Rivas, que non escribía en "Catro Ensaios..." porque fixo de presentador do libro citado nunha famosa cea en Compostela, á que asistín, seguro que tamén o fixo APC. Co tempo moitas daquelas teses se confirmaron na práctica, pero o BNG nunca pagou dereitos de copryght a aqueles ensaístas. E a Beramendi,Núñez Seixas, M. Barreiro, referínme na súa calidade de "intelectuais nacionalistas", non como membros do aparato oficial do BNG, por suposto, que todo o mundo sabe que non é o caso. Creo que está claro que non son esas as voces que se escoitan con atención dentro do BNG: sospeito incluso que son escoitadas con disgusto e cabreo polo xeral. Pregunta: por qué A Nosa Terra, voz oficiosa do BNG, non conta con firmas deste calibre (ou outras semellantes), que dean outra visión das andainas do nacionalismo?
Amodo, por favor, nas citas que me toquen. Nunca comparei nin pretendín comparar Allariz con Bordeos, e esbócese ecuación equipolente; París tampouco non é Santiago. Falaba eu de sistema e escola de gobernación. Ter idea de gobernar un concello (grande ou "auntamento) non descualifica para a gran política; antes ao revés, é idea de parte.
E en efecto, non parece haber arestora intelectuais orgánicos no Bloque. Nin intelectuais de gran predicamento; é pexa notoria. Tampouco no PSOE, por certo; si no equipo de Touriño, para seu ben, non no partido: matización na que, se queren, se pode entrar.
Que pasa no BNG ao respecto?: inercias nunca corrixidas, proxectos nunca encetados (por Beiras tampouco), perfís sociolóxicos que son arma e coartada para certos intereses orgánicos.
Lamento a présa coa que ando, impide matizar. Pero, así transcanteado, se queren seguimos.
E completo parcialmente, nun minúsculo alto do camiño diario: na nómina d' A Nosa Terra hai sinaturas de calibre -do BNG, PSOE, de "nada"...- e comentarios de xinea e carácter ben crítico. Caberían perfectamente, xaora, outros coma aqueles aos que o anfitrión alude. Permítanme, así e todo, interrogación non necesariamente maliciosa: faríano, todos eles, gratis?
Que ben saberán de cuestións coma a política dos medios e erario dispoñible. De militancia xa non falo, estamos entre cabaleiros.
Ao abeiro do dito por X.M. González, por que gratis total? Acaso ANT non é unha empresa que tira beneficios? Daquela, non pode pagar os seus colaboradores?
Máis en xeral aínda, pódese propugnar outro debate:
O traballo de articulista de opinión nos medios (de calquera tipo) está suficientemente remunerado? Non é ese un xeito de recoñecer o traballo intelectual (traballo non manual, pero traballo á fin e ao cabo) e un signo de normalización cultural? Hai cutrería xeralizada nos medios á hora de pagar os colaboradores? Hai excepcións privilexiadas? Moitas, poucas? Ese privilexio débese a factores "obxectivos" de mérito e capacidade ou ao típico amiguismo? Cal é avaliación que se pode facer dos articulistas habituais (deixemos fóra os típicos paus a R. Blanco Valdés ou C.L. Rodríguez)? Pode alguén falar da súa propia experiencia? Etc., etc., etc.
Vostedes teñen a palabra.
Excelente tópico, APC.
Ben, o de pagar ou non aínda está lamentablemente vixente no país. Miren, cando novo eu cantei algo(sen cachondeo, eh), o Marcos igual lembra, e formei parte do Movemento Popular da Canción Galega. Falamos de hai trinta anos, e todo o mundo (ou sexa, a estrutura de asociacións culturais, basicamente) entendía que o facías pola cara, algunha vez cobrando axuda para a viaxe e se cadra a mantido; custou romper a dinámica, foran Romaní, Seoane e algún outro (os mellores, xaora) os que máis serios se puxeran.
Non debeu cambiar tanto a cousa cando, hai poucos meses, lin un artigo da Iolanda Castaño sobre o tema. Cita literal: "só quero que me paguen polo meu traballo", neste caso de pluma (ou pena, como queiran) en vez de corda. O problema é aquilatar a capacidade que ten o noso sistema cultural -a súa industria- para retribuír e gratificar os seus, digamos, traballadores, unha notoria maioría deles a tempo parcial.
