25 mar 2007


Sobre Celso Emilio Ferreiro (unha opinión)
En datas próximas a Fundación Curros Enríquez-Casa dos Poetas vai publicar un libro sobre os escritores de Celanova, preparado polo xornalista Xosé M. del Caño, quen xa adiantou en catro páxinas, o domingo pasado e hoxe, no Faro, un avance do mesmo. Son unha das persoas que opina no libro, no meu caso en concreto sobre Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro e Xosé Luís Méndez Ferrín. Recollo agora a presentación do libro (nestas reportaxes) e as miñas opinións sobre Celso Emilio (téñase en conta que foron recollidos por teléfono e quizais a miña expresión non sexa sempre a máis axeitada).
Celanova constitúe un vizoso universo literario, no que brillan con luz propia autores tan relevantes como Manuel Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro e Xosé Luís Méndez Ferrín, ó lado dos que aparecen outros nomes tan entrañables como o do romántico Castor Elices, catro anos máis vello co autor de Aires da miña terra, e, en claro contraste, o relevo xeneracional poético, representado por Paulino Vázquez e Xosé María Paz Gago. Xesús Alonso Montero, Basilio Losada Castro, Claudio Rodríguez Fer, Vicente Araguas, Marcos Valcárcel, Darío Xohán Cabana e Luís Ferreiro, dende perspectivas e sensibilidades distintas, ofrecen as súas visións sobre este abrainte fenómeno que marcou a historia de Galicia, só comparable con outros espacios máxicos, cargados de simboloxía, como as cidades de Santiago e Ourense, o Rianxo de Castelao e o Padrón de Rosalía de Castro.
(...) Valcárcel resalta que Celso Emilio "ten moitas voces, como tódolos grandes poetas. Foi un radical poeta antibelicista, antifascista, abriu a poesía galega á crítica contra a guerra, contra o imperialismo nortamericano, nos famosos poemas de Vietnam, como ten destacado Méndez Ferrín, é tamén o poeta que introduce o marxismo nas nosas letras, co seu famoso 'Monólogo do vello traballador', xoga con pseudónimos, dende a clandestinidade, como Arístides Silveira e Alexis Vainicova. Recolle moi ben a dureza do escarnio medieval. Utiliza dun xeito maxistral o modelo do panfleto, do alegato, mesmo do insulto político, en moitos dos seus poemas. Cantigas de escarnio e maldecir ou Cimiterio privado son libros durísmos, aínda hoxe. Conseguiu recoñecemento entre un colectivo social moi amplio, formado polos estudantes e o mundo politizado dos anos sesenta. Moitos dos versos de Celso Emilio convertíronse nunha especie de nova poesía popular. Eu lembro as asambleas e as manifestacións que se celebraban en Santiago nos anos 77 e 78, nas que actuaban Voces Ceibes, onde se cantaban, colectivamente, poemas de Celso Emilio. Falaban de Franco, metaforicamente, sen citalo. Con motivo da morte do poeta, en agosto de 1979, celebrouse en outubro un acto masivo, no pabellón de deportes de Santiago, no que participaron escritores e artistas de distintas tendencias ideolóxicas de Galicia e doutros lugares do Estado, ante a presencia de milleiros de estudiantes, outra vez nun acto de gran recoñecemento ó escritor".
Marcos Valcárcel non considera esencial a evolución ideolóxica de Ferreiro. "Celso Emilio militou en case todos os partidos da esquerda de Galicia: UPG, PCG, PSG, estivo na Candidatura Democrática Galega e no PSdeG-PSOE. Pero esto non é sustancial, o relevante é que Celso Emilio foi un poeta satírico, un poeta de esquerdas e galeguista, que buscou esa esquerda e ese galeguismo, en cada momento concreto, nunhas siglas ou noutras, por distintos motivos".
Marcos Valcárcel admite que Viaxe ao país dos ananos foi un libro incomprendido no seu momento. "Houbo xente moi progresista que non entendeu o significado desa obra. Estou falando de personaxes como Luís Seoane, no exilio, ou de Xosé Fernández Ferreiro, en Galicia, que tamén criticou esa actitude. Non entenderon un xesto moi concreto, que ía dirixido contra un sector da colectividade, pola falta de compromiso que amosaba. Atopou nesa xente unha especie de continuidade do franquismo, en Venezuela". E engade: "En defensa de Celso Emilio, pódese dicir que as actitudes que critica na Hermandad Gallega de Caracas son as mesmas que denuncia en Galicia. Ferreiro non é menos duro cos galegos que viven aquí. Arremete contra os burgueses, contra os señores, contra os locutores de radio, contra os explotadores, contra os franquistas, contra os falanxistas con tanta ou máis dureza da que emprega en Viaxe ao país dos ananos. Satiriza ós que considera cumplables do franquismo e da explotación do pobo, sexa en Venezuela ou en Galicia. Celso Emilio marchou coa idea de que atoparía en Caracas unha plataforma de resistencia contra o franquismo, e atopouse coa continuación do Réxime. E púidolle pasar o mesmo en Buenos Aires.
Valcárcel admite que é posible que Celso Emilio Ferreiro atopase o seu lugar ideal en México, se mudara o seu punto de destino, "onde supoño que sería moi ben acollido polos impulsores da revista Vieiros. Alí había un grupo de esquerdas, republicano, e ourensanos, como Delgado Gurriarán e Carlos Velo. Uruguai sería outro lugar fecundo para a súa tarefa".
O banquete de despedida que lle fixo a intelectualidade galega a Celso Emilio Ferreiro no Hotel Roma de Ourense cando marchou para Venezuela, coa participación de 250 personas, "foi un dos grandes actos da posgurra". E resalta: "Hoxe sábese que o organizaron dunha forma conxunta a UPG e o PC, concretamente Méndez Ferrín e Alonso Montero. Celso Emilio foi despedido xa como o gran poeta da esquerda, que leva a representación de Galicia a un país que el idealizara".

