3 feb 2007

A ANESTESIA URBANA E O BANCO DE ESPAÑA (por Afonso Vázquez-Monxardín)

Entro de cara que me axuda o sol nas costas. Creo que é unha parvada descomunal que o antigo edificio do Banco de España na rúa do Paseo vaia ser dedicado a algo tan pedestre e pouco atractivo como o Catastro. Non sei se me entenden ben. Creo que de non mediar remedio, unha das mellores ubicacións da cidade, na intersección central da rúa do Paseo, converteríase así, na sublimación, na apoteose, no disparate, da esencia da Galicia atrasada e minifundista. No mesmo centro do tecido urbano, un templo dedicado á adoración e resolución dos problemas de identificación e documentación da propiedade. Non estamos xa na época –inicios dos sesenta- na que as parcelas agrarias superaban os nove millóns para dous e medio de habitantes. Non se leva xa o de baixar sachos na cabeza por lindes... se cadra porque os vellos que saben dos marcos enterrados entre os toxos e cinzas, non dan xa erguido o sacho... Hoxe a través do visor da web da xunta (http://www.xunta.es/visor/) ou do Sigpac, conseguen, os que os teñan, preciosa información dos seus eidos. Estamos no comezo dunha época na que moitos destes problemas se resolverán a través de consultas na Rede e serán menos as veces que haxa que ir fisicamente por alí. Pero tanto me ten. Como se cada cidadán tivese que ir tres ou catro veces ao ano. Non se pode dedicar un lugar tan privilexiado a algo que non sexa para uso e goce de todos os cidadáns e dos nosos turistas convidados.
¿E o que? Ese é outro tema. Estou na fase do non. Podo ter ideas: desde un Museo da historia da cidade –centrado na arte, pintores, escultores, escritores, industria, natureza, clima, con abondosos medios multimedia, maquetas interactivas do tecido urbano, salas temporais, etc.- ata cousas relacionadas co Turismo, coa Música... Eu que sei. Non son eu quen de decidilo. Ideas para o edificio habería moitas... aínda que seguramente poucas peores que situar o Castastro. E o caso preocupante é que alguén decidiu que como era do Estado, era lóxico seguir con esoutra dependencia do Estado –como se o Estado só tivese que recolocar as súas oficinas, como se os cidadáns de Ourense non merecesen ser tamén Estado-, e designou como beneficiario o Catastro.
E esta cidade, que presumiu outrora pedante, de ser a Atenas de Galicia, aparece hoxe durmida e apática. Acepta resignada o grande letreiro amarelo que señorea o Banco... coa única excepción, dunha ollada silenciosa de esguello e un chasquido de lingua ao pasar... ou a ridícula dos que lle guindan un bote de pintura pedindo... ¡que o escriban en galego! Despistadiños rapaces.
Esta cidade hai unhas décadas, cando a bendita transición nos facía espabilar e buscar puntos de intervención na vida da cidade máis alá da pura actividade política, esta cidade, digo, organizou unha Comisión Cidadá baixo o lema de “O caso é salvar o Principal”... E grazas a ela, a aquel impulso entusiasta dos que se xuntaron no plural e relativista grupo de “Adepende”, hoxe, con Padroado ou sen Padroado, o vello Principal está ao servizo público, ou sexa, noso.
Mudaron os tempos e arestora vivimos máis a televisión que a rúa... Aféctannos máis os raios catódicos que os de sol o domingo pola mañá no Paseo ou na Praza Maior. Impórtannos máis as tetas da perruqueira de Arcade que o destino do Banco de España no centro do noso corazón cidadán. Se cadra temos o que merecemos. Ou se cadra somos aínda capaces de botarlle un pulso á historia e gañar outro espazo para a promoción e goce da cidade. Por min xa non queda. Tirei a pedra e non escondo a man.


(Totalmente de acordo con Monxardín e con este artigo que sacou onte en La Región: xa o falamos moitas veces, é unha vergoña deixar o Banco de España "condenado" ó catastro. Algo hai que facer. Quen se apunta?).