Ten A Nosa Terra beneficios que permitan retribuír os seus colaboradores? Pregúntenlle ao Pucheiro, que eu non sei. Quen os ten é La Voz de Galicia, seica como mínimo en subvencións; non penso que sexa cutre con aqueles que selecciona para o seu elenco, onde, para o meu gusto, hai figuras con mérito intelectual, periodístico e literario e outros supoño que escollidos con base en criterio ideolóxico.
Gustan, por exemplo, vostedes do Pablo Mosquera? Debeu ingresar na mencionada casa a pouco de vir de Gasteiz. De ter outro perfil ideolóxico-político (e, por certo, cal terá agora), ¿figuraría entre os chamados?
E permítanme, brevemente, engadir algo sobre intelectuais e BNG, sen pretensión de reabrir tal motivo. Eu coido que bastantes intelectuais de relevo cadran plenamente no ámbito nacionalista, e un repaso do Foro polo Novo Estatuto aboa, penso, a suposición. Por que, logo, xente coma Freixanes ou Ramón Villares non aparecen máis cercanos ao referente orgánico? Dous lamentables motivos, a meu ver, andarían polo medio: unha considerable estigmatización pública e remanente da marca Bloque, que cuestiona moito o valor da retribución -simbólica ou non tanto- que proporcionaría -ou parece proporcionar- achegárselle; o correspondente e coñecido retraemento -causa ou efecto, ovo ou pita?- da propia organización, historicamente mestra na arte de xerar antipatía. Hai un proceso de cambio en tal sentido, pero ben menos franco do que debería e con ramallazos do vello que aquí non cómpre explicar.
Lamento andar así, tan fragmentario. Mostra posible ou arquetipo do eu contemporáneo, segundo consabidas teorías de xente que debeu andar ben ocupada. En todo caso durman ben, e enteiros.
Estou de acordo coas observacións de xoán m. gonzález, sempre tan atinadas, no que di sobre a "arte de xerar antipatía" do BNG. Ten unhas causas históricas e sociais que xa teño apuntado aquí. Durante moitos anos BNG houbo varias familias, a "tribo", moi pouco permeables, que vivían nunha especie de paranoia que se resumía nun: "ou comigo ou sen min". Era facilmente comprensible nun medio (a vida política autonómica) no que eles foran deixados de lado. Tiñan o seu xornal, os seus intelectuais de marca, a súa normativa ortográfica e os seus referentes (A Mesa, a ASPG, algunha asociación cultural, unha editora especializada en sociolingüística marxista, etc). Fóra había xente tamén nacionalista, pero era outro mundo e desde o BNG víanos con desconfianza (por causas longas de explicar). A apertura ideolóxica do BNG foi moi lenta, e eu sitúo unha certa inflexión no momento no que entran no partido tanto o PSG-EG coma moitos independentes a mediados dos anos noventa. Foi ese un bo momento para abrirse aínda máis e integrar máis xente, pero as cousas non foron así.
Non é fácil, creo eu, pensar en nacionalista en Galicia... e ter unha difusión importante, e aquí entra o que apuntou Marcos Valcárcel. Estou de acordo con que "non vexo eu intelectuais nacionalistas que sexan escoitados e poidan ter esa capacidade de influencia". Miren: tanto Suso de Toro como Manolo Rivas ESTÁN VETADOS na prensa galega. Na Voz ou no Correo non escribe ninguén desde postulados mínimamente galeguistas. Na Voz pesan aínda, e moito, os anos de Bieito Rubido.