(Nota: como este post era excesivamente longo, reducín os seus contidos para facilitar a lectura. O resto do texto figura agora como comentario, poden consultalo, se queren, alí).

5 comentarios:

Anónimo dijo...

Buf. Calquera entra en análise tan vasta cun comentario. Teño algunha dúbida relevante no que se refire a Piñeiro, pero non é o caso agora. Breve referencia a Celso.

Concordo na avaliación: poeta integral, brillante en máis dun xénero temático e rexistro estilístico. De salientar algo, sería a sátira e mal dicir: a mala idea non sei se lle gañaría ningún contemporáneo (desde o século XIX ata o de agora).

Achego o pseudónimo (por chamarlle dalgún modo) que acompaña o seu poema "Al César enano", obviamente dedicado a Franco: Stow Kiwotto Lumen, penso que aludido como "compilador chino" ou algo así. E en relación coa estadía en Venezuela, o maxistral e escatolóxico soneto (en arte menor) de cando o botaron da "Hermandad Gallega" (froito probable da mesma vea da "Viaxe...").

O ESPULSADO
Por máis que miro e axexo
esa masa informe e lerda,
eu outra cousa non vexo
senón moreas de merda.

Merda adequerida ou herda,
merda de diante e en pos.
Grandes palleiros de merda
acugulada en montós.

Merda disposta en estiba,
merda por baixo e por riba,
merda á dereita e á esquerda.

Por iso penso que a perda
da espulsión foi positiva,
pois liberoume da merda.


Confeso que cada ano llelo digo de memoria aos meus alumnos en 4º da ESO. A expresión "Merda disposta en estiba" prodúceme especial abraio como achado expresivo e mostra eminente de mal gas.

Marcos Valcárcel López dijo...

