MEMORIA E CIDADE
La Región 26 febreiro
Ten esta cidade moitos déficits pendentes e algúns deles só empezaron a ser tomados en serio nas últimas décadas, dende a morte de Franco: por exemplo, as súas infraestruturas culturais. É neste campo onde se constata o baleiro máis grande: un espazo nobre e céntrico, dedicado á memoria da cidade. Con diferentes nomes foi reclamado polos grupos políticos nas diversas convocatorias electorais, pero segue pendente a súa posta en marcha. Ese espazo da memoria debe reconciliarnos coa nosa historia, sobre todo a máis achegada, e ser o espello para os visitantes do que foi Ourense, do qué é a cidade e mesmo do que pode ser esta gran urbe no futuro: un lugar onde acudan tanto os rapaces dos colexios como as familias e as excursións do resto de Galicia e de España para saber qué definiu a Ourense na súa historia. Que marcou decisivamente a nosa identidade de cidadáns aurienses?
Un lugar centrado nos grandes referentes que nos identifican ante nós mesmos e ante o mundo. Un espazo para a memoria da Xeración Nós, co que significou na historia de Galicia, ponte cara a modernidade dende unha perspectiva universal. Un lugar para Curros Enríquez e Blanco Amor, para Lamas Carvajal e Antón Tovar, para Valente e Otero Pedrayo, para Vicente Risco e Carlos Casares, para Méndez Ferrín e Pura Vázquez. Un lugar símbolo da nosa potencia cultural. No xornalismo: dende os tempos do “Heraldo Gallego” e “O Tío Marcos da Portela” (capital fundacional do xornalismo en galego) ata “La Región”, “La Zarpa” ou a revista “Nós”. Un encontro coa nosa vizosa tradición musical: dende os gaiteiros populares e a Coral de Ruada ata Antonio Iglesias, Manolo de Dios, o Conservatorio (agora cumpre 50 anos) ou “Los Suaves”. Un espazo que atesoure a memoria do noso teatro: “Histrión 70”, “Auriense”, “Rúa Viva”, “Sarabela” e un longo etcétera. E o esforzo dos que creron dende os inicios no poder das imaxes: a historia dos primeiros cines, o lexendario Barbagelatta, as Xornadas do Cine das Nacionalidades e Rexións e o cineclubismo e o novo Festival de Cine. E, co protagonismo que se merece, o mundo dos artistas plásticos: de Parada Justel a Fernández Mazas, Prego de Oliver, Faílde, Virxilio, os Quesada, Acisclo, Baltar, Buciños, De Dios, Iñaqui Basallo, Oro Claro, etc. E a evocación do mundo da Radio, o Círculo Azor, “Posío”. E os nosos arquitectos. E o asociacionismo cultural, dende o Liceo de 1850 en diante. E a nosa microhistoria das festas populares: o antroido, os maios, o Corpus, os personaxes que definiron o noso perfil máis simpático, dende Xan da Cova ós toliños de onte. E a creación da riqueza económica: os Franqueira, Barreiros, Fundición do Malingre, as sagas de comerciantes. E o mundo dos deportes e os cafés-cantantes e o excursionismo e os naturistas ácratas de preguerra.
Existe hoxe un lugar, un espazo da memoria, para todo iso? É obvio que non. O edificio do Banco de España pode chegar a ser ese lugar. Depende da vontade dos cidadáns: se é firme e decidida, as institucións e os políticos non poderán deixar pasar esta oportunidade.
UNHA CASA DA MÚSICA NA SERRA
-
FUNDACIÓN LEGAR: unha nova luz na serra
*X. Pérez Mondelo *
Xavier Blanco, músico e luthier, e a súa dona, Martina Ferradás, prenderon
o pasado mes de ...
Hace 4 horas
6 comentarios:
Que boa homenaxe á nosa terra, incluída a fotografía en branco e negro. Parabéns.
Que fotografía tan fermosa. Vánseme os ollos para a beira do Seminario. E se a miña sinatura de oriundo ourensán valese para algo apoio a moción.
Onde hai que asinar? Paréceme a proposta máis realista, ilusionante, necesaria e integradora que coñezo para dar un uso cultural ao antigo Banco de España. Perder ese edificio sería unha catastrofe.
Faime unha especial ilusión a referencia aos antigos xornais da cidade, auténticas marabillas da nosa historia. Moitas colecións están mal conservadas entre ratos e humidade, outras en man privadas, outras en faiados esquecidos. E todo elo na era Internet. Unha das imaxes máis desoladoras que teño visto foi contemplar unha coleción dun xornal ourensán dos anos 30 completamente estragada pola humidade. Salvemos este edificio e por favor, salvemos tamén La Zarpa.
Para Bouzafría e para David Paz Nóvoa: por suposto que son ben recibidas todas as adhesións a esta campaña (para facer ben as cousas podedes mandar unha mensaxe neste sentido ó meu correo persoal: está no perfil meu no blog). E para David: é certo que segue habendo grandes xornais de Ourense en coleccións privadas, un día falaremos diso: p.ex. "El Miño". Pero, por fortuna, "La Zarpa", que moitos consultamos na casa dos parentes de Basilio que a gardaron, consérvase hoxe, en boas condicións, na Biblioteca da Deputación de Ourense: ademais, creo que estaba en proceso de microfilmación. E o groso da nosa prensa, sobre todo do XIX, está en boa parte no Mosteiro de Poio, da colección de Arturo Vázquez Núñez, que para alí a levou Rey Soto cando, nos anos 60, en Ourense ninguén a quería.
Hoxe grazas á tecnoloxía dixital, é factible compartir eses bens hemerográficos e outras moitas cousas. Unha fototeca, de orixinais dixitalizados, etc. etc.
A casa da memoria da cidade, no centtro da cidade. Proxecto ilusionante que deberá facer confluír vontades.
Magnífico comentario, no tono. E magnífico o tono, sobre este tema, nos últimos días.
É algo que teño claro e así o digo no meu círculo. Teño pensado dar opinión tamén no artigo do venres.
Unha aperta.
Publicar un comentario