Leituga: acabo de ler, con retraso, a súa mensaxe sobre o grande número e calidade de intelectuais próximos ao PSdG. Non dubido dos seus datos, pois parece que coñece o partido. Eu só lle poido dicir isto: que lles aproveite. Xa sei que o sol non quenta tanto no campo nacionalista, nin temos contacto directo via sucursal con Madrid. Eu estoulle cos minoritarios e, como dicía Castelao, sendo galego só podo ser galeguista. Con todo, lendo a lista, a min entristéceme moito ler nomes como Fernández Leiceaga (sen comentarios), luis rei núñez, queizán ou x ramón pena. Aínda máis me amolou saber que Fco del Riego pedira o voto para o PSOE nalgunha ocasión. En fai, vai ser verdade o que teño eu aquí apuntado sobre a orixe, evolución e destino final de Galaxia. ¡Bah!
Podo testemuñar a presenza de Xosé Manuel González en Compostela, colaborando coa Nova Canción Galega nos recitais de Fonseca, na antiga Económicas, e en moitos lugares. Ó respecto contarei unha anécdota nestes días...
Non entendo, señor Swann, por que ten que molestarlle a ninguén que a xente faga as súas opcións políticas e ideolóxicas e, ademais, as explicite de forma máis ou menos pública. Menos entendo aínda que se teña que molestar un nacionalista galego, pois é indubidable que unha maioría dos escritores deste país e moitos dos seus intelectuais máis coñecidos móvense nesa órbita: Freixanes, Villares, Beramendi, Manuel Rivas, Suso de Toro, Antón Reixa, Fernán Vello ou o propio Marcos Valcárcel... É certo que co PSdeG comungan máis economistas e profesores universitarios, pero tampouco sería normal nin desexable que todo caese do mesmo lado.
Tamén é certo que os nomes que acabo de citar manteñen posturas críticas e un tanto distantes co BNG, sobre todo despois da defenestración de Beiras. Pero iso non os apartou do nacionalismo, aínda que o destes sexa un nacionalismo aberto, democrático, europeísta e progresivamente ceibo dos anticuados e cansinos e inoperantes tópicos de sempre. Para min, como socialista e galeguista, é moi importante que exista unha zona de intersección, un espazo común de diálogo e intercambio entre estes sectores do nacionalismo e os sectores máis galeguistas do PSdeG-PSOE. É o que se produce, por exemplo, nunha revista como "Tempos Novos". Ou en institucións como as universidades de Vigo e Santiago ou na Fundación Carlos Casares. Non así en "ANT", onde o(s) columnista(s) pesoeiros son unha mera coartada "pluralista".
Por outra banda, a corrente eternamente maioritaria no BNG ten plataformas intelectuais e culturais abondo, aínda que descoñezo o relevo dalgunhas que, en principio, parecían estar chamadas a xogar un papel importante como "think tanks" nacionalista. Refírome, por exemplo, á Fundación Galiza Sempre.
De acordo en (case) todo con Leituga 1. Eu tamén creo que son bos os espazos de intersección, como os que el cita e nalgúns dos cales teño colaborado (ANT) ou formo parte, na miña modestia (Fundación Casares). Mesmo me agradaría dalgún xeito que este blog servise, tamén na súa modestia, nese camiño: creo que xa o está facendo, provocando un debate a dúas bandas, difícil de encontrar noutros espazos. Grazas a todos/as por iso.
De todos modos, na Universidade de Santiago hai intersección mesmo co PP, non sei dG. Pero tamén hai intersección cos socialistas non nacionalistas ou non galeguistas, porque pode habela sempre que haxa unhas premisas de avance progresista (unha transformación radical da sociedade galega) por riba de todo.
De acordo nesto último con Arume dos Piñeiros. Ás veces a dialéctica ideolóxica nacionalismo-non nacionalismo pode facernos esquecer que hai moitos outros campos de xogo, en xeral bastante máis prácticos e mesmo decisivos.
Teño que defender A Nosa Terra como espazo, se ben demarcado política e ideoloxicamente, tamén de encontro e representación plural.
Nada de coartadas: repasen o elenco de colaboradores habituais e encontrarán unha minoría de membros do BNG strictu sensu, e tamén de escritores na órbita. Non desmerece en absoluto de ningún outro medio escrito que eu coñeza, incluído, xaora, El País "de aquí".
Iso si, é nacionalista e, polo tanto, o Bloque ten un peso moi importante no político e o informativo. Ao modo decimonónico, por certo, e doulle ao termo matiz arestora positivo: declarando as propias posicións, ademais de mantelas. Non coma outros, algún deles mencionado.