Velaí o texto orixinal do post, por se alguén o quere consultar:

Marcos Valcárcel sinala que en Celso Emilio hai o peso dunha tradición vencellada a Celanova. "El mesmo se vai considerar, en boa medida, un sucesor da voz de Curros Enríquez, do alegato cívico de Curros. A súa actitude ante a poesía é moi semellante. Tamén é un poeta que nace do compromiso, que se convirte nunha voz colectiva, nunha voz de outros, a través dos seus versos, que non deixan de ser persoais nin moitísimo menos. Celso Emilio conseguiu ser a gran voz popular da poesía de postguerra, sen ningunha dúbida, cun papel público parello ó que tivo Curros no seu momento, na súa vida, e vai ser o gran fustrigador, tamén, dos señores do seu tempo, que son os señores do franquismo, da burguesía especuladora, dos explotadores, entre os emigrantes, dos caciques, pero sobre todo da loita contra a dictadura. Celso Emilio conseguiu que un verso del, 'longa noite de pedra', se convertira na metáfora que define ou describe toda unha época, tanto en Galicia como a nivel de Estado".
Valcárcel resalta que Celso Emilio "ten moitas voces, como tódolos grandes poetas. Foi un radical poeta antibelicista, antifascista, abriu a poesía galega á crítica contra a guerra, contra o imperialismo nortamericano, nos famosos poemas de Vietnam, como ten destacado Méndez Ferrín, é tamén o poeta que introduce o marxismo nas nosas letras, co seu famoso 'Monólogo do vello traballador', xoga con pseudónimos, dende a clandestinidade, como Arístides Silveira e Alexis Vainicova. Recolle moi ben a dureza do escarnio medieval. Utiliza dun xeito maxistral o modelo do panfleto, do alegato, mesmo do insulto político, en moitos dos seus poemas. Cantigas de escarnio e maldecir ou Cimiterio privado son libros durísmos, aínda hoxe. Conseguiu recoñecemento entre un colectivo social moi amplio, formado polos estudantes e o mundo politizado dos anos sesenta. Moitos dos versos de Celso Emilio convertíronse nunha especie de nova poesía popular. Eu lembro as asambleas e as manifestacións que se celebraban en Santiago nos anos 77 e 78, nas que actuaban Voces Ceibes, onde se cantaban, colectivamente, poemas de Celso Emilio. Falaban de Franco, metaforicamente, sen citalo. Con motivo da morte do poeta, en agosto de 1979, celebrouse en outubro un acto masivo, no pabellón de deportes de Santiago, no que participaron escritores e artistas de distintas tendencias ideolóxicas de Galicia e doutros lugares do Estado, ante a presencia de milleiros de estudiantes, outra vez nun acto de gran recoñecemento ó escritor".
Marcos Valcárcel non considera esencial a evolución ideolóxica de Ferreiro. "Celso Emilio militou en case todos os partidos da esquerda de Galicia: UPG, PCG, PSG, estivo na Candidatura Democrática Galega e no PSdeG-PSOE. Pero esto non é sustancial, o relevante é que Celso Emilio foi un poeta satírico, un poeta de esquerdas e galeguista, que buscou esa esquerda e ese galeguismo, en cada momento concreto, nunhas siglas ou noutras, por distintos motivos".
Marcos Valcárcel admite que Viaxe ao país dos ananos foi un libro incomprendido no seu momento. "Houbo xente moi progresista que non entendeu o significado desa obra. Estou falando de personaxes como Luís Seoane, no exilio, ou de Xosé Fernández Ferreiro, en Galicia, que tamén criticou esa actitude. Non entenderon un xesto moi concreto, que ía dirixido contra un sector da colectividade, pola falta de compromiso que amosaba. Atopou nesa xente unha especie de continuidade do franquismo, en Venezuela". E engade: "En defensa de Celso Emilio, pódese dicir que as actitudes que critica na Hermandad Gallega de Caracas son as mesmas que denuncia en Galicia. Ferreiro non é menos duro cos galegos que viven aquí. Arremete contra os burgueses, contra os señores, contra os locutores de radio, contra os explotadores, contra os franquistas, contra os falanxistas con tanta ou máis dureza da que emprega en Viaxe ao país dos ananos. Satiriza ós que considera cumplables do franquismo e da explotación do pobo, sexa en Venezuela ou en Galicia. Celso Emilio marchou coa idea de que atoparía en Caracas unha plataforma de resistencia contra o franquismo, e atopouse coa continuación do Réxime. E púidolle pasar o mesmo en Buenos Aires.