9 comentarios:

Anónimo dijo...

Perfecto, exacto, moi necesario e extraordinariamente ben escrito.
O seu contido é asumible por quen teña un mínimo de sensibilidade, sexa ou non de Ourense.

Onde hai que asinar?

Anónimo dijo...

Eu tamén me apunto. O catastro para o Marqués de la Ensenada. Moi bo o artigo de Monxardín.

Anónimo dijo...

Que me apunten a min tamén na procura doutro uso para ese edificio.

Anónimo dijo...

A nación débelle á Xeración Nós un gran centro de interpretación, museo ou como se lle queira chamar; ao mellor parece cursi ou demodée a expresión, pero eu cando falo deses señores póñome solemne.
Parece obvio en que cidade debería estar tal instalación.

Non teño memoria visual do edificio, pero, tal e como se fala del, supoño que debe ter empaque. Se as dimensións non resultan excesivas, se cadra paga a pena considerar a miña proposta. En todo caso, tómese coma a miña particular e luguesa achega para a campaña.

Anónimo dijo...

A ollo, por pasos de andar, debe ter trinta pasos por trinta pasos, ou sexa 900 metros de planta bruta. Multiplicado por cinco alturas -soto, baixo, dous pisos e ático- dá unha mau de metros kinindiola para facer moita cousa.
Respecto do que dis, Xosé M. González, da xeración nós, etc. non sei se sería mellor a casa onde naceron Otero e Risco, que seica está en venda, polo menos algún piso, o de Otero, para sermos precisos... Se eu fose concelleiro, cousa pouco probable, daríalle unha volta e vería de compralo para inda que metese alí calquera oficina municipal.
En calquera caso, primiero, unha comisión (avogados, arquitectos, historiadores, profesores, xornalistas, etc). Logo "brain storm" sobre o tema. Despois planing do asalto... Pero teño a impresión de que coa pouca resposta a este post, nada vai ser posible. Que se lle vai facer...
En calquera caso, hai lugar abondo para introdución á cultura na cidade desde a plástica, literatura, etc. etc. etc.

Anónimo dijo...

É que a convocatoria debería, probablemente, ser cívica e local. Con respecto a Nós, eu penso que a transcendencia do Grupo e a presumible amplitude dos materiais merece algo máis ca unha casa, aínda sendo esta tan ilustre coma a da Rúa da Paz.

En realidade, coido que cumpría unha rede de instalacións, cubrindo etapas, grupos e persoeiros de altura, para toda a historia da literatura galega. En rede, pero distribuídas polo conxunto do país.

Xosé Manuel Carreira dijo...

Hai toda unha colección de edificios sucursais do Banco de España que están a ser reformados dado que agora o Banco non precisará deles.

Apesar do deterioro polo paso do tempo, soen ser uns edificios magníficos tanto pola historia da estructura (algúns foron pioneiros no uso do formigón armado e están recollidos por Patrimonio) coma pola localización céntrica.

En Lugo está a acontecer algo semellante; varios técnicos estamos a estudar as alternativas para aumentar o limite de cargas de uso do vello edificio e o seu mellor aproveitamento.

Marcos Valcárcel López dijo...

Obviamente, se se salvase o edificio para uso público, debería estar en relación directa coas necesidades sociais e culturais de Ourense e iso habería que concretalo antes. Pero a idea de Xosé M. González sobre un Centro de Interpretación da Xeración Nós a min tamén me resultaría gorentosa: se iso se vise como un centro activo, dinámico, aberto e participativo e os ourensáns se recoñecesen nel, sería magnífico. Pero habería que definir antes que era iso: non algo pechado só na erudición sobre a Xeración Nós, senón unha plataforma aberta de debates sobre o mundo da cultura e a realidade galega ante a sociedade do futuro, por exemplo.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Xa comenzou o brain storm ese: sinto non poder axudarvos desde Vigo, pero préstovos o meu alento desde a ría.