A liña editorial existe e marca. E se, en vez de xornais e semanarios, falamos doutros medios de bastante máis incidencia... que poderiamos dicir en termos de pluralismo? Para algunha opción política resulta pouco máis ca un ermo ou castelo inexpugnable. Factor que volve os conceptos "equilibrio de presenza" e "intercambio xusto" en sarcasmos de eficacia limitada.
Iso si, nós podémolo facer civilizadamente. Intercambiar, digo. E é cousa boa.
Eu, que leo ás veces ANT, concordo con Xosé M. González na súa consideración de ANT. Parece controlado polo BNG, pero desde logo hai novas e comentarios (e non poucos) que escapan á calquera indicación nacionalista. Os apartados, por exemplo, sobre deporte ou espectáculos (musicais e de cinema) poden atoparse en calquera xornal ou revista, mesmo de dereitas e pouco nacionalista. Cando o dos lumes, ANT non se distinguiu por unha consigna definida: máis ben deu voltas sobre o asunto sen chegar a unha postura firme. Eso gustou porque era así como o sentía a cidadanía, mesmo a máis militante: alomenos non falaron, coma de Toro, dunha trama con tanta vehemencia como ignorancia.
Felicítoos e felicítome polo éxito desta entrada, que con este meu post chega a 50.
O señor Valcárcel montou un curruncho de diálogo, sensatez e civilización. Placidamente, todos vimos tomar unha copa de bo licor ou un café elaborado ecoloxicamente, parolamos arredor da mesa de mármore e logo ímonos. Un ritual máis incorporado xa á vida diaria, e moi instrutivo. Parabéns.
Engádome aos parabéns de AP-C, non sen advertir, con algunha preocupación, que me estou convertendo nun adicto a este blog. Ás veces ata interveño sen ter moito que dicir...
Pero o caso é que saen temas novos, ensaríllanse uns cos outros, como nunha conversa fluída, agradable e libre. Agora, por exemplo, aparece o asunto de ANT, unha publicación que sigo habitualmente e coa que manteño unha relación ambigua. Por unha parte, gusto de lela, pois atopo alí información e crítica cultural de bastante altura, como as crónicas sobre arte de Buxán Bran, certas críticas de cine, as entrevistas de Xan Carballa, a sección "Polos camiños da terra", de Torres Regueiro, ou mesmo a de Miranda sobre literatura fantástica, a pesar de ser algo reiterativa. Hai tamén articulistas boas, como Pilar Pallarés (aínda que ultimamente non escribe) e Marica Campo. Porén, a primeira parte da revista é totalmente distinta: parece un catón orientador de nacionalistas. A maneira de tratar a información política, social e económica sulfúrame, non tanto porque sexa "nacionalista" como porque dá a impresión de que se dirixe a lectores menores de idade que deben ser guiados, non vaia ser que interpreten de maneira incorrecta unha noticia ou un proceso político. Por outra parte, non é infrecuente ver chascarrillos que rozan a xenofobia ou que incorren plenamente nela en seccións como "Vivimos no mellor dos mundos posíbeis". Hai un punto demagóxico e doutrinario en toda esa primeira parte do xornal que non me gusta. Só salvo da queima os artigos de Manuel Cao e de Sarille, aínda que poida non estar de acordo con eles. E conste que teño boa opinión persoal das xentes que fan o xornal, especialmente de Xan Carballa, Manuel Veiga, Perfecto Conde e do propio Pucheiro. Non sei que opinan vostedes.
Concordo con Leituga 1 (algún día quedamos en explicarmonos os alcumes: outro post) en todo, incluso no obsesivo camiñar por este blog. Pero terá que recoñecer que as críticas de cinema ou de música poden atoparse noutras publicacións de non tan marcada definición política.