Valcárcel admite que é posible que Celso Emilio Ferreiro atopase o seu lugar ideal en México, se mudara o seu punto de destino, "onde supoño que sería moi ben acollido polos impulsores da revista Vieiros. Alí había un grupo de esquerdas, republicano, e ourensanos, como Delgado Gurriarán e Carlos Velo. Uruguai sería outro lugar fecundo para a súa tarefa".
O banquete de despedida que lle fixo a intelectualidade galega a Celso Emilio Ferreiro no Hotel Roma de Ourense cando marchou para Venezuela, coa participación de 250 personas, "foi un dos grandes actos da posgurra". E resalta: "Hoxe sábese que o organizaron dunha forma conxunta a UPG e o PC, concretamente Méndez Ferrín e Alonso Montero. Celso Emilio foi despedido xa como o gran poeta da esquerda, que leva a representación de Galicia a un país que el idealizara".
Valcárcel afirma que Galaxia publicou poucos libros de Celso Emilio, "porque algúns eran impublicables, polo contido durísimo que tiñan. Moitas das súas obras incluso son clandestinas. Ademais, Ferreiro tiña boas relacións con outras editoriais de fóra, como Akal, que estaban vencelladas ó PC. Non creo houbera unha vontade de silenciamento nin de nada parecido". Nese sentido, engade: "Eu non estou na conspiración contra Ramón Piñeiro. Piñeiro neses anos é a figura máis importante da cultura galega no interior. É o máximo responsable da editorial Galaxia, que decide os libros que se publican e os que non se publican. Sabemos que a Piñeiro, por exemplo, non lle gustaba a literatura de Eduardo Blanco Amor, pero publica os seus libros. Piñeiro publicou a Blanco Amor, publicou a Celso Emilio, publicou a Ferrín, publica a xente que despois militaría na UPG e no PSG.
Pese a que aínda hai capas da sociedade que mostran resentimento contra Celso Emilio e unha parte da intelectualidade que se resiste a colocalo entre os grandes, Marcos Valcárcel califícao como "unha das voces fundamentais da lírica galega, ó nivel de Manuel Curros Enríquez, cunha pequena diferencia: Ferreiro ten moita máis poesía amorosa ca Curros, dunha gran calidade. Os poemas que lle dedicou a Moraima son extraordinarios. O primeiro libro, O soño sulagado, ten poesía intimista da paisaxe. Onde o mundo chámase Celanova está ó mesmo nivel ou superior ca mellor poesía de compromiso que fixo Celso. E o que lle pasa a Ferreiro, tamén afecta a Manuel María e a Rafael Alberti: tódolos grandes poetas que foron moi prolíficos teñen obras menores e poemas de menor calidade, porque non se pode ser un xenio tódolos días. É máis fácil que Uxío Novoneyra teña poemas extraordinarios, porque escribiu moi pouco, fronte a Celso Emilio, que fixo unha obra moi abundante".
Valcárcel sostén que ó mellor Celso Emilio hai que buscalo na poesía, fronte ó traballo que fixo como narrador, que califica como "unha obra menor, pero esencial para poder interpretar o seu mundo e o personaxe". Lamenta que, durante unha época, os grandes escritores "non deixaran memorias. Ese baleiro temos que cubrilo moitas veces con cartas, cando existen epistolarios, con libros de narrativa e cos diarios que cumpren un pouco a función das memorias, coma no caso de Antonio Tovar. Os relatos de Celso Emilio axudan a reconstruir aspectos da súa vida e da súa personalidade".

Anónimo dijo...

Eses "admite" por parte do redactor, coido que non son os máis apropiados.

Anónimo dijo...

Está atento a todo señor a.p.c., si que hai máis de un "admite", e admítese que non campan nada ben no texto.

Anónimo dijo...

É que eu teño o vicio de fixarme no que leo. En calquera caso, supoño que se poden corrixir para a edición... e asunto solucionado.