Pois, polo que eu sei, e agora non falo de min, tamén moitos nacionalistas pensan como Leituga 1: as páxinas de política non teñen o nivel das culturais ("Guieiro"). Tamén cabería esperar maior pluralidade na información de Internacional. E, entre os columnistas actuais (Bieito Iglesias cansou nesa xeira), eu engadiría algún nome máis, p.ex., Damián Villalaín, moitas veces brillante; Ramiro Fonte, Fran Alonso, etc. Tamén é certo, en defensa de ANT, que cando acollen firmas en busca da pluralidade, p.ex.da dereita ou próximas ó PP, pois non encontran gran cousa (ou non hai bos comentaristas de dereitas neste país?, quizais porque seica non pagan as colaboracións, que xa se dixo. E quero engadir tamén o nivel de calidade da maioría dos monográficos dedicados á nosa literatura de Promocións Culturais Galega, a editora de ANT: Cunqueiro, Blanco Amor, Otero, Celso Emilio, Seoane, Manuel Antonio, Risco, etc. (por certo, creo que hai tempo que non sacan monográficos destes, non?).
A Nosa Terra procurou e procura ter un abano de colaboradores que cubra boa parte do espazo ideolóxico do país; digo boa parte porque, obviamente, non hai figuras da extrema dereita nin tampouco do denominado, abusivamente, "independentismo". Pero do PP é Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, que se non publica máis penso que é porque non manda máis artigos.
Ben, é interesante que se encontre excesivamente partidaria a información do semanario; hai un par de anos, un(ha) dirixente significado(a) do Bloque na miña cidade -membro dun grupo especialmente influínte- manifestábame todo o contrario, ou sexa, valoración defectiva ao respecto.
In medio veritas, como dixo o outro, e eu bastante co Pucheiro. Deficiencia da información social e política? Insuficiencia, diría eu ás veces. Teñan en conta, así e todo, que a única xanela mediática que ao nacionalismo lle é favorable recibe tal cantidade de urxencias por tal motivo que facilmente queda atoada. Se El Correo non tivese liña, e El País tampouco, se cadra A Nosa Terra podía ser máis plural; tamén valía que pasase de semanario a diario. Pero pídase o posible, que nin é o 68 nin a Sorbona.
E, miren, a miúdo tratan temas ou airean cousas que co tempo se demostran certas aínda que puntualmente non se lles dea tino. Quen dixo, hai uns dous anos, que o Prestige seguía botando? Quen achegou testemuño inequívoco, serio e profesional? ANT. Quen lle fixo caso daquela? Ninguén. Todo o mundo sabe que se confirmou hai algúns meses, xustamente no mesmo sentido que dera portada no semanario anteriormente. Claro, diso, coma doutras cousas, xa ninguén se lembraba.
Desempeña A Nosa Terra un papel, aínda sen nacionalismo, que ninguén máis cumpre no país. Certos rebaixes de ton, menor influencia ou persistencia (nalgúns casos) do que foi a "visión comunista", co correspondente ronsel en materia sociorrelixiosa e xeoestratéxica, probablemente fosen de agradecer; non sei se será moi posible, toda clientela debe ser atendida. Lenos, Alfonso.
Felicito aos participantes polo apaixoado deste debate, no que están a saír temas moi diversos pero que inzan no subconsciente de moitos. Xa que a cousa vai sobre A Nosa Terra, cumpriría dicir unha cousa: o semanario ten seccións boas e outras menos boas, as de doutrina e as que son elaboradas polo equipo de redacción son bastante soporíferas, aínda que certo é que de cando en vez acertan. O elenco de colaboradores é máis diverso, e xunto de xente que non ten moito que dicir figuran outros columnistas de grande calibre. Dende logo, un hándicap é que non pagan. E non se portan nada ben cos colaboradores, nin (polo que escoitei) pagan dereitos de autor aos autores que publican na súa editorial. Son pouco detallistas e conservan ese xesto medio enfurruñado, de secta semiclandestina, que é característico de boa parte da militancia do Bloque, aínda que ANT non sexa o voceiro do BNG.
E aí pasamos á segunda cuestión: o BNG fracasa entre os intelectuais (os que se aludiron aquí e potencialmente moitos máis) porque non vai na súa procura. Agarda que peten na súa porta, e que logo aturen que se lles entreabra, se volva pechar, se escoiten marmulos do outro lado da porta, e se abra unha mirilla para dar o veredicto (adiante ou non). E a maioría da xente pasa de agardar: precisamente porque son intelectuais ou profesionais, son xente que polo xeral está contenta co seu traballo, non precisa carguiños políticos nos que moitas veces non gañarían máis cartos dos que xa gañan, e pasan de que os humillen xente que, todo hai que dicir, tén ás veces un fondo resentimento contra da "Academia", os intelectuais que publican libros, que colaboran na prensa, etcétera. O PSdG, nese aspecto, é diferente: busca máis captar á xente. E o PP sinxelamente a merca.
Mentres o Bloque non supere esa cultura política, mestura de marxismo-leninismo de palleiro dos 70 e de enxebrismo mal entendido, non conseguirá crear, nin think-tanks, nin nada que se lle pareza. Aburre. Nin a Fundación GAliza Sempre (reduto do beirismo, agora mesmo) nin a Bautista Álvarez (reduto obviamente da UPG) poden cumprir ese cometido. O resultado é ben evidente: á hora de ter que "fichar" talentos, ou hai que fiar en señores que nin sequera son galeguistas (Antón Losada) ou en políticos aos que xa lles pasou a súa hora e que se conservan en formol (Mariñas). Pasando polo papanatismo de venerar a X. L. Barreiro (máis xornalista, e bo, que intelectual, na miña opinión), que de estar perto de alguén estáo, penso eu, do PSdG.
Esta última intervención alude ao vello prexuízo dos partidos comunistas contra os intelectuais, contra os "piquitos de oro", que dicía a miña, por outra parte, benquerida Pasionaria. Isto é ben curioso, porque a UPG é un partido en cuxas orixes hai poucas persoas que non podan ser calificadas de "intelectuais". E, francamente, descoñecía que ese antigo prexuízo seguise vixente. Pero á marxe das cuestións orgánicas, sigo pensando que entre os intelectuais "de letras", entre os "creadores", o nacionalismo segue a ser a tendencia ideolóxico-política dominante.
Concordo co señor Valcárcel co que di sobre os monográficos de ANT. E tamén co amigo González sobre o que el chama a persistencia da "visión comunista" e, engado eu, dun esquerdismo esquemático e algo paranoide, na parte política de ANT. Aínda así, e a pesar das miñas críticas e incluso cabreos, sigo contribuíndo semanalmente á pervivencia deste bravo hebdomadario nacionalista.
Por certo, aproveito a ocasión para dicirlle ao señor González que xa lin o seu asisado e interesante artigo sobre a cuestión do galeguismo. Espero poder contestarlle nuns poucos días. Saúdos.
Se o nacionalismo non é a tendencia ideolóxico-política dominante, como afirma Leituga 1, é evidente que os intelecuais "de letras" (hai intelectuais doutra clase? Os de económicas ou os telecos?) teñen moito cuidado con non molestar ou soliviantar a eses lectores nacionalistas. Polo menos, procuran ser prudentes respecto de certos materiais inflamables. Tal vez iso queira dicir "dominante".
Dicirlle ao usuario anónimo de máis arriba que estou totalmente de acordo, e ademais explicouno moi ben. Que tome nota quen lle corresponda.
Pois eu cadro bastante conforme, tamén, co Anónimo canto á relación intelectuais-BNG. É certo que o nacionalismo -como concepto altamente englobante- ten ampla incidencia no mundo cultural e intelectual galego. Razón primordial, segundo eu o vexo?: é o único grupo/área/ideoloxía que non ten nada que demostrar canto a compromiso co país, a cultura e o idioma; antes ben, é primixenio e permanece fiel en todo momento, incluíndo, xaora, cando pintan bastos ou ouros madrileños.
A ideoloxía acerta, a política recoñécese, a organización falla; parece bastante notorio. Ora ben, intelectuais diversos, nacionalistas, mesmo militantes, tampouco non se privan de ser críticos, mesmo ben críticos coa casa orgánica; por sorte, digo eu. Aínda que, por sorte tamén, atendan a non queimar as cousas de valor, que co de comer non se xoga. Que tamén os hai deles, e hai veces, madia leva se non hai.
Publicar un comentario